Penedo de San Nicolao/Penedo do Hospital

Penedo de San Nicolao/Penedo do Hospital

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Palas de Rei - San Salvador de Merlán
Situación detallada: 
O Hospital/Casacamiño
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 55,90´´ N
Lonxitude: 
7º 53´ 42,19´´ W
X: 
590.137,60
Y: 
4.755.728,18
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Nesta ocasión imos sobrepasar o límite propio da xeografía política da Terra de Melide, indo a adentrarnos en terras veciñas coas que historicamente existiu un nexo ineludible. De feito na ficha do Marco do Hospital pódense consultar os límites demarcados nesta zona durante a Idade Media por dito marco, onde as actuais fronteiras de concellos e provincias eran distintas ás actuais.

Nesta ocasión queremos fixar a atención nun escenario físico e histórico singular e excepcional, fortemente vinculado co Camiño Primitivo ou de Ovedo, na divisoria fronteiriza determinada pola Serra do Careón, que actúa de marco físico entre as provincias de Lugo e A Coruña e dos concellos de Palas de Rei e Toques.

Situados no collado natural, polo que discorre o itinerario histórico do Camiño Asturgalaico, no que se empraza a necrópole megalítica do Marco (estando o marco de termo situado sobre unha das mámoas) podemos albiscar mirando en dirección leste-surleste o conxunto e sucesión de penedías de seixo branco, que resultan enormemente destacadas na paisaxe.

As penedías sitúanse nunha elevación comprendida entre as aldeas de A Lagoa e Casacamiño e Hospital das Seixas e o Castro das Seixas. Este conxunto de afloramentos están catalogados no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia, baixo o epígrafe de castelo rocheiro medieval, dos que se coñecen como niños de aguia. Certamente no entorno das cristas máis elevadas se aprecian entullos construtivos de cachotaría e restos de tella, que tamén se poden corresponder coa referencia dunha capela no seu cumio que segundo a tradición estaría dedicada a San Nicolao.

Aínda que o conxunto é coñecido como “Penedo do Hospital”, temos escoitado referencias que cada un dos crestóns de rocha aflorante reciben unha denominación diferenciada, así pois, a parte do recoñecido como “Penedo do Hospital” (o máis elevado, que se ergue a unha altitude de 757 mt, e que pensamos tamén que é o que se identifica coma “Penedo de san Nicolao”), tamén se nos transmitiu que un dos situados na aba meridional é coñecido como “Penedo da Aldea”. Nese caso cumpriría recompilar toda a toponimia menor, para que non se perda a memoria.

Tamén fomos testemuñas orais de que o conxunto de penedos foi tentativa de explotación mineira para obtención de mineral, por parte da empresa explotadora da Mina de Serrabal, pero que a tentativa resultou desestimada pola afección derivada do Camiño de Santiago, polo que por sorte o enclave arqueolóxico e paisaxístico puido ser preservado.

A elevación na que sobresaen os afloramentos de seixo actúa de interfluvio ou divisoria de augas. Desenvólvese nun eixo norte-sur, aínda que o eixo do conxunto de cristas aflorantes leva unha orientación nor-norleste/sur-suroeste que acada unha lonxitude de case 900 mt dende os afloramentos máis setentrionais ós máis meridionais. Os cumios van comprendidos entre os 757mt ós 705 mt., o que da conta dunha elevación manifesta e destacada respecto ás terras lindeiras.

Históricamente ubícanse no Couto de San Xoán do Hospital das Seixas que como recolle Broz Rei en base ás demarcacións señoriais consultadas no A.H.U.S, este estaría “inclusa en el Coto de Furelos... propio uno y otro de la Encomienda de Puertomarín... se demarca en Pena das Celas... Pena de San Nicolás... Marco do Couso... Pena Linga do Couso Bedro... Pena do Espiño... Marco de Mamuela... Pena Golpelleira...”. E, tamén Broz Rei nos fala de que “no monte do Hospital das Seixas hai os brancos penedos de cuarzo, con varias penas, nomeadas como a Pena de Cela, de San Nicolás, sobre a cal dise que houbo unha capela, da que quedan restos de tella no lugar”.

Outros elementos do catálogo