Igrexa parroquial de Santiago de Baltar
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Segundo consideracións de Nicandro Ares respecto á toponimia e á onomástica parroquial, considera que tanto o titular da parroquia, como o nome da mesma “apuntan a unha orixe xacobea desta freguesía, que debeu aparecer co culto medieval das peregrinacións a Compostela”. Por outra banda Joaquim Vázquez Rodríguez considera que “inicialmente sería unha villa (m) Baltarii, “vila de Baltaruis”. E que en sintonía coas formulacións do anterior sería fundada por un home que levaba o nome xermánico vitemático Balth e un segundo elemento arius tamén procedente dunha orixe xermánica.
Broz Rei no seu estudo sobre os templos parroquiais existentes no Concello de Melide, apunta que a igrexa foi erixida no ano 1926, e que como é sabido, nas aldeas de Grobas e Eixe de Lamas (Baltar), existiron igrexas que xa non se conservan, e que “se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”.
Da actual igrexa de Baltar o que máis chama a atención é a súa dimensión, tanto en planta como en alzado, sendo por tanto unha edificación que conta cunhas dimensións manifestamente máis notables que os dos restantes templos parroquias da contorna.
No exterior non existen elementos a destacar, agás a esbelta e equilibrada espadana, que coroa o frontis. Esta espadana consta de dúas troneiras para acoller senllas campás de tamaños dispares. Sobre o corpo de campás disponde un ático provisto dunha troneira central baleira flanqueada por pináculos decorativos, tanto nos flancos como no cumio que aparece coroado por unha cruz en ferro, de forxa.
No interior vemos, ó igual que acontece polo exterior, que a estrutura se artella nun mesmo plano en planta, polo que nave, presbiterio e sancristía forman parte dun único volume rectangular, cuxa articulación se produce mediante a vertebración interior.
O máis destacable no interior son os seus retablos, tanto o principal de comezos do século XVIII en estilo Barroco, como os laterais. Broz Rei no seu estudo xa fai mención a que os retablos procederían dos templos desaparecidos citados anteriormente. Dese xeito cavila que o retablo lateral da Milagrosa, de estilo Neoclásico, puidera proceder da vella igrexa de Baltar, a que estaba ubicada no lugar de Eixe de Lamas. E respecto ó retablo principal, o da Capela Maior, procede da antiga igrexa de San Andrés da Coruña, que no ano 1885 sería trasladado a antiga igrexa de San Ramón de Grobas.
O que nos conta Broz sobre o mesmo é que “o retablo principal está incompleto no ático, como si non souperan recolocar as pezas no seu lugar orixinal. Falta o remate da cornisa: vese movido e desencaixado. O que parece certo é que este retablo procede da Coruña, da antiga igrexa de S. Andrés, pois hai un gasto no Libro de fábrica: “gastos en La Coruña con la competencia, 1.450 reais”, no ano 1885; seguido de gasto de madeira e xornais, que nos fai supoñer fose a compra do retablo, xa que a súa estraña tipoloxía e características máis ben proceden dunha igrexa de certa categoría artística e non dunha rural. O retablo veu incompleto ou montárono na pequena igrexa de Grobas adaptándoo ó sitio”.
BIBLIOGRAFÍA:
- Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993.
- Vázquez Rodríguez, Joaquim: "Toponimia do Concello de Melide", editado polo Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Pública de Melide.