Muíño de Traspedra

Muíño de Traspedra

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Cosme de Abeancos
Situación detallada: 
Traspedra
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 11,06´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 46,48´´ W
X: 
579.222
Y: 
4.750.507,81
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este antigo muíño de maquía é un dos moitos muíños situados no curso do río Catasol, situado concretamente na marxe leste do río nas proximidades da aldea de Traspedra, onde existe unha Casa Grande.

O muíño de Traspedra conta cunha arquitectura moi elaborada e completa, o que o convirte nun dos máis destacados da Terra de Melide, aínda que o seu estado de conservación non sexa óptimo.

En canto ós seus elementos podemos diferenciar os seguintes, expostos de xeito esquemático:

   - Vivenda de planta rectangular de boas dimensións artellada en dúas plantas (baixo e vivenda) elaborada en aparello de cachotaría á vista, e con portas e ventás alinteladas, realizadas en canteiría. A cuberta realizada con tella do país disponse a tres augas.

   - Edificacións adxectivas adosadas á vivenda nos seus extremos sur e leste, en estado de ruína, que se correspondían coas cortes e cun forno.

   - Hórreo, separado da vivenda, situado ó norleste, de dúas estremas, erguido sobre piares asentados sobre un basamento elevado de cachotaría. O estado do mesmo é ruinoso.

   - Ponte arquitrabada ou alintelada, feita con grandes chantas rectangulares apoiadas sobre uns estribos de elaboración tosca encastrados nas marxes do río, e tamén sobre un piar central situado no medio do cauce. Esta sítuase ó noroeste da vivenda.

   - Sistema de abastecemento de auga de entrada ó muíño, consistente nunha canle cuberta no seu tramo final por lousas ou laxes (para permitir o paso de persoas e animais sobre a mesma), e que deriva nun pozo de planta semicircular polo que entra a auga ós rodicios.

O máis destacable do conxunto é a estrutura do muíño en sí mesmo, xa que a súa arquitectura é moi elaborada. Na fachada oeste (a que da ó río), poden verse as tres saídas das augas, correspondentes ós tres rodicios cos que conta o muíño. É moi coidada a súa arquitectura, caracterizada por un esquema arquitrabado, elaborado con aparello de canteiría no que destacan os linteis, piares de apoio central e os capiteis de coroamento dos mesmos de deseño troncocónico invertido (en consonancia cos remates das xambas laterais). Nas saídas das augas dos rodicios conta cun muro de amparo en paralelo ó río, construído coa finalidade de evitar que as augas das enchentes cheguen ata os mecanismos, impedindo a súa rotación.

Augas arriba deste muíño atopámonos co grupo de muíños de Catasol, todos eles de maquía, que constitúen un dos conxuntos etnográficos máis interesantes da Terra de Melide. Destes aínda existen seis, en diferente estado de conservación: muíño da Folicheira, muíño de Martín, muíño do Veciño, muíño de Manuel de Pedro, muíño de Celestino e muíño de Pampín.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

 

 

Outros elementos do catálogo