Archete no Vilar

Archete no Vilar

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño das Varelas
Situación detallada: 
O Vilar
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 30,18´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 35,62´´ W
X: 
575.400,25
Y: 
4.749.203,65
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea do Vilar das Varelas atopámonos cun conxunto de elementos antigos que nos están a falar duns momentos asociados coas Idades Media e Moderna, entre os que se sitúa unha edificación, moi modificada, na que houbo unha remuda tanto nos aspectos estruturais e estéticos como nos propiamente funcionais ou de uso.

Así nesa liña, no que hoxe semella corresponderse cunha estrutura de estabulado de gando, probablemente outrora o uso principal sería o de habitabilidade doméstica. O máis destacado con todo, é a solución do sistema de cubrición do tellado, adaptado á un tipo determinado de porta de acceso, que se conceptualiza como do tipo “en archete”. Nos archetes destaca o emprego de vigas ou trabes de madeira, arqueadas ou curvas, concibidas para unha configuración dunha parte da cuberta a dúas augas, disposta en sentido perpendicular ó desenvolvemento das augas do tellado.

Respecto ó archete no "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, Vicente Risco xa fala deste tipo de solución de tellados, nos seguintes termos: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas". 

Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natrual que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco". 

No caso deste archete do Vilar, compre enfatizar que a pesar do acusado grao de modificación estrutural da vella edificación, aínda se tivo a ben, probablemente por factores de practicidade e optimización do sistema de entrada, conservar a armadura en archete para conseguir elevar a luz da entrada sen ter que proceder a unha sobreelevación da cuberta.

BIBLIOGRAFÍA:

  • Broz Rei, Xosé Manuel “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do CEM-MTM, ano 1995.
  • Broz Rodríguez, Xurxo; Vázquez Neira, Cristina: "A casa con tellado en archete, unha reminiscencia do pasado medieval nas construcións populares da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 35 do CEM-MTM, ano 2022 

Outros elementos do catálogo