Igrexa de San Martiño de Oleiros

Igrexa de San Martiño de Oleiros

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Martiño de Oleiros
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Séculos XIII e XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 51,94´´ N
Lonxitude: 
7º 58´ 11,16´´ W
X: 
584.066,80
Y: 
4.753.777,84
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Aínda que esta igrexa parroquial de San Martiño de Oleiros foi reformada case por completo no século XIX, consérvanse importantes elementos dunha vella fábrica románica, datada a comezos do século XIII, de aí a relevancia da mesma.

Da desaparecida igrexa consérvanse o lintel da porta sur que ten gravado un fermoso crismón trinitario en baixorrelevo, datado a inicios do século XIII, e un dos únicos existentes na Terra de Melide, aínda que son bastante máis frecuentes no románico da veciña bisbarra da Ulloa, unha pía bautismal situada no adro da igrexa, unha ménsula illada e un canzorro de roleo actualmente formando parte dunha xamba situada nunha casa particular e colocado cara arriba (é dicir, co seu remate en espira ó revés da súa postura orixinal). Tamén formando parte do aparello da ábsida cadrangular da igrexa, no seu lenzo sur, atópase formando parte do aparello unha pedra semicircular de granito situada case á altura do derrame do tellado, que indica, así mesmo que se trata dunha peza reaproveitada, que pode ser o remate superior dunha antiga ventá saeteira. Toda isa coincidencia de pezas de filiación románica, e a advocación antiga desta parroquia ó Santo Martiño, bispo de Tours, confírelle unha especial relevancia a esta igrexa da que existen importantes datos documentais recollidos por Broz Rei: "...No ano 1433 o abade de Santantoíño de Toques fai doazón ó cura de San Martiño dun Breviario, polo que este queda obrigado en certas actuacións.", tamén nos refire que " San Martiño non pertencía o Priorato de Santantoíño, polo que non está supeditado á desamortización, pero pódese sinalar a data destas reformas no s.XIX".

Resultado das reformas indicadas é a fábrica que actualmente se pode contemplar, na que posiblemente se aproveitasen pedras do aparello da antiga igrexa. Esta nova edificación está realizada en aparello de cachote, e con pezas de canteiría de granito no frontis (de "sillarejo") e tamén na execución dos linteis e xambas das portas e ventás. 

O frontis, ou fachada occidental da igrexa, presenta unha porta de arco de medio punto, con doelas lisas e sen figuración, e un tímpano executado con tres pezas de granito, igualmente sen representacións. Esta fachada coróase por unha espadana de dúas troneira para campás, erguida hai pocos anos, en substitución dunha anterior, e cuxo deseño afástase moito dos modelos habituais das espadanas desta zona.

A planta da igrexa é rectangular, sucedida por unha cabeceira igualmente rectangular, á que se lle adosa unha sancristía lateral na fachada meridional. Os alzado da nave e da cabeceira acadan unha mesma altura, polo que a cuberta do tellado é contínua e disposta a dúas augas. Pola contra a sancristía é máis baixa cas anteriores.

No interior o máis destacable é o arco triunfal, de medio punto, asentado por piares cadrangulares de canteiría, embebidos nos machóns laterais, e rematados por impostas molduradas, que serven de sustento do arco.

O retablo é de estilo neogótico, de madeira vernizada, da mesma tipoloxía ca do Convento dos P.P. Pasionistas de Melide realizado por Maximino Magariños, e cos retablos laterais da igrexa de Furelos, ou cos das parroquiais de Niñodaguia e de Pezobrés, ambas no termo municipal de Santiso.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. 2011.

- Delgado Gómez, Jaime: “Un segundo crismón trinitario en la comarca melidense”. Publicado no Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.

 

 

Outros elementos do catálogo