Petróglifo de Vilares

Petróglifo de Vilares

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Vilares
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 14,75´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 58,31´´ W
X: 
584.281,16
Y: 
4.759.937,38

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este petróglifo xunto co da Pena Ferrada, igualmente situado no Concello de Toques, son os dous únicos exemplos deste tipo identificados, ata o momento  na Terra de Melide, aínda que a  morfoloxía, soporte e temática de ambos é moi dispar.

Este petróglifo  de Vilares é bastante chamativo, posto que se corresponde cun chanto ou bloque de granito reutilizado no aparello dun valado de contención de terras dun prado, estando colocado en vertical, e servindo de reforzo da estrutura.  Polo tanto vese que se corresponde cun elemento mobilizado, cuxa procedencia orixinal é descoñecida, que podería tratarse dun fragmento dun panel realizado nun soporte granítico aflorante.

Na actualidade resulta difícil de visualizar por mor da abundante vexetación que oculta dito muro de contención do noiro. En todo caso cando estaba algo máis despexado de maleza, puídose comprobar o seu ancho de 1,27 mt., unha altura de 1,18 mt. visibles, posto que se descoñece canta superficie da pedra está fincada no terreno. Igualmente se descoñece o grosor do bloque.

A súa cara externa presenta unha superficie de tendencia alombada, aínda que conta cun frente máis ou menos aplanado no que se desenvolven os motivos, consistentes nun total de alomenos 28 coviñas e cazoletas de distribución máis ou menos coidada, sen poder determinarse a súa intencionalidade. En todo caso descoñécese se pode haber máis destes motivos na parte soterrada da pedra, que probablemente conte con mái, posto que algunha das visibles está case a rentes de chan.

A dimensión dos motivos circulares vai comprendida entre os 3 e os 8 cm de diámetro. En todo caso cunha fondura escasa, entre 1 e 2,5 cm.

Non se trata dun petróglifo especialmente destacado, pero conta con moita importancia debido a escasez deste tipo de representacións insculturadas rupestres na comarca Terra de Melide.

BIBLIOGRAFÍA:

- Vázquez Neira, Cristina: "Estudos sobre a arqueoloxía de Melide: O petróglifo de Vilares". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Petróglifos na Terra de Melide", artigo publicado no blog do Museo http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo 2018.

 

Outros elementos do catálogo