Casa de Taboada

Casa de Taboada

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Cristovo de Pezobre
Situación detallada: 
Pezobre
Cronoloxía: 
Século XVII-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 31,41´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 1,20´´ W
X: 
574.839,85
Y: 
4.747.384,75
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A casa de Taboada de Pezobre sitúase case enfronte ó adro da igrexa parroquial de San Cristovo a unha distancia duns 28 metros entre ambos.

Correspóndese esta casa cun rexo modelo de arquitectura pacega, tipo “casa grande”, destacada polas súas dimensións e polo porte dos seus elementos estruturais. A casa presenta planta en L, amosando unha fronte de fachada de nada menos que de 22 metros de lonxitude, o cal nos da unha idea do seu porte, ó igual ca súa superficie en planta (de 270 m2).O inmoble presenta dúas alturas correspondentes á planta baixa é o piso superior, reservado á zona de habitación e morada, sobre o que se dispón o faiado, ou sobrado, baixo a cuberta a catro augas da edificación.

No aspecto exterior dos lenzos de fachada destácase a simbiose entre o emprego da pedra de cachote, para os paramentos cegos e a cantería de granito para esquinais e marqueado de portas e ventás (xambas, antepeitos e linteis). Con todo, asistimos a algunha alteración da arquitectura dos vanos, debido ao agrandamento dos mesmos para os novos e disonantes ventanais de carpintaría de aluminio.

Na fachada principal resulta chamativa ademais da porta de entrada, enmarcada por sillares de granito, a xanela superposta correspondente á parte central do corpo superior, no que a mesma aparece vertebrada en dúas partes: unha, a inferior, posiblemente aberta á segunda planta, mentres que a outra, probablemente se corresponda coa estrutura do faiado. Entre ambas partes disponse unha cornixa de cantería voada e sobresaínte, a xeito de balcón. Cabe a posibilidade de que esta parte máis elevada do vano en cuestión, estivera concibida para a entrada a un pombal.

O carón da xanela (probablemente aberta á cociña do inmoble) se ergue a soberbia cheminea que ensalza e lle confire monumentalidade á edificación.

Na entrada ó curro da casa pechada por unha cerca disponse un lintel que conta cunha inscrición que reza “LA IZO MANUEL TABOADA EL AÑO 1882”  e que conta cunha cruz de cruceiro, con pedestal, entre a “TA” e “BOADA”. Esta inscrición axuda a certificar a propiedade e tamén á cronoloxía, canto menos da portada do curro, posto que o inmoble semella responder a parámetros construtivos anteriores.

BIBLIOGRAFÍA:

  • Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”, publicado o ano 2013.

Outros elementos do catálogo