Igrexa de Santa María dos Ánxeles

Igrexa de Santa María dos Ánxeles

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María dos Ánxeles
Situación detallada: 
Os Ánxeles
Cronoloxía: 
Século XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 46,70´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 54,40´´ W
X: 
580.368,43
Y: 
4.753.471,71
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de Santa María dos Ánxeles chamada anteriormente ó século XVII como Santa María de Malos, conta cun templo parroquial de advocación mariana, de moita devoción e veneración en toda a Terra de Melide. Broz Rei apunta que ó redor dese século debeu ser cando se lle cambiou o nomenclator, e que o novo topónimo iría en relación con esa advocación da Virxe cuxa imaxe podemos ver no interior  descansando sobre unha peana de tres anxos, e acompañada de dous anxos adoradores dispostos sobre a cornixa.

A esta igrexa acódese en romaría pola festividade da Pascua, xa que dende o século XVII, o papa Clemente VIII concede indulxencias plenarias ós devotos que acodían o luns de Pascua. 

A devoción que se lle ten á Virxe e tamén ó propio templo é moi destacada en diversos eidos. Primeiramente porque as dúas campás da súa espadana tiñan o poder de arredar ás tronadas, feito xa recollido por Vicente Risco e Amador Rodríguez no "Terra de Melide", no que aseguran que as campás ou sinos "na Nosa Señora dos Anxes teñen promisión da Virxe de que, onde queira que chegue o seu son, non faran mal nen tronos, nen lóstregos nen cousa doutro ceo vida". Nesa mesma liña apunta Broz Rei que a Fonte Santa situada a unha distancia de 80 mts ó nordeste da igrexa, á que se chega seguindo polo camiño que bordea o camposanto, e sobre a que se ergue un cruceiro: "os romeiros collían auga e levábana para a casa porque decían que era boa para os animais, o campo e as tronadas". Así pois de novo vemos a significación desta parroquia como protectora ante o fenómeno das tormentas con carga eléctrica é manifesta e afamada na contorna.

Respecto ó templo parroquial sinalar que se desenvolve nun único módulo rectangular, en canto á súa planta e tamén no alzado, que se vertebra interiormente en tres ámbitos: nave, presbiterio e sancristía. A fábrica foi realizada en aparello de cachotaría, que non está á vista xa que os muros aparecen revocados, agás no frontis onde en vez de cachote foi realizado con sillares de granito ben escuadrados, pero con pezas de diferentes formas, grosores e lonxitude. Este frontis ou fachada principal e a espadana foron edificadas no ano 1891.

A espadana é o máis característico da arquitectura desta igrexa que consta dun banco ou cornixa moldurada sobre a que descansa o primeiro corpo con dúas troneiras para as campás, cuxos xugos se apoian sobre impostas sobresaíntes. Sobre este primeiro corpo descansa outra moldura voada, igualmente moldurada para sustento do ático, cuxo deseño é bastante estilizado. A parte inferior tradúcese nun frontón de tendencia triangular con aletóns laterais de perfil curvilíneo e que conta cun campo central que alberga unha troneira oca e baleira. Sobre este frontón disponse sobre un capitel de planta cadrada e moldurada, un pináculo rematado por unha cruz de ferro. Na base dos aletóns do frontón tamén existen senllos pináculos análogos ó cumial.

No interior da igrexa destácase o arco triunfal de medio punto, constituído por unha serie de grandes doelas, cuxos salmeres descansan sobre impostas que sobresaen respecto á vertical dos piares sustentantes, que están embebidos nos machóns laterais deste muro de tránsito entre a nave e  a cabeceira. 

O retablo é de estilo Clasicista que consta dun primeiro corpo artellado en tres rúas, remarcadas por columnas de estípites, propias de finais do século XVIII. Na rúa do centro destaca un camarín central sobreelevado respecto ás rúas laterais, tanto que sobresae en altura do coroamento do entablamento que serve de base do ático. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo VI do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo