Igrexa de San Estevo de Vilamor

Igrexa de San Estevo de Vilamor

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santo Estevo de Vilamor
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 35,68´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 6,96´´ W
X: 
585.505,03
Y: 
4.755.044,89
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Vilamor artellada nas marxes do trazado do antigo Camiño de Santiago, coñecido como Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo, existen interesantes elementos patrimoniais, xa que ademais da igrexa parroquial atopamos diversas edificacións interesantes, tanto habitacionais como de servizo. Entre as primeiras destaca unha que conserva unha porta cun lintel con labras en arcos, que recorda un pouco ós arcos mixtilíneos salmantinos, que pode datarse no sáculo XVI, ademais doutra que foi un antigo Estanco de Tabaco, como poder verse na inscrición do seu lintel datada no ano 1802. Entre as construcións adxectivas destácase algún hórreo de varias estremas, como un que ten tres e está situado ó carón da igrexa parroquial.

En Vilamor tamén se atoparon hai uns anos, realizando o ensanchamento da pista principal, restos de época romana, tanto de estruturas como de mateirial de uso doméstico e construtivo (tégulas). Este dato xunto coa advocación da parroquia ó mártir San Estevo, un dos primeiros do martiroloxio cristián, leva a considerar a relevancia e antigüidade deste lugar, que na Idade Media aínda presenta unha maior notoriedade, xa que ademais do paso da vía de peregrinación pasa a incorporarse ó Señorío da Casa de Altamira.

Con todo a igrexa parroquial actual non conta con elementos que atestigüen a antigüidade do lugar, xa que a súa fábrica resposta a pautas propias dun Barroco tardío, con moitas constantes que se manteñen ó longo de todo o século XIX.

A igrexa distribúese en tres espazos, que en planta se traducen nun deseño en L debido á incorporación dunha sancristía lateral adosada ó lenzo sur da Capela Maior. A edificación presumiblemente debeu ser realizada en aparello de cachotaría, pero que non se mantén á vista, xa que os muros laterais están enlucidos e pintados de branco. Pola contra o frontis ou fachada principal aparece co aparello de sillería de granito á vista. Nela ábrese unha porta rectangular alintelada sobre a que se superpón unha ventá rectangular rematada en arco apuntado e con abocinamento cara ó interior. Sobre a ventá disponse unha espadana, asentada sobre unha cornixa moldurada, do mesmo xeito cas sobrepenas dos aletóns laterais, que culminan o hastial. 

A espadana consta de dúas troneiras para campás, e nos seus piares externos presenta decoración de triglifos. Sobre as troneiras aparece unha segunda cornixa que serve de sustento do ático que conta cun deseño de tendencia triangular, en cuxo interior hai unha pequena troneira baleira. Como remate aparece unha figura a xeito de frontón con reviramentos a modo de volutas sobre os que descana a cruz cumial. O ático aparece remarcado por senllos pináculos moldurados, semellantes ós existentes nos extremos dos aletóns da fachada coincidentes co remate da vertente do tellado.

Situado no extremo noroeste colocouse unha escaleira metálica exterior, de moi propia gracia estética, para poder acceder á espadana.

No interior destaca un arco triunfal de medio punto que resposta a unha ampliación que se efectuou no século XIX, para darlle unha maior dimensión á cabeceira, tamén en alzado, conseguíndose igualar a altura da cuberta da nave. Mais no caso da nave a cuberta disponse a dúas augas e na cabeceira a tres, estando a cuberta da sancristía nun plano algo máis baixo e con derrame a unha soa vertente.

Os retablos interiores son de estilo Neoclásico, datados no século XIX, e no principal, aparece a imaxe do santo patrono da parroquia, nun camarín central flanqueado por dúas columnas que sustentan un entablamento e un frontón triangular.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011.

 

Outros elementos do catálogo