Capela da Santa Cruz de San Benito

Capela da Santa Cruz de San Benito

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santo Estevo de Pezobrés
Situación detallada: 
San Benito
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 12,73´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 33,85´´ W
X: 
578.189,21
Y: 
4.746.845,69
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Capela da Santa Cruz é unha das sete capelas espalladas pola Terra de Melide onde se lle rinde culto á Santa Cruz, cuxa festividade ten lugar o 3 de maio. Este tipo de sinxelas arquitecturas teñen como finalidade rendir tributo á Cruz da Paixón de Cristo como elemento fundamental de culto, tributo, devoción, fe e espiritualidade, concibidas como santuarios de intercesión de indulxencias e obtención de gracias.

O feito de atoparnos con tan alto número de capelas da Santa Cruz na Terra de Melide e comarcas veciñas, débese á presenza da Congregación dos P.P. Pasionistas en Melide, xa dende o ano 1909. Estes relixiosos levaban a cabo Misións pastorais nas que elevaban as virtudes do ciclo da Paixón, facendo fincapé nos episodios e estacións do Vía Crucis e tamén da exaltación da Santa Cruz e de todos e cada un dos obxectos vinculados a esas horas seguintes ó Prendemento.

Este tipo de capelas, a pesar das diferenzas específicas de cada unha delas, non soen diferir moito en canto á súa arquitectura, concepción espacial, e na simboloxía (que non iconografía) interior. Soen ser edificacións a dúas augas, de planta rectangular cun frontal aberto, pechado por unha cancela de madeira ou de ferro para que a xente puidera rezar dende fora. Ó carecer de fachada principal soen tratarse de capelas bastante lumínicas, a pesar de contar, polo xeral, dunha única ventá, ou como moito dúas de pequenas dimensións.  

A estas capelas acódese ó longo do ano, pero fundamentalmente na súa festividade, o 3 de maio, na que se facían as subastas das linguas e tamén polo Domingo de Pascua, onde como recolle Broz Rei: "...en algunhas faise ese día a subasta das linguas e outras ofrendas máis que os devotos ofrendaron. Póñense tamén nas terras as cruces de oliveira bendita polo Domingo de Pascua, e ándase a leira darredor ó tempo que se reza e se bota auga bendita cun ramallo de laureiro. Este costume aínda pervive en moitas aldeas e lugares". 

Respecto á Capela de San Benito dicir que conta con planta rectangular cunhas dimensións de 6,50 m.(leste-oeste) x 8,50 m (norte-sur). A cuberta é a dúas augas, carente de espadana no seu frontis, pero contando cunha cruz de pedra coroando o cumio do tellado no extremo norte do mesmo. A edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada e pintada de branco, agás a parte inferior dos muros, que non conta con recebo e polo tanto as pedras están á vista pero pintadas en cor gris a modo de zócalo.

Á Capela accédese mediante unha apertura no lenzo sur rematada por un gran arco de medio punto de grandes doelas de canteiría, que descansa sobre senllas xambas laterais, igualmente de canteiría, rematadas por uns cimacios moldurados e carentes de decoración. Nos lenzos leste e oeste ábrense senllas xanelas rectangulares, alinteladas e abocinadas, tanto cara ó interior como cara ó exterior.

No interior da capela dispóñense sobre o altar dúas cruces conmemorativas destas Misións, que contan co emblema da Congregación Pasionista en forma de corazón cunha cruz superposta, acompañadas de todo o repertorio característico de atributos da Paixón: pértiga coa esponxa do vinagre, lanza, alabarda, tenaces e martelo, flaxelo, coroa de espiñas e galo. Estas cruces na actualidade están repintadas polo que non se pode ver a policromía orixinal, nin os caracteres do escudo dos Misioneiros Pasionistas que aparecían no centro do corazón.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide. Capelas da Santa Cruz". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

Outros elementos do catálogo