Igrexa de Santo Tomé de Mangoeiro

Igrexa de Santo Tomé de Mangoeiro

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santo Tomé de Mangoeiro
Situación detallada: 
Mangoeiro
Cronoloxía: 
Século XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 19,71´´ N
Lonxitude: 
7º 58´ 29,00´´ W
X: 
583.629,26
Y: 
4.756.380,29
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de Mangoeiro singularízase pola antigüidade do seu poboamento, posto que na aldea do Piñeiro, ademais dun Castro datado na Idade do Ferro e romanizado posteriormente, atopáronse a principios dos 90, en terreos da familia Nogueira, os vestixios dunha Villa rústica romana datada en época Baixoimperial, e tamén os restos dunha necrópole datada a inicios da Idade do Bronce na que coexistían os rituais de inhumación en cistas individuais e de incineracións e deposicións en foxas.

Respecto á súa igrexa parroquial non se coñece a data exacta das súas orixes, pero existen referencias documentais que se retrotraen ó século XVI, aínda que Broz rei considera que a fábrica da mesma puidera iniciarse con anterioridade debido á tipoloxía "do interior da porta sur, que nos leva a Furelos, ó Leboreiro ou a Golán", exemplos de románico tardío. Tamén nos fala dos sillares das xambas do arco triunfal, especialmente centrándose nun sillar decorado "co gravado que puido ser recolocado cando reformaron o arco, incluso reaproveitado doutro lugar que é pouco probable. É de pensar que está in situ, no seu lugar, pois na Capela tamén vemos sillares decorados a carón do arco triunfal". Este autor refírese ó arco triunfal da Igrexa de Santa María da Capela do antigo cenobio Bieito de San Antoíño de Toques.

Na actualidade a edificación, agás a citada porta sur e o arco triunfal, non amosa unha estruturación antiga, senón que nos leva ós tempos modernos nos que a planta se desenvolve nun único volume rectangular, vertebrado interiormente pola transición entre nave e cabeceira mediante un arco triunfal de medio punto, e tamén cun maior desenvolvemento en altura na zona do presbiterio. Por detrás da Capela Maior sucédese unha sancristía traseira que non altera nin diferencia a concepción volumétrica de dito presbiterio.

A edificación foi realizada con aparello de cachote que se atopa oculto á vista polo revocado exterior, e tamén empregando pedras de canteiría en esquinais e xambas e linteis de portas e ventás, ademais da espadana. 

A espadana segundo recolle Broz, foi feita polo "Carceleiro de Boente, que fixo tamén a de Zas de Rei... era moi bo canteiro, carpinteiro e de todo. Moi bo artesán". Consta esta espadana dun campo central en cuxo centro se ubica unha troneira para a campá cuxo xugo descansa nunhas impostas sobresaíntes, feitas en canteiría. Sobre o arco da troneira disponse unha cornixa moldurada e voada que serve de base do ático, traducido nun frontón de trazas triangulares cos perfís curvilíneos e cunha troneira no campo central. Sobre este frontón disponse unha tereira cornixa moldurada (xa que hai unha primeira na base da espadana), sobre a que se ergue un pináculo cunha cruz de ferro no seu remate. Remarcando o ático tamén hai outros dous pináculos de liñas molduradas.

No interior da igrexa destácase o arco triunfal de medio punto, que conta cunha peza decorada nunha das súas xambas, con motivos florais con remates en espiras.

A porta sur, cuxo exterior é de deseño alintelado, tradúcese nun arco interior de medio punto adoelado cuxa tipoloxía é máis acorde cunha edificación de cronoloxía medieval.

O retablo principal é de estilo Clasicista con columnas de estípites.

Broz Rei afirma respecto á contextualización histórica desta igrexa, que "non coñecemos a documentación de Mangoeiro, a non ser a que se contén no apéndice documental como igrexa que era dependente de San Antoíño", xa que formaba parte do couto e xurisdicción de San Antoíño de Toques e do seu partido, baixo a denominación de San Thome de Mangoeyro.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011. 

Outros elementos do catálogo