Anta da Pena do Raposo

Anta da Pena do Raposo

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Martiño de Oleiros
Situación detallada: 
As Zancas/Monte da Lagoa
Cronoloxía: 
3500-2200 a.C Neolítico

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 30,09´´N
Lonxitude: 
7º 58´ 9,29´´ W
X: 
584.140,14
Y: 
4.751.153,46
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta anta ou dolmen forma parte do grupo de túmulos do Monte da Madanela, identificado por Florentino L. Cuevillas a principios da década dos anos 30 do século XX, e publicado no "Terra de Melide" do ano 1933, no que aparece a descrición, un croquis e fotos do estado da anta naqueles anos.

Atopámola no termo municipal de Toques, aínda que popularmente se pensa que pertence a Melide pola súa proximidade á aldea do Meire.

Trátase dun dos mellores exemplos de arquitectura megalítica da Terra de Melide, nun deplorable estado de conservación (moito peor que o que se pode ver nas fotos de Cuevillas). 

O monumento englóbase dentro dos restos dun túmulo totalmente rebaixado, que en partes practicamente é inexistente.

No croquis do "Terra de Melide" amósase como un monumento conformado por unha cámara precedida por un pequeno tramo de corredor aberto cara o leste. Nesas datas tampouco se conservaba a cuberta. Na actualidade poden verse dez chantos, ou ortostatos, os mesmos que nos anos 30, pero totalmente vencidos e algúns fracturados.

É dificil determinar como sería a configuración exacta do dolmen. Facendo unha abstracción espacial e intentando recolocar as chantas no seu sitio podemos conxeturar que na cámara, exceptuando un chanto que está caído cara ó interior o resto, aínda que movidas, poderían conservar a súa ubicación orixinal, polo tanto a súa estrutura sería casi poligonal, de nove lados (un por cada ortostato). Con respecto á entrada, as pedras tamén están movidas, e non deixan actualmente oco para pasar. No extremo leste aparece tumbada unha gran chanta, que se trata, segundo Cuevillas, do lintel do corredor da entrada.

Os ortostatos están realizados en materia prima local, do Monte da Madanela (serpentinitas e anfibolitas).

Este monumento megalítico tan esquecido atópase totalmente tomado polas silvas e polas hedras que impiden a súa observación. Tamén sufriu danos por mor de actividades de roturación e plantación forestal. 

BIBLIOGRAFÍA:

- López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Vázquez Neira, Cristina: "Estudios sobre a arqueoloxía de Melide: Mámoa do Raposo". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.

 

Outros elementos do catálogo