Igrexa de Beigondo

Igrexa de Beigondo

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Cosme de Beigondo
Situación detallada: 
Beigondo
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 14,12´´ N
Lonxitude: 
8º 8´ 49,40´´ W
X: 
569.686,74
Y: 
4.744.946,07
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de Beigondo, aséntase nun couto elevado bordeado polas augas remansadas do encoro de Portodemouros, outrora veigas do Ulla e dos seus afluentes Boente, Iso e rego do Muíño. Hoxe se traduce nunha especie de península limítrofe cos concellos de Arzúa e Vila de Cruces.

Como recolle Broz Rei esta parroquia noméase nunha escritura do Rei Afonso III datada no ano 897, pola cal faise doazón ó bispado de Lugo "in aviancos villam de Veigundo", e tamén fala da pertenza desta parroquia ó Señorío de Altamira e á Xurisdición de Boente en séculos baixo medievais.

Da igrexa sábese por informacións dos veciños que foi trasladada, ou máis ben edificada de novo, no ano 1904, xa que antes desa data estaba situada no lugar coñecido como O Iglesiario. Tamén os veciños de Beigondo lembran como en xaneiro do ano 1972, por causa dun forte temporal, véñense abaixo o tellado e tamén a espadana, ficando en pé o presbiterio. Mais grazas á dedicación dos veciños, que traballaron nas obras de reconstrución conséguese que, nun intervalo de seis meses, queden reparados os danos.

Da vella igrexa non se atoparon referencias documentais para poder coñecer as súas características. Pero compre indicar que foron varias as igrexas parroquiais situadas no termo municipal de Santiso que cambiaron de emprazamento nos dous últimos séculos por diversos motivos, entre elas a de Pezobrés, a de Barazón, a de Niñodaguia e tamén a de Ribadulla.

A nova igrexa de Beigondo correspóndese cunha sinxela edificación de planta rectangular, orientada de nordés a suroeste. Nun mesmo volume estrutural pero vertebrado interiormente, distribúense a nave, o presbiterio e unha sancristía situada por detrás do testeiro da capela maior. 

O exterior é de deseño sinxelo. A fachada principal ou frontis conta cunha porta de acceso de feitura rectangular, con xambas e lintel de canteiría de granito e sobre ela existe unha pequena ventá estreita e con remate en arco. As vertentes do tellado están rematadas por unhas sobrepenas ou cornixas molduradas, en cuxo extremos se dispoñen senllos pináculos de deseño xeométrico e remate piramidal aguzado.

A espadana é nova, en substitución da existente antes do ano 1972, cando se veu abaixo por mor do forte temporal. A actual está realizada en cemento e conta cun corpo inferior cunha troneira para acoller á campá (a da vella espadana, que por sorte non rompeu cando se produce o colapso), e que se coroa por un ático provisto dunha troneira oca no seu campo central e flanqueado por dous pinñaculos estilizados. Como remate disponse unha cruz cumial sobre basamento piramidal. 

Na fachada sur ábrese unha segunda porta de acceso á nave e tamén outras dúas ventás de deseño rectangular. 

No interior existe un arco triunfal que serve de transición entre o espazo destinado ós fieis e o lugar de celebración. O arco conta cun deseño de medio punto que descansa sobre machóns sobresaíntes coroados por impostas ou cimacios moldurados, de canteiría. O interior da nave presenta as paredes enfoscadas con debuxos lineais imitando sillares de canteiría, mentras que no exterior as paredes están igualmente recebadas pero sen pintar. 

Na nave existen dous retablos laterais, un no lado da Epístola que acolle unha imaxe da Virxe do Carme de estilo Barroco, e outro no do Evanxeo (que en tempos era o da Virxe do Carmelo) de estilo Neoclásico e que alberga a imaxe da inmacula Concepción, nel destácase a pintura do ático na que se representa o escudo da Orde Carmelita sostido por dous anxos tenantes.

Na Capela Maior destaca o retablo, de estilo Neoclásico, distribuído nun corpo e ático, no que se destaca a rúa central con camarín flanqueado por dúas columnas clásicas de fustes lisos con éntase central e capiteis es estilo corintio. 

Esta parroquia de Beigondo determina o límite suroccidental da Terra de Melide, e como xa se indicou, pertencente á Xurisdición de Boente, lindeira co Couto de Vilar de Ferreiros e coa Xurisdición de Abeancos. Á de Boente, propiedade da Casa de Altamira por feudo do arcebispo compostelán dende o ano 1554, formaban parte catro parroquias máis do Concello de Santiso: San Romao, Novela, Pezobrés e Barazón, ademais doutras parroquias dos concellos de Arzúa, Melide, Toques e Agolada.

Dende a construción do Encoro de Portodemouros na segunda metade dos anos 60 (do século XX), a parroquia de Beigondo adquire unha fisonomía de península ribeirá, onde anteriormente existía un meandro moi pronunciado na desembocadura do Iso e os seus tributarios na cunca do Ulla, que deu lugar á formación dunha extensa illa fluvial no Couto de Altura, pertencente a esta parroquia, á que se accede nos meses de menor caudal dende un dique de terra a través da veciña parroquia de Viñós (Arzúa). 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo