Castelo de Grobas

Castelo de Grobas

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Grobas
Situación detallada: 
Proximidades da Capela de Grobas
Cronoloxía: 
Época Medieval

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 33,76´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 49,80´´ W
X: 
572.258,24
Y: 
4.758.536,45
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Entre a Capela da Santa Cruz de Grobas e a fraga que agocha a "Mina dos Mouros" atopámonos co emprazamento do desaparecido Castelo de Grobas ou do Iso (como tamén lle denomina Don Eduardo Álvarez Carballido).

Correspóndese cun emprazamento moi ben definido, e provisto dunhas condicións defensivas moi óptimas polo cadrante noroccidental, posto que nese flanco se proxecta abruptamente sobre a fonda corta ou trincheira da antiga mina. Na actualidade pode verse con dificultade, debido á abundante vexetación, o outeiro que serviu de asentamento da torre. Este presenta unha planta poligonal cunhas medidas globais de 50x50 mt., e conta cunha croa interior dunhas dimensións de 24 mt. en sentido norte-sur e duns 25 mt. en sentido leste-oeste, a partir da cal se proxectan os terrapléns perimetrais que lle serven de defensa, e que se ve complementada pola existencia dun foxo artificial sito ó pé destes no cadrante suroriental. É probable que tamén houbese foxo na metade oriental, pero na actualidade estaría colmatado por traballos de acondicionamento de prados.

No interior da croa pode verse entre as silvas un oco bastante grande que podería corresponderse con algún tipo de actividade extractiva. Con todo, algunhas informacións falan da presenza de restos de aparello e de alicerces de estruturas da antiga torre, pero que non resulta posible confirmar debido á abundante vexetación que oculta dito oco.

Existen diversas fontes que falan deste castelo, tanto do "Interrogatorio do Pleito Tavera-Fonseca", como de distintos estudios posteriores coma o do Licenciado Molina "Descrición do Reino de Galicia" (1550), ou de Álvarez Carballido no boletín da Real Academia Galega (1910), entre outros moitos  (o que nun principio pode resultar unha vantaxe, aínda que na práctica da lugar a informacións en moitos casos contradictorias).

As fontes documentais fan mención a que o castelo foi erguido polo Conde de Monterroso Don Munio Peláez durante o reinado de Alfonso VII, no século XII. Posteriormente é destruído polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez para evitar que a nobreza laica erguera fortalezas nos límites das terras do señorío compostelán (cuxos límites xurisdiccionais foran establecidos a modo de privilexio, pola Raíña Urraca, ó mencionado prelado).

Segundo o investigador Álvarez Carballido sería a propia Igrexa de Santiago quen se encarga de reconstruílo, coa finalidade de utilizalo como elemento de protección xurisdiccional ó situarse no confín oriental do seu extenso territorio. Ese dato non resulta de todo claro, aínda que independentemente de quen o reconstruíse despois, legalmente o castelo pertencería á Mitra Compostelá, posto que o feito de derrocar un castelo vincúlase co dereito á súa posesión e á súa posterior reconstrucción, sempre que acontecese a partir do ano 1180, posto que ata esa data os arcebispos da Sé Compostelá carecen do dereito de edificar e dar licenza sobre fortalezas.

Dos séculos baixomedievais tamén existe documentación moi interesante referida a este castelo, que xa se define con maior grao de precisión.

É sabido que o arcebispo Don Juan García Manrique retira a Gonzalo Ozores de Ulloa a propiedade do Castelo de Grobas e o seu territorio, debido a deslealdades cometidas por este (posto que Gonzalo Ozores era leal a Pedro Enríquez de Castro, Conde de Trastámara), e que no ano 1402 o sucesor do primeiro, o arcebispo Lope de Mendoza rehabilita a propiedade da fortaleza ó citado cabaleiro, ademais de favorecer o matrimonio da súa sobriña Dona Leonor de Mendoza con Lope Sánchez de Ulloa, fillo de Gonzalo Ozores. Dedúcese por tanto que a Mitra Compostelá nalgún momento lle cede temporalmente o castelo e o seu territorio dependente á Casa de Ulloa para que o administre.

Tamén ó longo dese convulso século XV dita propiedade pasa a mans de Martín Sánchez das Mariñas, segundo se deduce do Interrogatorio do Pleito Tavera-Fonseca, quen dende facía tempo e anos era o tenente de dita fortaleza e vasalaxe, posto que en dito pleito interrógase sobre se o arcebispo Alonso de Fonseca gaña e adquire para a Mitra a fortaleza cos seus máis de cen vasalos e vinte maravedíes de renda, mediante pago a Martín Sánchez das Mariñas.

Existe disparidade de opinións respecto a se resultou derrocada na 2ª Revolta Irmandiña (entre os anos 1467-1469), pero en dúas visitas realizadas para auditar o estado da fortaleza ou Casa de Grobas, nos anos 1535 e 1544 aparece un tal Fernando de Aguiar como xuíz e merino da mesma, quen realiza a reparación de desperfectos producidos nela, xa que en ditas auditorías refírense  diversos danos (información obtida da publicación “El ocaso de las fortalezas compostelanas, visitas y tasaciones (1535-1547)” de César Oliveira Serrano).

Ademais no 1524, dous anos antes do Pleito Tavera-Fonseca, aparece un listado das fortificacións da Mitra Compostelá no que consta que había armamento no seu interior, o que confirma que nese ano o castelo estaba habitado, e que o seu alcaide debía ser Juan de Espanaderos (como menciona César Oliveira Serrano, argumentando que desempeñou ese cargo antes do ano 1530).

Para a elaboración desta ficha contouse co asesoramento de Carlos Galbán Malagón, doutor en Historia Medieval e especialista en castelos, ademais de publicacións de Don Eduardo Álvarez Carballido, de Don Ángel Rodríguez González, de César Oliveira Serrano, de Carlos Galbán Malagón e de Xosé Manuel Broz.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Castelo de Grobas". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.
 

 

 

Outros elementos do catálogo