Igrexa parroquial de San Cristovo de Pezobre

Igrexa parroquial de San Cristovo de Pezobre

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Cristovo de Pezobre
Situación detallada: 
Pezobre, San Cristovo de Pezobre, Santiso
Cronoloxía: 
Séculos XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 30,22´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 0´´ W
X: 
574.867,31
Y: 
4.747.348,32
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na mesma aldea de Pezobre aséntase a igrexa parroquial de San Cristovo, enmarcada nun amplo adro no que se ubica o camposanto e un dos dous cruceiros da parroquia.

Correspóndese cunha sinxela edificación de planta rectangular e cun engadido no extremo norleste que se corresponde coa sancristía. Deste xeito o conxunto da súa planta conforma un L.

A edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada, quedando o emprego de canteiría reservado para esquinais, portas, ventás e espadana. No seu exterior o máis destacado é a fachada oeste ou frontis, no que se abren a porta de acceso (de deseño alintelado) ademais dunha ventá sobre a mesma.

O hastial aparece rematado por sobrepenas en cuxos extremos se dispoñen senllos pináculos decorativos, de formas xeométricas. Coroando este conxunto aséntase a espadana da igrexa, posiblemente o seu elemento máis característico. Presenta dous corpos: no primeiro ábrese unha troneira para a campá rematada en arco de medio punto. Este primeiro corpo aparece enmarcado por dous pináculos situados a ambos extremos, o que lle confire maxestuosidade. O segundo corpo correspóndese co ático da espadana, de deseño triangular e provisto dunha pequena troneira central e oca. Este corpo tamén se atopa flanqueado por dous pináculos e remátase mediante un frontón semicircular partido, en cuxo centro se sitúa o pináculo do cumio.

O interior da igrexa está pavimentado con grandes lousas de canteiría, e cuberto con carpinteiría de madeira en tres planos.

O arco triunfal, de medio punto carece totalmente de decoración, e aparece completamente recebado e encalado. Parte de dous machóns laterais coroados por senllas impostas molduradas das que arrinca a arcada.

O retablo principal data de finais do século XVIII, é de estilo Clasicista con ornamentación Rococó e afortunadamente aínda está provisto da policromía e dourados orixinais. Destaca sobre todo pola súa ornamentación vexetal e elementos decorativos xeométricos de roleos en forma de volutas. Da mesma cronoloxía e estilo son os dous retablos laterais, que aparecen empotrados nos muros da nave; un deles dedicado á Virxe do Carme elevada sobre as ánimas do purgatorio, representada en altorrelevo; e o outro cunha imaxe da Inmaculada Concepción no camarín central.

Son tamén destacables dous frontais de altar, un deles situado na predela do retablo principal, correspondente cun cordobán ou guadamecí de coiro repuxado con rica decoración vexetal, ademais dun segundo frontal, de madeira policromada con representacións vexetais e policromía acorde coa dos retablos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

Outros elementos do catálogo