Achado arqueolóxico na Rúa do Sol

Achado arqueolóxico na Rúa do Sol

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa do Sol
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 46,02´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 45,86´´ W
X: 
580.584,09
Y: 
4.751.602,48
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas.

No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos vestixios identificados na Rúa do Sol, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte:

Ó final da rúa, á altura dos números 12, 14 e 16, e a unha distancia de tan so 1,10 m medidos dende as fachadas das vivendas, documentouse unha taxea de pedra do antigo saneamento da rúa. [...] A singularidade radica en que se puido rexistrar un longo tramo, de 14 metros. [...].

En canto ás súas características compre sinalar que conta cos característicos muriños laterais de cachotaría, dispostos en paralelo, e careados cara ó interior (posto que cara ó exterior van encastrados na terra) e do que se conservan entre unha e dúas fiadas. O aparello empregado na construción dos mesmos é “pedra do país” (rochas ultrabásicas), principalmente de pequeno e mediano tamaño, aglutinadas con terra arxilosa.

Por atoparse a unha cota bastante superficial, comprendida entre os 18 e os 37 cm, e debido a posteriores obras de pavimentación da calzada, as lousas de cuberta xa non se conservan, provocando que o interior estivese completamente colmatado de terra e pedras. En canto ó fondo compre dicir que se corresponde cunha capa de terra arxilosa compactada, aínda que nalgúns puntos aprovéitase a propia rocha natural do substrato, debidamente regularizada, posto que aparece a unha cota bastante superficial, nalgúns puntos a tan so 42 cm de fondura, contados dende a superficie da calzada da rúa.

En canto á súa concreción cronolóxica cabería encadrala nas primeiras décadas do século XX, e que deixaría de  estar en funcionamento ó redor da década de 1960, cando os veciños da Rúa do Sol se poñen de acordo para facer entre todos un saneamento en condicións polo medio da rúa, mediante tubos de formigón e pozos ou arquetas de rexistro, feitas en cachotaría de pedra aglutinada con cemento (que aínda se conservan e poden verse con tan so levantar as tapas metálicas dos pozos).

BIBLIOGRAFÍA:

- Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017.

- Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018.

Outros elementos do catálogo