A Madorra/Foxo do Cabrito

A Madorra - Foxo do Cabrito

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
O Foxo do Cabrito
Cronoloxía: 
Neolítico/Idade Moderna-Contemporánea

Coordenadas

Latitude: 
43º 1´ 0,36´´ N
Lonxitude: 
7º 55´ 11,03´´ W
X: 
588.027,51
Y: 
4.763.242,87
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Falar deste elemento non resulta doado porque concretamente sobre el existe unha dualidade no tocante á interpretación e uso do mesmo. Probablemente esteamos a asistir a unha dicotomía e disparidade de uso ó longo dos séculos. Podemos entender que se trata dun exemplo parello ó da Medoña de Fanegas sita na parroquia de Ciadella (Sobrado dos Monxes), na cal nun túmulo megalítico, houbo unha reutilización e cambio de uso xa en estadios cronolóxicos romanos, nos que se aproveitou a preponderancia de dita mámoa na paisaxe para establecer unha torre vixía asociada co campamento, ou guarnición romana.

Neste caso do Foxo do Cabrito é posible que nunha mámoa se producira un aproveitamento moi posterior no tempo, e cunha finalidade manifestamente dispar. A tradición e as informacións veciñais aseguran e perseveran, na xustificación de que o elemento se corresponde cun antigo foxo concibido para a caza do lobo mediante o que se coñece como “foxo de cabrita”, polo cal nun pozo ou oquedade artificial do terreo, se disporía un cabrito ou un año vivo, para servir de reclamo para o lobo, en cuxo foxo sería abatido mediante o emprego de chuzos, galletas e bisarmas.

Os veciños da aldea inmediata aseguran que no cráter ou oco central do túmulo artificial, que se correspondería outrora co cono de violación da anta, existe un pozo, semicolmatado, que acada unha fondura de tres metros ou máis. Na actualidade debido á proliferación de arborado e da abundante maleza, non resulta posible visualizar o cono/pozo na súa totalidade. En todo caso, as informacións orais apuntan a que foi parcialmente cegado.

Chama tamén a atención no lugar a existencia dun muro térreo, disposto lonxitudinalmente e contiguo á elevación artificial, o cal podería tratarse tanto dun elemento lindeiro como dun muro concibido para conducir ó lobo cara ó foxo, igual que acontece cos coñecidos como foxos de muros converxentes.

O elemento arqueolóxico/etnográfico aparece recollido como situado no veciño concello de Friol, xa que xusto neste punto cadra coa liña divisoria, mais certamente semella que se ubica no concello de Toques, posto que se sitúa na banda esquerda (oeste) da pista que  delimita ambos concellos.

Sinalar igualmente que, este elemento se asocia ó macizo dos Montes do Corno de Boi, en cuxas estribacións se ubican as brañas que serven de alimentación de caudais ós regos que se asocian co nacemento do río Furelos, entre eles o rego da Pedra. Trátase por tanto dunha paisaxe de alto significado, tanto no eido arqueolóxico (pola proliferación de túmulos) como paisaxístico e ambiental.

Outros elementos do catálogo