Poza do barro da Madanela

Poza do barro da Madanela

Información

Tipo: 
Arquitectura industrial
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María do Leboreiro
Situación detallada: 
Monte da Madanela
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 49,31´´ N
Lonxitude: 
7º 58´ 12,87´´ W
X: 
584.074,20
Y: 
4.749.894,47
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A gándara da Madanela constitúese como un dos principais ecosistemas existentes na Galicia Central, posto que ademais de contar cunha destacada vexetación esteparia, entre as que atopamos endemismos propios de substratos xeolóxicos serpentinizados, tamén conta con unha certa relevancia noutro tipo de variables como poden ser as pegadas antropizadas existentes na paisaxe achairada que define á gándara.

Dentro desas variables unha das máis destacadas dende tempos antigos é a da produción de tella, tanto de maneira máis ou menos artesán como mesmo de xeito industrial. Na Terra de Melide tiñan moita sona os telleiros e os fornos de tella existentes no Leboreiro como en Furelos e en Piñor. Estes últimos obtiñan o barro no Monte de Vimianzo (Santiso), pero os dous primeiros abastecíanse fundamentalmente na gándara da Madanela, posto que en asociación co substrato natural de rochas ultrabásicas e serpentinitas, tamén existen grandes vetas de arxila, produto da meteorización última da rocha.

Por toda a Madanela quedan pegadas das antigas extraccións de barro convertidas na actualidade en pozas e lagoas artificiais, que contan cun innegable valor ambiental xa que foron, unha vez se produce o abandono das mesmas, colonizadas por vexetación arbórea e arbustiva de ribeira, e nas zonas menos fondas “invadidas” por mestas xunqueiras. Esa renaturalización outórgalle unha especial relevancia, posto que se converteu en importante lugar de refuxio e morada estacional de anátidas e doutro tipo de aves que son propias de ecosistemas palustres, como garzas e pitas de auga. Tamén se destaca a presenza de anfibios (con diversas especies de ras e tritóns).

Mais a máis grande de todas esas lagoas é a existente nunha zona denominada O Redondo, sendo o resultado dun proceso continuado e que que remonta a tempos ben lonxanos, a xulgar pola grande extensión e profundidade da mesma que leva á conclusión de que tivo que levar o seu tempo producirse unhas extraccións tan notorias.

A poza grande conta cunhas dimensións duns 95 m no eixo NNL-SSO, podendo ser maior posto que non se pode ver a súa extensión nas zonas máis someiras por estar en boa medida ocultas polas xunqueiras. No eixo ONO-LSL chega a superar os 40 m de anchura. Estímase en base á lámina de auga (visible) que acada unha superficie duns 2.200 m2.

Broz Rei recolle, en diversos estudios sobre os telleiros do Leboreiro e Furelos, en base a conversas con telleiros retirados que “o barro do Redondo era malo, recio e gordo, o da Vacariza era bo, era xabroeiro... os de Furelos collían o barro da Madanela... os de Piñor collíano no Monte de Vimianzo”. Ou tamén que “o barro era do Monte da Madanela e para amasalo collíase: xabroeiro =1/2 carro, barro gordo = 2 carros, terra = 1 carro. Amasábase a mezcla no amasadoiro”. O mesmo autor tamén considera que estas cuncas extractivas poderían ser xacemento do que se extraería o barro preciso para edificación de paredes de mampostería, nos que o cachote de pedra iría ligada con barro.

Nas inmediacións da poza grande aínda se conservan as ruínas dos complexos industriais de elaboración de tella e ladrillo, constituíndose nunha interesante mostra da arquitectura industrial de cerámica de construción.

Nos antigos fornos de tella cocíanse ademais das tellas curvas das cubertas das casas, os tellóns de gran tamaño realizados para os cumios dos tellados así como ladrillos ou tixolos macizos, que tamén se empregaban para edificación dalgunhas partes do forno.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O telleiros do Leboreiro”. Publicado no Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.

Outros elementos do catálogo