Igrexa de Santa Uxía

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Eufemia do Monte
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XII / XVIII-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 4,34´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 14,16´´ W
X: 
582.589,49
Y: 
4.757.744,57
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A freguesía e o templo parroquial de Santa Eufemia do Monte tamén coñecidas coma de Santa Uxía (a pesares de tratarse de advocacións diferentes, posto que se tratan de dúas mártires distintas), sitúanse nunha paisaxe de acusadas pendentes, e a unha cota elevada (a 550 metros), na aba meridional do Couto de Santa Eufemia, que se coroa a unha altitude de 731 metros sobre o nivel do mar.

A historia desta igrexa parroquial e moi interesante, posto que as súas orixes parecen retrotraerse ós séculos altomedievais, en base á existencia dalgúns elementos prerrománicos illados datados en torno ó século IX, ademáis na fábrica do arco triunfal hai elementos arquitectónicos estruturais que se sitúan en tempos do románico de finais do XII ou do século XIII e unha mesa de altar datable no século XVI, todo elo formando parte dunha arquitecura dos séculos contemporáneos, con reformas moi recentes que desvirtúan por completo a xa de por sí alterada fábrica do conxunto.

A conxunción de tantos elementos de épocas e estilos diferentes falan dun dinamismo e evolución constante, que reflicten a adecuación do templo ás estéticas propias de determinados estadios históricos e culturais.

Sobre a historia dela recolle Broz Rei que "Pertenceu ó padroado do Mosteiro de Santantoíño (de Toques), quen nomeaba cura". E tamén apunta que: "Quedou na tradición a memoria dun antigo convento de monxas nesta igrexa, situado á súa beira, nas casas que detrás dela hai, e desde onde ían por un pasadizo para a igrexa".

A arquitectura do templo descríbese con moita precisión no Terra de Melide (1933), do seguinte xeito: "a eirexa é de unha soia nave, reitangular e de feitura moderna. A Capela Maor cadrada, e único que resta da primitiva edificación. Ten arco trunfal de meio punto, dobrado, arrincando sobre pilastras cadradas meiante imposta de nacela. No acodillado leva colunas enteiras adosadas, con rudos capités de decoración vexetal con colarino e coroados pol-a imposta que corre dende o arrinque do arco toral; os fustes son curvos i-as basas normás riba d´un gran plinto. Toda a eirexa está cuberta a dúas augas e solada de pedra de sillería, con dous escalóns: un baixo o arco trunfal i-outro diante do altar. Ós pes está a única porta que é adintelada e moderna, como toda a nave da eirexa. Esta vai encalada totalmente por dentro e por fora, excepto a rosca do arco trunfal. O pouco que n´esta eirexa queda de románico puidera sere, á xusgar pol-os capités i-o arco trunfal do século XIII".

Broz Rei considera que hai sobranceiros elementos que apuntan a uns momentos propios da arquitecura prerrománica, xa que fala do "muro do testeiro da nave e os seus sillares cun despece que recorda ó paramento prerrománico. A presenza dunha xanela que está empotrada no muro da ábsida, que ten caracter prerrománico, con aros arredor dun baquetón sogueado que adornan o arco, indica o seu antigo pasado, arredor do século IX?. A ábsida foi reformada e a nave tamén. Só quedaría en pé o testeiro da nave co seu arco triunfal, que en si tamén foi reformado nos capiteis". Ese lintel de ventá citado está empotrado nun esquinal do muro sur da ábsida que "presenta un arco de medio punto festoneado por dous boceles, dos que saen dous círculos e destes saen dúas liñas incisas, facendo un fermoso conxunto de lazos".

O arco triunfal desta igrexa é hoxe por hoxe o elemento máis singular. Trátase dun arco de medio punto dobrado que presenta dous capiteis historiados: un de temática vexetal (o da esquerda), e outro de motivos zoomorfos. Estes capiteis están sustentados por columnas monolíticas lisas de sección circular que se apoian en basas sobre plinto.

Na Capela Maior ademais do retablo do século XVIII, resulta moi relevante a presenza dunha mesa de altar de canteiría de granito revocada e con restos de pinturas murais datadas no século XVI, con cenefas entrelazadas e decoracións vexetais cun deseño de roleos e volutas.

A descrición do "Terra de Melide" é bastante verídica, coa salvedade de que conta cunha porta alintelada no muro sur da nave, ademais de que a finais do século XX modificouse notablemente, posto que se procedeu ó repicado das paredes exteriores, deixando o aparello de pedra á vista, e tamén o muro do testeiro do interior. A maiores fíxose ex novo unha recreación de portada románica no frontis, colocada "de plastón", aproveitando unhas doelas dun antigo arco que estaban empotrada no propio muro do frontis. Tamén se abriu unha xanela en estilo Neorrománico no muro norte da nave, e nos aleiros tant oda ábsida como da nave, colocáronlle unha sucesión de canzorros de temática xeométrica e zoomorfa, que se ve claramente que non son de fábrica antiga. Todas estas actuacións supuxeron unha desvirtualización da fábrica orixinal da igrexa, nun afán mal enfocado de pretender evocar a arquitectura do románico.

O frontis aparece coroado por unha espadana dunha soa troneira na que se sitúan dúas campás en dous planos diferentes, e sobre este corpo sitúase un ático de frontón con deseño de tendencia trinagular, coas aletas laterais curvilíneas e cun campo central para unha troneira. Dito frontón remátase cunha cruz sobre peana monolítica e cornixa moldurada.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

- Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide". Capítulo IV do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. 

 

 

 

Outros elementos do catálogo