Ponte da Martagona

Ponte da Martagona

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Salvador de Abeancos
Situación detallada: 
A Martagona, San Salvador de Abeancos-Santa María dos Ánxeles
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 17,17´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 54,67´´ W
X: 
581.733,29
Y: 
4.752.576,86
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Sobre o río da Martagona, afluente do Furelos sitúase esta pontella que a piques estivo de desaparecer na década dos 90, por mor da construción da ponte actual, situada no trazado da pista asfaltada que comunica Melide con San Salvador de Abeancos e con Vilouriz. Hoxe esta ponte pasa bastante desapercibida, xa que se sitúa nun plano moito máis baixo que o da nova ponte e por estar parcialmente oculta polo arborado de ribeira e polas silvas.

Con todo esta ponte conta con bastante interese debido ás súas características construtivas e polos materiais empregados, pero sobre todo por atoparse formando parte do trazado dun vello camiño, que segundo o arqueólogo Javier Gómez Vila, se corresponde cunha variante do Camiño Primitivo comprendido entre a Ponte da Pedra e Melide, e que se vincula co emprazamento dunha necrópole de mámoas nas proximidades de Zaramil, ademais doutras tres mámoas desaparecidas no ámbito da Martagona (unha delas situada a moi pouca distancia e que se desfixo con motivo de traballos agrícolas no ano 1975). Cando se produciu a destrución da mámoa recuperáronse materiais cerámicos e unha rodela decorada que se atopan actualmente no Museo da Terra de Melide. Así mesmo o catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas Valcarce, apunta a posibilidade de que dita mámoa contase cunha cámara megalíca no seu interior, e que as súas chantas fosen aproveitadas na construción da ponte da Martagona en tempos históricos, posto que cando se destrúe o túmulo non contaba con estrutura pétrea.

Repecto á ponte presenta unha tipoloxía moi común adoitada para este tipo de arquitecturas tradicionais, moi presente na Terra de Melide, tal é o caso das diversas pontes existentes sobre o río Catasol (en Trasmundi, Catasol, Traspedra ou Penas), ou tamén as presentes na desembocadura do río Seco no Ulla, na parroquia de Barazón. Correspóndense coas típicas pontes alinteladas ou arquitrabadas, conformadas por grandes chantas máis ou menos rectangulares, apoiadas sobre estribos laterais de cachotaría e piares centrais realizados tamén nese tipo de aparello rústico disposto "a óso". Tamén se caracterízan pola ausencia de peitorís ou de varandas laterais.

Neste caso en concreto, a ponte consta de dous tramos conformados por dous pares de grandes laxes rectangulares que descansan sobre un ancho piar central, ademais dos seus correspondentes estribos incrustados nas marxes do río. As chantas ou laxes que conforman este taboleiro contan cunhas dimensións moi destacadas, que induciron a cavilar que se correspondesen con eses ortostatos procedentes da mámoa destruídas, nas inmediacións. Para facernos unha idea das dimensións destas laxes compre indicar que as meirandes presentan unha lonxitude de 3,15 m. e 2,60 m. de longo, con anchos que sobrepasan o metro, sendo o seu grosor de 30 cm. As dimensións totais da ponte son de 6,50 m. de longo cun ancho de 2,90 m. (na zona correspondente ó piar central de apoio, onde acada a maior dimensión). Respecto á altura da ponte sinalar que no seu punto máis alto sitúase en 1,50 m.

BIBLIOGRAFÍA:

- Fábregas Valcarce, Ramón: "Materiais da mámoa da Martagona". Boletin nº 4 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1988.

- Gómez Vila, Javier: "Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo de Santiago e da Vía Romana XIX nos concellos de Toques e Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

Outros elementos do catálogo