[Elemento] Árbores do desaparecido Convento dos Pasionistas [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] No xardín da Residencia da 3ª Idade de Melide podemos observar a día de hoxe catro soberbios exemplares arbóreos que, por sorte, aínda se manteñen e pé neste solar que foi do malogrado convento dos PP Pasionistas de Melide, e que inexplicablemente foi demolido no ano 1998. De toda a impronta da congregación pasionista aínda se manteñen ergueitos e lanzais as catro árbores que, no adro, precedían á fachada neogótica da igrexa conventual. Primeiramente queremos recuperar as verbas nostálxicas de Mingos Fuciños (“O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no Boletín nº 10 do CEM-MTM, no ano 1997), quen se refire as árbores do seguinte xeito: “... os tempos trocaron, é verdade, había que reconvertilo, tamén é certo, pero a desfeita da Igrexa, ese é outro cantar. Fago votos para que non pinchen as árbores do adro, é o que nos queda”. ´ No mesmo boletín Xosé Manuel Broz tamén lamenta a desfeita do Convento, que estaba anunciada, mais aínda non tiña acontecido, quen non ten reparos en denunciar o que estaba por vir: “Honra e loubanza ó convento, erguido con suor, dádivas e donacións de xentes do pobo, -memoria agradecida-, agora que está en vísperas dunha irracional transformación, agora que remata a súa Fundación, despois de 84 anos de servizo ó pobo, cumplíuse outra iconoclasia máis: xa se mudou o culto para outra de nova planta o 21 de decembro. O futuro deste edificio será a transformación ou a demolición?. Velaí como se fan suceder as cousas e como se transformaron os obxetivos”. Ó respecto destas árbores xa atopamos referencias no libro do biólogo e botánico Carlos Rodríguez Dacal titulado “Árboles y arbustos de la Comarca Terra de Melide”, publicado no ano 1985, acompañado por ilustracións a plumilla de Xosé Manuel Broz Rei. Nesta entrada axuntamos as descricións que das árbores fai este eminente investigador quen foi profesor no IES de Melide e Director do Xardín Botánico de Padrón. Os dous exemplares de meirande porte lindan coa estrada AC-840, e cuxa copa se proxecta e da sombra sobre a mesma, aportando unha sensación de vistosidade e maxestuosidade manifesta, tal e como se pode albiscar dende o mesmo centro da vila de Melide. Os exemplares en cuestión se tratan de senllos Cedros do Atlas “Cedrus Atlántica”, e ós que o profesor alude como “en el Ayuntamiento de Melide se alzan dos magníficos ejemplares a la entrada de la Iglesia del Convento de los Padres Pasionistas”. O autor sostén que a especie é orixinaria da Cordilleira do Atlas e das montañas húmidas e elevadas de Marrocos e Alxeria, e que sería introducido no continente europeo no século XIX. Sen embargo o mesmo autor na páxina 135 do libro entra nunha contradición, xa que sostén que se tratan de Cedros do Himalaia, do que afirma que “el cedro del Atlas se diferencia facilmente del cedro del Himalaya porque sus ramificaciones no son péndulas, las acículas son más cortas y duras y porque sus piñas están excavadas o hundidas en el ápice”. Os outros dous exemplares situados por detrás destes se corresponden con dous magníficos exemplos de Castiñeiro das Indias (Aesculus Hippocastanum L.). Carlos R. Dacal se refire a eles do seguinte xeito: “De entre los pocos lugares en que han sido vistos hay que resaltar, en el Ayuntamiento de Melide, la pareja de ejemplares majestuosos que se alza a la entrada del Convento de los Padres Pasionistas (Cazallas). O autor sostén que esta variante de castiñeiro é oriunda de Europa oriental e Asia Occidental, sendo introducido en Viena no século XVI e en París no XVII, como árbore ornamental e de sombra e polas súas virtudes medicinais. Esta árbore, como é ben sabido, é de folla caduca, e por tanto e a xulgar polo porte destes dous exemplares, a caída da folla traducíase nun traballo inxente e sacrificado, que era levado a cabo de bo grao polo Hno. Florentino Arana Irazábal, relixioso do Convento, encargado dos traballos de xardinería e de laboreo na horta do Convento. Tras a súa morte os traballos de recollida da folla foi asumido por outros membros da comunidade, tal é o caso do P. Rosendo (Manuel Díaz González), quen nos ten dito que era unha das ocupacións que o mantiñan entretido tras a súa xubilación como profesor de Literatura do IES de Melide. Compre sinalar que a procedencia destas árbores exóticas e alóctonas, propias doutras xeografías e latitudes, foron introducidas para ornamento de parques, xardíns públicos e privados (sobre todo dos primeiros) e xardíns botánicos e de recreo, principalmente por misioneiros das diferentes ordes e congregacións relixiosas, tal é o caso que nos ocupa. Nunha foto de comezos do século XX vemos o Convento dos Pasionistas de Melide precedido por dous exemplares de Eucalipto que foron debidamente reemprazados por especies de maior valor paisaxístico. Finalmente queremos subliñar sobre o froito dos castiñeiros de indias que non sendo comestible, está provisto de propiedades compatibles coa industria cosmética e farmacéutica e que na cultura dos nosos avós soia levarse no peto como amuleto ou obxecto máxico e propiciatorio, non sendo raro ver referencias sobre este tipo de castaña na bibliografía referida a aspectos inherentes ás crenzas tradicionais, ou en museos que tratan estes aspectos. (Así pois, é un dos obxectivos deste Museo a curto prazo: habilitar unha vitrina no que se trate o mundo das crenzas populares). Con esta entrada pretendemos poñer o aceno en que o patrimonio cultural non é so o monumento construído polo home, senón tamén os valores paisaxísticos e ambientais que lle serven de acompañamento, marco e escenario. Neste caso non se podía disociar Convento e as súas árbores, que servían de antesala e recepción á igrexa. Avogamos pois porque estas árbores senlleiras teñan unha longuísima vida, que nos sobrevivan e que sigan a servir de recordo do malogrado convento e tamén que sigan a contribuír a xerar a calidade ambiental tan beneficiosa para a nosa saúde. BIBLIOGRAFÍA:  - Fuciños Gómez, Mingos: “O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no Boletín nº 10 do CEM-MTM, publicado no ano 1997. - Rodríguez Dacal, Carlos: “Árboles y arbustos de la Comarca Terra de Melide”, publicado no ano 1985,   [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de Santaia de Rairiz [Parroquia] Santaia de Rairiz [Descrición] En primeiro lugar resulta preciso reparar na advocación da parroquia, SANTAIA, o que nos induce a pensar nunha parroquia antiga, toda vez que está consagrada á santa emeritense Santa Eulalia (292- 304 d.C.), martirizada como consecuencia das persecucións do emperador Diocleciano. Como ben apunta o lingüista melidán, Joaquim Vázquez, a forma Eulalia presenta numerosas variantes no galego, entre as que se inclúe Santaia ( tratándose do mesmo orago ou patrocinio da parroquia de Santaia de Agrón, pertencente ó termo municipal de Melide). A igrexa parroquial, pola contra, non aporta evidencias de tratarse dun templo antigo, polo que todo leva a pensar nunha edificación pretérita. Broz Rei incide, consultados os libros de fábrica, que a igrexa de san Xurxo de Mourazos foi agregada a Rairiz no ano 1890. Da edificación cabe sinalar que sendo de cativas dimensións se procedeu a ampliar a nave lateralmente, pola banda do Evanxeo, conformándose unha capela lateral, que nun mesmo eixo, lle sucede a sancristía. Da arquitectura exterior o máis destacado é o frontis ou fachada principal, orientada cara o oeste como resultante da fórmula habitual. Vemos como para a súa execución se empregou aparello de cachote, en asociación coas canterías dos esquinais. A porta de acceso é rectangular e alintelada, con lintel de perfil curvilíneo. A espadana é sinxela, contando cunha troneira única para acoller a campá, e ó carecer dun ático (ou corpo superior) remátase directamente con sobrepenas dispostas a dúas augas en cuxo cumio se sitúa unha cruz de pedra (de caras lisas e recrucetadas) e con adornos de pináculos nos remates das vertentes. No seu interior conta con dous retablos dos últimos tempos do Barroco, no que se empregan columnas de estípites. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. 2013. -Vázquez Rodríguez, Joaquim: “ Toponimia do Concello de Melide”.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia [Parroquia] San Paio de Niñodaguia [Descrición] Esta ficha trata sobre a actual igrexa parroquial da parroquia de San Paio de Niñodaguia, a situada en Portocelo, posto que noutra ficha do catálogo (“elemento 161”) se fala do emprazamento do vello e desaparecido templo parroquial, que estaba situado en Sampaio. Xosé Manuel Broz Rei recolle interesantes datos sobre o devagar deste templo. Así pois coñecemos que: “A antiga igrexa (referíndose á que se emprazaba en Sampaio) reconstruíuse no ano 1792, substituíndo a unha máis antiga, no ano 1927 demoleuse e utilízanse os materiais para construír unha nova en Portocelo, que consideraron lugar máis céntrico na parroquia, nun terreo donado pola familia Penas, de Quinzán”. Ese mesmo autor recolle , en base ás explicacións facilitada por un veciño que : “...esta igrexa estaba antes en Sampaio e porque estaba moi arruinada e era pequena, trasladárona a Portocelo. Costeou todo a familia Penas da Casa de Quinzán, e seica que o retablo foi encargado en Santiago no taller do escultor Asorey...Construíron primeiro o presbiterio e celebraban misa, e logo construíuse a nave arredor do ano 1922”. Respecto ás características da edificación é preciso resaltar, en primeiro lugar, que non amosa a acostumada orientación canónica L-O, senón que se orienta nun eixo NNL-SSO. Artéllase en tres partes, nave, presbiterio e sancristía adousada ó mesmo, pola súa parte posterior. En canto ó seu alzado compre destacar a elevación do presbiterio respecto ás outras dúas partes. O estilo da edificación axústase á estética propia do momento da súa edificación, na que se conxugan as pautas de modernidade coa tradición herdada, así pois asistimos a unha simbiose entre a novidade e o aprendido. O máis destacado da arquitectura, polo exterior é o seu frontis ou fachada principal, situada no extremo meridional. A fachada está realizada en aparello de cantería de granito, con sillares reaproveitados da antiga igrexa, mentres que os demais lenzos están construídos con aparello de cachotaría recebada. A espadana é de cemento, pero realizada a imitación de modelos propios das igrexas rurais de época moderno-contemporánea. No interior destaca o seu arco apuntado, de tazas neogótica, apoiado sobre impostas molduradas. Ademais do artesonado de madeira da nave, proxectado a dúas augas. Tamén son de destacar o retablo principal e o púlpito realizados ambos en estilo neogótico, coas madeiras vernizadas. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. 2013. -Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide. 1ª Parte: O patrimonio relixioso” Publicado en museomelideblogspot (blog do Museo da Terra de Melide). 2016. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de San Cidre [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] No alto do Coto de San Cidre, a unha altitude de 712 metros atópanse os vestixios da esmorecida Capela de san Cidre, substituída por outra de edificación recente. Sobre os restos muro do testeiro da capela vella (extremo Leste), da que aínda se conservan varias fiadas do aparello de cachote dos seus muros, érguese o cruceiro, construído tal e como recolle Broz Rei “ O cruceiro de San Cidre fíxoo o Canteiro da Cabana, de Ordes, a comezos do século XX”. Así pois xa temos unha concreción respecto á data e autoría, mais non se coñecen referencias sobre as orixes da capela esmorecida. Por parte do mencionado autor sábese tamén que “Desde moi antigo que se fai unha procesión o día 15 de maio, festividade de San Cidre”, procesión que sae da igrexa parroquial de Paradela, pasando polas aldeas de Buxán e por San Xiao do Monte, ata chegar ata a nova capela de San Cidre, na que se celebra a misa para, deseguido regresar coa imaxe do santo ata a igrexa de partida. O cruceiro parte dunha peana ou pedestal de pedra tosca e sen labrar, que descansa sobre os restos de muro do testeiro da desaparecida capela. As dimensións desta pedra de basamento excede o grosor do muro sobre o que se ergue. O fuste ou varal é de sección octogonal cos extremos en sección cadrada. O capitel é moldurado e carente de figuración e a cruz é de liñas rectas, con caras e extremos recrucetados. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses- Museo da Terra de Melide. -Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. Ano 2011. -Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: “FolKlore de Melide” (Capítulo do “Terra de Melide”. Seminario de Estudos galegos, 1933). -Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo. "A lenda da Capela de San Cidre". Publicado na web Galicia Encantada (Enciclopedia da fantasía Popular de Galicia). Ano 2015. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Sierra (esquerda) [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa Principal de Melide, á altura dos números 42 e 44. Existen dous inmobles diferenciados que en tempos se trataban dunha única propiedade. O número 44 (o que nos ocupa), correspondente ó inmoble da banda esquerda ou oeste, trátase dunha edificación nobre tipo pacega, que acolle ás instalacións do Centro Social de Melide. A do número 42 (ou da banda dereita, ficha de abeancos 239), que acusa un severo estado de ruína, aínda tratándose dunha edificación bastante posterior no tempo, correspóndese cun inmoble que poderiamos definir de corte Colonial ou mesmo de tendencia indiana que reproduce un gusto por fórmulas arquitectónicas que reflicten un certo grao de acomodamento económico. Xosé Manuel Broz Rei ten recollido en varias publicacións que o inmoble onde hoxe está o Centro social, foi propiedade do cura Álvarez de Bretelo e que foi doado ó Convento de Sancti Spiritus de Melide, e como posteriormente foi adquirida pola familia de Sierra. As referencias que dela aporta son numerosas debido a que hai moita documentación sobre ela, así pois hai diferentes referencias do século XVII nas que se documenta como a casa foi propiedade do citado presbítero, crego que foi párroco de San Pedro de Melide. Do inmoble é de destacar a súa rexa arquitectura pacega, que nos tempos actuais aínda se mantén practicamente inalterada, sen entrar nas modificacións que se realizaron no seu interior para ser aproveitada como edificio de uso público, o que supón sempre unha alteración das súas vertebracións e modulacións internas. A casa caracterízase polas súas grandes dimensións en planta (medindo 22,50 metros no eixo N-S por 12,50 no eixo L-O). En canto a alturas presenta dous andares: baixo e andar superior que estaba destinada á zona residencial. Na fachada principal, sitúase a entrada á vivenda e ademais de dous balcóns e dúas xanelas con xambas e antepeitos de cantería de granito. Entre os balcóns de pedra moldurada e varanda de forxa, sitúase dúas pedras sen labrar concibidas como pedras armeiras para reproducir un escudo ou brasón. Na fachada lateral ábrense outras dúas ventás tamén remarcadas por aparello de cantería, en xambas. Lintel e antepeitos para destacarse entre o aparello de cachote dos lenzos, nos que se mesturan pezas de gneis con pedras de rochas ultrabásicas do monte de Melide (anfibolitas). Na planta baixa tamén se abren ó exterior unhas pequenas xanelas ou bufardas, que se relacionan coas antigas estancias ou zonas de servidume. Na parte traseira do inmoble atopamos un espazo murado con tapia e portalón lateral, que está a pechar o curro ou eira da casa, e en cuxo extremo norte se ergue un destacado exemplar de hórreo (elemento nº 183 ) artellado en tres estremas ó que se accede mediante unha escaleira en pedra que permite salvar o desnivel existente entre o pavimento da eira e o hórreo. Na actualidade a edificación está cuberta por un tellado a tres augas, mais se reparamos na fotografía aérea podemos ver como a casa compartía tellado co inmoble lindeiro, o do número 42, por tratarse dunha mesma propiedade, aínda que nos últimos tempos a cuberta do segundo deles, se desplomou por completo, o que supón un irreversible proceso de ruína de tan senlleria edificación. En resumo, pódese concluír que ambos inmobles propiedade da familia de Sierra son exemplo de edificacións nobres que denotan un certo nivel e categoría social, sendo reflexo de poder adquisitivo. Resulta chamativo que a edificación da esquerda (a do nº 44) aínda mantén a estética fidalga propia dos tempos da Idade Moderna, mentres que a da dereita (nº 42), reformada posteriormente e reconstruída en estética colonial, resulta ser a que na actualidade se atope nun serio problema de deterioro tanto no estético como no estrutural. Así pois, podemos entender que ambas edificacións correron distinta sorte. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “ O Melide vello”. Publicado no Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003 - Broz Rei, Xosé Manuel: “Casas antigas de Melide”. Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018. [Cronoloxía] Século XVII-XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Emprazamento da Capela de San Marcos de San Román [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] Na parroquia de San Pedro de San Romao, xa no linde coa de San Martiño das Varelas (Melide) e nas proximidades do seu Castro, existe unha zona recollida no Catastro como a Leira do Río Porto, unha zona na que se mesturan prados con masas de bosque de arborado autóctono. E dentro desa área existen varias parcelas que apuntan á existencia da desaparecida Capela. Consultando as referencias catastrais, e dentro do Polígono 010, no termo municipal de Santiso, vemos como esas referencias resultan inequívocas: San Marcos (parcelas 966, 970, 971 e 972) Capilla (parcelas 964, 965 e 967). A referencia correspóndese coa antiga Capela de San Marcos, cuxa imaxe se atopa na actualidade na igrexa parroquial de San Pedro de San Romao. Existe unha referencia no Libro de Fábrica, datada no ano 1734 na que aparece “retejar la capilla del Señor San Marco”. Moitas das referencias sobre esta capela se poden consultar no blog da Asociación Alverde (cuxas entradas sobre o patrimonio de Santiso son de enorme interese e de lectura obrigada) e en base a traballos de investigación de Miguel Ares Rúa. Así pois, no citado blog describe a Capela do seguinte xeito: “Na escaseza de datos fornecidos polos parágrafos anteriores, malia a todo, deixase entrever un pouco do que debeu ser a disposición interna da capela, a saber: dous altares colaterais con cadansúas imaxes neles, e que deberon desaparecer a finais do século XVII ou principios do século XVIII; unha soa porta, e tragaluz, máis un altar principal coa imprescindibel figura do santo de advocación da capela: o San Marcos. Así foi ata o ano 1741 [...]. Xa non se recuperaría a mesma, ou pouco, do seu progresivo deterioro, pois no ano 1753, doce anos máis tarde, repárase no indecente que está, así como que se atopa sen portas e falta de moitos reparos. Corre esta ermida en parte, unha sorte paralela ó da outra ermida de San Román, a da Nosa Señora do Pilar. Manda a súa ilustrísima, o bispo de Mondoñedo, nese mesmo ano de 1753, que non se celebre o santo sacrificio da misa nela baixo pena de excomunión maior e multa de dous mil reais - tal era o seu estado- e entanto non se lle poñan as portas, se lle dé decencia, pechadura e chave, e se repare todo o demáis do que está necesitada, cousa que deben face-los veciños ó seu cargo e todo elo nun prazo de catro meses. Non todo se debeu facer mais algunha cousa sí, pois no ano 1763 gástanse 24 maravedís en arranxa-la chave da porta. A partir de aquí pérdese todo rastro da nosa capela.  [...] No tocante a localización exacta da capela, coa axuda de todos e en particular de novo de Elena, poidemos identificar na parte baixa do agro de San Marcos unha leira de pequeno tamaño -non chega o ferrado- coñecida como "leira de San Marcos", e propiedade do obispado. Sobran os comentarios dada a contundencia do dato aportado neste caso pola microtoponimia”. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Rúa, Miguel: “O Camiño Real ou Camiño dos Arrieiros de Santiso”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - Ares Rúa, Miguel: “A Capela de San Marcos”. Publicado no blog asociacionalverde.blogspot.com, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. Publicado o ano 2013. - Broz Rodríguez, Xurxo e Vázquez Neira, Cristina: “Lenda de San Marcos de San Román”. Publicado na páxina web Galicia Encantada, ano 2019. - Referencias orais recollidas por Elena Salgado Mariñán. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Paio de Paradela [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] A parroquia de San Paio de Paradela é unha das dez fregresías existentes no termo municipal de Toques. Mais e ó mesmo tempo é unha das que contan con maior relevancia documental e histórica. Certamente existen varias referencias documentais como a do Testamento do bispo Odoario do ano 747 na que se nomea unha “villa de Paratella cun Ecclesia Sancti Pelagi” ou tamén é de interese outra referencia recollida por Nicandro Ares na que se cita nunha doazón do Rei Afonso III á igrexa de Lugo que tivo lugar no ano 897: “in Paratella ecclesiam STI Pelagii et ipsam villam de Paratela...”, aínda que a edificación da igrexa actual é froito de reconstrucións e ampliacións acontecidas no século XIX. Tamén é sabido que dentro da relación de propiedades do Mosteiro de San Antoíño de Toques se inclúe o lugar e o casal da igrexa de Paradela. Proba de que esta igrexa foi propiedade dese priorado é a presenza do escudo de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, do cal dependía o cenobio de Toques. A partir do ano 1515 San Antoíño pasa a ser priorado dependente do mosteiro compostelán, polo cal é a partir desa data cando podemos ver o escudo de San Martín Pinario en casas e propiedades vinculadas con dito mosteiro. O templo parroquial amósase como un edificio bastante elevado no que se refire ao seu alzado, e mesmo as súas dimensións tamén resultan bastante notables, para o que é a media das igrexas rurais existentes na Terra de Melide. A igrexa artéllase en tres espazos principais: nave, presbiterio (máis elevado que a anterior) e sancristía adosada a este último pola banda norte. O aspecto máis destacable da súa arquitectura, como ben recolle Broz Rei no libro “Santatoíño de Toques”, son os muros exteriores do presbiterio, executados en aparello de perpiaños rectangulares (sillares), e nese senso así nolo conta: “unha das características da igrexa de Paradela son os muros da ábsida, que son de sillería de pedra da tarroeira, igual que os da Capela, con sillares moi ben recortados e asentados”. O mesmo autor referíndose á reedificación conclúe que: “esta ábsida foi elevada. Construíuse tamén unha sancristía adosada a ela. Outra pequena sancristía está adosada á nave, que tamén foi ampliada [...] Estas actuacións puideron acontecer despois da desamortización, despois do ano 1836, cando queda liberada do padroado de San Antoíño de Toques, a quen pertencía, ou mellor dicir de San Martiño de Santiago”. Do seu frontis ou fachada principal (oeste) destacar, ademais da súa considerable elevación, o emprego de elementos de cantería dispostos nos esquinais dos ángulos, na porta alintelada e no óculo situado á altura da tribuna, así como a espadana provista de dúas troneiras para campás, rematada por un ático provisto dunha troneira oca e flanqueada por senllos pináculos e coroado por unha cruz en pedra. No lenzo meridional do presbiterio aparece integrado no seu aparello de perpiaños o escudo do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago (que é obxecto dunha ficha individualizada neste catálogo de abeancos.gal: elemento nº 79). No interior destácase o arco triunfal de medio punto apoiado sobre senllas impostas molduradas que descansan sobre os machóns laterais, na transición entre a nave e a cabeceira, ademais do seu retablo principal de estilo Neoclásico do século XIX. Resulta moi curiosa unha lenda que vincula a esta igrexa coa Capela de San Cidre situada no alto do Monte do mesmo nome, e sobre un santo que á par de labrego tamén semella ser “peregrino” ou “viaxeiro”, xa que cando se pretendía levar a imaxe ata a igrexa da parroquia, a mesma acababa regresando á Capela monte arriba. BIBLIOGRAFÍA: - Ares vázquez, Nicandro: “ onomástica parroquial das aldeas do Concello de Toques”. Publicado no Boletín 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A nobreza da Terra de Melide (escudos de Toques)”. Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. Publicado o ano 2011. [Cronoloxía] Idade Moderna-Idade Contemporánea [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo en Romeao [Parroquia] San Cosme de Abeancos [Descrición] Na aldea de Romeao podemos ver este fermoso modelo de hórreo que se encadra na tipoloxía “PPM”, establecida por Xosé Manuel Broz Rei, no seu traballo titulado “Etnografía de Melide”. Nesa tipoloxía encadra ós hórreos “que teñen o testeiro de pedra e madeiras nos laterais e porta, que correspoden ós máis antigos (...). Polo que son do século XIX”. O exemplar de Romeao conta con catro estremas (tramos), oriéntase nun eixo SO – NL e coona cunha lonxitude estimada duns 8 metros. A estrutura érguese sobre un banco de cachotaría, que sirve de basamento ós seus cinco pes, realizados en cantería e con perfís moldurados. En troques de contar con tornarratos individualizados, o basamento da cámara consiste nunha mesa corrida realizada en cantería de granito e con cantos biselados. O armazón da cámara (ucheiras e piares) ó igual que os testeiros e os penais, están realizados en cantería de granito de esmerada feitura, mentres que os peches laterais (ladeiros) da cámara e a porta están realizados en madeira. A estrutura cóbrese a dúas augas con tella curva do país e sobre os penais dispóñense unhas sobrepenas voadas que serven de soporte a unha cruz en pedra (a do extremo sur) e a un pináculo (no remate norte). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] O primeiro aspecto a considerar, e para poñer a parroquia en contexto histórico, imos parafrasear as doutas verbas do lingüista Nicandro Ares, que así nolo conta: “ABEANCOS: Son dúas parroquias non inmediatas (estanos a falar das parroquias de san Salvador e da de san Cosme de Abeancos), pero situadas no antigo territorio de “Aviancos”, así denominado xa no ano 747 e posteriores, que se configurou eclesiásticamente como arciprestado alomenos dende 1645. Posiblemente a primeira destas dúas foi a de San Salvador, como parece indicar o seu titular, dado que as antigas comunidades cristiás elexían como patrón ó Salvador antes que a calquera outro santo. Por outra parte non se debe olvidar que por esta parroquia entraba en Melide o camiño primitivo de San Salvador de Ovedo cara a Santiago e que un lugar desta parroquia chámase Compostela”. En termos parecidos se expresa o lingüista melidao, Joaquim Vázquez Rodríguez, quen apunta tamén que: “O haxiotopónimo San Salvador procede do latín SALVATOR -ORIS `salvador, livertador´, derivado do verbo SALVARE `salvar. Surdiu nos ambientes cristiáns dos primeiros séculos e, ademais de funcionar como atributo de Cristo, pretendía ser unha interpretación do nome de Xesús... Así pois tanto o patrón da parroquia (SAN SALVADOR), como a fórmula ABEANCOS, de base indoeuropea/ prerromana nos levan a pensar nunha parroquia de raigame antiga, aínda que o estilo do templo parroquial actual nos sitúe nos tempos modernos, concretamente no século XVIII, así pois é lóxico pensar nunha edificación pretérita, previa á actual. Nesa liña o investigador Broz Rei, en base ás consultas do libro de fábrica da parroquia extrae dous datos clarificadores: (f. 17) ano 1764: “...se haga la igesia de nuebo por amenazar ruína...” ,e , (f.29) ano 1772: “...esta iglesia se ha reedificado ensanchado, y hizo toda de nuevo...”. Con esas datas xa vemos como a igrexa se reedifica na segunda metade do século XVIII, ademais de foi no ano 1777 cando se edifica a actual sancristía (adosada ó presbiterio polo lateral norte). Co anexo da sancristía o conxunto presenta unha planta en “L”, e consta de tres partes fundamentais: Nave en planta rectangular; Presbiterio situado a continuación da nave, nun desenvolvemento único, de planta cadrangular e máis elevado que a nave e cuberto a catro augas; e a Sancristía, de planta rectangular e cuberta a tres augas. Da arquitectura exterior do conxunto destacar os materiais construtivos: aparello de cachotaría recebada e pintada, e emprego de cantería de granito nos esquinais e nos vanos (portas e ventás). No frontis, ou fachada principal, simúlase no recebo unha disposición de fiadas de perpiaños de cantería. O mesmo frontis, como é habitual coróase cunha espadana, realizada en cantería, e que conta cunha troneira para acoller unha campá e un ático provisto dun frontón de feitura triangular con aletóns de perfil curvilíneo. O frontón presenta un pequeno óculo central e uns adornos en voluta sobre os aletóns. O mesmo aparece flanqueado por sendos pináculos moldurados e coroado por unha cruz de ferro moi ornamentada. Tamén sobre o presbiterio, no seu cumio, se ergue outra cruz de ferro que conta cunha veleta para marcar as direccións do vento. No interior da igrexa destácase, ademais dos retablos realizados en estilos Barroco e Neoclásico, o arco triunfal de medio punto con perfil moldurado apoiado sobre impostas igualmente molduradas. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia do Concello de Melide”. [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo en Marcoraos de Arriba. [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Na aldea de Marcoraos de Arriba podemos ver un exemplar de hórreo que se encadra na tipoloxía “M” que establece Xosé Manuel Broz Rei, no traballo “Etnografía de Melide”, que é nas que se inclúen aqueles hórreos construídos en madeira. Neste caso de Marcoraos de Arriba vemos o modelo de hórreo no que prima a carpintería na súa construción. Trátase dun hórreo dunha soa estrema (tramo), con tellado a dúas augas e cuberto con tella curva “do país”. A cámara está realizada enteiramente en madeira: ucheiras ou columnas, ladeiros (laterais) e tamén o piso. A cámara descansa sobre pes rectangulares (o da banda oeste de pedra, e o da oriental en cemento, ou quizais en pedra reforzada con recebo) rematados por tornarratos de planta rectangular, realizados en pedra (gneis). A porta ábrese pola banda occidental, á que se accede mediante unha escaleira de desenvolvemento moi alongado, constituída por chanzos de pedra, de cachotaría cos escalóns e tabicas recebados. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Boletín nº9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. 1995. -Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide”. Boletín nº29 do Centro de Estudios Melidenses – Museo Da Terra de Melide. 2016. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Emprazamento da antiga igrexa de San Ramón de Grobas [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] No lugar de Grobas de Abaixo gárdase a memoria da existencia da antiga igrexa de San Ramón, a escasos metros da localización da Fonte do mesmo nome, unha fonte de augas con propiedades, onde segundo a tradición os homes lles lavaban os pes ás mulleres embarazadas para que o santo Nonato lles concedera un bo parto. Onde hoxe nos atopamos cunha masa arborada de bosque autóctono se atopaba a antiga igrexa, nunha parcela que segundo as referencias catastrais (parcela 385 do polígono 015) aparece denominada como “Casas da iglesia”, manténdose a referencia á igrexa noutras propiedades lindeiras, así atopamos fórmulas como “Prado da Iglesia”, “Navio Grota Iglesia”. Como recolle Broz Rei no seu traballo sobre as igrexas de Melide “na aldea de Grobas había unha pequena capela e en Baltar outra, polo que se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”. A vella igrexa de Baltar atopábase no lugar de Eixe de Lamas situándose dende o ano 1926 na aldea de Baltar. Tamén o mesmo autor refire un dato extraído do Libro de Fábrica dunha referencia do ano 1885 da existencia dun retablo procedente da antiga igrexa de San Andrés da Coruña, que foi montado parcialmente na pequena igrexa de Grobas, adaptándoo ó sitio, posto que o retablo contaba cun porte maior. Este retablo foi trasladado posteriormente á igrexa nova de Baltar, en cuxo camarín central atopamos unha imaxe de San Ramón Nonato, o que nos está a lembrar a advocación da vella igrexa de Grobas. Bibliografía: - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Pontella en Tarrío [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] No lugar de Tarrío discorren dous regos que alimentan e lle aportan caudais ó río Catasol, sendo regos de caudais permanentes que contribúen á formación do río, que se orixina ó sur da aldea de Vilaverde, unha vez que recibe as augas do rego dos Pasos e do rego Alvariño ou rego de Santa Mariña. Precisamente á altura de Tarrío discorre o rego dos Pasos, que nace nas proximidades dos Condes xa en terras de Boimorto, ademais doutro rego, do que descoñecemos o nome e situado pola banda oeste da aldea de Tarrío, co que nos atopamos seguindo polo camiño que dende o Pazo se dirixe á Cortiñela, unha vez atravesada a estrada AC-840. Unha vez que deixado atrás o Pazo e xa chegando ó rego nos atopamos a man dereita (norte), cunha paraxe de grande beleza paisaxística, nunha paraxe de bosque de ribeira de arborado autóctono que poderiamos definir como bucólica. Atopámonos cun rego de trazado serpenteante e caudais en movemento, no que se artellaron solucións de uso e de optimización, tal é o caso de estruturas de carácter hidráulico, como poden ser unha rústica pontella de pedra executada de xeito sinxelo, empregando como taboleiro unha pedra grande de cantería que se corresponde coa xamba dunha porta, que se apoia sobre uns estribos sobreelevados realizados con grandes pedras postas de canto. Dentro tamén, e no propio cauce, vemos outro tipo de estruturas de “humanización” concibidas para aproveitamento das augas, tal é o caso dunha calella ou rego embocada mediante dúas pedras  dispostas en paralelo e de canto, ou tamén dunha pedra inclinada disposta na marxe dereita do río unha vez rebasada a pontella, para ser empregada como pedra de lavar. Entre os recursos naturais destaca o arborado de ribeira ou tamén a existencia dun exemplar espectacular da familia dos fieitos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] O Castro [Parroquia] San Tomé de Castro [Descrición] Nesta ficha preténdese poñer en valor e situar no mapa a unha das antigas parroquias existentes no Concello de Melide, que mantén a entidade como parroquia civil, pero que perdeu a significación relixiosa toda vez que tanto a parroquia de Santo Tomé  de Castro e a de San Xoán de San Cibrao se “funden” nunha soa dando lugar á actual fregresía de San Xosé das Cazallas. Ó igual que da segunda das parroquias, a de San Cibrao, se coñece onde estaba a igrexa parroquial, no lugar da Torre (no que aínda se conserva a antiga casa reitoral), no caso de Castro descoñécese onde estaba a igrexa. Como refire Xosé Manuel Broz Rei, a parroquia de San Cibrao trasládase ás Cazallas no ano 1891 e como en base á consulta do Libro Becerro do Convento de Sancti Spiritus de Melide, extrae que en Castro “houbo unha Capela ou lugar adaptado pra celebrar misa polos franciscanos de Melide”. Así pois descoñécese onde estaba a antiga igrexa e tamén resulta chamativo o topónimo da parroquia que nos leva a entender como unha derivación da verba latina Castra (Castro). Algúns lingüistas xa apuntan esa posibilidade, como refire Nicandro Ares Vázquez que nos rexistros civís aparece denominada como Cazallas que segundo el (segundo escribe Menéndez Pidal en Orígenes del Español, num.26/4, é voz mozárabe, que equivale á latina Castella, a cal é diminutiva de Castra, plural de Castrum ou sexa “Castro”. Na mesma liña se posiciona o lingüista local Joaquim Vázquez quen o considera como “derivado do latín CASTRUM e CASTELLUM que vai dar a CASTELO, que se refire moitas veces a castros pequenos e non a castelos medievais “residencias reais ou señoriais fortificadas”. Este estudoso cita varios exemplos a nivel comarcal que teñen como topónimo Castro, e como el ben di “todos eles se refiren a pequenos lugares e aldeas espallados en lugares altos, outeiros, que agochan restos de poboados castrexos”. Reparando na topografía da aldea de Castro vemos como xusto antes das casas, a man dereita da pista que leva ata o lugar, existe unha superficie de forma oval lixeiramente elevada, que conta cunhas dimensións de 100 metros no eixo N-S e 75 metros no eixo L-O. Trátase dunha plataforma elevada, coa superficie aplanada e con caídas pola banda Norte, Oeste e Sur, mentres que no cuadrante Norleste aparecería situada nun plano máis baixo que nas propiedades lindeiras, sendo precisamente esa zona a que semella ter sido significativamente máis alterada. Se reparamos nos mapas de pendente e nas capas de sombreado do programa LIDAR (información xeográfica de Galicia), apreciamos como pola banda Oeste, do lado contrario da pista que leva ata as casas, se suceden por continuidade inmediata á mencionada “croa”, outras tres superficies aplanadas e escalonadas en bancadas, con caída dende o Leste cara ó Oeste. Así pois, na configuración do relevo e analizando a súa topografía, todo nos estaría evocando a existencia dunha croa situada no lado dereito da pista e de tres aterrazamentos, a xeito de antecastro, pola banda Oeste da pista, e anexionados ó primeiro. Nesa liña e quizais aí podería (a falta dun estudo arqueolóxico máis amplo) ter existido un asentamento castrexo asociado á Idade do Ferro/Romanización, ou dunha castronela ou torre de periodización Altomedieval. Son hipóteses de traballo que deberan ser consideradas posto que de non existir un asentamento castrexo nas inmediacións da aldea de Castro, esta sería unha excepción respecto a outros lugares da comarca da Terra de Melide que concordan coa súa toponimia. Consultadas as referencias do Catastro, vemos como en todas esas parcelas repítese o  topónimo Castro, así como Agro do Castro ou Prado de Castro. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia da comarca de Melide”. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro do Barreiro [Parroquia] San Mamede do Barreiro [Descrición] A unha distancia duns 50 metros ó SSO da igrexa parroquial de San Mamede do Barreiro, atópase o cruceiro da parroquia, aínda que enfronte á propia igrexa existe un cruceiro de fabricación actual. O cruceiro vello sitúase nunha encrucillada situada onde a explanada do campo da festa, que se circunscribe ó espazo comprendido entre o templo e o cruceiro vello. O cruceiro se encadra dentro da tipoloxía E establecida por Xosé Manuel Broz Rei, que se asocian ás formas máis sinxelas dos cruceiros existentes na Terra de Melide, e que os data a fins do século XVIII, todo o século XIX e con pervivencia no século XX. A estrutura do cruceiro parte dunha grada ou banco de lousas de feitura cadrangular, sobre o que descansa a basa ou pedestal de forma troncopiramidal escasamente traballada, sobre a que se ergue o varal ou fuste que presenta extremos en sección cadrada e o desenvolvemento central en sección octogonal, ó contar coas arestas sesgadas en bisel. O capitel é de tipo moldurado, carente de figuración, que semella ser posterior á execución orixinal do cruceiro, polo que tamén semella ter sido substituído por un capitel orixinal cuxa feitura posiblemente non había diferir moito do presente. Xa por último, e referíndonos á cruz, sinalar que é de feitura sinxela carente de figuración e coas arestas cortadas en chafrán. Broz Rei, documenta como tradicionalmente “vai a procesión hastra o cruceiro polo patrón San Mamede, o 7 de agosto e tamén vai polo San Antón en xuño”. BIBLOIGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiro da terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Utrera Baza, Ángel: “Aproximación ós cruceiros de Melide na obra de Xosé M. Broz Rei do ano 1983”. Publicado no Boletín nº 34 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2021 [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casas do Curro / Eira do Curro [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] Na aldea de Trasirexe existe unha propiedade en estado de abandono con diversas estruturas en proceso de ruína e esmorecemento que se dispoñen a xeito de propiedade pechada, envolta en si mesma, que se artella en torno a un espazo a xeito de eira ou curro á que se abren as diferentes edificacións de morada. Todo o conxunto, a pesar do seu grave estado de alteración, reflicte o modelo propio dun casal, no que a propiedade se artella en función das necesidades propias da facenda. Ó tratarse dun quinteiro, casal ou vilar, tal e como se entende como “conxunto de casas que forman, xeralmente, un grupo separado dentro da aldea”, todo se estrutura de maneira “autónoma” e nunha constante da procura  delimitadora do réxime de propiedade. O acceso, independentemente de que algunha das edificacións poida ter comunicación propia cara ó exterior, o certo é que a entrada principal se corresponde cunha portada que serve tanto para acceso de persoas como de animais e carros, unha portada de por si elevada que acostuma a estar resgardada por un telladiño a dúas augas. Este casal de Trasirexe é segundo a tradición oral (coas debidas reservas), o lugar onde se asocia co lugar de nacemento do bispo Mateo Segade Bugueiro (1605-1672). Recálcase que o dato hai que tomalo con prudencia e cautela, xa que non está testemuñado documentalmente o lugar preciso do nacemento de tan reputado persoeiro. Segundo comentan moitos veciños de San Román, esta mesma hipotese lla teñen escoitado ó que foi o seu cura-párroco a mediados do século XX, Don Francisco Ares. En base á biografía que do prelado fai Armando Cotarelo Valledor no Terra de Melide (1933), extráense os seguintes datos: “Finando o século XVI vivía no pintoresco lugar de Trasigrexas, fegresía de San Pedro de San Romao, termos de Melide, o capitán Mateo Segade xa retirado das armas... Certo que pertenescía ós Segades, honrados maruláns, que no lugar deste nome (fegresía de Abeancos) labraban xenerosas leiras e tiñan casa boa con infras de pazo. Mais el non as pusía, por aquela nin a moraba, por sere segundón, contentándose coa máis inxel de Trasigrexas e algúns labramios doados en arrendo”. Unha vez que dito capitán retirado é escribán na xurisdición de Boente, contrae nupcias con Ana Bugueiro e segundo refire Cotarelo Valledor: “pol-o marchou o novo matimoño a residir na casa de Trasigrexas i en ela lle naceron os primeiros xermolos”. Dos catro fillos que tiveron Don Mateo Segade Bugueiro foi o terceiro deles. E coñécese polas investigacións deste biógrafo que “Don Mateo Segade Bugueiro nasceu no lugar de Trasigrexas e foi bautizado na parroquial de Sanromao (Melide) o 20 de outubro de 1605 (datos extraídos da partida de bautismo)”. O biógrafo aclara que “a primeira neneza de Don Mateo pasouse en Trasigrexas, pequena aldea de oito ou dez fogares labregos, e logo no semi-pazo de Segade, onde se trasladou cos seus maores hacia 1610. Cativo aínda quedouse orfo de pai, na idade de seis anos, (en verbas de Álvarez Carballido), pero en realidade sete, pois a morte do capitán-escribano acaescéu en 1613, según vai dito. Entón mudouse a viúva a Melide, a boa casa con orta, pastos, rendas i herdades que posuía na vila, sin deixar de volver tempadas ó campo”. Así pois, non cabe dúbida do lugar de nacemento e primeira nenez do insigne prelado, mais resulta difícil precisar o lugar exacto do caserío onde se trasladaron os seus pais unha vez que contraen matrimonio. Aínda que as referencias documentais nos están a falar de comezos do século XVII, se deduce que a meirande parte das construcións deste casal semellan ter sido erguidas en tempos posteriores. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Rúa, Miguel: “Mateo Segade Bugueiro, fillo de San Román”. Artigo publicado no blog: asociacionalverde.blogspot.com, ano 2012. - Cotarelo Valledor, Armando: “Lembranza biográfica de D. Mateo Segade Bugueiro”. Publicado no Terra de Melide do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI). Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. [Cronoloxía] Idade Moderna-Contemporánea [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Emprazamento da antiga igrexa de Baltar [Parroquia] Santiago de Baltar [Descrición] No lugar de Eixe de Lamas ou Eirexe, ademais da antiga Escola de Baltar construída pola familia Calderón, tamén se ubicaba nunha parcela situada a uns 20 metros ó suroeste da mesma, a antiga igrexa parroquial de Santiago de Baltar. Broz Rei no seu traballo sobre as igrexas de Melide, refire como “na aldea de Grobas de Arriba había unha pequena capela e en Baltar outra, polo que se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”. Así pois foi no ano 1926 cando se constrúe a actual igrexa parroquial na aldea de Baltar, sendo esta un templo de grandes dimensións moi por riba da media das igrexas rurais existentes no termo municipal. A parcela onde se testemuña que estivo situada a igrexa antiga, no lugar de Eixe de Lamas disponse nunha terraza, estando ocupado o seu extremo norte por coníferas e a meirande parte da propiedade a prado. Chama a atención a existencia na parte central da propiedade, dunha pedra de feitura troncopiramidal que parece corresponderse á basa dun cruceiro, a xulgar pola feitura da mesma e por contar cun rebaixe no seu centro flanqueado por senllas grampas de ferro, posiblemente concibidas para a fixación do varal. Enténdese pola data de construción da igrexa actual en Baltar, que o antigo templo situado en Eixe de Lamas, debeu esmorecer ó quedar en desuso, previamente á data de erección da nova. Certamente non se dispón de datos que falen de como sería a igrexa antiga. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “ A Terra de Melide”, publicado no ano 2001. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Mamede do Barreiro [Parroquia] San Mamede do Barreiro [Descrición] A igrexa de San Mamede atópase nunha paraxe illada, nunha carballeira bordeada por masas de repoboación de eucalipto e de propiedades a prado, sendo as aldeas máis inmediatas a de O Mato e a do Barreiro de Arriba, onde se sitúa o Castro do Barreiro a unha distancia duns 180 metros ó NNL da igrexa. No propio lugar onde se empraza a igrexa existen dous cruceiros, o tradicional e un segundo de execución en tempos recentes. A igrexa, de estrutura sinxela, disponse nun único eixo e nun único volume. Broz Rei recolle en base á información consultada no Libro de Fábrica que a igrexa foi reconstruída no ano 1827, e como foi no ano 1899 cando se reedifica un lateral e a fachada. Como xa se sinalou, a igrexa amosa unha estrutura bastante básica, como se reflicte xa dende o exterior, destacándose unicamente o seu arco triunfal de medio punto, apoiado sobre impostas de perfil moldurado e carentes de decoración, que se apoian sobre machóns de cantería. No exterior vemos como o aparello dos muros aparece encalado e pintado, quedando a pedra á vista nos elementos de cantería existentes, correspondentes ó enmarcado dos vanos (portas e ventás), nos esquinais dos extremos e na espadana, que consta dunha única troneira para acoller unha campá, e dun ático con remates laterais a xeito de pináculos e coroado por unha cruz en pedra. No campo central do ático, que conta cun deseño troncopiramidal, ábrese unha pequena fornela baleira, cuxo único cometido é o de conferirlle un mellor equilibrio compositivo á espadana, en correlación e analoxía coa arcada de medio punto da fornela da campá situada por debaixo. No interior da igrexa, na Capela Maior, existe un retablo de madeira de estilo Neoclásico, realizado e pintado no ano 1886, como figura no Libro de Fábrica. Resulta chamativo o topónimo da parroquia, posto que tal e como apuntan Nicandro Ares e Xaquín Vázquez, a súa orixe asóciase coa verba “barro”, considerada unha derivación da fórmula prerromana que se vincula con lugares abondosos en barro, ou con lugares onde se extrae o barro ou mesmo o oficio de manipulador de dita materia. Nese caso poderiamos pensar nunha actividade extractiva que puidera ter unha correlación cos traballos alfareiros ou coa construción tradicional na que se emprega o barro como elemento aglutinador do aparello de cachote das edificacións. Esta orixe prerromana apuntada polos dous autores citados nos pode levar á posible existencia de zonas extractivas que puideran ter vinculación co propio castro existente nas proximidades. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia do Concello de Melide”. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Castro de Donide/A Roda [Parroquia] San Pedro de Maceda [Descrición] Na parroquia de Maceda contabilízanse un total de tres asentamentos castrexos, ubicados nas inmediacións das aldeas de Donide, Paraños e Marrás, sendo recoñecidos co nome deses lugares. Así pois estamos a falar da parroquia con maior densidade de castros existente no termo municipal de Melide. O castro de Donide situado ó norte da aldea, emprázase nun outeiro elevado (cuxo punto máis alto acada unha cota de 571 metros de altitude). O asentamento castrexo presenta unha forma irregular, con tendencia oval , e presenta unhas dimensións duns 125 metros no eixo maior (NNL-SSO) x uns 70 metros (no eixo ONO-LSL). A nivel defensivo o castro aparece bordeado por unha muralla, que pola banda suroriental se vai desdibuxando, trocándose por un terraplén. Como apuntou Cuevillas no seu momento (“Terra de Melide”, 1933) vemos coma no nordeste existe unha entrada ó recinto, que o reputado prehistoriador asocia coma moderna. No intre da visita de campo (comezos do ano 2023) se puido comprobar como o castro conta con abondosa vexetación arbórea (principalmente de especies de vexetación e invasivas, eucaliptos e mimosas, en asociación con masas de arborado autóctono, especialmente pola banda oriental), dese xeito non resulta posible unha correcta definición do poboado e das súas estruturas na foto de dron. Tamén se corroborou como se estaban a realizar traballos de tala e plantación forestal por toda a banda occidental do outeiro, en cuxa parte máis elevada se empraza o asentamento. Cuevillas fala de que na súa visita ó castro atoparon anacos de tégulas, o que nos está a falar dunha ocupación en época galaico-romana. Nese senso resulta relevante destacar alta densidade de castros existentes nas parroquias da banda noroccidental do termo municipal de Melide, que puidera ter que ver coa presencia dunha complexa trama mineira (presumiblemente aurífera), da que existen abondosas cuncas extractivas nas parroquias de Baltar, Golán e Grobas. BIBLIOGRAFÍA: -López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”, publicado en “Terra de Melide”, Seminario de Estudos Galegos, 1933. [Cronoloxía] Idade do Ferro e Romanización [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Sartego antropomorfo na igrexa de Santa María de Melide [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] No ano 1990 Xosé Manuel Broz Rei, xa da conta da existencia de parte de dous sartegos antropomorfos situados a carón do muro de peche do adro da igrexa de Santa María de Melide, na beira do Camiño de Santiago. Posteriormente no ano 1999 a Xunta de Galicia desenvolve un proxecto de restauración na igrexa románica de Santa María, e tamén se leva a cabo unha obra no seu exterior para refacer e endereitar o muro de cachotaría de peche do adro da igrexa, pola súa banda sur. Con tal motivo quedaron á vista ademais dos dous que xa refería Broz Rei, un terceiro (infantil), todos eles labrados na rocha natural, a unha cota máis baixa que a do chan do adro da igrexa. Deses tres sartegos hai un que resulta visible na actualidade, do que se conserva a súa metade norte, e que se protexeu e amparou cun peche ou valado metálico, para evitar ser deteriorado por mor do tráfico rodado que discorre por ese treito do Camiño Francés. Presenta unhas dimensións de 1,65 metros no eixo Oeste-Leste. Así pois, durante as obras quedaron á vista, como xa se dixo, tres enterramentos: un infantil, a xulgar polas súas escasas dimensións. E os outros dous cuxa existencia xa era coñecida: a metade norte dun de adulto que é o de que estamos a falar, e do lateral dun terceiro situado a un 1 metro ó oeste do anterior. Do enterramento infantil non se pode ver nada na actualidade, xa que quedou tapado polo propio muro do peche do adro, unha vez que se refixo. O sartego de adulto, pode apreciarse que foi labrado na propia rocha natural, que presenta un importante estado de deterioro e exfoliación, no que aparece remarcado o contorno da cabeza, o engrosamento correspondente a zona do ombreiro esquerdo e todo o desenvolvemento decrecente do lateral do corpo do defunto, ata chegar ó arranque da curvatura de peche na zona dos pes. A orientación destes enterramentos é de Oeste cara ó Leste, estando pois, a  cabeza situada na banda de poñente. A proximidade entre si dos tres enterramentos, así como a correlación existente nun mesmo plano arqueolóxico, e a separación respecto ó propio lateral do templo, induce a pensar que todo o adro debe estar cheo de soterramentos practicados en rocha, algo moi recorrente nas igrexas de periodización medieval. Así pois, deste tipo de necrópoles atopamos abondosos paralelos, tal é o caso das escavadas necrópole das Encrobas ou a do propio adro da igrexa románica de Lalín de Arriba, exhumada recentemente, sendo pois algúns dos moitos exemplos deste tipo de camposantos. Tamén nalgunha intervención na igrexa prerrománica de Santa María de A Capela (ou de San Antoíño de Toques), se ten constatado a existencia deste tipo de ritual funerario. Resulta chamativo que habendo xa transcorrido nada menos que 24 anos dende que se identificaron os enterramentos en Santa María, e pasando o seu carón cada ano milleiros de persoas que fan o Camiño de Santiago, aínda non houbera administración á que se lle dera por instalar o panel explicativo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “A nobreza da Terra de Melide”. Publicado no boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Novos sartegos nas igrexas de Santa María de Melide e Santa María de A Capela (mosteiro de S. Antoiño de Toques)”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado no ano 2001. - Vázquez Neira, Cristina: “A escultura funeraria e os sartegos no Museo da Terra de Meldie”. Caderno didáctico publicado no blog: museodaterrademelide@blogspot.com, ano 2020. [Cronoloxía] Idade Media [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Capela da Santa Cruz de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A Capela da Santa Cruz ubicada en Furelos é unha das mostras existentes na Terra de Melide, concretamente nos concellos de Melide e de Santiso, que son lembranza das misións populares predicadas polos P.P. Pasionistas de Melide, congregación que tivo presenza no noso concello dende o ano 1909 ata 2011. Co gallo desa labor de apostolado popular e devocional fóronse erguendo pequenas capelas conmemorativas onde se venera a Santa Cruz. Trátanse de edificacións sinxelas, de planta cadrada ou rectangular, cubertas a dúas augas e carentes de fachada frontal, e que non se ven obrigadas a manter os canons orientativos propios dos templos de culto, cuxo altar se sitúa no leste e a entrada polo oeste. Así pois vemos como esta capela que nos ocupa, está orientada no eixo norte-sur. A Capela de Furelos presenta unhas dimensións duns 8 metros no eixo N-S e duns 7 metros no eixo L-O. Construtivamente foi realizada en aparello de cachotaría presentando senllos vanos a xeito de ventás polas bandas leste e oeste. A entrada, situada no lado meridional, foi obxecto de melloras mal entendidas, que na procura de conferirlle unha maior monumentalidade, o que se fixo foi modificar e alterar a tipoloxía propia deste tipo de capelas nas que prima a sinxeleza e a funcionalidade respecto á fastuosidade da arquitectura, toda vez que o elemento clave a enfatizar é o propio elemento de culto que nelas se venera, a Santa Cruz. Como refire Broz Rei: “esta capela foi construída nos comezos do século XX. A cruz de madeira é obra de Manuel Vázquez Ferreiro, veciño de Furelos e lego pasionista”. Tamén refire como tradicionalmente se facía procesión dende a igrexa parroquial de Furelos ata a Capela, na propia festividade da Santa cruz, o día 3 de maio. Como elementos de ornamentación da Santa Cruz, conta cun bo número de atributos da paixón: tres cravos, cartela en forma de pergameo enrolado co acrónimo INRI, tenaces, lanza en forma de alabarda, pértiga con esponxa, coroa de espiñas en cuxo centro aparece un corazón cunha cruz superposta (símbolos da Congregación Pasionista), escada, martelo, cáliz coa sagrada forma, galo, columna, caveira e tíbias entrecruzadas. Refire Broz Rei como “en algunhas faise ese día a subasta das línguas e outras ofrendas máis que os devotos ofrendaron. Póñense tamén nas terras as cruces de oliveira bendita polo domingo de Pascua, e ándase a leira darredor ó tempo que se reza e se bota auga bendita cun ramallo de loureiro”. No termo municipal de Melide, ademais da de Furelos, hai capelas da Santa Cruz nas Conchadas de Santalla de Agrón e na carballeira de Santa María de Grobas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Capelas da Santa Cruz”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de arquitectura tradicional nas Figueiras [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Reproducindo as verbas de Xosé Manuel Broz Rei: “ As Figueiras conserva un rincón dos máis fermosos e único do noso conxunto: unha casa con corredor de columnas e antepeito de madeira; outra en ángulo con balcón sobre ménsulas. Na eira hai un bo hórreo á beira dunha vella oliveira. Noutro tempo tivo portada, da que aínda se ven os sillares, foi desmontado o dintel”. Efectivamente nas Figueiras nos atopamos cun destacado conxunto arquitectónico tradicional, con certas evocacións coas arquitecturas pacegas rurais. Certamente se trata dun fermoso conxunto que reflicte a singularidade das arquitecturas de certa entidade nas que se conxuga o modelo rural tradicional e o modelo solariego, dando lugar a un modelo de edificación de simbiose. O conxunto artéllase, estruturalmente falando, en dúas vivendas, dispostas en ángulo aberto, en “L”, que se adosan no ángulo noroeste. Ambas vivendas constan de dous andares e cubertas a tres augas. A situada máis ó leste é a que presenta o corredor columnado e sostido por piares de granito, que nos lembra o modelo das solainas dos pazos. O corredor en troques dunha balconada ou balaustrada conta cunha varanda corrida de madeira, a modo de antepeito, que na zona de contacto coa segunda vivenda, no ángulo noroccidental, se troca nun taboado cego . Na outra vivenda, e a unha mesma altura, optouse pola execución dun balcón de estrutura de madeira, apoiada sobre unha ménsula moldurada, que en tempos recentes foi reforzado por un piar a imitación dos existentes na primeira das casas. A unha distancia duns 10 metros ó sur da segunda das casas vemos a figueira e o hórreo referido por Broz, un hórreo de tres estremas, de 9 metros de lonxitude, que se encadra na tipoloxía máis recorrente na Terra de Melide, no que se conxuga a pedra de canteiría coa madeira, cubrición a dúas augas coin tella curvas, do país e coroado nun dos extremos por un pináculo (aínda que orixinalmente debeu contar con dous, como pode verse polos restos dun segundo, pousado sobre o banco corrido sobre o que se ergue o hórreo, coroado por unha veleta de ferro en forma de galo).   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “A etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado o ano 2001. [Cronoloxía] Idade Moderna [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Figura antropomorfa de Reboredo [Parroquia] Santa María de Vimianzo [Descrición] Na aldea de Reboredo, xusto enfronte á Casa Grande , vemos coma no peche dunha propiedade particular se integra no aparello de cachotaría unha pequena escultura ( de 40 cms de alto x 15 cms de ancho) realizada en rocha granítica. Esta figura, de tipo antropomorfo, da que se descoñece a cronoloxía e o seu contexto histórico orixinal, presenta algunha pauta coincidente coa plástica castrexa, concretamente coas identificadas como as do tipo “cara de curuxa” que polo xeral se manifestan como rostros pouco realistas, xeralmente planos, realizados con trazos moi sinxelos, destacándose os ollos, o nariz e a boca, nunha composición a xeito de “T”. Nalgunha delas tamén se poden ver plasmadas as orellas e o cabelo. Os ollos poden estar representados mediante sinxelas perforacións ou concavidades, ou ben da maneira contraria, é dicir avultados e saltóns. O nariz acostuma partir das cellas e normalmente represéntase aplanado. A boca represéntase mediante liñas horizontais. Mais tamén hai especialistas que desbotan a posibilidade de tratarse dunha figura encadrable na plástica castrexa, considerando que se trataría dunha produción etnográfica de raigame popular, como o ten manifestado o arqueólogo Antonio Álvarez Núñez, director das escavacións no Castro de Barán (Paradela, Lugo), nas que teñen aparecido varios exemplares de “cabezas cortadas” de produción galaico-romana. Parafraseando a descrición que da figura fan os autores Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, que alcuman á figura coma “Ídolo de Reboredo” vemos que se correspondería cunha “pequena figura antropomorfa cun esquema xeral en forma de 8, composto de dúas partes diferenciadas. A parte superior de forma en triángulo invertido representa un rostro ben definido. Presenta dous ollos totalmente circulares e pouco saltóns, (e no caso do esquerdo parece estar marcada a pupila), remarcados por unhas liñas tenues semicirculares en forma de cella (máis marcada no ollo dereito). A continuación das cellas parten dúas liñas en vertical debuxando un nariz, que pecha cunha liña recta ( o conxunto de ollos e nariz presentan unha composición en forma de T, característica moi común na figuración castrexa). Baixo o nariz aparece a boca conformada por unha liña curva bastante grosa, o que suxire unha boca semiaberta. A partir da boca prodúcese un acusado estreitamento correspondente ó pescozo da figura. A parte inferior presenta unha forma trapezoidal, nela aparece gravado un debuxo esquemático que ofrece dúbidas interpretativas, xa que pode interpretarse como a esquematización dun corpo dun home, con dous brazos e pernas que parten dun corpo vertical (aspecto bastante estraño ó asociarse a un rostro realista, ademais de producirse unha desproporcionada diferenza entre as escalas de ambas partes). Outra posibilidade é de que se trate dunha ornamentación ou decoración dunha prenda ou adorno, colocada na parte superior dun torso ou dunha base dun busto. Baixo ese motivo curioso aparece unha especie de resalte, que sobresae do corpo inferior uns 3 cm., que podería tratarse dun apoio ou duna peana”. Vemos pois, como son varias as interrogantes: determinación cronolóxica, adscrición cultural, lugar de orixe pretérita, e tamén que é o que se está a representar na metade inferior da figura. Posiblemente sexan cuestións que non se darán clarificado, o que lle aporta un grao de misterio á figura. BIBLIOGRAFÍA: -Vázquez Neira, Cristina: “ A escultura antropomorfa de Reboredo”. Boletín 22 do Centro de Estudios Melidenses – Museo da Terra de Melide, decembro 2009. -Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “ A escultura antropomorfa castrexa na Terra de Melide”. Boletín 26 do Centro de Estudios Melidenses – Museo da Terra de Melide, decembro 2013. [Cronoloxía] Indeterminda [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Parte de Escudo franciscano [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa de San Antonio, pola que discorría o trazado da antiga cerca medieval de Melide, atopámonos cunha propiedade pechada por unha tapia elevada de pedra, que abrangue o curro da casa de Lavandeira (unha casona que se sitúa na Praza do Pozo Pequeno). A portada do curro destaca polas súas dimensións, pola conservación das dúas follas da porta de madeira, con decoración casetonada e polo  enmarque de pedra de cantería que constitúe a súa arquitectura, no que se pode apreciar claramente o emprego de aparello reaproveitado. A peza máis destacada é un sillar situado na xamba dereita a unha altura de 188 cm dende o pavimento da rúa. Esta peza rectangular que mide 82 cm de ancho por 44 cm de alto, amosa un motivo decorativo moi ben elaborado e definido. Este motivo e a súa decoración inducen a atribuílo a unha parte do antigo escudo da portada do Convento Franciscano de Sancti Spíritus da vila de Melide, desaparecido a partir da Desamortización de Mendizábal, no ano 1835, e da conseguinte exclaustración dos frades da Orde terceira Franciscana. Broz Rei considera que esta peza sería unha 6ª ou 8ª porción do escudo e que correspondería a un flanco. No extremo e ó carón dun campo liso, debúxase parte dunha orla con moldura de baquetón, decoración que se complementa cun motivo vexetal a modo de palma que se engarza cun motivo cordado , que se asocia co cíngulo ou cordón franciscano (aínda que Broz Rei o identifica coas contas do rosario de San Francisco). Sobre este sillar e por debaixo, se conservan outras dúas pezas con encaixe nun dos seus ángulos, o que induce a pensar a que tamén formarían parte en orixe do mesmo emblema. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Dúas pezas illadas: escudo franciscano”. Publicado no Boletín nº 13 do CEM-MTM, ano 2000 - Felpeto García, Antonio: “O escudo da Terceira Orde Franciscana”. Publicado no Boletín nº 9 do CEM-MTM, ano 1995. [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Casa con porta antiga no Vilar [Parroquia] San Martiño das Varelas [Descrición] Na aldea do Vilar, lindeira coas terras do Concello de Santiso atopámonos cun interesante conxunto patrimonial de casa antigas, unha con tellado en archete, varias de arquitectura tradicional moi interesante (algunhas con forno) , diversas edificacións adxectivas e mesmo un sartego medieval trapezoidal. Nesta entrada imos reparar nunha casa provista dunha porta antiga, de produción ou de raigame medieval. A edificación, de planta baixa e tellada a dúas augas, foi edificada en aparello de cachotaría, empregando diferentes tipos de rocha na súa construción. Cara ó camiño principal ábrense dúas portas, unha de grandes dimensións a modo de portalón e outra de dimensións máis cativas e na actualidade convertida en ventá, xa que a súa metade inferior foi tapiada con ladrillo e cemento. Esta porta conta con lintel e xambas labradas, estando estas últimas conformadas por perpiaños de cantería de granito e de rocha glandular, tipo “ollo de sapo”. O máis destacado son as ménsulas ou mochetas que sustentan o lintel, xa que contan cun perfil interno en moldura en bocel, asemellándose á fronte dun canzorro. Este tipo de portas con ménsulas molduradas teñen bastante presenza nos concellos da Terra de Melide, e nos retrotraen ós séculos da Baixa Idade Media e ós da Idade Moderna, xa que este tipo de portas se asocian con edificacións antigas caracterizadas, polo xeral, pola ausencia de xanelas cara ó seu exterior, minimizándose a presenza de vanos para evitar a conseguinte perda de calor nos interiores domésticos. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”, publicado no Boletín nº 9 do CEM-MTM, ano 1995 [Cronoloxía] Século XV-XVI [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Lauda sepulcral no adro da igrexa de Vilouriz [Parroquia] Santiago de Vilouriz [Descrición] No pequeno adro da igrexa parroquial de Santiago de Vilouriz, existen varios enterramentos a rentes de chan, pero hai un contiguo ó esquinal suroccidental da igrexa que chama a atención respecto ós demais polas súas pautas antigas e pola súa sinxeleza e austeridade formal. Sobre esta igrexa comenta Broz Rei que se trata “dunha igrexa antiga, nomeada no testamento do bispo Odoario no ano 747... item in Aviancos Ecclesia Sancti Jacobi de Villa Onorice...”, en todo caso a igrexa parroquial xa non conserva elementos que denoten a súa antigüidade pretérita, senón que se trata dun templo parroquial reedificado no século XVIII. Respecto á lauda, ou tampa de enterramento, cabe indicar que non se pode ver por completo debido a estar os seus extremos ocultos polo terrón e a herba do adro da igrexa, en todo caso vese que se trata dunha pedra alongada da que pode verse unha lonxitude de 1,30 metros e un ancho duns 50 cm. Na súa metade occidental aparece unha representación dun motivo sacro realizado mediante incisión na pedra, aparentemente se trata dunha cruz latina envolta nunha esfera e un fuste lonxitudinal que parte dun basamento troncocónico, mais tamén se pode concibir como a representación dun viril ou custodia para a Hostia Consagrada, ou Sagrada Forma, como as que se utilizan para procesionar na festividade do Corpus Christi. Esa posibilidade lévanos a considerar que podería tratarse da tampa do soterramento dun presbítero ou sacerdote, que puido ter sido párroco desta freguesía. Tamén a súa forma nos fai pensar nunha estela que serviría igualmente para sinalar un enterramento, pero nese caso a pedra tería que estar chantada e disposta en vertical. Certamente este elemento amosa máis interrogantes que conclusións, o cal lle confire unha significación bastante interesante. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado no ano 2011 [Cronoloxía] Indeterminado [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Casa antiga en Mourelos [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Na aldea de Mourelos, ó carón do camiño que vai dende A Graña e dende Souto ata o lugar de Atá, atopámonos cunha edificación antiga artellada en dúas alturas, que conta na súa fachada principal, situada no lateral perpendicular ó camiño, con dúas portas antigas de tipoloxía medieval, que se poderían datar nos séculos XV ou XVI. Este tipo de portas antigas teñen bastante presenza nas arquitecturas rurais do Concello de Toques, existindo exemplares deste tipo en varias aldeas, que segundo recolle Broz Rei, contabilízase un total de dezanove portas de mocheta en nacela. Unha das portas, a da esquerda ou máis meridional, conta cun lintel que reproduce un motivo en arco conopial, estando sostida por senllas xambas con disposición verticalizada. A outra porta, a da dereita, ven a ser a entrada principal e destaca polas grandes pedras que compoñen a súa estrutura. Conta cun lintel coa aresta inferior moldurada que descansa sobre dúas ménsulas ou mochetas con perfil en nacela. Estas ménsulas constitúen a parte superior das xambas laterais, que a diferencia da porta anterior, o seu aparello defínese pola disposición en superposición horizontal. Na arquitectura da casa combínase adecuadamente o aparello de cantería das portas e das xanelas do piso superior, co aparello de cachotaría empregado nos panos e nos esquinais da casa, sendo neste caso de maiores dimensións as pedras empregadas para facer os esquinais. Pola banda do camiño sobresae a estrutura absidal que se corresponde coa parede exterior do forno da casa. Broz Rei considera que estas portas constrúense no século XVI, “como amosa a súa característica arquitectura, como Montelén, Buxán ou Paradela; outras no século XVII ou no XVIII”. Igualmente considera que estas casas con portas antigas existentes no Concello de Toques “son a testemuña do pasado foreiro de Santantoíño”, e como “case todos os foros documentados se realizan arredor do ano 1521, e a partir desa data poden datarse todas elas”. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado no ano 2011. [Cronoloxía] Século XVI [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Vales [Parroquia] San Martiño das Varelas [Descrición] Na aldea de San Martiño de Abaixo, a unha distancia de 170 metros ó LNL do Castro das Varelas e na intersección entre a estrada CP-4603 coa pista que leva ata a Baiuca e a Liñares atópase esta casa de notable arquitectura complementada con destacadas edificacións adxectivas. Broz Rei falando dela cita, textualmente: “En  San Martiño está a Casa de Vales, que é unha boa construcción con curro pechado con muralla e portalón”. Se reparamos nas fotografías aéreas podemos observar como a propiedade conta cunha planta pentagonal, perfectamente apreciable, e que o conxunto construído presenta unha planta en “L” invertida, que ocupa a metade occidental do espazo pechado. No medio do curro destaca o seu hórreo, de grande porte, que mide uns 11 metros de lonxitude. A propiedade vista dende o exterior resulta moi destacada polo seu carácter pechado e polo coidado da privacidade coa que foi concibida. Vemos como a propia arquitectura construída e o sistema de peche da propiedade forman un todo e unha unidade estrutural. Por fora destácase o sistema construtivo dos seus muros, executados con esmero cun aparello de cachotaría concertada, perfectamente aplomada e disposta e pola perfección do racheado das xuntas. No extremo meridional ábrese o portalón de entrada ó curro, cara a pista que leva ata A Baiuca. A portada, de amplas dimensións conta con telladiño torna augas e aparece constituída por pezas de cantería de granito, tanto nos perpiaños que conforman as xambas laterais, coma no lintel. No interior do curro, ou eira, destaca o hórreo artellado en tres estremas, ou tramos, que mide ó redor dos 11 metros de longo. O hórreo resposta ós parámetros construtivos máis comúns na Terra de Melide, na que se conxuga o emprego da pedra e a madeira, non faltando a cuberta de terra do país. O hórreo érguese sobre unha cepa ou banco corrido de aparello de cachotaría, sobre a que se asentan os seus catro pes ou perpiaños de cantería. De cantería tamén son os “tornarratos” e as “ucheiras” ou columnas. En madeira están realizados os xugos, mesas o cerramento lateral, e a porta (porta que se abre pola banda oriental). A cuberta artéllase a dúas augas, como é habitual, e está conformada por tella curva do país. Nos extremos dos penais carece de elementos ornamentais (tipo pináculos, cruces e veletas). Como xa se indicou é na metade occidental da propiedade onde se atopa a zona doméstica do conxunto, complementada por unha palleira situada á altura do hórreo, é dicir, na metade meridional. A planta, en forma de L, conta con cubertas a dúas e tres augas. Resulta moi destacable polas súas dimensións, xa que se ben a ala norte mide de 18 metros, a occidental sitúase nos 35 metros de lonxitude, o cal da conta das súas proporcións estimadas en 394 m2 construídos. Na metade norte dos mesmos, cadrando co punto onde conflúen senllas alas, é onde se aprecia a parte máis acondicionada da casa, e onde se asiste á apertura de máis vanos (portas e ventás), que contan con xambas, linteis e antepeitos de cantería, e nesta parte tamén é onde os muros aparecen recebados e encalados, coa singularidade de presentar unha cenefa a altura do aleiro do tellado e de amosar o esquinal, no que se unen os dous módulos cunha recreación decorativa que emula sillares de cantería. Na metade meridional da ala oeste, o aparello de cachote amósase á vista, posto que está espido agás no marqueado das fisetras do andar superior. No mesmo lenzo pode apreciarse, a dúas alturas diferentes, uns encaixes pasantes a xeito de mechinais, que se corresponden co sistema de andamiaxe que se empregou no seu día para poder erguer os lenzos murarios, e que quedaron sen tapiar, xa que esa parte foi concibida e empregada como palleira, o cal axuda a unha adecuada ventilación. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”, publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da terra de Melide, 1995. -Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI), publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, 2016. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa María de Campos [Parroquia] Santa María de Campos [Descrición] O topónimo de Campos segundo aparece recollido por Nicandro Ares Vázquez, se cita nun documento da Catedral de Lugo con data de 14 de setembro de 1275. O templo parroquial sitúase nun lugar illado comprendido nun triángulo xeográfico, en cuxos vértices se sitúan as aldeas de Alvite, A Veiga e O Casal, pertencentes as tres a dita parroquia. O carón da igrexa parroquial, a unha distancia de tan so 50 metros ó leste do templo, emprázase o Castro de Campos, e a unha distancia de 20 metros ó surleste, sitúase a carballeira na que se atopa o Cruceiro parroquial. Chama a atención o illamento desta igrexa respecto ó das parroquias veciñas, que se atopan inmersas na trama poboacional correspondente, tal son os casos das parroquias de San Cosme de Abeancos, San Martiño das Varelas ou a de Santa María de Melide. Broz Rei documenta que esta igrexa foi reedificada no ano 1794, por Bartholomé Camoiras, segundo se recolle no libro de fábrica parroquial. Polo exterior a igrexa chama a atención pola súa sinxeleza e pola brancura dos seus lenzos recebados e pintados. Estruturalmente artéllase en tres espazos: nave, presbiterio e Sancristía adosada ó presbiterio pola banda norte. O presbiterio destaca respecto ós outros dous espazos, por contar cunha maior elevación e polo seu tellado a catro augas. Polo exterior non hai demasiado que destacar. No frontis ou fachada principal, ábrese unha porta sinxela acorde coa porta lateral do lado sur. Sobre a porta atópase unha ventá rectangular con derrame cara ó interior e remata o alzado unha espadana sinxela realizada en aparello de cantería de granito, cunha única troneira para acoller unha campá e remátase por senllos pináculos que flanquean un ápice coroado por unha cruz cimeira. Segundo refire Broz Rei noméase no Libro de Fábrica que foi realizada no ano 1731. No interior destaca o arco triunfal de medio punto moi aberto executado con doelas de cantería de granito asentadas sobre impostas molduradas. Según documenta Broz Rei, en base ós libros de fábrica, o arco triunfal foi ensanchado en 1693, polo que dita obra se levou a cabo un século antes da reforma da fábrica efectuada no ano 1794 por encargo de Manuel López Varela (depositario dos caudais da fregresía ó mestre canteiro e mamposteiro Bartholomé Camoiras). O retablos principal de estilo Neoclásico foi construído a finais do século XIX polo ebanista Gregorio Blanco, veciño de San Cibrao de Melide. Broz Rei documenta como a Capela Maior da igrexa ardeu na madrugada do 25 de decembro do ano 1891, perdéndose o retablo antigo e varias das imaxes, de aí a necesidade de realizar un novo retablo. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Sierra (dereita) [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa Principal de Melide, á altura dos número 42 e 44 existen dous inmobles diferenciados que en tempos se trataban dunha única propiedade, adquirida pola familia de Sierra. O número 44, correspondente ó inmoble da banda esquerda ou oeste, se trata dunha edificación noble, tipo pacega, que acolle as instalacións do Centro Social de Melide. A do nº 42 ou da banda dereita, que acusa un severo estado de ruína, aínda tratándose dunha edificación bastante posterior no tempo, correspóndese cun inmoble que poderiamos definir de corte colonial ou mesmo de tendencia indiana, que reproduce un gusto por fórmulas arquitectónicas que reflicten un certo grao de acomodamento económico. Aínda que a casa da esquerda nos pode resultar máis notable pola súa faciana de casa fidalga urbana o certo é que compre fixarse na da banda dereita antes de que esmoreza de todo. A casa consta de planta rectangular disposta nun eixo sur-norte, e conta cun patio contiguo con portada aberta á rúa Principal, ademais dunha edificación ou módulo concibido a xeito de torre na súa parte posterior, con comunicación coa estrutura principal, posto que se adosa a ela e conxuntamente constitúen unha planta en L. A vivenda presenta exteriores recebados e pintados a dúas cores e conta con decoración realizada en morteiro que reproduce elementos de cantería de granito, así pois, conta cun zócalo inferior a rentes de rúa bastante elevado que reproduce tres ringleiras de perpiaño de granito, e tamén no esquinal da edificación se concibe un motivo decorativo simulando sillares dispostos a soga-tizón, o que lle confire un certo aspecto dentado. Os vanos correspondentes a portas e ventás que se abren cara a rúa e cara ó patio contan cunha decoración de cenefa lisa, que unicamente procura enfatizar estes elementos de apertura. A decoración exterior do inmoble completábase na súa parte superior cun sistema, hoxe perdido, de voladizo do tellado realizado en madeira con soportes de apoio en estribo. No interior da casa existía unha estancia a xeito de capela ou oratorio privado, que contaba cun retablo en estilo Neogótico, que foi desmontado e doadas as súas pezas ó Museo da Terra de Melide. O módulo traseiro, contiguo á vivenda, chama moito a atención pola súa estrutura a xeito de torre que tamén amosa unha tendencia e guiño á arquitectura colonial. Este torreón presenta cuberta a tres augas e conta con tres alturas (incluíndo a planta baixa), e destaca por amosarse como un xeito de “pavillón de recreo” que nos lembra á Casa do Foro de Folladela, non en tanto ás pautas da súa edificación, senón pola vocación e inclinación a este tipo de tendencias de corte indiano. O máis chamativo deste módulo é a súa luminosidade, posto que conta con amplas galerías abertas cara ó exterior e o patio da casa, de feito ata conta con galerías abertas á banda do norte, aínda obviando a practicidade e a conseguinte perda de calor e por estar exposto ás inclemencias do tempo. Xosé Manuel Broz Rei refire que sobre esta propiedade, ou mellor dito da existente no solar antes desta, existe abondosa documentación, recollida en documentos do Arquivo Histórico Universitario de Santiago, referidas ós séculos XVII e XVIII. A casa contigua, onde hoxe está o Centro Social, foi propiedade do cura Álvarez de Bretelo e foi doado ó Convento de Sancti Spiritus de Melide, posteriormente foi adquirida e reconstruída pola familia de Sierra. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello", publicado no Boletín nº 16 do CEM-MTM, ano 2003. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018. [Cronoloxía] Séculos XIX-XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Muíño de Pampín en Catasol [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] No curso medio do río Catasol (tributario do río Furelos) atópase a aldea de Catasol que se artella en dous núcleos diferenciados, un ó norte da estrada CP-4603 que se identifica como “Catasol de Arriba” e outro ó sur coñecido como “Catasol de Abaixo”. Defínense os dous por tratarse de dous interesantes conxuntos etnográficos de arquitectura popular tradicional asociados inherentemente ó propio curso do río. Así pois en ambos conxuntos atopámonos con muíños hidráulicos para a obtención da fariña da moenda do trigo e do centeo.  En Catasol de Arriba existen dous muíños, tal é o caso do que nos ocupa, ehabendo outros catro no núcleo de abaixo. Broz Rei no artigo “O Río Catasol” recolle as verbas de Javiera Vázquez, descendente de Martín e do Veciño, familias muiñeiras de Catasol que sosteñen que: “en Catasol había seis muíños, o de Celestino ou muíño de Casmartín, e o muíño de Pampín en Catasol de Arriba; o muíño de Manuel de Pedro, á beira da estrada, que é de Suso da Perla... muíño do Veciño.... muíño de Martín e o muíño da Folicheira.... e todos hoxe parados... eran todos de maquía”. O muíño de Pampín é o máis meridional dos dous existentes no núcleo de Catasol de Arriba, distantes uns 25 m. un do outro. Este muíño mantén boa parte da súa arquitectura aínda amosándose nun importante estado de abandono. Consiste nunha edificación construída en aparello de cachotaría artellada en dúas alturas, unha correspondente ó tremiñado e outra ó “inferno” (parte inferior na que se sitúan os rodicios). O muíño sitúase entre dúas edificacións de morada, unha delas de pedra que mantén o mesmo patrón construtivo que o muíño, e outra de ladrillo en estado de ruína. Este muíño trátase dun conxunto típico de maquía provisto de tres moas, o que denota que no seu día debeu desenvolver unha importante actividade. Pola banda norte podemos ver o seu sistema de abastecemento de auga de proporcións considerables pero difícilmente visible na súa totalidade por atoparse colmatado por pedras, terra e abondosa vexetación arbustiva (silvas, ortigas, e demais). Na parte traseira a estrutura do tremiñado atópase recebada e nela ábrense dúas xanelas rectangulares con disposición en vertical. Na fachada oposta (a meridional) poden verse outra dúas ventás, asimétricas neste caso, e dispostas a diferentes alturas, ademais das aperturas ó “inferno” e a saída de augas dos rodicios. No interior do tremiñado aínda se conserva toda a maquinaria do muíño (moas, moegas e demais) a pesar de que a estancia se atopa en estado de abandono con acumulación de enseres diversos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do CEM-MTM, ano 2011. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Pazo da Encomenda en Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A aldea medieval de Furelos é moi destacada a nivel patrimonial, xa que conta cunha ponte medieval, un encoramento do río de destacado interese histórico, a igrexa parroquial con restos da fábrica románica, un cruceiro no seu adro, varias casas antigas de raigame medieval con portas con mochetas sobresaíntes de apoio dos linteis, unha capela da Santa Cruz e, dun xeito destacado, o propio trazado do Camiño Francés. Tamén chama moito a atención a presencia dunha ampla edificación pacega, correspondente á Casa Reitoral parroquial, pero que no seu momento foi casa pazo da Encomenda de Portomarín. Resulta complicado facer unha síntese dun inmoble tan senlleiro, pero moito máis facer un resumo do poder e das propiedades que posuía a Encomenda de Portomarín nestas terras. Respecto á edificación destacaremos que se trata dunha casona de planta rectangular que mide uns 24 metros no eixo NE-SO e uns 8 metros no eixo NO-SE. O inmoble artéllase en dúas plantas e conta cun tellado a tres augas. A casa destaca pola sobriedade compositiva e como aspecto máis relevante teriamos a propia portada, correspondente a un arco de medio punto, con xambas e doelas de cantería de granito (conta con sete doelas contando os salmeres e a crave do arco). Observando a fachada resulta doado comprender como se produciron diversas obras de reforma que alteraron a súa faciana orixinal, de feito o balcón situado no segundo andar mesmo chaga a alterar o arco da porta, encastrándose nunha das doelas. Obsérvase como as reformas aludidas teñen que ver coa apertura e modificación dalgúns dos seu vanos. Xosé Manuel Broz Rei sitúa a edificación da casa no século XVI apuntando que foi reconstruída e que se empregaron pedras da antiga construción na edificación presente. Nese senso compre subliñar que foi no ano 2009 cando o párroco de Furelos naquel entón, descubriu unha interesante pedra con inscrición que foi reempregada como parte da xamba dereita da xanela  do extremo esquerdo do piso superior. A inscrición non puido resultar máis reveladora, posto que foi a confirmación de que a edificación se remonta en orixe ó século XVI e que foi mandada edificar polo ilmo. señor Luís García Becerra, comendador de Portomarín. Como refire Broz, en numerosos traballos, “Furelos pertenceu á Encomenda de Portomarín, rexentada pola Orde de San Juan de Jerusalén ou de Malta, chamados tamén hospitalarios polo seu servizo aos peregrinos Santiago; esta é a razón da súa presenza en Furelos, no  Hospital das Seixas, e quizais no hospital de San Pedro de Melide e no do Leboreiro...”. En Furelos posuía esta casa no barrio identificado como “A Torre” e a presa da Encomenda ou do Comendador, que se atopa ó pé da Ponte medieval de Furelos, augas abaixo, que actuaría de criadeiro e cebadeiro de troitas para proveito do Comendador. A Orde era propietaria do Couto de San Xoán de Furelos , sendo pois un señorío da Encomenda de Portomarín. O Comendador exercía xurisdición civil e criminal  e percibía cobro de rendas. Na contorna de Melide posuían moitos lugares, montes e pastos e na propia vila de Melide posuían unha casa que se atopaba incluída dentro do peche do Convento de Sancti Spiritus. Nesta entrada non se considera necesario facer unha relación de todas as propiedades e dos límites da demarcación do Couto de Furelos, que como xa se sinalou era moi destacada. Broz Rei afirma que cando se produce a desamortización de Mendizábal, no ano 1835 os bens pasan a mans do Estado, que procede á súa venda e subasta. Aí esmorecería o Couto de Furelos e poñeríase fin ó vínculo coa encomenda de Portomarín que, como xa se dixo, exercía xurisdición civil e criminal e tamén espiritual. Proba do exercicio xurisdicional é que a casa contaba con cárcere e cunha picota da xustiza nos límites coa vila de Melide. BIBLIOGRAFÍA: - “Un novo achado no patrimonio”. Publicado no Boletín nº22 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da terra de Melide, ano 2009. -Broz Rei, Xosé Manuel: “A casa da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº23 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2010. -Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. -Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº30 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2017. -Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín (continuación)”. Publicado no Boletín nº32 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2019.     [Cronoloxía] Século XVI [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Santalla de Agrón [Parroquia] Santalla de Agrón [Descrición] O cruceiro parroquial de Santalla de Agrón sitúase nas inmediacións dunha encrucillada de camiños, e a unha distancia de 35 metros ó noroeste da igrexa parroquial de Santaia. Trátase dun cruceiro sinxelo en canto ó seu deseño. Consta de catro partes diferenciadas, sen contar a plataforma de formigón, sobre o que está erguido (proba de que o cruceiro foi movido). Broz Rei en “Os cruceiros da Terra de Melide” da conta de que nos anos 80 do pasado século contou cun pousadoiro ó carón da súa basa ou pedestal, ademais refire que o cruceiro estaba situado no campo da festa. O pedestal, bastante tosco, presenta feitura cuadrangular coas arestas redondeadas. O fuste ou varal presenta sección cadrada nos seu extremos, mentres que todo o desenvolvemento lonxitudinal amosa unha sección octogonal, ó estar achafranadas as súas esquinas. O capitel é moldurado e carente de figuración e ornamentación. A cruz , carente de figuración, é oitavada e conta con remates florenzados nos seu extremos. Broz Rei recolle que se fai, ou facía, procesión ata o cruceiro na festividade do Carme. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”, publicado no Boletín nº2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da terra de Melide, 1983. -Broz Rei, Xosé Manuel: “ A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei, ano 2001. -Utrera Baza, Ángel: “Aproximación ós cruceiros de Melide na obra de Xosé M. Broz Rei do ano 1983”. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Muíño de Frade ou de Penas [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Na marxe dereita do río Catasol (afluente do Furelos) atópase o Muíño de Frade ou de Penas, a medio camiño entre as aldeas da Ponte de Penas e a de Penas. No propio río, ó carón do muíño e a unha distancia duns 15 m. ó Norleste atópase a vella ponte de Penas, conformada por grandes chantas de pedra dispostas en ringleira. O muíño presenta un óptimo estado de conservación no que se refire á súa estrutura exterior, e tamén en bo estado está a maquinaria interna. Trátase dun muíño de maquía construído no ano 1934. Segundo recolle Xosé Manuel Broz Rei este muíño de Penas é coñecido tamén como muíño de Berardo, “onde foi muiñeiro moitos anos o mudo de Frade”. O muíño destaca principalmente polo seu complexo sistema de abastecemento, consistente nunha canle de grande desenvolvemento (de 140 metros de lonxitude) con varios sistemas de apozamento e derivación das augas para usos de regadío. Xa chegando ó muíño a canle ensánchase progresivamente a xeito de corgo, dando lugar a unha bifurcación para accionado dos rodicios existentes. A propia edificación do muíño consiste nun módulo de planta rectangular, cuberto a dúas augas con tellado de recente execución, que nun dos seus extremos conserva unha cheminea de cemento con decoración de molduras e apliques con taqueados e cuns remates de pináculos nos seus extremos superiores. Na porta principal, a que da á pista, pode verse un sistema de nidais para pombas, realizado en madeira, cun sistema de dobre balcón e tres pares de ocos a xeito de acceso en cada un deles. Na mesma fachada ábrense tres xanelas a diferencia da traseira que tan só conta con dúas abertas sobre a vertical da entrada de augas ó rodicio. A uns 100 metros augas abaixo deste muíño atopámonos cun muíño máis antigo, coñecido como Muíño dos Frades, onde o que hai un sistema de pasais de pedra dispostas para atravesar o río, moi semellante ós pasais de Petos existentes no río Furelos, augas arriba da praia fluvial do mesmo nome. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santiago de Liñares [Parroquia] Santiago de Liñares [Descrición] A aldea de Liñares sitúase nun interfluvio ou divisoria de augas comprendida entre o rego Portichela e rego do Outeiro. Nese lugar existe un interesante patrimonio artístico destacándose a Casa Grande ou Pazo, a igrexa e o seu cruceiro parroquial. En primeiro lugar e como dato salientable, recolleremos en verbas de Nicandro Ares Vázquez, como “esta parroquia, nomeada Sanctus Iacobus de Linares nun documento do ano 1285 foi preiteada polas Mitras de Lugo e Mondoñedo [...]. Parece claro que este topónimo alude a predios abundantes en liño, linum en latín, a carón dos cales fóronse construíndo casas, que constitúen a aldea de Liñares, quizabes perduración daquela Villam de Linares do no 897...”. Estes datos xa nos apuntan unha antigüidade manifesta desta parroquia. Mais en todo caso a igrexa parroquial resposta a un estilo Barroco do século XVII-XVIII, que non hai moitos anos se tentou convertela en Neorrománica con aderezos anacrónicos que mudaron significativamente a estampa desta igrexa parroquial rural, do mesmo xeito que aconteceu na igrexa parroquial de Santa Eufemia do Monte situada no Concello de Toques, coñecida comunmente como igrexa de Santa Uxía. Trátase dunha edificación constituída por unha nave e cabeceiras rectangulares, á que se lle adosa unha sancristía pola banda meridional, na oposta á entrada principal do Pazo ou Casa Grande. O máis destacado do seu exterior é o seu frontis ou fachada occidental, xa que os outros vanos ou ventás non amosan interese por tratarse da adecuación a eses parámetros Neorrománicos dos que xa se deu conta e que o único que fan é producir unha ruptura estilística demasiado evidente e chocante. No frontis destácase a monumental portada en arco de medio punto, constituída por grandes doelas de cantería sostidas por xambas igualmente de aparello de cantería de granito, cuxas arestas aparecen decoradas con moldurado.  Tamén orixinal é a espadana dunha soa troneira para campás e cun ático con remates de pináculos moldurados nos dous extremos e no cumio, sobre o que alza a cruz de ferro cimeira. Os muros exteriores, sen enlucir, deixan ver o aparello de cachote, na actualidade coas xuntas encintadas, e o aparello de cantería empregado nos esquinais, portas, espadana, sobrepenas dos aleiros e pináculos de remates. No interior, como recolle Xosé Manuel Broz Rei, pode verse un arco triunfal lixeiramente apuntado, constituído por doelas de cantería de granito, sostidas sobre impostas que sobresaen dos machóns laterais. Este autor comenta que o arco “documéntase no ano 1768 (Libro de Fábrica), data na que foi reconstruído, elevado e ampliado, engadindo doelas arredor da clave, conformando un arco algo apuntado, o que confirma a súa alteración”. O retablo de estilo barroco, é segundo Broz “atribuíble ó taller ou seguidores de Mateo de Prado; analizando a súa decoración, con emprego de volutas, frisos de acabados, tipo de molduras de follas, medias estípites decoradas con semicírculos, botóns e tipos de volutas. Datado no ano 1740...” BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do concello de Santiso”, publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, 1997. - Broz Rei, Xosé Manuel: ”Santiso na Terra de Abeancos”, 2013. [Cronoloxía] Séculos XVII-XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Edificación con tellado en archete en Trasfontao [Parroquia] San Martiño de Moldes [Descrición] Na aldea de Trasfontao aínda se conserva un dos poucos exemplos de edificacións tradicionais cun sistema de tellado en archete, ou archede, sendo xa moi poucos os exemplos conservados deste tipo de solucións arquitectónicas para compatibilizar as vertentes do tellado cun sistema da entrada ou acceso ó interior de maneira que a altura da porta non se vexa demasiado minguada. No concello de Melide consérvanse edificacións con archetes no Casal de Campos, sendo o máis próximo a este de Trasfontao; na aldea do Leboreiro e tamén na de Vilaverde na parroquia de Xubial. No veciño concello de Santiso hai un non moi lonxe, pero en manifesto estado de ruína na aldea de Riazón pertencente á parroquia de San Román. No caso que nos ocupa, en Trasfontao, vemos como a estrutura da edificación aínda se mantén en bastante bo estado, destacándose o sistema de cachotaría dos muros exteriores, que foron executados en aparello de gneis, denominado de xeito popular como ollo de sapo, sendo o mesmo material que se empregou para as xambas laterais da porta. Este tipo de aparello construtivo acada un resultado estético moi atractivo e visualmente agradable, debido ó contraste cromático das cores que van dende a gama dos grises ós ocres e tamén pola vistosidade dos “ollos” ou gránulos de seixo branco deste tipo de gneis ocelado. O máis característico da entrada, tanto desta edificación como das que teñen un tellado en archete, é o emprego das características vigas arqueadas para propiciar o derrame a dúas augas deste tipo de sistema. Na entrada tamén se conserva a vella porta de táboas de dúas follas, concibida a modo de portalón. E, como elemento distorsionador por tratarse dunha remodelación realizada en tempos recentes, sería o propio sistema de cubrición da edificación que outrora foi de tella tradicional e na actualidade é de pranchas de fibrocemento. Outro aspecto enormemente salientable deste tipo de vellas edificacións tradicionais que combinaban o uso doméstico de vivenda co de estabulación don gando doméstico (que acostumaban gardar en alpendres e cortellos situados ós lados do corredor da entrada) é a escaseza ou nulidade de xanelas, coa finalidade de evitar toda perda posible de calor, tendo en conta as estremas condicións de dureza climatolóxica dos invernos de antano. Así pois, estamos asistindo no caso deste tipo de vivendas con archete, ó máis primitivo sistema de edificacións rurais que se manteñen na Terra de Melide e nos concellos desta área suroriental da provincia da Coruña. Estariamos pois ante un sistema de construción que probablemente poida retrotraerse ós tempos medievais, de aí a importancia e singularidade deste tipo de vivenda dos que apenas se conservan uns poucos exemplos. No "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, Vicente Risco xa fala deste tipo de solución de tellados, nos seguintes termos: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas".  Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natrual que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco".  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999. - Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo V do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933).     [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Antepeito de ventá en Zas de Rei [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] Na aldea de San Xiao de Zas de Rei existe unha edificación de planta baixa que linda coa pista que atravesa a aldea. Nunha fachada lateral realizada en aparello de cachotaría con diversas reformas feitas con ladrillo e cemento, atopámonos cunha ventá de pedra que conta cun antepeito ou fronte que se corresponde manifestamente cunha peza reaproveitada dunha arquitectura anterior e claramente señorial. Semella tratarse dunha ménsula dunha balconada ou doutro tipo de elemento análogo, concibido para amosarse de perfil e cunha intencionalidade decorativa. Este tipo de elementos sustentantes, que contan cunha parte encastrada na parede e outra sobrevoada, como poden son os canzorros das igrexas ou as ménsulas de soporte de solainas e de balcóns, poden contar con decoración frontal e lateral, tal é o caso desta peza. aínda que probablemente o seu fronte, encastrado no aparello de cachote do muro, tamén conte con ornamentación. A parte que vemos presenta un perfil curvilíneo e convexo que conta cunha cenefa rematada por un roleo na súa parte superior e por un círculo ou disco na inferior. Sucédelle á cenefa un campo rebaixado a xeito de oco-relevo cunha feitura tendente a un triángulo rectángulo invertido cun dos seus tres lados debuxando unha liña arqueada por adecuación á cenefa exterior. Descoñécese a procedencia orixinal deste elemento pero todo apunta a unha edificación nobiliar ou pacega; dato que non é de estrañar posto que a parroquia de San Xiao de Zas de Rei destaca polo seu pasado fidalgo, do que aínda quedan testemuñas nos tres pazos ou casas nobres que aínda conserva: a Casa de Lago, a Casa de Roiriz e a Casas de Panadeiros. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Presa do Comendador [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] En relación coa ponte medieval de Furelos e baixo a mesma atopámonos cun tramo remansado artificialmente a xeito de encoramento. Pode pasar desapercibida pero conta cunha especial significación histórica, xa que aparece recollida nas fontes documentais como "Presa del Comendador." Na ficha de inventario da web abeancos.gal aparece englobada na categoría de "Arquitectura Popular", por amoldarse a unha das clasificacións establecidas, mais o certo é que non se axusta debidamente a dita categoría senón que habería que incluíla nun epígrafe asociado a estruturas hidráulicas. Dende a calzada da ponte e dende a pista que vai cara Piñor e Vimianzo pode verse a estrutura lineal en arco que forma a presa ou mur ode contanción de augas, que cruza en oblicuo o curso do río, facendo que os empuxes e presións das augas remansadas non arruínen a estrutura de contención en época de enchentes, unhas crecidas que son habituais en tempos de abondosa pluviosidade que mesmo chegaron a afectar severamente ós propios tallamares e esporóns da ponte medieval. Broz Rei ten documentado en diversos traballos como a aldea de Furelos foi unha antiga encomenda de San Xoán de Portomarín, que era propiedade ou dominio da Orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, orde de cabaleiría alcumada como dos Hospitalarios polo seu servizo de asistencia ós peregrinos. Como ben sostén o autor esta orde tiña presenza en Furelos e tamén "no Hospital das Seixas, e quizais no Hospital de San Pedro de Melide e no do Leboreiro que aínda non se atoparon documentados, pero non hai dúbida de que foron rexentados por eles. En Furelos tiñan a Casa da Encomenda, que hoxe é casa parroquial... tiñan tamén a presa da Encomenda, debaixo da ponte medieval, onde non se podía redar nin pescar, era como un criadeiro de troitas para o comendador". O mesmo autor apunta que o Comendador "tiña a xurisdición espiritual, eclesiástica, civil e criminal, e pon xuíz. Había tamén cárcel e picota da xustiza nos límites con Melide". A relación de propiedades da Encomenda recóllense nun documento do ano 1793 e como todas elas referidas entre as que se inclúen os lugares de Teixín de Arriba, Teixín de Abaixo e Quintás situados na parroquia de San Cibrao, ou os lugares de Pazo, Cortiñela, Torre, Rañado, Cabanelas e Castro de Cabras e todos os montes, pastos e abrevadeiros que se atopan dentro do coto de San Cibrao, pertencían á Encomenda de Portomarín e ós seus comendadores mediante a doazón do ano 1239 realizada polo rei don Afonso (IX) e a súa muller dona Berengaria, a favor da relixión do Hospital de San Juan de Jerusalén.  Da presa existe un documento no Arquivo Histórico Nacional de Madrid que fala das propiedades da Encomenda de Portomarín na Terra de Melide no ano 1685 e que alude a "... estanco y presa que dicha Encomienda tiene en el río de Furelos". Respecto á estrutura da presa que mide aproximadamente 47 metros de longo, compre sinalar ademais do seu desenvolvemento en sentido oblícuo ó propio curso do río, que como xa se sinalou é un recurso moi adecuado xa non so para a "domesticación" do curso senón para evitar colapsos e desprendementos provocados no caso de producirse un incremento severo dos caudais, tamén se ve complementado e reforzado polo grande afloramento rochoso existente no propio leito do río que contribúe a reconducir as augas rebordantes. Ese afloramento a modo de illa, ó presentar unha planta triangular, facilita en boa medida a derivación en dúas ramificacións das augas evitando desprendementos na marxe norte do río.    BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Casa da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelos da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelos, da Encomenda de Portomarín". Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Furelso, da Encomenda de Portomarín (continuación)". Publicado no Boletín nº 32 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2019. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de arquitectura tradicional na Vista Alegre [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Nalgúns barrios da vila de Melide aínda perviven mostras da arquitectura popular que evidencian a súa orixe e pasado agrícola. Probablemente onde se fan máis evidentes é na zona da Vista Alegre e na do Campo Grande, outrora concibidos como lugares periféricos do núcleo urbano, pero que co crecemento urbanístico da vila quedaron englobados na trama urbana. No caso que nos ocupa, no da Vista Alegre, estamos ante un escenario de manifesto interese histórico, xa que na encrucillada de camiños que aínda hoxe se mantén, bifurcábanse senllos ramais fundamentais de comunicación entre a vila de Melide e outros focos de poboamento. Así pois pola rúa da Vista Alegre discorría o trazado do antigo Camiño Real que ía dende Ourense cara á Coruña e polo outro vial, o da rúa Rañadoiro, existía o camiño que ía cara Teixín, Os Ánxeles e Sobrado dos Monxes (“año de 1793, …está dentro en el Coto de San Cibrao y de dho marco que para el Camino que ba de Teijín para Mellid hasta el Rañadorio…”). Aínda que seguindo pola rúa do Rañadoiro antes de cruzarse coa do Pilar tamén vemos mostras de arquitectura tradicional propia destas áreas, ó certo é que na propia encrucillada onde temos a mostra máis característica, posto que vemos unha casa en esquina complementada por unha eira e diversas edificacións adxectivas (hórreo e palleira). A casa en si constitúese como un fermoso expoñente da arquitectura tradiconal realizada en aparello de cachote concertado, neste caso de gneis, un tipo de rocha asociada ó substrato xeolóxico da zona das Cazallas, San Cibrao e áreas adxacentes. Trátase dun aparello de boa calidade que ofrece un bonito contraste cromático que oscila entre os tonos terra e grises, e tamén pola singularidade deste tipo de rochas coñecidas popularmente como ollo de sapo, polos glándulos ocelares ou oculados dos seixos que contén. A edificación de vivenda, por adaptarse a un escenario de bifurcación de viais amosa un esquinal de liña sinuosa e redondeada, evitando o emprego dunha solución en ángulo que neste caso houera sido demasiado agudo. Esta mesma solución atopámola noutros puntos do tecido urbano de Melide, tla é o caso dun inmoble sito na confluenza da rúa do Castelo coa das Ichoas ou tamén na calexa que vai dende a rúa Principal ata a de San Antón que vai a dar á parte traseira do albergue de peregrinos, neste último caso adaptada á conxunción entre á propia calella e unha praciña cega a modo de recanto. Voltando á Vista Alegre vemos como a vivenda se artella en dous niveis ou andares nos que se da a circusntancia de que conta con máis vanos (a xeito de portas e ventás) na planta inferior respecto á superior. Vemos como a nivel de rúa existen catro aperturas, na planta baixa, que dan á rúa da Vista Alegre, consistentes en dúas ventás rectangulares e verticalizadas a ambos lados de dúas portas xemelgas que serven de acceso á vivenda. Cara ó camiño do Rañadoiro ábrese unha pequena ventá de servizo ou funcional que chama a atención por abrirse nun extremo dunha fachada manifestamente de peche, no que o uso dos vanos se ve minimizado. Xa por último e cara á eira ábresen nesa mesma planta inferior dúas portas xemelgas moi próximas entre si, sucedidas por unha ventá pequena. No andar superior ábrense cara á rúa da Vista Alegre, senllas ventás ubicadas na zona dos extremos da planta. Cara á rua Rañadoiro ábrese unha ventá xusto na mesma vertical que a da planta baixa. E na eira ábrese outra ventá situada sobre o machón existente entre a segunda das portas e a ventá do piso inferior. Na pequena eira mantéñense en pe un hórreo de dúas estremas realizado en cantería de granito e carpintería de madeira propia da tipoloxía máis común de construción de hórreso na Terra de Melide. E tamén se conserva nun estado precario a vella edificación concibida coma pendello e corte e que tamén tería uso de palleira. Trátase dunha edificación de dúas alturas en cuxa palnta baixa se ubicarían as cortes dos animais e o almacén de avenios da labranza, mentres que a planta superior faría as veces de palleira e almacén do produto da casa. A eira aparece pechada por un valado de cachote counha apertura de acceso na que existe unha vella cancela feita con paos ou varas de madeira. Probablemente este conxunto se trata do máis fermoso e característico dese Melide rural no que aínda a pesar da necesidade e procura da funcionalidade e dos usos cotiás, non se descoidaba a estética e o equilibrio, sendo testemuña duns tempos nos que aínda non existían os conceptos do feísmo urbanístico. Tamén chama a atención por tratarse dun conxunto que reflicte por unha banda unha certa austeridade conceptual pero ó mesmo tempo dunha certa entidade e mesmo certa capacidade económica, posto que o porte é notable e porque conta con edificacións adxectivas testemuñas dunha certa capacidade no produtivo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello". Publicado no Boletín nº  do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 2003. [Cronoloxía] Século XVIII-XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Capela de San Lázaro [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] En pleno itinerario do Camiño Francés, unha vez deixada atrás a vila de Melide e a aldea de Santa María, entre esta última e a do Carballal, aínda se garda a memoria da antiga capela de San Lázaro (interpretada como capela dun lazareto ou hospital de leprosos), tanto no seu topónimo como na tradición oral. Pouco despois, a tan so 60 metros dende o lavadoiro público sito ó carón do rego da Taxea ou de San Lázaro (tributario do río Catasol que nace moi preto de Priorada e San Cibrao) ubícase á nosa man dereita segundo seguimos polo Camiño de Santiago, o prado e solar onde se conserva a memoria da existencia deste antigo edificio hospitalario.  Tratábase dunha fundación relixiosa (poida ser que tamén asistencial, no caso de tratarse da capela dun lazareto) da que se conserva escasa documentación. Sobre ela ten recollido diversos apuntamentos Xosé Manuel Broz, todos eles extraídos da documentación do Libro de Fábrica da freguesía de Santa María de Melide. Dela extráese que se trataba dunha capela e dun hospital de leprosos dependente da Casa de Liñares. Sábese que no século XVIII o complexo xa estaba arruinado xa que de feito no ano 1751 trasládanse as imaxes da Capela ata a igrexa de Santa María, debido o mal estado que presentaba a edificación. Así pois a documentación da conta de que "... la Ermita de San Lázaro, la qual estaba arruinada e yndecente. Sin puertas que la defiendan, sin techos que despida el agua prohive S.Y. con escomunión mayor  la no zelebrazión del Santísimo Sacrificio de la misa en ella, y que el cura al trmo. de quinze días recoja a la Yglesia Parroquial las Santas Ymáxenes que tuviere...". Resulta curioso ese acusado estado de ruína posto que no ano 1741 "manda S. Y. q. la persona al cuyo cargo está la capilla de San Lázaro ponga en ella una Ara puertas con cerraduras, y llabes, cubra el pórtico y la blanquee por adentro, y por afuera, y haga una imagen de bulto de San Lorenzo que pondrá en ella...".  No tocante ó grao de deterioro que se rexistra no ano de 1771, extráese da documentación que "manda dho. señor Bisitador en atención a que el Arco de la Capilla Mayor la bobeda y techo se halla en sumo grado arruinado y próximo a venirse al suelo por lo que amenaza muy visible acontecimiento que pueda impedir la celebración de los oficios devinos." .  A partir da mencionada visita acométense as melloras necesarias para restablecer o culto nela, así dese xeito recóllese como no ano 1818 se pon en coñecemento do señor da Casa de Liñares que faga un retablo novo para a Capela de San Lázaro e provea de ornamentos necesarios para a celebración da misa, e que non se utilice o sitio para a realización de actos profanos. No ano 1832 resólvese que se pinte o retablo e que se enterren as tres imaxes vellas e carcomidas. E tamén "con respecto de la Capilla de San Lázaro, manda se cumpla en todas sus partes lo mandado... y ademas se acredita el cumplimiento de la misa anual que tiene de fundación y que debe celebrar en ella el Cura de esta Parroquia el domingo próximo siguiente al de la festividad de la advocación del Santo...". Así pois vemos que na primeira metade do século XIX a capela recuperaría a súa función litúrxica, pero non se detalla que o hospital ou lazareto se mantivera en pe. De feito, no que respecta á capela, recolle Broz Rei como no solar onde se ubicaría, un dos veciños, Manuel Casal, "afirmaba a existencia alí da antiga capela de San Lázaro e que se se escavase aparecerían os alicerces da parede, pois o camiño subíu moito de nivel e que...; aínda hai quen recorda ver parte dos muros ergueitos, polos anos 50".  Con todo, e a pesar da existencia de certas lagoas documentais, todo parece indicar que a capela se atopaba moi derramada a mediados do século XVIII, que se rehabilita e recupera para o culto na primeira metade do século XIX, e que esmorecería por completo no século XX, aínda conservando parte dos seus alzados ata a metade dese mesmo século.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel e Primo Barja, Mª Dolores: "Apéndice documental. Libros de Fábrica e Confrarías das Parroquias que están nos Arquivos Parroquiais e no Arquivo Diocesano de Lugo". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A vila de Melide". Publicado no ano 2016. . Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago, desde Melide ao Barreiro". Publicado no  Boeltín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020.    [Cronoloxía] Idade Media/Idade Moderna [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Escola das Cazallas [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] Nunha edificación de planta baixa de reducidas dimensións situada ó carón da estrada AC-840 á altura das Cazallas, pervive a testemuña do que fora a antiga escola mixta que estivo ó cargo durante moitos anos do mestre don José Reinoso Carreira. Esta escola estivo en uso ata o ano 1970 aproximadamente, xa que no curso 1971/1972 inaugurouse o grupo escolar de Melide, pechando así esta escola rural pasando a incorporarse á de Melide.  O interior atópase completamente baleiro, xa non quedan elementos do seu mobiliario escolar, pero queda o recordo da súa actividade nas paredes. Na da banda norte consérvase en mal estado unha pintura mural que reflicte un mapamundi duplo, en forma de oito, coa representación do continente americano no círculo esquerdo e dos continentes euroasiático, africano e oceánico no da dereita. Mentres que na parede sur situada xusto enfronte, aparece a representación dun mapa da Península Ibérica onde se ven reflexadas as provincias españolas, deixando o terrotorio portugués completamente en branco. Tamén se distingue bastante desdibuxada a forma do arquipélago das Baleares. No presente a edificación amosa un importante estado de abandono. A fachada frontal está conformada por unha porta ben centrada e flanqueada por senllas ventás rectangulares e enmarcadas por cenefas carentes de decoración en consonancia coa da porta principal, que xa non cumplen a súa función de impedir o paso, o mesmo que acontece na fachada traseira, cunha estrutura xemelga a da principal, onde porta e ventás, presentan un importante estado de deterioro. Mais con todo, a edificación non periga debido a que conserva ben o seu tellado, sustentado por un armazón de madeira de vigas, tercios e pontóns, nos que están amarradas planchas de fibrocemento que serven de base á cuberta de tella tradicional do país. A casa contigüa foi utilizada como vivenda do mestre durante moitos anos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A vella escola das Cazallas". Publicado no Boletín 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Pasos de río en Catasol de Arriba [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Sobre esta estrutura de paso de augas existente en Catasol, unha aldea que conta cun interesante conxunto de muíños situados nas beiras do río Catasol, dous deles ubicados en Catasol de Arriba e os outros catro na aldea de Catasol de Abaixo, unicamente existe unha referencia bibliográfica (Broz, 2011): "Á beira da ponte da estrada en Catasol aínda se conservan os vellos pasais de Catasol, de antes de facerse a estrada aínda no s. XX; pero agora está proxectada unha nova ponte que se construirá nestes días, e poida ser que non a respecten e a derruben, a non ser que atope un técnico sensible co patrimonio e a conserve para o futuro. Aquí o río recibe as augas do regato da Taxea." Na actualidade, no punto onde a estrada AC-4603, que leva dende Santa María de Melide ata Ribadulla (Santiso), aínda se conservan de maneira bastante deficiente uns pasos de pedra sobre o curso do rego da Taxea, un pequeno cauce fluvial tributario do Catasol pola súa marxe esquerda, que nace nas inmediacións de Priorada e de San Cibrao (Melide).  Aínda estando cubertas algunhas das pedras que conforman esta solución de paso, a medio camiño entre uns pasais e unha pontella, contabilízanse sete chantas colocadas en posición aliñada, tratándose dúas delas de laxes dispostas en plano suspendido para permitir un mellor fluír do caudal, mais por desgraza na actualidade se atopan mobilizadas e declinadas respecto á configuración orixinal. Tamén se pode observar a grande acumulación de fango de arrastre, a xeito de sedimento que contribúe a ocultar a estructura así como a estreitar e disminuir o paso de augas, ó tempo que se ve reducida a fondura do rego por deposición de leitos de area. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O río Catasol". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Malo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Achado arqueolóxico na Rúa do Sol [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas. No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos vestixios identificados na Rúa do Sol, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte: “Ó final da rúa, á altura dos números 12, 14 e 16, e a unha distancia de tan so 1,10 m medidos dende as fachadas das vivendas, documentouse unha taxea de pedra do antigo saneamento da rúa. [...] A singularidade radica en que se puido rexistrar un longo tramo, de 14 metros. [...]. En canto ás súas características compre sinalar que conta cos característicos muriños laterais de cachotaría, dispostos en paralelo, e careados cara ó interior (posto que cara ó exterior van encastrados na terra) e do que se conservan entre unha e dúas fiadas. O aparello empregado na construción dos mesmos é “pedra do país” (rochas ultrabásicas), principalmente de pequeno e mediano tamaño, aglutinadas con terra arxilosa. Por atoparse a unha cota bastante superficial, comprendida entre os 18 e os 37 cm, e debido a posteriores obras de pavimentación da calzada, as lousas de cuberta xa non se conservan, provocando que o interior estivese completamente colmatado de terra e pedras. En canto ó fondo compre dicir que se corresponde cunha capa de terra arxilosa compactada, aínda que nalgúns puntos aprovéitase a propia rocha natural do substrato, debidamente regularizada, posto que aparece a unha cota bastante superficial, nalgúns puntos a tan so 42 cm de fondura, contados dende a superficie da calzada da rúa. En canto á súa concreción cronolóxica cabería encadrala nas primeiras décadas do século XX, e que deixaría de  estar en funcionamento ó redor da década de 1960, cando os veciños da Rúa do Sol se poñen de acordo para facer entre todos un saneamento en condicións polo medio da rúa, mediante tubos de formigón e pozos ou arquetas de rexistro, feitas en cachotaría de pedra aglutinada con cemento (que aínda se conservan e poden verse con tan so levantar as tapas metálicas dos pozos). BIBLIOGRAFÍA: - Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017. - Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] A Madorra [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Moi próximo á Igrexa de Santa María de Melide, a escasos 180 m ao suroeste, atópase unha elevación denominada A Madorra, cuxo topónimo nos remite enganosamente á Prehistoria. Trátase dun pequeno outeiro de planta tendente a circular que conta cunha superficie que rebasa os 3.000m2, superando por tanto as dimensións dunha mámoa. Sobre el especulouse coa posibilidade de se tratar dunha lomba ou asentamento dunha pequena torre, relacionada con funcións de vixilancia e control sobre o Camiño de Santiago con anterioridade á constitución do castelo que a Mitra Compostelá posuía na vila de Melide. Pero esta hipótese aínda non foi confirmada xa que non foi obxecto de ningún tipo de intervención arqueolóxica. O outeiro presenta unha fisonomía cónica, en forma de túmulo, no que agroman afloramentos rochosos. Na súa superficie conta con abundante arborado, tanto autóctono como de repoboación, o que non impide unha visión bastante nídia da súa configuración. Mais non se aprecian en superficie elementos estruturais artificiais, a xeito defensivo, como poden ser parapetos ou liñas de foxo. Todo ó redor se vincula cun relevo de tendencia aplanada, no que predominan os prados e as terras de labor, vertebradas en pequenas e medianas parcelas, nunha das que a finais da década de 1970 ou de comezos da de 1980 foi localizada unha pequena machadiña lítica, puída, de rocha xaspeada, que pertence ós fondos arqueolóxicos do Museo da Terra de Melide. Ese dato podería relacionar a elevación da madorra cun pasado vinculado a estadios da prehistoria, mais certamente se trata, con seguridade, dun outeiro natural e non dun túmulo megalítico prehistórico. Outro dato quizais relevante é que A Madorra se asoma ó curso do rego da Taxea ou de San Lázaro (afluente do río Catasol), e que entre a igrexa parroquial de Santa María de Melide e O Carballal houbo na Idade Moderna unha capela e un hospital para leprosos que aínda se mantivo en pe ata o século XVIII. Hoxe en día, por sorte, aínda se garda a memoria do solar exacto no que se ubicaba, co cal sempre se podería realizar unha intervención arqueolóxica para poder determinar as características do conxunto hospitalario, que se situaba xusto na beira do trazado do Camiño Francés. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: muro de peche de propiedade [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas. No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos máis importantes deles, precisamente os identificados no Cantón de San Roque, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte: “Como xa indicamos anteriormente tamén durante a apertura das gabias para a instalación dos tubos do gas, foron localizadas outras estruturas, neste caso murarias, á altura do cruce coa rúa Rosaleda e dos nº 8 e 4 do Cantón de San Roque. Neste caso trátase dunha estrutura lineal, de peche de propiedades e tamén de contención de terras, de moi probable periodización decimonónica, e que permanece en uso polo menos ata finais dos anos 20, principios da década dos 30 do século pasado, posto que aparece claramente reproducida no plano urbanístico realizado polo arquitecto Rafael González Villar do ano 1929. Nese importante documento gráfico distínguese con moita claridade, servindo de límite meridional do Campo de San Roque. Dito muro contaba cunha lonxitude duns 65 m, e os seu desenvolvemento non era rectilíneo, senón que debuxaba un ángulo obtuso. Ese longo muro partía do extremo oriental da Casa de Patiño (nº 2 da rúa) en dirección nordeste, e á altura da actual rúa Rosaleda facía un quebro brusco da directriz, virando cara ó leste-surleste, ata rematar á altura do nº 18-20. Compre sinalar que nese ano, 1929, apréciase como entre o nº 2 e o 18-20 non existía vivenda algunha, xa que as edificacións de corte Racionalista que aínda se manteñen na actualidade foron realizadas na década de 1950. [...]  A pesar de diversas alteracións posteriores debidas á instalación de diversos servizos de saneamentos [...], puido identificarse un tramo de 15,50 m de lonxitude do muro de peche de periodización decimonónica, cunha interrupción intencionada de 1,80/1,90 m, á altura do cruce coa rúa Rosaleda, que se corresponde cunha abertura efectuada para o acceso á propiedade ou ó camiño existente previamente á apertura ulterior da mencionada rúa. [...] Do muro compre sinalar que se conservan entre unha e tres fiadas, fundamentalmente en función do tamaño variable do aparello co que foi construído, e tamén polos diversos factores de amortización e desmontaxes intencionados que se foron producindo ó longo do tempo, por obras e actuacións varias. Tamén cabe sinalar que está enteiramente realizado en cachotaría de “pedra do país”, ligadas con terra marrón vexetal ou orgánica. En canto á súa execución hai que indicar que somentes presenta cara ou paramento exterior (cara ó norte), posto que cara ó sur están as pedras paredadas directamente contra o nivel de terra orgánica “de horta ou de labor”, do que actúa de muro de contención. Tamén se puido comprobar como a realización do paramento e a organización do aparello é bastante deficiente, posto que a cara exterior non presenta unha aliñación ben coidada, e porque a disposición das pedras nos macizados é bastante anárquica, habendo moitas pedras que nin están postas en plano, senón buzadas. [...] Á marxe desa alteración referida, e doutras que teñen que ver con acometidas para o abastecemento da traída de augas, chama a atención unha estrutura superposta ó muro e disposta de xeito perpendicular ó mesmo (que aparece á altura do nº 6), que se corresponde cunha canle realizada xa no século XX, feita con muriños laterais de pedra e ladrillos ocos (de realización industrial), cuberta con pedras asentadas en plano e ligadas con cemento, e cunha base de pedras que se revisten de cemento no interior da canle ou taxea, facendo de fondo da mesma. Dita estrutura conta con nada menos que 80 cm de ancho e uns 60 cm de altura. [...] En canto ós materiais asociados co longo muro documentado [...] o máis destacado foi a localización dunha moeda de 5 cnt de cobre de Alfonso XII datada no ano 1877, que apareceu a poucos metros do muro.” BIBLIOGRAFÍA: Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017. Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018. [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: Canle de evacuacións de augas [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Achados arqueolóxicos San Roque No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas. No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos máis importantes deles, precisamente os identificados no Cantón de San Roque, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte: “No Cantón de San Roque localizáronse restos estruturais moi interesantes, de adscrición contemporánea (finais do século XIX e primeiras décadas do XX), cando se abriron as gabias para meter as tubaxes do gas no límite meridional do parque, ó longo da rúa comprendida entre a encrucillada coa rúa Monterroso e a rúa Alexandre Bóveda. En tres puntos diferentes [...] identificouse unha canle de pedra de bastante monumentalidade. Dita canle resultou ser o antigo desaugue das fontes públicas instaladas na vila no ano 1889 no mandato do alcalde Antonio Ron Varela. Trátase pois dunha longa canalización pétrea que dende a Fonte dos Catro Canos, ou do Pilón, atravesa soterradamente o Campo de San Roque (actuais xardín e parque), e continuaría todo ó longo da rúa Monterroso [...]. A taxea está constituída por dous muriños de cachotaría dispostos en paralelo, cunha separación de 45-50 cm entre ambos, realizada en aparello de pequeno-mediano tamaño [...]. Sobre os muros aséntanse as tapas de cuberta, que no tramo comprendido alomenos entre os números 18 e 16 (da rúa) son de cantería de granito de dimensións moi considerables [...]. Unha delas contaba cunha moldura semicircular ó longo dun dos ángulos laterais, o que denota que se trata dun elemento reaproveitado (que puidera tratarse dunha soleira dun balcón ou dunha peza similar). No interior presenta unha altura comprendida entre os 50-60 cm, entre a base da mesma (feita con pedras de pequeno tamaño asentadas en plano e terra barrenta entre elas) e a cara interior das tampas da cuberta. Mais tamén se puido comprobar como sobre a base ou chan se asenta unha canalización de tubos de gres cerámico, de 16 cm de diámetro que están ligados con cemento nos extremos ou empates. Dito entubado interior ten a súa explicación, posto que na década de 1950, sendo alcalde Ricardo Porto Rodríguez (entre os anos 1956-1960) constrúese o lavadoiro público municipal, nunha encrucillada do Camiño de Santiago (onde a rúa Lavadoiro), e decídese empregar a vella canle de pedra como condución das augas excedentes das fontes públicas da vila para garantir o fluxo de auga para abastecemento do lavadoiro. Iso motiva que se instalen eses tubos cerámicos dentro da condución decimonónica, para evitar fugas e filtracións. Tamén para poder asegurar un caudal óptimo, incluso nos meses máis secos, construírase un tanque ou cisterna, uns 50 m antes do propio lavadoiro, coa finalidade de servir de acumulador de reservas e de decantador de partículas que arrastran as augas, especialmente en épocas de abondosas choivas. O vello lavadoiro foi demolido a principio da década de 1980, pero pervive o seu recordo no nome da rúa no que se ubicaba (rúa Lavadoiro). Vemos por tanto como unha estrutura que no século XIX foi concibida como sumidoiro, pasa a ser 65 anos máis tarde, un sistema de abastecemento de augas correntes cunha finalidade totalmente diferente”. BIBLIOGRAFÍA: Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017. Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018. [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo en Catasol de Arriba [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Na aldea de Catasol de Arriba, ademais de dous interesantes muíños fariñeiros, coñecidos como muíño de Martín e muíño de Celestino, atopámonos cun interesante hórreo de tres estremas, duns 11 m de lonxitude e desenvolto no eixo norte-sur. Este hórreo aínda que amosa unha estrutura única semella estar concibido para tres propiedades diferenciadas, posto que conta con tres accesos independentes, traducidos en tres portas e tres escaleiras de pedra que se integran na cepa ou muro corrido de basamento do mesmo, sobre o que se apoian os catro pes ou perpiaños que sustentan a cámara do hórreo. Aínda que non coñecemos a historia deste hórreo a súa faciana externa e o estado diferenciado de mantemento das súas tres partes inducen a pensar que a propiedade debe seguir sendo diferente. A parte meridional é a que conserva un estado máis coidado e actualizado, posto que as carpinterías de madeira aparecen pintadas e tamén a cuberta do tellado conta con tella renovada. A parte central, á que se accede mediante unha porta lateral, como é lóxico, e aberta cara ó leste, en asociación a un tramo de escaleira de pedra acaroado ó basamento corrido da cepa, debéuselle anexionar á estrema sita na banda norte, posto que a continuación do seu remate aparece outra escaleira de pedra acaroada á cepa que debeu servir de acceso a unha porta aberta nese extremo, a non ser, que dita escaleira servira de acceso a un segundo hórreo situado a continuación do mesmo, porque resulta curioso que na mesma cepa continua, se construíran tres escaleiras diferenciadas. A segunda das hipóteses podería ter sentido, entendéndose que a estrema da banda norte sexa unha prolongación serodia da central, toda vez que o seu pe e tornarratos son novos e realizados en cemento, e porque onde debera situarse a porta, atopámonos cun espazo tapiado e revocado de cemento, que pode corresponderse tanto á existencia dunha porta inutilizada ou a un testeiro pechado xa de orixe. O conxunto do hórreo resposta ás pautas propias da Terra de Melide no que se conxuga o emprego da pedra para os elementos sustentantes e de carga da cámara coa carpintería de madeira para os xugos, mesas, ladeiros laterais, portas e armazón do tellado. Neste hórreo sitúase sobre o cumio do tellado, no seu extremo sur, unha cruz de ferro realizada en forxa. O basamento do hórreo ou cepa, está realizado en aparello de cachotaría concertada co emprego de grandes pedras irregulares cun sistema de racheado a óso. O seu remate meridional correspóndese cunha escaleira de dez chanzos que se apoia e integra no propio macizado da cepa corrida. Trátase da escaleira que serve de acceso dende a superficie do terreo á porta existente no remate do tramo sur da cámara. As outras dúas escaleira, como xa se indicou anteriormente, correspóndense a tramos adosados lateralmente e debido a unha menor cota por mor do ascenso da superficie do terreo, presentan un menor número de chanzos, habendo seis na escaleira de subida ó tramo central e de cinco no do extremo norte, que como ben se dixo, descoñecemos se serviría de subida para outro hórreo situado a continuación deste e hoxe desaparecido ou de acceso á cámara da estrema norte. BIBLIOGRAFÍA: - Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide VI. Publicado no Boletín nº 29 do CEM-MTM, ano 2016. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Casa Grande de Penas [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] A casa grande de Penas, propiedade da familia Frade Frade, correspóndese cunha edificación de raigame fidalga que se sitúa na variante do Camiño Francés de Santiago, pola coñecida como variante de Penas, que a partir da encrucillada de Penas, unha vez rebasado o Carballal, leva ata a aldea de Parabispo. Na aldea de Penas destaca a arquitectura da Casa de Frade cunha planta en forma de U que se determina polo adosamento ou acaroamento de diversos módulos construtivos que en conxunto forman unha única unidade ou propiedade. Previamente a este conxunto de edificacións conxugadas destacaríamos un magnífico exemplar de hórreo de catro estremas asentado nun plano elevado correspondente co peche dunha eira, que forma parte da mesma propiedade. Así pois vemos un interesante conxunto arquitectónico integrado nunha entidade de poboación claramente ligada ó paso desta fermosa variante do Camiño. Sobre esta casa apenas se ten escrito, mais non así da capela que forma parte do mesmo conxunto e que se integra nun dos módulos da estrutura en U. Esta capela coñecida como de San Isidro, por venerarse a este santo labrego, foi construída no ano 1935 e como documenta Broz Rei, “a capela cumpleu a súa función desde o ano 1935 ó 1975. Celebraban nela a misa dominical os Padres Pasionistas de Melide, chamados polos patróns da capela, a familia Frade, asistindo a misa xentes de Penas, do Barreiro, de Campos, etc, cumplindo así funcións de parroquia. Hoxe non se celebra desde o ano 1975, polo que quedou algo abandoada...”. Esta capela á que máis ben habería que aludir como oratorio, debido ás súas dimensións modestas e á privacidade do seu uso, asóciase á derradeira fase construtiva do conxunto, na que se desenvolve o módulo oriental facendo as funcións de nexo de comunicación entre os bloques máis antigos do complexo, correspondéndose o módulo ou ala setentrional ó ámbito principal de residencia e funcións propiamente domésticas e a ala ou módulo sur á edificacións adxectivas de uso de servidume. Á capela accedese por medio dunha porta que da a ó patio abranguido polas tres alas do conxunto, aínda que tamén conta con acceso polo interior que, como comenta Broz consta dunha tribuna que se corresponde cun “corredor por un lado da nave, que une a dependencia que fai de sancristía coa casa”. No interior destácase o retablo realizado en cemento con policromía a imitación de xaspeado de mármore. Foi construído segundo comenta Broz Rei, polo mestre de obras de Melide, Ramón Vaamonde, intentando imitar o estilo Neoclásico. Conta cun único corpo dividido en tres rúas, sendo una delas o camarín central que alberga unha pequena imaxe do crucificado e nas rúas laterais dispóñense as imaxes de San Isidro Labrador (ou San Cidre Labrego, debido ó oficio que exercía este milagreiro santo madrileño). Na terceira rúa (a da dereita) ubícase unha imaxe da Virxe dos Remedios. Polo exterior apenas se deduce a existencia da capela, unicamente se identifica polas reixas de forxa con barrotes ensamblados, propias de conventos, igrexas e tamén de casas nobiliarias, xa que mesmo a espadana da capela non se ubica sobre a mesma, senón no cumio dun dos bloques, concretamente no situado no estremo norleste, que segundo figura nunha inscrición situada nunha ventá que da luz ó sobrado do módulo, foi edificada no ano 1936. Baixo dita xanela dispóñense dúas portas exteriores á altura do primeiro andar, que dan acceso a unha balconada sobresaínte realizada en pedra e sostida por seis grandes ménsulas de feitura un tanto irregular. O taboleiro está constituído por cinco grandes chantas de cantería de granito, no que descansa a varanda de forxa que consta dun sistema de atirantado á parede. Así pois vemos que a Casa de Penas consta duns módulos primixenios ós que se lle engadiron outros para artellalos en conxunto formando un todo. Fundamentalmente a parte máis destacada é a da banda setentrional na que sobresae a proliferación de portas e xanelas que dan ó patio, chamando a atención unha das ventás do piso superior en cuxo antepeito se reempregou a metade dunha moa de muíño fariñeiro.   BIBLIOGRAFÍA: Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993. Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago, desde Melide a O Barreiro". Publicado no Boletín nº 33 do CEM-MTM, ano 2020   [Cronoloxía] Séculos XIX-XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo no Ribeiro [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] Na aldea do Ribeiro de Abaixo, na coñecida como Casa de Vilariño, atopámonos cun característico modelo de hórreo elevado sobre a portada de acceso á eira da propiedade, que se abre á pista que dende a Martagona leva ata a estrada de San Salvador, pola que discorre o trazado do Camiño Primitivo de Santiago. Trátase dun hórreo de reducidas dimensións e dunha soa estrema ou tramo, que se ergue sobre o muro de aparello de cachote que forma a portada de acceso á propiedade, destacándose que no machón do lado esquerdo se integran as escaleiras dun so tramo que serven para acceder á estrutura do hórreo. O hórreo resposta ás pautas máis estendidas pola Terra de Melide, nas que para a súa execución se combina a pedra (para os elementos sustentantes verticais) e a madeira (para o mesado e peche da cámara). Así basicamente indicar que conta con pes ou perpiaños de perfís moldurados, que serven de apoio ós tornarratos e tamén das ucheiras ou columnas. O sistema de peche constituído polos ladeiros e a porta do testeiro realízase mediante listóns de madeira dispostos en vertical e xunguidos por barretas horizontais. A cuberta susténtase por un mesado ou padias realizado en carpintería de madeira sobre o que se asentan as tellas curvas tradicionais. Nun dos extremos do cumio érguese unha cruz de ferro sobre a que se pousa a figura dun galo a xeito de veleta cimeira. Ademais deste hórreo destácase a existencia dun forno con remate absidal, como é habitual nos exteriores das cámaras de cocción dos fornos domésticos que tamén se pode contemplar ó carón da pista asfaltada que pasa por diante da propiedade. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas na Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Fonte do Fervedoiro [Parroquia] Santa Mariña de Pedrouzos [Descrición] No lugar do Fervedoiro situado entre as aldeas de Parafita e Vilaverde discorre o Rego dos Pasos, un dos dous regos de montaña que nacen nas abas occidentais dos montes do Bocelo e que forman o río Catasol, afluente do Furelos, unha vez que conflúen os dous cursos fluviais. O outro rego é coñecido como o Rego de Albariño ou de Santa Mariña. No Fervedoiro houbo dous muíños ou rouchos que como recolle Broz Rei: “... queda un que tiña dúas pedras, unha para o centeo e outra para o millo. Construído no ano 1928 con pedra de canteira do lugar”. Da fonte do Fervedoiro situada na entrada ó lugar e ó carón dun rego que verte no Rego dos Pasos poucos metros máis abaixo, sinalar que na actualidade se atopa bastante descoidada, xa non so por estar oculta pola vexetación arbustiva e herbácea, senón por atoparse o seu leito moi colmatado por lodos e fangos, resultantes dos arrastres producidos polas augas do rego lindeiro. Na actualidade ese estado de pseudo abandono impide determinar se a fonte conta con algún tipo de elemento construído ou se se trata máis ben dun nacente ou manancial situado na base dun desnivel do terreo, a xeito de depresión ou cubeta. En todo caso parece deducirse que o nacente se sitúa por debaixo do aparello de cachotaría de contención dun noiro de escasa altitude, cuxas pedras aparecen recubertas por musgo. Sobre a calidade das súas augas os veciños comentan que se trata dunha auga moi boa, pero da que non se considera que conte con algún tipo de propiedade terapéutica. BIBLIOGRAFÍA: Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidendes-Museo da Terra de Melide, ano 1995. Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Avelino Núñez [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Esta casa é un dos principais expoñentes da arquitectura de estilo Racionalista de posguerra existente no casco urbano de Melide. Probablemente este inmoble, xunto á Casa de Bastián situada na rúa Principal, sexan hoxe por hoxe os máis representativos modelos de adecuación á nova corrente artística, iniciada a mediados da década de 1920 que aínda procuran un predominio da estética, respecto á mera funcionalidade deste estilo que pervive ata a década de 1960. Este inmoble pertenceu a Avelino Núñez Ulla, alcalde de Melide entre o 14 de abril de 1930 ata o 16 de febreiro de 1931, nun curto mandato que denota a inestabilidade política imperante neses intres. Avelino Núñez foi un comerciante natural de Prado (concello de Friol) quen contrae primeiras nupcias con María Souto Mosteiro, de cuxa unión nace José Núñez Souto, quen tamén foi alcalde de Melide entre o 10 de maio de 1960 ata o 25 de abril de 1970. No referente á actividade profesional de Avelino Núñez, reflíctese o deseño do baixo da edificación, concibido como local comercial, un deses locais provistos de amplos mostradores con planta en U e grandes andeis situados por detrás dos mostradores para almacenar e mostrar o xénero. Nesta casa tamén houbo un consultorio de odontoloxía do doutor José Luís Núñez. O edificio artéllase en tres plantas, baixo, primeiro andar e faiado, que en datas máis recentes foi ampliado en altura subindo o tellado na vertente que da á rúa, de xeito que se acondicionou un segundo piso como ático. En xeral a fachada principal destaca polo equilibrio e harmonía compositiva, tendencia bastante frecuente neste estilo arquitectónico. O baixo conta con tres portas de acceso entre as que se intercalan dúas ventás, todos estes vanos caracterizados polo deseño rectangular e disposición verticalizada. En canto á súa decoración destácase polo marqueado a xeito de metopas que se sitúan nos machóns e tamén polo zócalo con deseño de sillares almofadados. O primeiro andar ou planta alta tamén destaca pola simetría, na que entre dous saíntes en galería se dispón un balcón amplo rematado por unha varanda de ferro de xeito tubular, o mesmo que tamén se traduce na galería na parte inferior e adiantada ós bastidores das xanelas. O segundo andar conta cun amplo balcón concibido como unha terraza de azotea, que nun intre posterior á fábrica orixinal foi ocupado por un anexo volumétrico que gañándolle espazo ó faiado se troca nun segundo piso, destacándose que na súa execución se mantivo a estética racionalista do resto da fachada, non supoñendo unha alteración do discurso da mesma, incluso se optou por unha execución da cornixa e dun remarcado dos esquinais e dos vanos, en total consonancia co adoitado nas plantas inferiores. A casa aparece acompañada dunha extensa propiedade aberta a dúas rúas, na que aínda se conserva un hórreo e á que se abre un anexo da vivenda situado a carón da fachada norte, que se corresponde cun módulo a xeito de pavillón de recreo, caracterizado polo seu deseño en galería aberta cara a entrada principal da finca. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “A vila de Melide”, publicado no ano 2017 - Fuciños Gómez, Xosé Domingo: “Alcaldes titulares de Melide. Relación cronolóxica (1900-1995)”. Publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Porta con mochetas en Rielo [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] Na aldea de Rielo, pertencente á parroquia de Xubial, existe un fermoso exemplo de porta de probable cronoloxía medieval, sendo esta unha das portas antigas que aínda se conservan nesa parroquia. Esta porta ábrese nunha parede de aparello de cachote moi ben executada, na que se alternan pedras de bo tamaño perfectamente dispostas e racheada mediante pequenas pedras que axudan ó seu estabilizado e lle dan unha especial graza ó paramento. Esta porta correspondente a unha edificación de planta baixa e orientada caro ó Sur, resposta ás típicas pautas de portas medievais de edificacións rurais, que en ocasións ían precedidas dun porche adiantado que favorecía ó acceso á vivenda e ás cortes laterais. Esta porta conta con grandes sillares de cantería e con ménsulas ou mochetas, sustentantes do lintel con perfil en proa, como era acostumado en canzorros do románico tardío. Sobre esta porta disposta disponse un lintel de feitura troncopiramidal cun entalle lateral no extremo esquerdo no que se adapta o aparello de cachote. Esta portada conta cunha vella porta de madeira de castiñeiro, dunha soa folla e composta por catro táboas de castiñeiro pintadas en cor azul, bastante desgastadas e apodrecidas na parte inferior, aínda que a soleira da porta se sitúa nun plano bastante elevado respecto ó chan do exterior, podendo corresponderse a un rebaixe posterior do terreo ou a unha sobreelevación da soleira materializada nun momento máis tardío. Esta hipótese podería ser a máis factible, debido á precaria execución do muro de cachote situado baixo o limiar, que nos indica unha reforma realizada máis apresuradamente. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Meldie”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado o ano 2001. [Cronoloxía] Idade Media/Idade Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte 1 de Catasol [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] No curso baixo do río Catasol, afluente do Furelos, aínda existen seis muíños fariñeiros: dous en Catasol de Arriba (muíño de Pampín e muíño de Celestino) e outros catro en Catasol de abaixo (o muíño de Manuel de Pedro, muíño do Veciño, muíño de Martín e muíño da Folicheira, este último actualmente con funcións de vivenda turística rural). En Catasol de Abaixo existen dúas pontellas, unha que comunica os muíños de Pedro e o do Veciño (na marxe esquerda do río, co de Martín na marxe dereita), sendo esta a ponte referida nesta ficha. E a uns 50 m augas abaixo existe unha segunda pontella de maior porte, que comunica o muíño de Martín co da Folicheira, situado na marxe esquerda do río. Ambas pontellas sitúanse nun treito moi abrupto do río Catasol, no que no inverno acostuman a producirse enchentes polo acusado incremento de caudal e porque o curso do mesmo é angosto e moi accidentado, existindo zonas de penedías que obrigan a serpentear os caudais e tamén a producirse unha sucesión de pequenas cascadas e pozos. A pontella situada augas arriba presenta unha arquitectura sinxela á par de funcional, que conta con dous potentes estribos sustentantes sobresaíntes respecto ás marxes do río, en cuxo alzado se produce unha tendencia ó abovedamento, unha vez que as fiadas de cachotaría de pedra tenden a ir achegándose segundo se vai aproximando ó taboleiro superior, consistente en grandes chantas de rocha de gneis, dispostas en horizontal e cubertas na súa parte superior por unha capa de terra na que nace a herba. Este tipo de pontellas soían carecer de varandas e de peitorís laterais pero nalgúns casos, como o que nos ocupa, contaban cun ancho suficiente para o paso dun carro, tendo en conta que neste tramo  do río resulta imposible facerse un vadeo polo leito do mesmo, debido á altura das marxes do cauce e tamén á irregularidade do seu fondo e acumulación notoria de caudais nos meses de chuvia, que producen rebordamentos puntuais do río. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Pasais de Raído [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] En pleno trazado do Camiño  Francés, a unha distancia de 1,4 km dende a igrexa románica de Santa María de Melide, atopámonos con esta antiga pontella sobre o río Catasol, no tramo comprendido entre O Carballal e Raído. A pontella sitúase nunha paraxe de grande beleza na que predomina o arborado propio do bosque autóctono galego, aínda que por desgraza o antigo arborado está sendo talado por substitución de árbores de repoboación (eucalipto). A pontella, mal chamada "pasais", atópase no curso baixo do Catasol (afluente do Furelos) e realizouse nunha data indeterminada coa finalidade de favorecer o paso de camiñantes mentres que os carros de vacas e as cabalerías vadeaban o  río nesta zona de escaso caudal. Esta ponte é un dos elementos máis fotografados polos peregrinos que fan este tramo de camiño e que obrigatoriamente teñen que pisar as súas tampas do taboleiro superior, exceptuando os peregrinos que opten pola variante complementaria do Camiño Francés que discorre pola aldea de Penas. A pontiga ou pontella resposta ós vellos modelos de habilitación de paso en zonas de escaso caudal, nas que non resulta preciso a realización de pontes propiamente ditas. Esta pontella está constituída por sete grandes chantas de gneis de gran tamaño que lembran os ortostatos ou chantos das cámaras das antas megalíticas e que se asenta sobre piares toscos de cachote do mesmo tipo de rocha, cuxa finalidade é a de soster as tampas, servíndolle de apoio e adaptarse ó fondo do leito de xeito que o taboleiro manteña tendencia horizontal. O ancho das chantas sitúase en torno a 1 metro, aínda que pode variar en función do seu desenvolvemento. A altura da pontella levanta tamén 1 metro respecto ó leito de area do vado do río. Hoxe, polo vado fluvial, pasan ademais das cabalerías dos peregrinos que fan o camiño por este medio, o máis frecuente é o tránsito de tractores que durante os meses de inverno deixan fondas pegadas no propio Camiño de Santiago, contribuíndo á degradación do mesmo, polo que non sempre resulta doado conciliar diversos tipos de intereses e necesidades. BIBLIOGRAFÍA: Broz Rei, Xosé Manuel: “O Río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. Broz Rei, Xosé Manuel: “O antigo Camiño de Santiago desde Melide ao Barreiro”. Publicado no Boletín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Casa con porta antiga en Paradela [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Na aldea de Eirexe, a tan so 22 m ó Noroesta da Igrexa parroquial de San Paio de Paradela, atopámonos cunha casa antiga (coñecida como a Casa de Marica) de cronoloxía encadrable nos séculos baixomedievais ou de comezos da Idade Moderna, que conta cunha fermosa portada alintelada que presenta ménsulas ou mochetas de perfil en nacela. Desta tipoloxía na mesma aldea de Paradela hai outras dúas máis, existindo máis en diversas aldeas da parroquia, como en Prados, Baamonde, Montelén, Mourelos ou Fondevila, rexistrándose un total de once deste modelo. Así pois este tipo de portas antigas dan conta da relevancia patrimonial destas aldeas de Paradela. Broz Rei fai un estudio da tipoloxía de portas existentes no termo municipal de Toques, e respecto ás portas con ménsulas ou mochetas refire que: “ademais de todas estas portas de ménsulas ou canzorros, hai outras moitas que se espallan polas antigas casas, que carecen de algúns dos elementos orixinais. Moitas conservan cruces nos arcos ou nos sillares, no exterior ou no interior da xamba; outras amosan no lintel a aresta co rebaixe moldurado; algunhas foron modificadas en posteriores reformas, pero todas elas presentan grandes sillares de cantería, de diferentes dimensións... Aínda que outras puideran ser obra coetánea ás antigas, foron feitas para casas con menos categoría social e económica, para morada de caseiros, subforeiros ou xente menos pretenciosa. A maioría tiña diante delas un pendello, espazo cuberto a unha auga, que protexía do sol e da chuvia. Lugar moi axeitado para realizar pequenos traballos ó enxoito ou na sombra, para gardar ós animais ou a besta, e tamén como espacio que podía comunicar co forno ou coas cortes”. Esta descrición tan atinada reflicte diversas das características que se aprecian nesta casa de Paradela, como poden ser o emprego de grandes sillares de cantería (que como recolle Broz procede das canteiras de Friol, Lugo), o uso de mochetas ou ménsulas e lintel con aresta con rebaixe moldurado e tamén a existencia dun pendello ou cuberta que protexe á porta e serve como antesala dunha corte e dun pendello, na actualidade derrubado. Así pois vemos un modelo de porta monumental realizada en aparello de cantería, en asociación con cachote disposto en fiadas máis ou menos horizontalizadas e cunha soleira elevada respecto á rasante do terreo que se salva con dous chanzos. Esta arquitectura compleméntase cunha porta antiga de madeira feita en dúas follas, con táboas grandes de castiñeiro que conxuga á perfección co conxunto. Á esquerda da porta mirando de fronte á mesma, existe unha pequena xanela seteira con disposición en vertical, como soe ser habitual e con remate alintelado. Ó carón dunha casa anexa de construción moito máis recente atópanse dúas pías ou bebedoiros de auga, podendo tratarse unha delas dun sartego funerario de feitura trapezoidal, con extremos redondeados. A casa antiga que ten adosada á súa dereita (é dicir, pola banda oriental), correspóndese coa vella escola pública de Paradela. BIBLIOGRAFÍA - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado o ano 2011. [Cronoloxía] Idade Moderna [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Antigo pedestal do cruceiro de Melide [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] O antigo pedestal ou basa do cruceiro gótico de Melide, hoxe atópase en desuso e fora de contexto. Aínda que non se trata dunha peza coetánea á cruz en pedra datada no século XIV, é o basamento máis antigo que del se coñece. Esta peza descontextualizada atópase hoxe parcialmente oculta por un arbusto ornamental situado no xardín da banda oriental da Capela de San Roque, nunha situación máis ou menos acorde coa ubicación do cruceiro entre a década de 1960 (cando se traslada dende o Campo de San Roque) ata a de 1980 (cando se reubica no escenario actual) e se substitúe o basamento por unha plataforma escalonada de tres chanzos, realizada en cemento con aplacado de granito cortado en serradoiro de pedra, e que hoxe presenta abundantes desperfectos, especialmente pola banda occidental por mor da instalación de escenarios de orquestras. Este elemento posiblemente se trate dunha pedra dun lagar, a xulgar polas escotaduras ou entalles que presenta nos cantos laterais, que indican claramente que se trata dunha peza reaproveitada. Na parte superior do pedestal realizóuselle un rebaixe ou oco de planta circular, para inserir o fuste ou varal do cruceiro, que aínda que é antigo, o máis probable é que tamén se trate dun elemento sustentante reaproveitado, posterior á execución da cruz no século XIV. O basamento levanta un total duns 50 cm e conta cunha forma redondeada en planta e de sección tendente a trococónica. Actualmente poden verse desperfectos, traducidos en perda de material, no reborde superior que faría as veces de anel de suxeición do fuste. Sobre esta basa existen diversas referencias documentais. A máis antiga retrotráese ó ano 1903, da man do erudito, investigador e médico melidao Eduardo Álvarez Carballido, quen a describe do seguinte xeito: “Sirve de basamento a la columna un trozo de granito, que se eleva como 50 centímetros sobre el nivel del suelo, de forma muy irregularmente circular, y que presenta en dos puntos opuestos, unas escotaduras rectangulares, una de ellas deformada, correspondiendo a los frentes de la cruz”. Este autor describe pormenorizadamente o cruceiro, nunha data na que este se atopaba no Campo de San Roque, e nese senso refire que “... es la que se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de San Roque”, nun escenario no que o mesmo autor sostén que “... ha visto desfilar ante si tantas generaciones y tantos mártires; de la religión unos, como a los que a sus inmediaciones pasaban en la Edad Media abandonando sus casas y familia, para venir en peregrinación a Compostela en cuya expedición a menudo sucumbían; de la política otros como las numerosas víctimas de la Primera Guerra Civil Carlista, que en el contiguo campo fueron fusiladas...”. Tamén aporta un dato moi interesante no que se refire á unión do varal coa cruz, e nese senso afirma que “este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la Ermita de San Sebastián, citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista y a cuya ermita vino a sustituir la Capilla de San Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos. En efecto, por la unión de la vara y la cruz una mano estúpida le rompió, y por una de esas rarezas en que el sentimiento religioso vino a salvar la obra de arte, fue enmendada la fractura uniendo ambas piezas, con un sólido pero tosco anillo de hierro y unas cuñas tan mal colocadas, como impropias por su materia y forma de ocupar tal lugar”. A segunda referencia que sobre o cruceiro temos, atopámola no libro Terra de Melide (1933), e sostense que “o basamento do cruceiro érguese a 50 cm do chan e o fuste ochavado mede 3 metros de outo”. A terceira referencia atopámola nun traballo de Broz Rei datado no ano 1983, no que se fala de que o cruceiro “está á beira da igrexa de San Roque, do lado dereito, pra onde foi trasladado recentemente, pois antes estaba no lado esquerdo sobre un pedestal de pedra sin labrar. Agora érguese sobre unha plataforma escalonada moi pouco axeitada ó carácter do cruceiro. Noutro tempo estivo no Campo de San Roque, onde se facía a feira. Tamén tivo a disgracia de andar tirado e esquencido, hastra que se ergueu de novo polo celo de Don Antón Taboada Roca”. Este mesmo autor recolle que “cando o cruceiro estaba no Campo de San Roque tiña unhas gradas a xeito inverso, pois o campo quedaba máis baixo que a estrada. Estaba rodeado por grandes arbres: olmos e carballos... Tamén había perto do crueceiro, un palco de música de pedra e con balconada de ferro... Tamén se facía neste campo a feira de gando. Logo foi cando se plantexou a modernización e cortáronse estes arbres e mudouse o cruceiro”. Así pois vemos que o cruceiro estivo en tres emprazamentos distintos ó longo do século XX e que estaba asentado sobre ese pedestal ata comezos da década de 1980. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: “El crucero de San Roque de Mellid”. Publicado en "Galicia Diplomática", nº 11, ano 1893 e recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado no ano 2001. - Carro, Xesús; Camps, Emilio; Fernández Oxea, Xosé Ramón: “Arqueoloxía relixiosa de Melide”. Publicado no Terra de Melide, ano 1933. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] A Pena Arada [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Coa denominación da “Pena Arada” defínese a un conxunto de penedías aflorantes situadas na aba setentrional da elevación coñecida como “A Pena Grande”. Os afloramentos de rocha contan cun amplo dominio visual sobre o curso do Río Furelos, e son doadamente visibles dende as aldeas de Fondevila, Buxán e Paradela e tamén dende a propia estrada CP-4604 que comunica a vila de Melide coa estrada AC-233/LU-233 que vai dende Sobrado dos Monxes (A Coruña) ata Friol (Lugo). Esta penedía sitúase a unha altitude de 550 metros, aproximadamente a uns 100 m de diferencia de altitude respecto ó curso do río Furelos. O máis destacable desta penedía da que non coñecemos folclore asociado, ó cal non quere dicir que non houbese contos ou lendas vinculadas a ela, a xulgar polo seu amplo dominio visual e significación na paisaxe, e que no ano 1998 atopouse, co gallo da apertura dun camiño situado a unha distancia de 100 m cara ó Norte, na aba de elevación, un exemplar de punta de xaveliña tipo Palmela, que conta cunhas dimensións de 92,5 mm de longo por 23 mm de anchura máxima da folla, de feitura en forma de folla de loureiro, e cun espigo de 29 mm de longo cun grosor máximo de 3 mm e con sección circular. O achado foi casual, como xa se indicou debido á apertura mecánica dun camiño de monte, como refire Meijide Cameselle “foi atopada de forma casual nun camiño da aba occidental do Monte da Pena Grande, ó nordés do lugar de Buxán, preto das penedías chamadas Pena Arada, case que a metade de camiño do lugar de Paradela, na parroquia de Paradela (Toques). A peza saíu á luz a causa das remocións de terra feitas para mellora do camiño. Nas beiras vense grandes rochas, algunha delas co aspecto de chanto megalítico, anque non hai evidencias claras da existencia de mámoas, salvo nun lugar onde parece apreciarse unha pequena masa tumular. Nembargantes, sería precisa a realización dunha intervención arqueolóxica para intentar definir ou confirma-lo tipo de xacemento”. O mesmo autor sostén que a datación máis probable da punta de Pena Arada “podería apuntar ó albor do Bronce Inicial, en torno ó 1800 a.C”. Esta punta palmela atópase custodiada no Museo da Terra de Melide BIBLIOGRAFÍA: - Meijide Cameselle, Gonzalo: “Unha punta palmela de Pena Arada (Buxán Toques). Publicado no Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998. [Cronoloxía] Indefinida [Estado de conservación] Regular [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Saamil [Parroquia] Santiago de Vilouriz [Descrición] O cruceiro de Saamil é un dos máis singulares dos existentes na Terra de Melide, xa que é dos poucos cruceiros que non é parroquial, senón que foi erixido por mor dunha promesa, posto que ó parecer nese lugar finou un home e por iso ergueron o cruceiro na memoria do defunto. O cruceiro ubícase no extremo dunha carballeira situada na entrada da aldea de Saamil, é sabido que é da autoría de José Torres “o Cambote”, canteiro que tamén realiza o cruceiro parroquial de Santiago de Vilouriz, situado o lado da igrexa. Broz Rei recolle algúns aspectos biográficos sobre o autor: “...Xosé Torres, “o Cambote”, chamado así porque viñera da Terra de Camba; foi quen fixo os cruceiros de Vilouriz e o de Saamil... O Xosé de Torres, o Cambote, ademais de bo ferreiro, aínda era mellor canteiro, músico de acordeón e clarinete, que facía conxunto con Ánxel Maña, de San Xiao, coñecido por Agustín, que era o nome de seu pai, Agustín de San Xiao... E con estes dous, outro artesán, Xosé Varela Varela, da Fraga de Vilamor, músico de tambor, bombo, frauta e clarinete...” O cruceiro de Saamil na actualidade atópase bastante descoidado, aínda que destaca pola feitura e equilibrio das súas formas, tratándose dun cruceiro de execución esmerada á par de sinxelo. Aséntase sobre dúas gradas sobre as que descansa un pedestal de forma troncopiramidal. O fuste ou varal, é un dos elementos mellor executado, que conta con sección cadrada con estrías lonxitudinais desenvoltas en paralelo ás caras ou ángulos externos. Na parte superior forma un estreitamento ou entallado sesgando as arestas dos ángulos. Sobre o mesmo disponse o capitel de perfil moldurado e a cruz lisa, carente de figuración, de sección rectangular e con palmetas a xeito de apéndice na zona de intersección dos dous paus. A cruz aparece rematada por un último apéndice a modo de coroamento. Ó carón do cruceiro atópanse dúas laudas sepulcrais, fora de contexto, que probablemente proveñan dos veciño camposantos parroquiais de Santiago de Vilouriz ou de San Estevo de Vilamor, como hipóteses máis plausibles, a que a aldea de Saamil atópase nas proximidades destas dúas freguesías, aínda que tamén a pouca distancia se ubica a igrexa de San Xiao do Monte. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de arquitectura popular en Castiñeiroa [Parroquia] San Pedro de Maceda [Descrición] Na aldea de Castiñeiroa consérvase un dos mellores exemplos de conxunto arquitectónico de tradición popular existente no termo municipal de Melide, onde xa poucos núcleos se conservan en relativamente bo estado. Resulta moi recomendable visitalo para coñecer os patróns de edificación tradicional propios destas áreas da Galicia do interior. A pesar de que no medio das antigas vivendas de labranza existen algunhas edificacións de recente construción, o certo é que a vella aldea de Castiñeiroa recolle e exemplifica a esencia do poboamento rural tradicional que apenas mudou en séculos ata a chegada dos novos materiais construtivos a partir da segunda metade do século XX. Así pois, Castiñeiroa caracterízase por ser un dos lugares nos que a tradición popular se mantivo viva ata datas relativamente recentes. No tocante á arquitectura da aldea, indicar que se conxuga harmónicamente a casa tradicional labrega coas edificacións adxectivas, traducidas en cortes, alpendres e algún que outro hórreo que mantén a esencia do modelo propio da Terra de Melide. As edificacións foron erguidas en aparello de cachotaría de gneis, en conxunción con pezas de cantería de granito empregadas en portas, xanelas, posto que os esquinais das estruturas tamén empregan o aparello de cachote de grandes dimensións, poderíase dicir que pseudociclópeas. Estas vivendas caracterízanse pola minimalización e escaseza de ventás, feito que se traduce en evitar a perda de calor, sinalándose que a aldea de Castiñeiroa, localizada no extremo setentrional do Concello e exposta ós aires fríos do Norte, tamén se ubica ó pe dunha das principais elevacións existentes na zona, coñecida como o Couto do Vieiro que acada unha altitude de 620 m sobre o nivel do mar. O conxunto arquitectónico tamén se complementa de xeito moi estético coa presenza de varios carballos illados e de bo porte. Nesta aldea naceu Anxo de Carmela, un dos artistas e artesáns de máis sona na Terra de Melide. Este polifacético home, que de mozo emigrou a Cuba, desenvolvíase especialmente ben en todas as artes populares, posto que traballaba como ferreiro, canteiro, albanel, zoqueiro, imaxineiro e construtor de numerosos hórreos, muíños e tamén dos cruceiros de Maceda e Orois. Cando volveu de Cuba el máis un irmán seu, dise que “trouxeron tanta ferramenta que cargaban dous carros”. Ademais de ferramenta tamén trouxo moldes para decoración con cemento que empregaba para decoración de testeiros e penais de hórreos e mesmo para a execución das cruces dos cruceiros. A este prolífico autor tamén se debe a autoría do retablo da Inmaculada da igrexa de Maceda, realizado en estilo Neogótico. Así mesmo das súas mans saíron algunhas fermosas imaxes relixiosas. Este conxunto, xunto co de Fontexoán sito na parroquia de Folladela (Melide), posiblemente se traten dos dous conxuntos máis representativos da arquitectura popular, que se manteñen sen demasiadas alteracións no termo municipal, o que denota que tanto este concello como os limítrofes, se viron fondamente alterados por fenómenos urbanísticos de modernidade mal entendida. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Meldie", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.   [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo en Gondollín [Parroquia] San Martiño de Gondollín [Descrición] Na aldea de Gondollín sitúanse dous dos hórreos máis sobranceiros do Concello de Melide. Un deles ubícase na encrucillada de pistas existente no medio da aldea. Destaca ademais de polas súas dimensións, por situarse sobre o muro de peche dunha eira e sobre a portada de acceso á mesma. Trátase dun magnífico exemplar de hórreo de tres estremas (tramos), aínda que o seu estado de conservación actual é bastante deficiente, acusándose importantes deterioros na súa cuberta. Correspóndese co típico hórreo da Terra de Melide no que se conxugan elementos estruturais en pedra con carpintería de madeira complementaria. Conta con pes ou perpiaños de cantería de sección de perfil moldurado como é acostumado nos hórreos desta bisbarra. Estruturalmente ademais dos pes de basamento conta cunha basa suspendida conformada polos tornarratos de cantería asentados sobre os ditos pes, sobre os que se dispoñen os xugos e as mesas que serven de piso da cámara do hórreo. As estremas defínense polos elementos verticais de cantería, denominados ucheiras ou columnas que entre elas se desenvolve o sistema de peche da cámara do hórreo denominado como ladeiros, no que se colocan listóns de madeira separados entre si, que van xunguidos por unha barreta disposta en horizontal, de xeito paralelo e intermedio entre a mesa e as padias do hórreo (mesa superior do hórreo). As padias actúan de soporte do entramado de madeira do tellado, disposto a dúas augas e cuberto con tella do país. Sobre os testeiros da cuberta soíanse colocar pináculos e cruces, ausentes neste hórreo concreto. A porta da cámara sitúase no extremo oriental mentres que no oposto atópase o testeiro que en vez de ser de pedra ou de madeira é de ladrillo oco, claramente obxecto dunha remodelación a posteriori. Este modelo de hórreos sobre entradas de curros e eiras de casas de labor non é raro no Concello de Melide, posto que son varios os que respostan a este patrón, como un existente na Praza das Ichoas de Melide, na aldea do Ribeiro (Os Ánxeles) ou na de Castelo (O Barreiro). Esta característica ademais de outorgarlle singularidade á propiedade tamén conta cunha grande vantaxe, posto que a súa destacada elevación favorece a ventilación do produto almacenado. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Construción dun hórreo tradicional”. Publicado no Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. [Cronoloxía] Fins século XIX - inicios do XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Calzada do Leboreiro [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] En pleno trazado do Camiño Francés ó seu paso polo termo municipal de Melide, consérvase un treito duns 400 m da antiga calzada medieval, entre as aldeas do Coto pasado o límite da provincia de Lugo e A Coruña e a do Leboreiro, identificada no Códice Calixtino como Campos leporarios (ou campo de lebres). Hoxe por desgraza apenas se pode ver nada do antigo enlousado da calzada, posto que foi oculta por zahorra e áridos de canteira coa finalidade de favorecer o tránsito de peregrinos a pe, fundamentalmente para ciclistas e para coches de apoio. Nesta ficha acompáñase dunha foto antiga na que se pode apreciar a calidade do pavimento empedrado. Hoxe por hoxe non hai dúbidas de que se trata dunha antiga calzada medieval, existente nunha aldea que se caracteriza por ter elementos da mesma adscrición cronolóxica (Igrexa do século XIII, Hospital de peregrinos da fundación medieval e ponte sobre o río Seco tamén datada nos tempos do medievo). Ata non hai moitos anos, a esta calzada do Leboreiro se lle coñecía como “calzada romana” habendo quen a identificaba cun treito da Vía XIX do Itinerario de Antonino, dato que se desestimou por completo, porque non hai nada que indique que dita vía transcorría por dita aldea do Leboreiro, senón que o máis plausible é que o seu trazado se relacione co do Camiño Primitivo ou de Ovedo, onde se identifican treitos nos que se evidencian técnicas construtivas e de adaptación ás pendentes propias do sistema viario romano (incluso na aldea de San Romao de Retorta, concello de Guntín, teñen aparecido miliarios romanos e na veciña aldea de Ferreira aínda se mantén en pe unha pequena ponte de fundación romana). No ano 1988 un equipo da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a dirección do arqueólogo Felipe Criado Boado, realizou unha pequena cata de verificación na calzada do Leboreiro e non se definiron pautas propias da construción secuenciada das calzadas romanas, senón que o pavimento da mesma se asenta sobre niveis térreos ou sobre o substrato xeolóxico natural. Esta calzada está realizada en aparello de rocha anfibolítica, moi rodada como consecuencia dun uso reiterado da mesma e do paso do tempo. A última intervención que se realizou nela foi no ano 1995, baixo a dirección de Elisa Redondo, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio. Fixéronse importantes traballos de reposición do lousado, ensanchamento, limpeza e plantación de árbores nas marxes, sendo esta unha intervención moi ben concibida e executada, na que participou un canteiro local especializado na construción de valados coa técnica de mampostería seca ou “a óso”. Mais por desgraza toda esa actuación quedou desdebuxada por culpa da cobertura con áridos de canteira que impiden poder contemplar a monumentalidade deste tramo de calzada medieval. Indicar asemade que algúns dos alciprestes que existen na marxe da vía foron plantados nesa data na que se levou a cabo a súa recuperación. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago”. Publicado no Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. [Cronoloxía] Idade Media [Estado de conservación] Regular [Tipo] Camiños antigos ---------------------------------------- [Elemento] Lavadoiros da aldea do Castro do Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] A aldea do Castro do Meire é unha das aldeas máis elevadas do Concello de Melide, situada a unha altitude comprendida entre os 560 m e os 570 m sobre o nivel do mar. Emprázase na aba noroccidental do Monte do Castro, unha das máis destacadas elevacións e a máis meridional da Serra do Careón. Ademais do seu castro, no que tantos obxectos arqueolóxicos se teñen atopado por accións de laboreo, tamén é destacada por algunha das súas mostras de arquitectura tradicional. Tamén é moi chamativo un conxunto hidráulico situado ó carón dunha casa tradicional de labranza e dunha palleira recentemente rehabilitada, que aproveita as augas dun pequeno rego de montaña no seu curso descendente dende as vertentes do Careón cara a cunca do río Seco. En esencia trátase dun enxeñoso medio de aproveitamento dos caudais para ser utilizados como lavadoiros tradicionais unha vez que se procede ó remansado artificial das augas, para poder contar co caudal e a profundidade suficiente para ser aproveitado como tal. Ó carón da pista asfaltada que leva dende o lugar do Castro de Arriba ó de Abaixo, atopámonos co primeiro dos lavadoiros, que conta con tres grandes pedras inclinadas para o lavado e o frotado das prendas, aínda que o fondo do estanque, pos cuestións de desuso, aparece bastante colmatado de sedimentos e gravas que impedirían un uso axeitado, de non levarse a cabo accións de mantemento. O segundo dos lavadoiros está situado a uns 25 m máis arriba, é dicir en dirección leste. É máis pequeno que o anterior pero o seu estanque é máis fondo, o que permitiría unha maior comodidade. Este segundo lavadoiro na actualidade só se lle ve unha pedra de lavar, non sendo descartable que puidera contar cunha segunda, a xulgar polo espazo existente ó carón dela. En complemento a estes pequenos lavadoiros de remanso, tamén existen outras solucións hidráulicas concibidas para adaptación á pendente, traducidas en pequenas represas a xeito de cascadas e tamén calellas ou gabias en galería cuberta para paso de auga. Todo este conxunto adquire unha especial graza e singularidade por estar acompañado da típica vexetación de ribeira entre as que destaca arborado ripícola, loureiros reais e diversas especies de fentos asociadas a cursos de auga (falsos fentos, fentos reais, etc). [Cronoloxía] Indefinida [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Castro de Paradela [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] O castro de Paradela tamén coñecido como Castro de Montelén, sitúase a medio camiño entre o núcleo de Paradela e a elevada aldea de Montelén ubicada na mesma parroquia de San Paio. O castro sitúase nun outeiro en ladeira nas cotas descendentes da vertente do Couto de San Cidre. O castro emprázase a unha altitude comprendida entre os 550 e 540 m, nunha aba de pendente abrupta que se proxecta sobre o curso do rego Pequeno de Montelén, tributario do Furelos. A descrición que del se fai no inventario do PXOM do Concello de Toques é bastante precisa, que se detalla nos seguintes termos: “Trátase dunha sinxela estrutura fortificada de forma lixeiramente oval e pequenas dimensións. O recinto central ou croa está arrodeado de muralla con parapeto interno de E a S e entrada polo SSE. No interior da croa aparece máis elevada a zona NW da mesma. É posible que tivese foxo (hoxe cegado e colmatado). O recinto central ten uns 100 m de eixo maior (E-W) e uns 80 de eixo menos. A uns 30 m ó E do castro atópase un conxunto de tres ou catro niveis de aterrazamentos dispostos na zona media da ladeira. Estes aterrazamentos definen unha estrutura artificial orientada ó SE e dotada dun terraplén no lado W que se sitúa de forma concordante ca pendente natural do terreo. Ademais a uns 100 m ó SE do castro atópanse tres liñas de terrazas, a superior pechada por un foxo”. Tamén resulta interesante a descrición que del se fai no “Terra de Melide” por parte do prehistoriador L. Cuevillas, quen tamén apunta que “no suleste apréciase un portelo de 2 m de ancho que fende por enteiro o parapeto e o terraplén e que semella estar flanqueado por lixeiros reviramentos da cerca cara ó interior. A disposición de ista entrada quizais corresponda a unha antiga porta do castro”. Así mesmo tamén recolle aspectos do folclore do castro e apunta tres referencias moi interesantes, como que “o tema das trabes, áchase eiqui baixo a forma de tres vigas; unha de ouro, outra de diamante e a terceira de alquitrán, que toupa en labaradas si se lle toca. As tres van dar ó Castro Pedro”. “Pol-o norte e ó pe do monte onde se asente a acrópole pasa un regato que se chama o río de Tras do Castro (está a referirse  Cuevillas ó Rego Pequeno de Montelén). Nil e nun pozo que se coñece pol-o Puzo Negro (un pozo de río situado augas arriba do pozo dos Castiñeiros), era onde os mouros que habitaban no castro levaban a beber ós seus cabalos”. “A tía Ánxela de Rendos contaba que na súa mocidade un día en que andaba en precura do gado polos terreos do castro, ouviu uns soídos coma de xouselos e campañillas que saína do fondo do castro”. Vemos pois que o Castro de Paradela é rico en folclore. En canto á cultura material destacar que no Museo da Terra de Melide custódianse diversas pezas procedentes deste asentamento, entregadas a finais da década de 1970 e comezos de 1980 por alumnos da escola de Paradela, entre os que se destacan fragmentos cerámicos e obxectos líticos, sobresaíndo un pequeno idoliño ou figura pseudoantropomorfa de 4,5 cm de altura, 2,3 cm de ancho e 3,1 cm de grosor, que podería tratarse dun elemento de culto ou mesmo dun xoguete realizado en esteatita. Para rematar compre indicar que hoxe o castro e os aterrazamentos situados por fora do recinto principal e ó sur do mesmo, apenas resultan visibles, posto que hai poucos anos foron replantados con eucaliptos, por iso non resulta posible a realización de fotos a non ser aéreas. BIBLIOGRAFÍA: López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”. Capítulo II do Terra de Melide. Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “A escultura antropomorfa castrexa na Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013. PXOM de Toques: “Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Toques: Delimitación das áreas de protección integral e de cautela dos depósitos arqueolóxicos do Concello de Toques”. Ano 2007 [Cronoloxía] Idade do Ferro [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Castro da Armada [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] O Castro da Armada ou das Fervenzas asóciase ó curso alto do río Furelos, caracterizado polo abrupto do seu relevo. Trátase dun asentamento destacado en altura e un dos máis elevados da Terra de Melide, situado a unha cota de 613 m sobre o nivel do mar. A unha distancia duns 100 m cara o LNL atópanse as Fervenzas do Furelos, aínda que entre o asentamento castrexo e a fervenza se produce un acusado desnivel, posto que o primeiro se sitúa na parte máis elevada dun esporón en ladeira e a segunda na depresión existente entre as elevacións que enmarcan o cauce fluvial, estando o Castro nunha das estribacións terminais da Serra do Bocelo e fronte ó mesmo, cara ó leste, sitúase outra elevación parella que nese caso, se corresponde con outro esporón asociado ás vertentes occidentais dos Montes do Corno do Boi. As primeiras referencias bibliográficas sobre este Castro tan senllerio e tan manifesto na paisaxe, débense a autoría do prehistoriador Florentino L. Cuevillas, quen aporta unha descrición no “Terra de Melide” (1933). Sobre o mesmo refire que “ocupa íntegramente o cume de un monte, de salvaxe fermosura, que dende o leste ó suloeste baixa en pendente pina e longa deica o río Furelos, caíndo pol-o restante da volta, en costa moita máis corta sobre unhas veigas, que andaban a millo cando nós visitamos aquiles lugares”. O mesmo investigador refire que “queda o Castro a uns 500 m cara ó suloeste da aldeiña da Armada, pertescente á parroquia de Brañas”. Mentres que M. González Méndez afirma que “se accede a él desde el lugar de Carreira tomando la pista que lleva a las Fervenzas”. Tamén esa autora fai unha descrición do xacemento castrexo empregando datos que xa foran apuntados no seu día por Cuevillas, mais dun xeito máis técnico e menos literario que este, nese senso sostén que “el castro se configura a partir de un recinto circular que se alza sobre un terraplén coronado en su arco N en su arco defensivo. Por el lado NNE el parapeto se abre para dar lugar a un acceso, posiblemente original, de unos 5 m de anchura, flanqueado hacia el exterior por una prolongación del parapeto que se extiende unos 9 m. El yacimiento presenta unas dimensiones de 56 m en el eje N-S y 63 m en el E-W. El parapeto tiene una altura que oscila entre los 2 y 4 m y el terraplén se alza con una altura que oscila entre los 4 y 9 m, según el lugar. Fue objeto de alguna excavación por parte del grupo arqueolóxico Trisquele vinculado al Museo Terra de Melide”. Aínda que as primeiras descricións foron as realizadas por Cuevillas, o mesmo apunta que foi catalogado primeiramente para a realización do Inventario de asentamentos castrexos na Terra de Melide polo presbítero melidao Amador Rodríguez Martínez (coautor xunto a Vicente Risco do capítulo Folklore de Melide no “Terra de Melide”) e tamén polo ilustre folclorista e etnógrafo Antón Fraguas Fraguas. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: “La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el Ayuntamiento de Toques (A Coruña). Serie Arqueoloxía-Investigación nº 8. Xunta de Galicia ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”. Capítulo II do “Terra de Melide”. Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Idade do Ferro [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Ribadulla [Parroquia] San Vicenzo de Ribadulla [Descrición] Este cruceiro mudou de emprazamento no ano 1968, posto que ata ese ano estaba situado ó carón da desaparecida igrexa parroquial de San Vicenzo de Ribadulla, destruída co gallo da construción do Encoro de Portodemouros. Ditos cruceiro e templo parroquial situábanse na antiga aldea de Ribadulla, tamén anegada polas augas do encoro, que se localizaba ó carón do río Ulla. Por desgraza procedeuse ó traslado do cruceiro e non da igrexa, da que únicamente se conservan os seus alicerces visibles cando baixan as augas do encoro. No seu lugar  constrúese un novo templo próximo ás aldeas de Moreda e Gosenxe, que carece de interese artístico. O cruceiro destaca polo seu equilibrio compositivo, por riba da sinxeleza dos seus elementos, polo que se traduce nun elemento harmónico e ben estruturado. Érguese sobre tres gradas. A inferior encastrada no terreo e a superior con moldura sobresaínte. Sobre ela descansa o basamento ou pedestal de planta cuadrangular e perfil con rebaixe de media cana. O fuste ou varal presenta sección octogonal con extremos de sección cuadrangular. O capitel presenta feitura a xeito de peana con perfís moldurados. A cruz conta con paos de sección octogonal por presentar arestas en chafrán e os extremos contan con remates florenzados. Na cara que mira ó sur observamos a representación dun anxo en relevo. O cruceiro presenta senllas inscricións. Na parte inferior do fuste aparece a inscrición: “Este por devoción de”, e na parte inferior do pedestal aparecen dúas datas: “año de 1844” e tamén “11-1 de 1968”, coincidente coa data do traslado deste cruceiro. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”, ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2017. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Poza do barro da Madanela [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] A gándara da Madanela constitúese como un dos principais ecosistemas existentes na Galicia Central, posto que ademais de contar cunha destacada vexetación esteparia, entre as que atopamos endemismos propios de substratos xeolóxicos serpentinizados, tamén conta con unha certa relevancia noutro tipo de variables como poden ser as pegadas antropizadas existentes na paisaxe achairada que define á gándara. Dentro desas variables unha das máis destacadas dende tempos antigos é a da produción de tella, tanto de maneira máis ou menos artesán como mesmo de xeito industrial. Na Terra de Melide tiñan moita sona os telleiros e os fornos de tella existentes no Leboreiro como en Furelos e en Piñor. Estes últimos obtiñan o barro no Monte de Vimianzo (Santiso), pero os dous primeiros abastecíanse fundamentalmente na gándara da Madanela, posto que en asociación co substrato natural de rochas ultrabásicas e serpentinitas, tamén existen grandes vetas de arxila, produto da meteorización última da rocha. Por toda a Madanela quedan pegadas das antigas extraccións de barro convertidas na actualidade en pozas e lagoas artificiais, que contan cun innegable valor ambiental xa que foron, unha vez se produce o abandono das mesmas, colonizadas por vexetación arbórea e arbustiva de ribeira, e nas zonas menos fondas “invadidas” por mestas xunqueiras. Esa renaturalización outórgalle unha especial relevancia, posto que se converteu en importante lugar de refuxio e morada estacional de anátidas e doutro tipo de aves que son propias de ecosistemas palustres, como garzas e pitas de auga. Tamén se destaca a presenza de anfibios (con diversas especies de ras e tritóns). Mais a máis grande de todas esas lagoas é a existente nunha zona denominada O Redondo, sendo o resultado dun proceso continuado e que que remonta a tempos ben lonxanos, a xulgar pola grande extensión e profundidade da mesma que leva á conclusión de que tivo que levar o seu tempo producirse unhas extraccións tan notorias. A poza grande conta cunhas dimensións duns 95 m no eixo NNL-SSO, podendo ser maior posto que non se pode ver a súa extensión nas zonas máis someiras por estar en boa medida ocultas polas xunqueiras. No eixo ONO-LSL chega a superar os 40 m de anchura. Estímase en base á lámina de auga (visible) que acada unha superficie duns 2.200 m2. Broz Rei recolle, en diversos estudios sobre os telleiros do Leboreiro e Furelos, en base a conversas con telleiros retirados que “o barro do Redondo era malo, recio e gordo, o da Vacariza era bo, era xabroeiro... os de Furelos collían o barro da Madanela... os de Piñor collíano no Monte de Vimianzo”. Ou tamén que “o barro era do Monte da Madanela e para amasalo collíase: xabroeiro =1/2 carro, barro gordo = 2 carros, terra = 1 carro. Amasábase a mezcla no amasadoiro”. O mesmo autor tamén considera que estas cuncas extractivas poderían ser xacemento do que se extraería o barro preciso para edificación de paredes de mampostería, nos que o cachote de pedra iría ligada con barro. Nas inmediacións da poza grande aínda se conservan as ruínas dos complexos industriais de elaboración de tella e ladrillo, constituíndose nunha interesante mostra da arquitectura industrial de cerámica de construción. Nos antigos fornos de tella cocíanse ademais das tellas curvas das cubertas das casas, os tellóns de gran tamaño realizados para os cumios dos tellados así como ladrillos ou tixolos macizos, que tamén se empregaban para edificación dalgunhas partes do forno. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: “O telleiros do Leboreiro”. Publicado no Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura industrial ---------------------------------------- [Elemento] Espadana da igrexa da Capela [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Na comarca da Terra de Melide temos un destacado exemplo de campanario exento. Trátase do de Santa María da Capela (Toques). Este tipo de campanarios exentos foron comúns na Idade Media, xa que as campás se utilizaban como sistemas de comunicación e avisos para a propia parroquia e para as veciñas, e adoitaban colocarse en lugares onde a reverberación e a acústica acompañaba. Un dos máis coñecidos é a Torre de Pisa, en Italia é moi frecuente, sobre todo no Románico e no Gótico, edificar os campanarios exentos, os coñecidos como campaniles. Este tipo de campanarios acostumaban construírse separados das igrexas por un motivo práctico, e non adosados a elas ou coa solución dunha troneira sobre a fachada principal como soe ser máis frecuente nas igrexas rurais. En moitas ocasións a igrexa estaba edificada sobre un terreo máis baixo e facíase necesario erguer o campanario nunha zona máis elevada para facilitar a transmisión do son das campás, xa que en determinadas circunstancias o toque das mesmas anunciaba algunha nova como incendios, ameazas ou calquera outro chamamento ós veciños, e non so para o habitual anuncio de misas, defuncións ou festas. Non coñecemos máis exemplos na nosa comarca, pero si nos próximos concellos de Vilasantar e Oza-Cesuras (ambos da comarca de Betanzos). Na parroquia de San Martiño de Armental (Vilasantar), o templo de estilo románico rural vai acompañado dun fermoso e sinxelo campanario exento, de cronoloxía posterior. Presenta un corpo macizo de cachotaría e conta cunha soa troneira en arco de medio punto. Atópase colocado sobre o muro de peche do adro da igrexa. Moi similar a el atopamos outro na parroquia de Santiago de Paderne (Oza-Cesuras), edificado igualmente en cachotaría e cunha troneira en arco de medio punto, aínda que neste caso presenta unha moldura á altura do apoio do xugo da campá. Neste caso o cruceiro atópase sobre unha plataforma de cemento de nova feitura, o que nos indica que foi recolocado ou arranxado nalgún momento, primando a súa conservación. Ambos exemplos son de similares características ó que podemos ver na Capela, aínda que neste caso o corpo da torre é moito máis estilizado. Nos tres casos destaca a presenza do cruceiro preto deles, formando un todo visual xunto coa igrexa. Todos eles son exemplos magníficos dunha arquitectura antiga que se edificaba cuns fins necesarios para a comunidade, e que por sorte aínda podemos admirar. Respecto o caso que nos ocupa, o de Santa María da Capela, o campanario aséntase sobre un afloramento de penedía, e nun plano máis elevado que o cruceiro parroquial. Consta de dúas partes: espadana e corpo ou pilastra. O corpo de asento consiste nun xeito de piar de planta cuadrangular realizado con aparello de cachote con esquinais de pedra labrada. Este basamento elevado serve de soporte á espadana, que conta cunha tipoloxía parella á doutras igrexas existentes nas freguesías do concello de Toques e doutras parroquias da Terra de Melide. Consta dun banco con cornixa moldurada sobre a que se asenta o primeiro corpo de unha ou dúas troneiras para as campás, rematado por unha cornixa moldurada e ático con frontón con troneira e remates laterais a xeito de pináculo, e culminada por un pináculo que acostuma coroarse por unha cruz de ferro, como é o caso da Capela. Trátase pois dun dos modelos máis acostumados no deseño de espadanas para igrexas sinxelas, e xeralmente de pequenas dimensións.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broiz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011 [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Maceda [Parroquia] San Pedro de Maceda [Descrición] O cruceiro de Maceda ubícase nunha encrucillada de pistas situada ó carón do adro da igrexa parroquial, a unha distancia de 20 m ó sur do templo. A pesar do seu estado de conservación bastante deficiente e por tratarse dun elemento realizado practicamente todo en cemento, ten a súa singularidade, posto que é obra dun dos máis destacados artistas populares que houbo na Terra de Melide, chamado Ángel García Agra, que era coñecido como Anxo de Carmela, veciño da aldea de Castiñeiroa, situada na mesma parroquia. Era un home moi arteiro que se desenvolvía con total solvencia en moitos campos, como de albanel, canteiro, carpinteiro, ferreiro, torneiro, zoqueiro así como escultor e tallista. Son moitas e destacadas as obras que se denvolveu na súa parroquia e na veciña de Orois, sendo o artífice do retablo da Inmaculada da igrexa de Maceda, dos cruceiros de Maceda e de Orois e tamén de moitos dos hórreos de cemento e madeira, existentes en Maceda, Santalla de Agrón ou Zas de Rei. Tamén construíu algúns dos muíños existentes nos regos destas freguesías setentrionais do concello de Melide. Anxo de Carmela na súa mocidade emigrou a Cuba xunto cun irmán e como recolle Broz Rei: "cando voltaron trouxeron tanta ferramenta que cargaban dos carros". Para a realización de remates de hórreos e elementos de cruceiros empregaba moldes que trouxera de Cuba nos que verquía o cemento para poder facer o baleirado e obter a forma desexada. O emprego deste tipo de moldes fíxose moi extensivo naqueles anos das décadas de 1930 e 1940, así pois vemos como no caso do cruceiro de Maceda conta con cruz feita a molde, cun deseño escasamente incardinado na tipoloxía propia das cruces de cruceiro desta zona. O elemento sitúase nun plano desnivelado, polo que está erguido sobre un bloque cúbico de cemento que se adapta ó nivel do terreo. Sobre el érguese un pedestal ou basamento de pedra de feitura troncopiramidal, bastante erosionado e desgastado. Sobre  o pedestal levántase un fuste de sección ochavada con extremos cuadrangulares, comprendido entre unha basa moldurada superposta ó pedestal, e un capitel de sección cadrada con decoración de follas, a imitación dos antigos modelos de folla de acanto. Este capitel atópase desgastado e fracturado no remate superior, na transición coa cruz.  O cruceiro de Maceda é moi semellante ó que había ó carón da igrexa parroquial de Santa Cristina de Orois, realizado polo mesmo artesán, e que foi substituído polo actual, por iniciativa do párroco e dos fregueses.  Broz Rei recolle que o cruceiro de Maceda "foi cambiado de sitio ó facer a pista" e que vai a procesión ata el polo San Pedro e na festividade de San Lourenzo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983                                          "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995                                          "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001                                          "Novos cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011   [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Fonte de San Xoán de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A Fonte de San Xoán de Furelos sitúase nunha marxe da pista que comunica a aldea de Furelos coa que leva a Vilanova e á Estrada N-547.  Esta pista remata na confluencia do Camiño Francés coa pista que dende Piñor leva ata Furelos e tamén ó trazado orixinal da mencionada estrada nacional.  A fonte de San Xoán ubícase exactamente nun noiro comprendido entre a primeira das pistas citadas e o trazado do Camiño Francés, no que se aproveitou o desnivel do terreo para poder artellar o remate do manancial e favorecer a recollida da auga. Trátase pois dunha fonte de mina que consiste nun sistema de captación en horizontal. Actualmente o estado que presenta non é o máis adecuado, posto que foi obxecto de diversas actuacións realizadas nas últimas décadas e que contribuíron a modificar a fisonomía orixinal dela. Destacan dous aspectos. O primeiro é que por riba dela, e dándolle sombra, vemos un magnífico exemplar de loureiro real, especie que soe ir en simbiose coas vellas fontes e mananciais de raigame popular, tratándose dun elemento vexetal que lle confire unha graza e personalidade á fonte. O segundo aspecto é que nun lateral da mesma existe un pousadoiro realizado cunha laxe de lousa, disposta en horizontal, na base dun oco en forma de campá  a modo de fornela, concibido para pousar as sellas e os baldes de "ir pola auga", que na Terra de Melide soían ser de zinc.  Outro dos elementos a destacar é o valado lateral que se sitúa a continuación da fonte, baixando cara ó Camiño de Santiago, que consiste nun muro de contención feito con pedra de cachote, para evitar deslizamentos de terra do camiño máis elevado (sendo este o trazado da vía de peregrinaxe). O muro apenas pode verse por estar practicamente oculto pola vexetación herbácea e arbustiva. Polo demais indicar, que a fonte como foi obxecto de diversas actuacións que procuraron máis a funcionalidade que a estética, apenas presenta maior interesa patrimonial, máis alá da utilidade que aínda desenvolve, que non é outra que a de servir de abastecedora de augas para os veciños de Furelos así como para os peregrinos que discorren pola variante francesa. Tamén se destaca, por riba de todo, que sempre se presumiu da calidade e frescura das súas augas.  A esta fonte de Furelos non se lle coñecen propiedades terapéuticas nin tampouco un folclore vinculante. [Cronoloxía] Aproximadamente mediados do século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Illa de Altura [Parroquia] San Cosme de Beigondo [Descrición] No Encoro de Portodemouros creado no curso do río Ulla na década de 1960 (iniciado en 1964, sendo inaugurado en 1968) formouse unha grande illa fluvial con motivo do encoramento de río e do asolagamento das aldes e das terras ribeiráns de Beigondo, Visantoña (Santiso) e Viñós (Arzúa). Esta illa coñecida na actualidade como Illa de Altura ataa construción do embalse coñecíase como Couto de Altura, sendo este unha elevación natural destacada na paisaxe e sita nun meandro fluvial existente na desembocadura do Rego do Muíño nas augas do Río Iso, que tributan a escasa distancia, na cunca do Ulla. A Illa conta cunha pranta máis ou menos triangular e resulta moi destacada en altura, posto que acada unha cota de 328 m sobre o nivel do mar, partindo dunha rasante da lámina do encoro que se sitúa a uns 80 m respecto á cota máis elevada da Illa, é dicir, que estando o encoro no máximo do seu caudal estaríamos a falar duns 240 m sobre o nivel do mar, co cal a Illa acadaría unha altitude de algo máis de 80 m. Boa parte da superficie deste antigo couto está cuberta de arborado, aínda que nela existen amplas áreas de raso. Nas fotos aéreas pode apreciarse con claridade a antiga rede de camiños de monte que discorrían polo couto de Altura e tamén os límites das antigas zarras ou terreos de labor, nos que con so botarlle un ollo, pode entenderse claramente a parcelación minifundista destas antigas propiedades agrarias.  Na actualidade ese tipo de actividades xa non se levan a cabo, senón que a illa está destinada á aproveitamento forestal así como a actividades cinexéticas. Nos meses da seca, cando o encoro baixa o seu caudal, resulta posible acceder á illa a través dunha plataforma de terra dende as aldeas de O Seixo e do Penedo pertencentes á Viñós (Arzúa), parroquia na que chama a moito a atención o vello templo parroquial en estado de ruína e abandono, onde a súa espadana, xa sen campás, é testemuña dun ostracismo derivado dunha modernidade mal entendida, posto que no intre de construción do encoro, sen verse absolutamente afectada esta edificación, alguén se lle ocorreu levantar un novo templo parroquial cando a vella aldea da Igrexa de Viñós non se ía ver afectada polo encoramento. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Lauda gremial da igrexa de Brañas [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] Entrando na nave da igrexa parroquial de Santa Mariña de Brañas, no lado dereito (é dicir, no da Epístola), atopámonos entre o lousado de pavimentación un magnífico exemplo de lauda de atribución gremial, que lembra a outras existentes en vilas medievais como Noia ou Betanzos. Na Terra de Melide é o único exemplo conservado deste tipo de laudas con atributos ou ferramentas de traballo que identifican ó oficio do finado, obviamente e pola simboloxía pódese entender que estamos ante o enterramento dun ferreiro, xa que se representan con total claridade unha zafra e uns tenaces empregados na forxa para termar do ferro candente. No caso da zafra, represéntase en altorrelevo mentres que as tenaces aparecen en baixorrelevo trazado mediante liñas incisas. Esta lauda conta cunhas dimensións de 150x50 cm, sendo moi probable que lle falte parte do seu desenvolvemento lonxitudinal e tamén parte do lateral dereito. A Terra de Melide, ó igual que noutras comarcas galegas, o oficio do ferreiro outrora foi moi relevante, e aínda ó longo do século XX houbo moitas forxas no Concello de Toques, nun oficio que se compaxinaba o traballo do ferro con outro tipo de actividades como carpinteiro, zoqueiro, muiñeiro, canteiro, cesteiro así como traballos agrogandeiros. Así pois era bastante común que o ferreiro desenvolvese distinto tipo de actividades produtivas e artesáns. Mesmamente houbo moitos ferreiros que tamén foron destacados facedores de gaita e músicos populares. Na vila de Melide documéntase dende época medieval unha confraría, a de Santa Catarina, que regulaba a actividade gremial de zapateiros e de curtidores, pero non se coñece que existira algunha confraría de ámbito gremial no tocante ás artes do ferro. O que si está atestiguada é que a partir de comezos do século XIX, son varios os obradoiros de forxa que se adican entre outras cousas a elaborar reixas, varandas e balcóns de forxa para as arquitecturas urbanas da vila. Neste caso de Brañas a relevancia é manifesta, posto que ademais de ser o único exemplo que conservamos de lauda gremial, sábese que resposta a tipoloxías parellas datadas nos séculos baixomedievais (séculos XIV e XV), polo que a cronoloxía ó redor deses séculos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros na Terra de Melide", publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985 - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001 [Cronoloxía] Idade Media [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Pontella das Fervenzas [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] A pouca distancia augas abaixo da caída das Fervenzas de Brañas, nunha fermosa paraxe de bosque autóctono de ribeira, no que destacan árbores caducifolias de bo porte, orlando un treito de río encaixado e abrupto, atópase unha pequena pontella ou pontiga de arquitectura sinxela.  O río correspóndese co Furelos no seu curso alto, onde se lle chama o río das Fervenzas, e á altura do muíño do Estreito (situado entre as Fervenzas e Paradela), é coñecido co nome dese muíño.  Para chegar ata a pontella é preciso descender por unha ladeira de pronunciada pendente e con acceso dificultoso. E aínda, a pesar da dificultade de chegar ata ela, non foi obstáculo para atoparnos con refugallos e residuos preto do leito do río, entre os que se atopa unha carretilla enferruxada e restos de espuma de recheos de sofás. A pontiga garda a esencia das vellas pontes concibidas para o acesso a rouchos (muíños de pequeno porte), nas que prima a solidez e estabilidade respecto a outros condicionantes estéticos. A arquitectura da mesma é moi elemental, por estar constituída por uns estribos de apoio conformados por grandes pedras situadas transversalmente ó río, que serven de apoio dunha gran laxe de pedra que fai as veces de taboleiro, laxe que se atopa bastante declinada, tanto cara á marxe esquerda do río como cara á caída da fervenza. Este tipo de pontella normalmente acostuma a carecer de peitorís (debido á estreitura das mesmas) e tamén de varandas de madeira. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. [Cronoloxía] Inderterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Sartego medieval no Vilar [Parroquia] San Martiño das Varelas [Descrición] Na aldea do Vilar sitúase ó carón dun pozo oculto pola vexetación, un sartego de época medieval reaproveitado como pilón, abrevadeiro ou bebedoiro. Trátase dunha caixa de sartego de feitura trapezoidal, é dicir, que conta cun extremo máis ensanchado que o outro, correspondéndose a parte máis ancha á zona da cabeza do finado, e a máis estreita ó dos pes. Soe ser común que este tipo de caixas funerarias se reaproveiten para funcións relacionadas con usos da auga (bebedoiros, fontes,...) ou tamén como maseira para botarlle o alimento ós animais domésticos. Esta caixa de sartego vese que foi reaproveitada como pía de auga, a xulgar polo rebaixe exisente no bordo superior do lado máis ancho, así como por contar cun burato pasante practicado como desaugadoiro. Tamén no lateral esquerdo conta con outro rebaixe sito no bordo superior da parede, semellante ó da cabeceira.  O sartego está realizado nunha peza de granito e o seu estado de conservación é bastante bo, de non ser porque as paredes laterais aparecen rebaixadas en varias zonas, probablemente debidas á necesidade de reducir a súa fondura interior. Os extremos do sartego preséntanse moi rodados por erosión e desgaste. As medidas exteriores da caixa son de 1,87 m x 82 cm na cabeceira e 72 cm nos pes. As medidas interiores son de 1,50 m x 48 cm na cabeceira e 40 cm nos pes. A altura exterior conservada é de 36 cm e a máxima altura conservada no interior é de 28 cm, no lateral dereito.  Non se coñece a ubicación orixinal do sartego, pero de seguro procedería dalgún dos camposantos parroquiais da zona, tanto do Concello de Melide como do de Santiso, co que linda a aldea do Vilar, polo tanto non se pode determinar unha procedencia concreta. Non se trata do único sartego exento existente na comarca, pero non son moitos os exemplos, sendo posiblemente o situado na parroquia de Serantes (aproveitado como pilón dunha fonte) o máis próximo. [Cronoloxía] Idade Media [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Casa con arco en O Porto [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Esta antiga edificación coñecida como a Casa de García, conta a tradición que foi unha casa reitoral. Non hai datos que o confirmen pero en todo caso non resulta cuestionable a súa manifesta singularidade. Esta edificación con porta en arco carpanel, propio dos derradeiros tempos do Gótico e do comezo do Renacemento, é o único exemplo deste tipo de arcada existente en toda a Terra de Melide. Tamén propio deses séculos é a casa da Audiencia de Belmil, que conta cunha porta con arco conopial. A casa de García atópase nun severo estado de abandono e ruína, posto que xa perdeu boa parte da súa cuberta, compartindo o mesmo destino que varias da mesma periodización existentes nesta bisbarra (a de Goiás en Vilouriz e a de Prieto en Paradela, ambas en Toques ou tamén a citada de Belmil en Santiso), o que supón a perda dos máis senlleiros exemplos de arquitecturas de finais da Idade Media e comezos da Moderna. No tocante á de O Porto, son varios os aspectos que resultan relevantes, o primeiro deles é o seu emprazamento nunha zona de bolos graníticos aflorantes, o que lle confire un aspecto de casa-torre ou casa forte. O segundo é a propia porta en arco, realizada con grandes pezas de canteiría de granito con chafrán moldurado en media cana e a propia configuración do arco, constituído por catro pezas, dúas delas correspondenres ós salmeres que serven de suxeición de dúas doelas que actúan como crave de arco, e que contan coa particularidade de presentar dous entalles para encaixe nos salmeres de xeito que se consegue un estabilizado e ensamblado perfecto. Tamén son relevantes dúas xanelas situadas no andar posterior, unha delas, a da esquerda, remarcada por grandes sillares de canteiría, probablemente reaproveitados, xa que o segundo andar parece corresponderse cunha fase posterior, a xulgar polo emprego dun aparello de cachotaría moito máis miúdo e pobre. Tamén destaca unha pequena xanela saeteira situada nun plano intermedio, que está enmarcada por dous sillares de canteiría, o da dereita tamén con entalle lateral, feito que tamén demostra que esas xanelas foron realizadas con material reaproveitado dunha arquitectura anterior. A ventá central é de fábrica contemporánea como se pode apreciar polo emprego de cemento do remarcado. A cuberta, hoxe a piques de desmoroarse, foi trazada a tres augas, particularidade bastante chamativa ó tratarse dunha edificación exenta. Pola banda leste conta cun módulo engadido de planta baixa, ó que se lle anexa a ábsida dun forno panadeiro, polo que se deduce que ese engadido foi concibido para albergar un forno para o servio da casa. Tamén é importante resaltar que aínda se conserva a vella porta de madeira feita en dúas follas verticais, sendo a máis ancha (a da dereita) partida, como é habitual nas casas antigas. Na batente superior hai un crucifíxo de madeira como elemento de protección da casa. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.         [Cronoloxía] Século XV-XVI [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Vestixios arqueolóxicos na rúa Galicia [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No ano 2017 a empresa Nedgia-Galicia (Grupo Naturgy) inicia as obras de implantación da rede de Gas Natural en Melide e, a partir dos traballos de control arqueolóxico intensivo da apertura das gabias para a instalación das tubaxes, vaise completando o coñecemento que se tiña sobre a realidade arqueolóxica agochada no subsolo das rúas da vila. Certamente son moitos os vestixios que foron saído á luz nas rúas do Ensanche de Melide (Galicia, Taboada Roca e Florentino Cuevillas) e tamén no Cantón de San Roque, Avenida de Lugo e rúas transversais (do Sol, Monterroso e Bispo Varela Fondevila). Un dos principais achados estruturais documéntase no verán do 2017 na Rúa Galicia, á altura dos números 6, 8 e 10. Correspndentes a unha grande superficie empedrada, correspondente a unha estrutura de pavimentación. Tamén nesa mesma rúa aparecen restos dos alicerces da cerca do antigo Nabal do Convento (á altura do número 16), e outros vestixios murarios de entidade, e de pavimentación, á altura do do nº 7 da Rúa Taboada Roca. Todas esas estruturas asócianse á antiga propiedade produtiva, de servidume e de labor do antigo convento franciscano, da Orde Terceira, exclaustrado e suprimido no ano 1835 por mor da Desamortización de Mendizábal, que contaba con dous amplos nabais rodeados por unha cerca elevada, para confinar a propiedade. Á altura deses inmobles da rúa Galicia, saíu á luz un tramo moi amplo dun pavimento empedrado, a unha profundidade comprendida entre os 50-70 cm, podéndose documentar nada menos que uns 14 metros do mesmo (en sentido norte-sur) e uns 6,80 metros (en sentido leste-oeste), sabéndose que aínda continúan baixo calzada e beirarrúas varios metros máis de extensión. Trátase dun pavimento moi ben conservado, relizado con pedra rústica de pequeno e mediano tamaño, habendo algunhas grandes intercaladas polo medio. A pedra que conforma o aparello é a típica que caracteriza ó horizonte xeolóxico de Melide, de rochas ultrabásicas, con fragmentación en arestas vivas. O feito demostrado de que as pedras empregadas na execución do pavimento presenten os bordes moi rodados indica un desgaste moi acusado, debido a un uso reiterado, e á permanencia á intemperie durante un longo espacio temporal. A disposición das pedras do conglomerado do campo central ou interior é bastante anárquica, aínda que están perfectamente ben trabadas entre sí. Mais as pedras do bordo ou remate meridional (identificadas na apertura dunha gabia perpendicular para acometida do gas para o número 8) contan cun maior porte e calidade, coa superficie plana e con aliñación ou careado cara o exterior. Durante os traballos arqueolóxicos puido documentarse como o chan empedrado descansa directamente sobre un horizonte arxiloso natural, identificado coma un Horizonte B, previo ós horizontes xeolóxicos de rocha. A cronoloxía estimada deste amplo pavimento habería que levala, nun principio, ós séculos da Idade Moderna (XVI-XVIII), coñecéndose que estivo en uso ata o século XX (a xulgar polos materiais localizados xusto enriba do mesmo). Pode ser que probablemente permañecese un tempo á intemperie despois de acontecidada a Desamortización de Mendizábal, cando os frades marchan da vila (ano 1835), unha vez que o a propiedade do nabal foi vendida por parcelas, a xulgar polos datos aportados polo estudio estratigráfico e dos materias identificados. Compre agradecer a boa dispoñibilidade de Gas Natural (empresa promotora das obras de acometida da rede de gas), polas facilidades e interese por querer dar a coñecer o que aparece por mor deses traballos, posto que entenden que a localización de restos arqueolóxicos na execución das obras que levan a cabo, debe ter un proveito público e social. Tamén son de agradecer as informacións dos arqueólogos responsables de dito control, da empresa de Simón Pena Basso, arqueólogo director dos traballos de control e seguimento arqueolóxico das obras de implantación do subministro de gas canalizado. BIBLIOGRAFÍA: - Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodrígue, Xurxo: "Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural", publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017. - Pena Basso, Simón; Castro Paredes Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: "Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. que agochan as nosas rúas", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2018.   [Cronoloxía] Idade Media-Idade Moderna [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de hórreos en Castelo [Parroquia] San Mamede do Barreiro [Descrición] Na aldea de Castelo atopámonos cun dos poucos conxuntos de máis de dous hórreos existentes na Terra de Melide. Neste caso consérvanse tres hórreos enteiros e os pes dun cuarto. Son raros oes exemplos nos que se ven máis de dous hórreos xuntos, nesta área xeográfica. No Concello de Melide hai poucos casos nos que se conservan agrupacións, habendo algún grupiño de tres en Folladela, na Graña (O Meire) ou en Piñor. Mais en Castelo podemos ver como había catro xuntos. O conxunto de hórreos de Castelo compleméntase con outras edificacións adxectivas como palleiras e pendellos. O modelo de hórreo existente nesta aldea resposta á tipoloxía máis común desta zona, no que se conxuga armónicamente o emprego da pedra e a madeira. No primeiro dos casos empregada para os basamentos, pes, tornarratos, columnas e testeiros, en asociación con madeira en mesas, xugos, ladeiros, portas e armazón do tellado.  En Castelo destácanse dous hórreos de bo porte e con dúas estremas cada un. Un situado enriba da portada dunha eira e outro sobre unha cepa corrida elevada. Son por tanto, hórreos destacados que denotan unha certa capacidade económica dos seus posuidores, toda vez que son bastante amplos e están erguidos en planos elevados para garantir unha correcta ventilación do interior, nun espazo físico bastante constreñido polas edificacións de vivenda da aldea.  O terceiro dos hórreos sitúase nun prado, algo retirado da pista de acceso ás casas e correspóndese cun modelo máis humilde, dunha soa estrema e asentado sobre bases exentas de cachote. Presenta un estado de conservación deficiente, no que atinxe á armazón de madeira da cuberta e do tellado. Noutra propiedade moi próxima tamén se poden ver os restos do basamento de outro hórreo dunha soa estrema, que se ergue sobre unha cepa corrida de cachote, e que conserva os dous pes ou perpiaños de soporte e un dos dous tornarratos. Todos estes hórreos carecen de elementos de remate no cumio dos tellados, que nesta zona acostuman a ser cruces, pináculos e tamén veletas de ferro.  Os acabados dos hórreos son dispares, o que está situado enriba da portada da eira conta con carpintería pintada en cor marrón, coas barretas dos ladeiros nun ton máis escuro. O outro hórreo de bo tamaño ten as portas e ladeiros pintadas en cor verde coas barretas en vermello; e o terceiro e máis cativo, non conta con pintura externa, polo que se pode ver a madeira ó natural. Respecto a este aspecto, dicir que resulta curioso porque asistimos a un cambio de tendencia respecto ós patróns orixinais, xa que tradicionalmente soían pintarse de cor marrón, que como apunta Broz Rei, se preparaba con pigmentos, secante e aceite, sendo por tanto un tipo de preparación en base a produtos naturais, pero coa chegada dos esmaltes as cores vanse diversificando a gusto dos propietarios dos mesmos. Polo que o que aparece sobre a portada é o que reproduce as cores máis características do hórreo tradiconal da Terra de Melide. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publocado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Construción dun hórreo tradicional", publicado no Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Fraga García, Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide VI", publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. - Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide", Cap. V do Terra de Melide, publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.       [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de santa María de Santiso [Parroquia] Santa María de Santiso [Descrición] A parroquia de Santa María de Santiso é a que lle da o nome ó termo municipal, que en verbas de Nicandro Ares deriva de "Sanctus Thyrsus, mártir de Apolonia na Frixia",o que nos indica que se trata dun antropónimo de raigame antiga, xa que se refire a un dos mártires dos primeiros tempos do cristianismo.  A parroquia sitúase no extremo meridional do concello, correspondente a un área de terras baixas proxectada contra o curso do Ulla, e comprendida entre os regos de Belmil e do Porto, tributarios do mesmo. A igrexa correspóndese cunha edificación de pequeno tamaño, que se asemella a unha capela, pero que con todo mantén a estrutura orixinal e presenta un bo estado de conservación. A estrutura conta con tres espazos: nave, presbiterio e sancristía adosada ó mesmo pola súa banda nororiental. Polo exterior apréciase o aparello construtivo consistente en lenzos de cachotaría, con pezas de canteiría de granito en esquinais e enmarque das portas. Orixinalmente os muros estaban revocados e encalados. Á igrexa accédese a través de senllas portas de estrutura rectangular e con remate alintelado sostido por xambas laterais, unha situada no frontis e outra no lenzo sur. A porta principal presenta decoración moldurada en baquetón nos esquinais exteriores das xambas e do lintel. No corpo superior conta con dúas pequenas ventás saeteiras, nas mesmas fachadas nas que se sitúan os accesos. A fachada principal aparece coroada por unha pequena espadana provista dunha única troneira para acoller a unha campá. Dita espadana aparece coroada por unha cruz cimeira flanqueada por dous pináculos moldurados. No interior o máis destacable é o arco triunfal que serve de transición entre a nave e o presbiterio, que aínda que carece de deocración, conta con dous capiteis moldurados. O  retablo é de estilo Neoclásico, datado no século XIX, composto por un corpo de tres rúas e dun ático de feitura triangular, a xeito de frontón. BIBLIOGRAFÍA:  - Ares Vázquez, Nicandro: "Onomástica parroquial do Concello de Santiso", publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.     [Cronoloxía] Séculos XVIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro da Capela [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] O cruceiro da Capela sitúase nas inmediacións da igrexa prerrománica de Santa María da Capela, ó carón do campanario exento da mesma. Trátase dun cruceiro construído no ano 1889, como pode verse nun dos laterais do fuste, no seu remate baixo o capitel. Este cruceiro atópase en mal estado de conservación, sobre todo polo preocupante estado de inclinación que presenta, con vencemento cara ó oeste. Estructuralmente conta con catro elementos: pedestal, varal, capitel e cruz. O pedestal presenta un deseño sinxelo e bastante tosco, consistente nun bloque de forma cúbica. Serve de basamento dun fuste de sección octogonal (ochavada), con extremos en sección cadrada, que como xa se indicou no superior amosa a data na que foi realizado. O capitel é o elemento máis característico do mesmo, posto que a pesar de ser un capitel con decoración xeométrica, conta con bastante graza xa que presenta unha solución de filetes dispostos a xeito de escaleira troncopiramidal invertida, debuxándose no filete central unha greca denticulada, a xeito de almeado invertido. A cruz carece de figuración e conta con dous traveseiros de sección romboidal. Broz Rei apunta que "foi movido algo de sitio. As festividades que se celebran son polo San Blas, avogoso dos males da gorxa, facendo a puxa das linguas, o 2 de febreiro; A Santa Cruz o 3 de maio, bendecindo as cruces que logo póñense polos extremos das leiras pra protexer as terras;  e polo San Antolín o 2 de setembro". BIBLIOGRAFÍA:  - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado n oano 2011.     [Cronoloxía] Ano 1889 [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo no Camiño dos Tagarros [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Este hórreo situado nas inmediacións do antigo Camiño Real que ía dende Ourense á Coruña, é un dos tres que aínda se conservan na zona do Campo Grande, que nos falan do pasado agrícola da vila de Melide. Este en concreto ubícase nunha zona sen urbanizar, nun área de leiras de cultivo e prados, coñecida como Os Tagarros, onde existen tres vellos camiños que serven de comunicación entre Melide e Santa María e a zona do Campo Grande con esta última e coa Codeseira. Os camiños atravesan unha valgada natural onde segundo as crónicas documentais se emprazaba o Burgo Vello de Melide, un antigo poboamento existente anteriormente ó século XIII, que tiña como sede parroquial a igrexa de Santa María de Melide. As crónicas falan de que o Burgo Vello estaba "a carón do río que sal da fonte de Castro, xunto ó camiño que ven á vila polos Tagarros". Ata non hai moito existía esa fonte na zona de flexión de pendentes desa valgada natural, a partir da cal continuaban as augas do rego cara Santa María. Vemos por tanto que se trata dunha zona de enorme interese tanto a nivel histórico como documental, coñecéndose ademais que un deses camiños era coñecido como Camiño dos Maragatos (unha variante do Camiño de Santiago que se desenvolvía entre Furelos e Santa María). O hórreo forma parte da propiedade dunha casa illada que se sitúa ó seu carón, ambas edificacións ubicadas nunha das marxes do camiño. O hórreo conta con dúas estremas e resposta á tipoloxía máis común de hórreos da Terra de Melide, onde os elementos estruturais acostuman ser de pedra (de canteiría de granito) e a cámara de madeira, para a confeción do mesado, da teitume e dos cerramentos laterias (ladeiros). O hórreo aparece elevado respecto á rasante do chan sobre unha cepa corrida de cachotaría, feita con aparello de pedra do país (de pedras de rochas ultrabásicas propias de substrato xeolóxico de Melide e da área da Madanela). No extremo occidental da cepa disponse unha escaleira de seis chanzos de acceso ó hórreo que forma parte da mesma. Sobre dita cepa dispóñense tres pes ou perpiaños de perfís moldurados de granito, que serven de apoio dos tornarratos que sustentan a cámara do hórreo. A cuberta como é habitual, disponse a dúas augas e está tellada con tella do país, producida nas telleiras existentes en Furelos, Piñor, Madanela ou no Leboreiro. O cumio non conta con elementos de remate, pero vese o encaixe na zona dos penais que denota que tivo que contar con cruz de ferro e con veleta. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago desde Melide ao Barreiro", publicado no Boletín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas", Cap III do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Muíño das Fervenzas [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] O muíño das Fervenzas é  un dos máis espectaculares da Terra de Melide, fundamentalmente por tres motivos: o primeiro deles é o seu espectacular emprazamento situado ó carón da fervenza, nun plano a media altura, co fin de optimizar os caudais e tamén garantir a produción enerxética. O segundo aspecto é que por estar situado a media pendente, ou ladeira, cunha topografía moi accidentada resultou necesaria a construción dun basamento de asento moi monumental (mediante o emprego de pedras moi grandes, case se pode dicir que ciclópeas), co fin de poder facerse a necesaria nivelación dos chans das dúas estancias interiores (do tremiñado); o basamento nalgunhas zonas alcanza unha altura considerable, debido a ter que corrixir o desnivel en caída que presenta a aba do monte e a propia fervenza. O terceiro punto que lle confire unha especial notoriedade é a vasta obra realizada para abastecer de auga ó muíño, consistente nunha monumental canle en trincheira, practicada na rocha e que conta cun desenvolvemento duns 70 metros lineais (captando as augas nun represamento existente antes do inicio da caída da fervenza).   O Muíño das Fervenzas segundo apunta Broz Rei no libro "Santantoíño de Toques" xa aparece documentado nunha escritura de venta redactada no ano 1848 polo escribán Ramón Varela Vilariño quen da conta de dita transacción nos seguintes termos: "venta a Andrea Martínez y Lorenzo... el molino Arinero que se halla a la orilla del río das Ferbencias que se nombra nuevo, construído de reciente, maderado y tejado, con sus ruedas y disponible para moler".  Broz parafraseando informacións dun veciño da cercana aldea de Prados recolle que: "...había dous muíños, un de chispa, con pedras de croio -francesas- que facían chispas ó moer, era para o centeo. Outro de bazo, con pedra de gra normal, para moer o millo. Os dous estaban no mesmo muíño e foron construídos por Rafael de Nodar (en Friol) haberá uns cen anos, e acabou de moer no ano 1975. Moía gra que viña desde o Mesón de Roade, de Brañas, de Montelén, e un día con outro chegaba a moer tanto que sacaba de ganancia dous ferrados de pan coa maquía. Moía de inverno a diario pero de vran moía máis o muíño do Estreito, porque tiña máis auga".  Esa información reflicte moi ben a realidade das Fervenzas, xa que nos meses de maior pluviosidade é moi abondoso o caudal de auga que discorre por esta vertente escarpada, mesmo por máis dunha ducia de regos diferentes, formando unha cortina de escuma branca pola forza e grande precipitación da auga. Pero nos meses de estío apenas discorre auga, chegando practicamente a estar secas, de aí que resultara máis productivo o Muíño do Estreito situado uns 500 metros augas abaixo das Fervenzas. Este muíño era de maquía, sendo esta unha medida de gran (ou legumes) equivalente á sexta parte dun ferrado. Coñécese como maquía tamén, á porción de fariña coa que se lle pagaba ó muiñeiro polo seu traballo, sendo igualmente o nome empregado para designar a caixa ou recipiente no que se mide dita capacidade. Neste caso polo tanto trátase dun muíño "profesionalizado", onde se fan moendas por encarga, pagándolle ó muiñeiro cunha parte proporcional da moenda, ó que se lle chama maquía. Tamén o do Estreito era un muíño de maquía, a diferencia doutros pequenos muíños coñecidos como rouchos existentes ó longo do río, onde a moenda se fai para uso exclusivo dos veciños dunha aldea ou lugar determinada, no que se soían establecer quendas para o seu emprego e proveito. Na actualidade o Muíño das Fervenzas atópase en estado de recuperación para evitar o seu deterioro, de feito xa foron reparadas as súas paredes e feitas de novo as súas cubertas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de arquitectura popular en Fontexoán [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] A aldea de Fontexoán sita na parroquia de Folladela, actualmente abandonada como tal (xa que so funciona para usos agrogandeiros), correspóndese cun conxunto moi característico da arquitectura tradicional galega. Lamentablemente son moi poucos os conxuntos de arquitectura popular existentes na Terra de Melide, que non sufriron importantes transformacións, que supuxeron a perda da esencia do modelo popular antigo. Este é un dos poucos exemplos que quedan, na que as arquitecturas aínda se manteñen en estado puro a pesar do deterioro producido polo paso do tempo e polo abandono, polo que o interese que ofrece é salientable. Probablemente sexa o conxunto de arquitectura popular menos "contaminado" por actuacións de modernidade mal entendida que se conserva no termo municipal de Melide, polo que é un exemplo do que eran as aldeas do rural da Galicia interior antes da chegada do ladrillo, cemento, uralita, aluminio e plástico. Hoxe este conxunto conta con acceso reservado, por tratarse dunha propiedade privada pechada, por necesidades gandeiras, pero dende o seu exterior pode contemplarse o xenuíno e característico das vellas arquitecturas.  No exterior do núcleo habitacional consérvanse dous hórreos con tipoloxía propia da Terra de Melide, nos que se conxuga o emprego da pedra e da madeira, un deles é un hórreo de dúas estremas, e o outro maior, de tres estremas (unha delas engadida e realizada en cemento e ladrillo, única alteración discordante no conxunto). A continuación asistimos a un conxunto urbanístico abigarrado, no que se anexionan as edificacións adxetivas ás de morada. Destácanse dúas vivendas de dúas plantas e de bo porte, unha delas cuberta a tres augas e outra a catro, en asociación e consonancia con outras máis modestas de planta baixa, que gardan toda a esencia da vella casa labrega, na que se produce un acaroamento de edificacións que serven de complemento (concibidas como solución ás necesidades funcionais).  O máis chamativo é a técnica construtiva das edificacións, na que o aparello de cachote se conxuga con grandes chantos postos en vertical e tamén o emprego de pezas grandes de canteiría existentes nas portas, que se rematan por un cargadeiro ou lintel de madeira, a xeito de trabe. Vemos por tanto que non existe unha contaminación ou desvirtuado das arquitecturas, o que axuda a entender claramente como son os patróns construtivos tradicionais, polo que pode concluírse que estamos ante un dos últimos exemplos xenuínos de aldea que se conserva na Terra de Melide, posto que se ben é certo que aínda quedan casas antigas sen alterar noutras moitas aldeas, sempre é en convivencia con edificacións nas que a esencia tradicional se perde por completo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995 - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001     [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Casa con patín en San Xiao [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] Na aldea de San Xiao de Zas de Rei, consérvase en estado moi precario unha vivenda tradicional antiga, que presenta pautas propias da arquitectura popular galega, pero como se pode ver nas fotos o seu estado de conservación é preocupante. Broz Rei apunta que a edificación "seica foi escola" polo que de confirmarse estariamos ante un dos exemplos de edificación rural que puido asumir diferentes funcións e usos: vivenda, corte e escola. Á edificación accédese por un camiño estreito que remata nunha eira compartida por varias edificacións. Segundo se pode ver nun debuxo realizado por Xosé Manuel Broz no ano 1995, a casa conta cun patín, ou escaleira exterior, realizada para poder acceder ó piso superior da vivenda. Este patín compleméntase cun fermoso corredor ou solaina de madeira acubillado baixo as augas ou vertente do tellado. O corredor conserva moi deficientemente a súa varanda de madeira, con balaustres rectos a xeito de táboas. Baixo o corredor sitúase a entrada á planta baixa e tamén unha porta lateral de acceso á corte, que posteriormente se lle engadíu un módulo exterior para complementar as necesidades propias da vivenda. Pola parte traseira da edificación, á que se accede a través dun camiño que morre nunha nave gandeira, tamén existe un módulo de expansión da arquitectura que arangue parte da traseira da mesma, así como da casa lindeira. No piso superior da fachada traseira ábrese unha xanela rectangular en vertical cuxa parte superior chega ata o tellado. A xanela remárcase con xambas e antepeito de canteiría de granito, resaltándose no medio do aparello de cachote do resto da parede. Hoxe desgraciadamente pouco se pode contemplar da fachada principal, posto que as silvas invaden e ocultan boa parte da arquitectura moi esmerada, na que se asocian á perfección a pedra e a madeira, boa mostra delo son os elementos de soporte da cuberta, nos que os piares de pedra son complementados con apeos de madeira, que serven de apoio do armazón do tellado sobrevoado. Na Terra de Melide existen diversas modalidades de patíns (ou escaleiras exteriores), habéndoos de diferentes tipos: de xeito sinxelo, no que unicamente aparece a escaleira adosada á fachada e que serve de acceso directo a unha porta exterior, ou tamén cun espazo de tránsito entre o remate da escaleira e a porta, dese xeito é cando se adoitan este tipo de solucións abalconadas que resultan moi características nas arquitecturas tradicionais tanto rurais como mariñeiras. Este tipo de solucións arquitectónicas xa se teñen documentado en contextos castrexos galaico-romanos, de feito existe un patín nunha das vivendas exhumadas no Castro de Santa Tegra (A Guarda) ou en Santomé (Ourense), polo que pode comprenderse que este tipo de recurso funcional resulta moi "aproveitable" e práctico, toda vez que permite acceder ás plantas superiores evitando facelo polo interior da vivenda. Son moitos os exemplos nos que unicamente existe ese acceso á planta alta, solución que supón un mellor aproveitamento do espazo da planta baixa, sen ter que reducir o mesmo trazando unha escaleira interna. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.       [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Pozo dos Castiñeiros [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] O pozo dos Castiñeiros ou dos Castaños, é unha das pozas naturais existentes ó remate do rego Pequeno de Montelén, curso fluvial tributario do río Furelos, que desauga nel por dúas ramificacións (unha a pouca distancia augas abaixo da Ponte das Barxas, e outra á altura da Ponte de Paradela). O rego pequeno fórmase a partir da confluencia de varios regos que orixinan na aba occidental da Serra do Careón, nas proximidades da Pena Armada. Trátase dun curso fluvial moi accidentado, xa que discorre por zonas de monte, de relevo moi abrupto e con grandes afloramentos de rocha dura que ocasionaron a formación de meandros, cascadas e pozas na caída das mesmas. Pódese considerar un "rego de montaña" que se ve obrigado a salvar fortes desniveis, dificultados por unha xeoloxía de características impeditivas, que orixina a formación de accidentes naturais pola necesidade de evacuar augas, que son moi abundantes de maneira estacional. O pozo dos Castiñeiros sitúase moi preto da antiga planta eléctrica que subministraba de corrente á aldea de Paradela. Trátase dunha das derradeiras pozas naturais existentes antes de verter as augas no Furelos, pola súa marxe esquerda. A este río coñéceselle como río Pequeno, de Montelén ou de Paradela, en contraposición ó río principal, denominado río Grande que é como se lle coñece ó Furelos á altura de Paradela (augas arriba o río Furelos é coñecido como río do Estreito, e augas abaixo como da Grela e tamén da Bragaña).  O pozo sitúase nunha paraxe de bosque autóctono de ribeira, e bordeado de ameneiros, aínda a pesar que se lle chama dos castiñeiros. Augas arriba do mesmo existe nunha zona moito máís abrupta e pechada pola maleza, outro pozo de meirandes dimensións, bastante máis fondo e de augas escuras denominado, non en van, o Pozo Negro, xa que as augas e a fondura impiden ver o seu leito. Pola contra o dos Castiñeiros conta con augas transparentes, cristalinas e quedas, semellando un espello na súa superficie. Non existen datos da súa fondura, pero segundo informacións orais de veciños de Ínsua, non chega ós 2 metros de profundidade, polo que debe estar comprendida entre 1 e 2 metros, narrando que ata el achegábanse nenos e mozos das aldeas de Paradela a bañarse nel (os mesmos informantes apuntan a que o pozo Negro si que conta cunha maior fondura) Este é unha das mostras de pozos naturais existentes nos cursos fluviais sitos no Concello de Toques, destacándose algunhas pozas e fervenzas existentes no río da Toca (ou Pedriña), no Furelos ou tamén nos regos de Vilouriz e de Guillamil. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.  [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Ruínas do Mosteiro de San Antoíño de Toques [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] O complexo monumental e arqueolóxico de Santo Antoíño de Toques é considerado o principal conxunto histórico-artístico da Terra de Melide. Unha consideración bastante atinada, xa que nun marco paisaxístico de indubidable interese ambiental mestúranse diversas edificacións históricas de desigual relevancia: igrexa prerrománica do vello cenobio bieito (hoxe igrexa parroquial de Santa María da Capela), campanario exento e separado da igrexa, cruceiro parroquial, ruínas das antigas dependencias monásticas (con restos dunha fábrica de puntas e arame instalada posteriormente aproveitando parte das estruturas claustrais),  ponte medieval sobre o Río da Toca e tamén un conxunto de vivendas de periodización decimonónica, de residencia dos traballadores do complexo fabril. A todas estas estruturas materiais encravadas nunha fraga de arborado autóctono hai que engadirlle un rico patrimonio inmaterial, traducido nunha rica tradición oral na que se conxugan variables devocionais e piadosas con narracións lendarias. Dentro das primeiras é de destacar a devoción do San Blas (festividade o día 3 de febreiro), cando os doentes da gorxa acudían á Capela para facer rogativas e ofrecementos, celebrándose unha subasta moi afamada de linguas de porco. E entre as segundas resulta moi curiosa unha lenda que fala dunha maldición que ten como escenario á igrexa da Capela e tamén o complexo fabril metalúrxico instalado nas abandonadas dependencias do mosteiro despois da Desamortización. A igrexa da Capela edifícase por doazón do rei Don García,  no ano 1067, sendo o seu fundador o abade Tanoi e eríxese en abadía bieita independente. Aínda que no ano 1515 pasa a convertirse nun priorado dependente do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares e posteriormente de San Martiño Pinario, rexido por un prior baixo a obediencia do abade deste último. Adosado á igrexa polo lado norte atópanse as ruínas das dependencias monásticas, entre as que discorre canalizado o río da toca, tamén coñecido como rego Pequeno ou Pedriña (pola presenza augas arriba da ponte do mesmo nome, na aldea dos Curros). En época medieval, en tempos da doazón do rei García, denomínase Flamosino ("ubi dicent Toccas, super riulo nomine Flamosino"). O mosteiro de San Antoiño abandónase a principios do século XIX, como consecuencia dos procesos desamortizadores.  E no espazo ocupado polas dependencias monásticas instálase en torno ó ano 1882, unha fábrica de puntas e arame, coñecida como "Unión Gallega", da que aínda se conservan restos dos fornos de fundición entre as ruínas do conxunto, no que se poden ver entre os cascallos tixolos macizos vitrificados, pola acción da elevada temperatura dos fornos, así como restos de tiras de arame de ferro enmarañados, que se empregaban para a fabricación de puntas. Xosé Manuel Broz no seu libro "Santantoíño de Toques", fai unha pormenorizada descrición das ruínas agregando planos interpretativos das mesmas, co cal a conprensión resulta máis doada e visual. Na interpretación espacial determina a existencia de dous claustros, un da portería e outro das procesións, distribuídos en dous andares ou plantas (claustro baixo e alto). Tamén define os espazos propios das funcións da comunidade, entre eles un refectorio (ou comedor), a cociña, un muíño hidráulico, unha tafona (ou panadería) e un amplo patio de servizos para albergar cabaleirías e tullas ou depósitos de gran. Na actualidade resultan moi vistosos os alzados murarios do complexo, sendo doadas de distinguir as zonas dos vanos das amplas portas de comunicación das dependencias, que se corresponderían cos niveis superiores (dos clautros altos).  A obra está realizada en aparello de cachote disposto en fiadas máis ou menos horizontalizadas, emprengando un aparello de maior tamaño para os esquinais dos machóns da estrutura. Por debaixo dos alzados discorre canalizado o río e con moita forza de auga debido ó acusado da pendente. Esa enerxía hidráulica resultou moi proveitosa no intre de ocupación do mosteiro, así como durante o seu abandono para poder accionar os volantes de inercia das máquinas da fábrica de puntas. A moi escasa distancia augas arriba das ruínas sitúase a ponte medieval realizada coa técnica de laxas imbricadas en cuña, que lle confire unha especial solidez e estabilidade debida á trabazón do seu aparello construtivo. A ponte edifícase para poder entrar ás dependencias do mosteiro cando se accede por fora da igrexa, aínda que dende esta existía unha comunicación, hoxe tapiada, e que pode verse con claridade cando se bordea a ábsida do templo e se vislumbra o muro norte do mesmo. Tamén a ponte serve de acceso ás edificacións situadas en fronte ás ruínas, que serviron como vivenda de residencia dos traballadores da fábrica de puntas, e que hoxe tamén presentan un apreciable estado de ruína. Resulta complicado poder facer unha síntese pormenorizada de todo o conxunto (incluindo toda a vertebración e funcións dos espazos das dependencias monacais), máxime cando foron bastante modificadas nalgunhas zonas para adaptación das dependencias ás futuras necesidades fabrís, circunstancia que resulta un tanto complicada sen terse levado a cabo unha escavación arqueolóxica integral que permitiría diferenciar as fases construtivas e tamén entender completamente a configuración espacial e a compartimentación existente, máis aínda con todo resulta relativamente doado entender unha intencionalidade racionalizadora e funcional deste complexo monacal. Actualmente as ruínas resultan bastante visibles, aínda que a tala de arborado autóctono enraizado nos seus niveis de abandono, favoreceron a proliferación de silvas e mato vexetal que impide o seu acceso cando pasan períodos continuados sen rozar, dese xeito non sempre resulta posible acceder a elas e poder contemplalas. Asemade resulta un tanto perigoso adentrarse nelas, posto que pode ser causa de accidente por achegamento ó bordo da canalización do río, o existir un acusado desnivel e altura. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela", publicado en Boeltín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela II (conclusión)", publicado en Boletín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: As pinturas da Capela". Boletín nº 23 do Centr ode Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Pinturas murais da Capela". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Visita a Santantoíño de Toques". Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico: la definición de un programa para el ayuntamiento de Toques". Xunta de Galicia, ano 2000. - Platero Fernández, Carlos: "Arte Románico galego. San Antolín de Toques". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.   [Cronoloxía] Aproximadamente séculos XIV-XV [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Vilouriz [Parroquia] Santiago de Vilouriz [Descrición] O cruceiro de Vilouriz sitúase nunha encrucillada de pistas ó carón da igrexa parroquial.  Trátase dun cruceiro bastante sinxelo, que foi realizado segundo refire Broz Rei polo canteiro Xosé Torres "o Cambote", alcumado así porque viñera da Terra de Camba (Rodeiro) quen "ademais de bo ferreiro, aínda era mellor canteiro, músico de acordeón e clarinete que facía conxunto con Anxel Mañá de San Xiao". O mesmo autor tamén da conta que en Vilouriz houbo varios canteiros (sobre doce). Este canteiro tamén realiza o cruceiro de Saamil, sito na veciña parroquia de Vilamor (un cruceiro ergueito porque ó parecer alí faleceu un home e instálase dito cruceiro na súa memoria).  O cruceiro de Vilouriz garda unha orientación acorde coa planta da igrexa parroquial, no que atinxe á colocación da cruz e do pousadoiro situado na súa base. Compre indicar que este cruceiro perdeu esbeltez xa que o seu basamento se atopa parcialmente soterrado, ó estar incrustado no pavimento de formigón da encrucillada. Conta cun pedestal cúbico monolítico coas arestas redondeadas por desgaste, e ó seu carón presenta un pousadoiro ou mesa de altar orientado cara ó leste, que pouco sobresae da rasante do terreo debido a unha elevación do nivel do pavimento do vial. O pousadoiro consta de tres pezas consistentes en dous perpiaños de canteiría colocados de canto e dun mesado correspondente a unha peza rectangular que fai de tampa.   O fuste ou varal é de sección ochavada cos extremos en sección cadrangular. O capitel, é de sección cadrada e perfís moldurados en caveto, semellante ó de Saamil e o de Vilamor. A cruz é lisa de sección rectangular, coas arestas lixeiramente redondeadas, e carece de figuración e de ornamentación, agás un remate superior en forma de esférica. Resulta interesante xa que é dos poucos cruceiros da Terra de Melide dos que se coñece a súa autoría, Xosé Torres, quen ademais é autor dunha "artística fonte cunha cabeza, en Vilouriz".  Broz Rei refire que se fai procesión ata o cruceiro o 20 de maio coa celebración na honra da Virxe de Lourdes e 25 de xullo pola celebración do santo patrono desta parroquia, Santiago Apostol. BIBLIOGRAFÍA:  - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011. [Cronoloxía] Século XX (década dos 40-50) [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Don Vicente [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] A casa-chalet de Don Vicente é xunto co de Sierra, situado este enfronte ó albergue público de peregrinos na rúa San Antonio, os dous únicos exemplos de chalets racionalistas existentes na vila de Melide, polo que son modelos moi representativos de ese estilo tan versátil como funcional, do que existen abondosas mostras de edificacións de vivendas particulares (de un ou varios andares), así como o inmoble do vello Cine Capitol (estilo no que tamén fora construído o Cine Madrid-París).  A casa do Barrio de Don Vicente foi vivenda particular de Vicente Corral, alcumado "Peito de lobo", quen promove a edificación do barrio que leva o seu nome, nuns solares nos que anteriormente existían corrais e galiñeiros da súa propiedade. O barrio caracterízase por ter edificacións pequenas e de planta baixa e polo seu trazado urbanístico igualmente racionalista, consistente en rúas lineais propias dun trazado pseudoortogonal. Tamén existía no barrio un inmoble destinado a usos hosteleiros, no que se servían banquetes de boda e se celebraban algúns mítins políticos e charlas.  O chalet do promotor intégrase nunha finca ampla cunha superficie duns 2800m2 , concretamente  no seu cadrante norocidental. Correspóndese cunha edificación de dúas alturas (baixo e primeira planta), cuberta a catro augas e de planta cadrangular. O inmoble foi construído cos mateirias propios da arquitectura desa corrente, é dicir, mediante tixolos, cemento e cemento armado (especie de formigón pobre). Como característica definitoria desa corrente, tan propiamente funcional, a edificación carece de ornamentación ou decoración, posto que se aposta pola practicidade e polo equilibrio espacial e volumétrico. Neste caso o máis destacable é a galería voada, situada sobre un porche, que se desenvolven na fachada oriental (a que asoma á estrada de Agolada). Os demais vanos existentes nas restantes fachadas correspóndense a xanelas rectangulares dispostas en vertical, con carpintería de madeira, con barroteado en retícula para servir de marqueado do acristalamento. Vemos por tanto como a pegada do estilo racionalista propio das décadas de Postguerra, resulta moi prolífica no desenvolvemento urbanístico da vila, pero ó mesmo tempo supuxo en moitos casos a demolición de arquitecturas tradicionais para apostar por estéticas e correntes "de modernidade". [Cronoloxía] Década de 1950 [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa María de Barazón [Parroquia] Santa María de Barazón [Descrición] A notoriedade desta parroquia situada no extremo oriental do Concello de Santiso resulta especialmente relevante, de feito é unha das parroquias mellor documentadas da antiga xurisdicción de Abeancos. Son moitos os aspectos que a fan singular.  Existen abundantes referencias documentais que falan dela, como ben refire Nicandro Ares Vázquez "co título  DE UARAZON cítase esta freguesía no ano 1232, cando  Froila Afonsi doa ó Mosteiro de Sobrado unha herdade in concurrentia Sancte Marie de Uarazum, loco qui dicitur Outeiro in ripa Uliae (Tumbo de Sobrado II 159)". Outro documento en 1165 (T.S.II 138) trata da venda dunha casa en Santa María de Melide no territorio Auiancos concurrente riuulo Uarazum. Este mesmo río denomínase "Uarazun" nun apeo de Sobrado feito nos século XI-XII, pero sen data fixa (T.S. I 113). Hai tamén unha escritura do Mosteiro de Toques no ano 1067, na que aparece o couto daquel cenobio por términos de Leboreiro, Monte Losoira, Río Seco, segundo este corre ata "Varazone". Finalmente, Cortesâo no seu Onomástico Medieval publicado en 1912, constata no ano 950 o río Uarazone, o cal sen dúbida é homónimo canto menos, do Uarazon/Uarazum, que se consigna nos Tumbos de Sobrado (T.S.) que se coñece hoxe como río Furelos. Vemos por tanto nestes documentos medievais como se recolle o hidrónimo Auiancos (do que deriva Abeancos) e tamén como o río Furelos se denominaba riuulo Uarazum (nesta zona), de feito como recolle Broz Rei o Furelos coécese no seu curso baixo como río de Barazón, xa que discorre por esta parroquia xusto antes da súa desembocadura no río Ulla. A igrexa parroquial documéntase no ano 1232. Sitúase actualmente no asentamento castrexo de Barazón, que se atopa practicamente arrasado en superficie, pero segundo refire Broz Rei "a igrexa primitiva era pequena e estaba noutro lugar e foi trasladada para o castro, no século XIX?". Dese xeito descoñécese a ubicación orixinal do antigo templo parroquial. O mesmo autor comenta que esta igrexa parroquial, xunto coas de Niñodaguia, San Cosme de Abeancos e Gondollín, estaban rexidas por un franciscano do Convento de Melide.  O emprazamento no castro, no remate dun meandro do río Furelos dista 500 mt. da aldea de Barazón Grande, a máis ampla do Concello de Santiso, na que segundo refire Broz Rei, no ano 1809, na Guerra contra os franceses, o 18 de xuño, Barazón participou na loita... entro en la villa (Meldie) una División de tropas francesas de 3600 de Infantería y más de 700 de Caballería,... y el Batallón de Cazadores de Lemos estaba en el lugar de Barazón Grande... a toque de campana se juntaron los feligreses de todas las parroquias, Borrajeiros, Val y el Batallón de Lemos, y se enderezaron hacia Mellid...". Vemos polo tanto que empregaron as campás da antiga igrexa parroquial para a convocatoria da Alarma. A edificación actual destácase polas súas dimensións, equilibrio compositivo e pola configuración dos seus espazos. A planta tradúcese en tres espazos claramente definidos, en primeiro lugar conta cunha planta rectangular composta por unha ampla nave central flanqueada por senllas naves laterais, divididas por dúas series de tres arcadas sucesivas (é dicir, que a transición entre a nave central e as laterais se determina por unha secuenciación de arcos sustentados por pilares divisorios). No extremo leste da nave ábrese un arco triunfal de medio punto que serve de tránsito ó presbiterio ou cabeceira, espazo máis elevado que a nave e cuberto a catro augas, mentres que a primeira ten derrame a dúas vertentes.  Xa por último, por detrás do presbiterio aparece a sancristía, ocupando o mesmo plano lonxitudinal, aínda que con menos desenvolvemento no seu alzado e con cuberta a tres augas. No exterior o máis destacado é o frontis ou fachada oeste, realizada con perpiaños de canteiría de dimensións e feituras variadas. Conta este cunha porta rectangular alintelada, que presenta unha inscrición na que se narra que "en 25 de julio de 1926 el Excmo S.D.R Plácido obispo de Lugo consagró solemnemente esta iglesia de Barazón siendo cura don José Neira".    Por riba do lintel sitúase unha fiestra abocinada que se abre á tribuna. Remata esta fachada dous senllos aletóns moldurados coroados por pináculos piramidais estilizados e entre ambos érguese a espadana que conta con dúas troneiras para campás, en cuxa columna ou parteluz central aparece a data de construción desta: 1891. Sobre o corpo de campás disponse un ático con troneira baleira flanqueado e coroado por pináculos moldurados e con deseño piramidal estilizado, semellantes ós dos aletóns da sobrepena do tellado. No interior o máis destacado é o retablo principal, de estilo Neogótico que substitúe a un retablo anterior datado no século XIX. Como conclusión sinalar que a igrexa aparece bordeada por un adro murado que acolle o camposanto, estando o cruceiro parroquial situado por fora do mesmo, pola banda do nordés. A ubicación da igrexa actual, datada en época contemporánea é sustituta dun templo anterior (do que non se coñece a ubicación exacta), da lugar a diversas conxeturas, posto que hai referencias bibliográficas que aluden a un traslado, pero nas documentais, como xa se sinalou, fálase dun "loco qui dicitur outeiro in ripa Uliae" que pode referir a un emprazamento elevado sito nunha das marxes do Ulla, co cal cabe pensar que estaría situada máis ó sur da ubicación actual. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Vázquez, Nicandro: "Onomástica parroquial do Concello de Santiso". Publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 1997. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no 2013. [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo do Centro Social de Melide [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Este hórreo situado sobre o muro de peche do curro ou patio do inmoble que na actualidade alberga as instalacións do Centro Social de Melide, correspóndese cun dos máis destacados da vila, onde aínda se conservan un total de 18 hórreos, distribuídos fundamentalmente en tres zonas: Casco Vello, zona do Campo Grande/ os Tagarros e a Vista Alegre, ademais doutro sito na propia Ronda da Coruña ó carón do patio traseiro da Casa Reitoral.  Este hórreo de Centro Social destácase polas súas dimensións, posto que é un dos dous que contan con tres estremas ou tramos (sendo o outro un dos dous situados dentro da finca murada de Mera, na rúa que vai dende as Ichoas ata a rúa do Castelo).  Aínda que o coñecemos actualmente como "do Centro Social", o correcto sería denominalo hórreo da Casa do Licenciado Álvarez de Bretelo ou tamén hórreo da Casa de Sierra. Sobre dito inmoble existe abondosa  documentación, non en van se trata dunha edificación pacega das máis relevantes do Burgo Vello de Melide, en cuxo baixo aínda se poden ver as xanelas ou bufardas das vellas cabaleirizas, e tamén un patio traseiro pavimentado a xeito de eira, ó que se abre a fachada traseira do inmoble, ademais dunha edificación ou módulo para usos de servidume. Sábese desta casa que no século XVII foi propiedade do crego da parroquia de San Pedro de Melide, o presbítero licenciado Francisco Álvarez de Bretelo, casa que cedeu en propiedade ó Convento de Sancti Spíritus no ano 1662. No tocante ó hórreo compre enfatizar diversos aspectos que lle confiren unha singularidade ou relevancia destacada, o primeiro deles é a súa ubicación, posto que se ergue sobre unha cerca ou tapia elevada que pecha a propiedade, pola súa parte traseira ou norte, ese feito favorece tanto a ventilación e o secado do produto almacenado, ó tempo que que lle serve de protección de cara á entrada de animais ou de persoas,  evitando á mantenza. O segundo aspecto a destacar son as súas notables dimensións (ó redor de 9 metros de longo), o que denota que se trata dun hórreo "de casa rica" ou fidalga.  A edificación resposta ós patróns típicos dos hórreos desta bisbarra, podendo ser definido coma modelo melidao, que conta cunha estrutura con cabeceiras e ucheiras de pedra nos seus estremos distais, remates moldurados e estrutura de carpintería de madeira no tocante a mesas, trabes e balagustos ou ladeiros. Este tipo de cámara aséntase sobre tornarratos de pedra sostidos por pes de canteiría con cantos de perfil moldurado. Este hórreo presenta a súa porta de apertura cara ó leste e cabeceira ou testeiro cara o oeste, mirando cara ó Castelo. Sobre a cuberta disposta a dúas augas e tellada sitúanse nos estremos dos cumios senllos pináculos piramidais e moldurados, xemelgos na súa feitura. Ambos carecen de remates de ferro a xeito de cruces ou veletas, o cal non significa que puidera contar con eles antano. A carpintería exterior de madeira correspondente á porta e elementos de peche aparece pintada en ton vermello cuns pigmentos que se foron esvaecendo como consecuencia das inclemencias meteorolóxicas. Finalmente resulta importante indicar a fundamental relevancia deste tipo de edificacións adxectivas existentes dentro do propio núcleo urbano, que evidencian claramente a tradición agraria imperante no Melide de antano. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel. "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 1995. -Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001. -Broz Rei, Xosé Manuel. "O Melide vello", publicado no Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da terra de Melide. Ano 2003. -Broz Rei, Xosé Manuel. " Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 2018. Fraga García, Ramón. "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI): Aspectos da vida material", publicado no Boletín 29 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 2016. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Orois [Parroquia] Santa Cristina de Orois [Descrición] O cruceiro de Orois sitúase nunha encrucillada de camiños existente na carballeira da festa, a escasos metros da igrexa parroquial de Santa Cristina. Correspóndese cun cruceiro de feitura recente, aínda que imita pautas de cruceiros tradicionais datados no século XIX/inicios do XX. Este cruceiro como refire Xosé Manuel Broz, substitúe a un de cemento existente ata a década dos anos 80, que foi cambiado por iniciativa do párroco e dos veciños. O anterior, segundo o mesmo autor, contaba cunha grada de cemento e outra de pedra, cun pedestal cúbico tamén pétreo e con fuste e cruz de cemento (que anteriormente era de madeira). O actual aséntase sobre unha plataforma de tres gradas (cuxa primeira bancada está concibida para salvar o desnivel do terreo) con disposición piramidal que serve de asento dunha basa moldurada con escocia no tramo central. O fuste que lle sucede é de sección ochavada con estremos cadrangulares. O capitel é moldurado e de planta cadrada. A cruz carece de figuración polo que as súas dúas caras son lisas. A sección da mesma é cadrangular coas arestas sesgadas. Os paos da cruz presentan remate florenzado, a imitación de modelos recorrentes nesta bisbarra. Refire Broz Rei que faise procesión ata o cruceiro pola festividade de Santa Cristina, o 24 de xullo, e tamén polo San Miguel celebrándose o domingo seguinte ó día da festividade que cadra o 29 de setembro. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983 - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001 - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novos cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011 [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Archete en Riazón [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] Nesta antiga edificación tradicional coñecida como "a casa de Lucía", aínda se conserva en condicións precarias, unha porta con tellado en archete. Este tipo de cubertas tan características das comarcas do sureste da provincia da Coruña, na actualidade atópanse nun proceso progresivo de desaparición. Na Terra de Melide consérvanse poucos archetes, e en todo o Concello de Santiso probablemente non se conserven máis que este de Riazón, e outro na aldea de Balocás de Abaixo, na parroquia de Visantoña. Existe outro non moi lonxano, na parroquia de Santa María de Campos no concello de Melide, algúns en Vilaverde, na parroquia de Pedrouzos, tamén no termo municipal de Melide. E aínda hai pouco tempo desapareceu un na parroquia de Santa Mariña de Brañas, na aldea de Os Castros (Toques). Descoñecemos cantos poden quedar en todo o ámbito territorial do territorio de Abeancos, pero obviamente son moi poucos, lamentablemente.  Un archete segundo se lé no «Terra de Melide» do Seminario de Estudios Galegos, en verbas de Vicente Risco referíndose a este tipo de solución de tellados, vén a ser: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas".  Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natural que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco".  Vemos por tanto que a solución de telladiño en archete ou "archede", é unha magnífica e inxeniosa solución concibida para poder cubrir unha entrada a unha edificación de escaso desenvolvemento en altura, sen ter que interromper ou modificar as augas dun tellado. O máis orixinal é optar por buscar unha árbore o suficientemente arqueada para poder facer a trade que servede lintel de entrada, e sobre ela dispor os tercios e puntóns de madeira da armadura da cuberta, sobre os que irían cravadas as táboas ou "duelas" que serven de descanso das tellas. Na Casa de Lucía de Riazón, pode verse como sería unha viga de asento dun archete, pero é de supoñer que non será por demasiado tempo, a xulgar polo irreversible estado de ruína que presenta o tellado na súa zona do cumio, que suporá o vencemento de toda a cuberta. Na fachada desta edificación en L, aínda se aprecia como a estrutura xa perdeu un volume ou espazo complementario anexionado á súa dereita, posto que se pode ver como o aparello de cachotaría da mesma foi interrompido ou mutilado.  Outros elementos a destacar nesta casa son a porta orixinal de acceso á mesma, acubillada baixo a propia viga do archete, que consta de dúas follas, feitas en madeira de castiñeiro. Tamén é interesante a presenza dunha pequena xanela no lateral da edificación que da a un camiño de servidume e que a pesar da súa sinxeleza mantén as súas pautas orixinais, estando conformada por catro pezas de canteiría de granito: dúas xambas, lintel e soleira ou pousadoiro. As xambas e o lintel presentan os reabaixes nas esquinas concibidos para as contras. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013. - Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999. - Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo 5 do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933). [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Fonte de Piñor ou de Reboredo [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A afamada fonte de Piñor ou de Reboredo ubícase na divisoria entre os termos municipais de Melide e de Santiso, nunha paraxe forestal a medio camiño entre as aldeas de Piñor (Furelos, Melide) e Reboredo (Vimianzo, Santiso). Nas inmediacións da fonte discorre o Rego de Reboredo que nace na gándara da Madanela debido ás escorregaduras e drenaxe das brañas que alí se formaron, e que desemboca no Furelos augas abaixo da central eléctrica de Portochao, contaminando ese tramo do curso fluvial ó traer consigo as augas residuais sen depurar provintes do Parque empresarial da Madanela. A fonte é moi coñecida debido á virtude das súas augas sulfurosas mineiro medicional, que contan con destacadas propiedades terapéuticas, e que se caracterizan pola súa cor leitosa e polo cheiro intenso a ovos podres. O profesor Castro Rei fala das propiedades destas augas medicinais "para tratar problemas respiratorios, reumáticos e afeccións alérxicas. Teñen tamén acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante". Este tipo de augas sulfuradas soían consumirse en xaxún durante o mes de setembro e na Lúa de agosto, para mitigar e sandar patoloxías asociadas ó aparato dixestivo, sendo tamén recollida para o tratamento de enfermidades da pel tipo soriase, rosáceas e todo tipo de erucións cutáneas. Esta fonte xa aparece citada no Terra de Melide (1933) por Vicente Risco e Amador Rodríguez que narran como: "- En Piñor, freguesía de Furelos, hai unha fonte d´augas minerás que chaman a Fonte Santa. Pois contan d´ela qu´estando unha vez uns homes da aldeia cavando en precura d´un tesouro, saíu un cabalo do fondo da terra que emprendeu co-iles a couces e deixounos mortos, e logo tragouno de novo a terra, cubríndose com´enantes a burata e non deixando sinal do feito." Respecto á fonte compre indicar como sinala o profesor Castro que se trata sen dúbidas da fonte de augas sulfurosas mellor acondicionada da comarca, debido a traballos recentes de canteiría asociados a  escolas obradoiro ou a obradoiros de emprego, que se ben teñen por finalidade dignificar un elemento, realmente o que acaban é  por mudar e modificar enormemente a estrutura orixinal, restándolle o valor tradicional de seu. Tamén, e igualmente como aspecto negativo, indicar que por atoparse nunha paraxe illada e alonxada da aldea de Piñor e tamén porque onde a fonte morre a pista, soe tratarse dun punto de verquido de lixo incontrolado. BIBLIOGRAFÍA: -Castro Rei, Manuel: "Augas mineiro medicinais. Augas sulfurosas da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide". 2016. -Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo nº 6 do "Terra de Melide", Seminario de Estudios Galegos. 1933.     [Cronoloxía] Indefinida [Estado de conservación] Malo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Neveiro de Os Codesás [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Na vertente oriental do Couto dos Codesás, a unha altitude de 730 metros sobre o nivel do mar, sitúase unha das neveiras ou neveiros que existiron nesta zona, xa dende o século XVII. Este tipo de estruturas artificiais concibidas para a formación intencional de bloques de xeo para a conservación en frío de alimentos, emprazábanse sempre en zonas de relevo elevado e frías, nas que nos  meses de inverno as nevadas foran bastante frecuentes. A estrutura respostaba a un plantexamento moi enxeñoso e práctico, que se traducía na execución dun pozo fondo de planta circular ou ovalada, practicamente soterrado e escavado no terreo natural, con paredes paramentadas e cuberto mediante unha teitume de madeira en disposición cónica (semellante a dos pombais) e tellada.  Do sistema de produción de xeo da conta Broz Rei no libro" Santantoíño de Toques" de maneira moi detallada, en base a informacións orais dos veciños da Capela, que agora reproducimos literalmente para non restar interese documental: "...No mes de novembro limpábase o terreo e a neveira, retellábase e arranxábase no necesario para comezar a nova tempada da recolleita das primeiras neves... pasando moito frío, recollendo a neve de cerca ó lonxe para non manchala... moi traballoso e pesado, porque a neve pesa, mailo frío e o vento, no cume do monte... E logo pisala a xeito, cos zocos forrados con tea de liño, facendo capas duns 30 cm., e entre capa e capa estender a palla centea para illar unhas doutras, para logo cortalas mellor, capa a capa...". O sistema vemos que resultaba moi práctico, posto que a neve había que dispoñela en capas regulares separadas por películas de palla estendida coa finalidade de que unha vez prensada e comprimida, para poder convertirse en xeo, puidera ser cortada en bloques ou barras rectangulares. A propiedade deste neveiro era do Mosteiro de San Antoíño de Toques, quen a constrúe no ano 1617, supoñendo un custe de 4000 reais como figura nun legaxo do Arquivo Histórico Universitario, nos seguintes termos: "Este Monasterio hiço una nebera en monte de Montoto que costó 4000 Rs. el año de 1617 y después los Señores de la Real Audiencia la pidieron en fuero y se obligaron a dar cada año doce carros de niebe y el monastº a de yr por ella passo ante Jorxe das Seixas año de 1632".  Tamén refire Broz que ademais desta neveira houbo outra en Codesoso nun lugar coñecido coma  Alto Paso e que era propiedade da Fortaleza de San Paio de Narla, pero da que non se conservan restos, agás dos seus desaugadoiros. Ademais tamén alude á importancia do transporte do xeo dende as neveiras ata A Coruña por parte de arrieiros, cuxa actividade se recolle no Catastro do Marqués de Ensenada, reflectindo que no ano 1753 habñia en Santa Uxía dous arrieiros e na Capela oito arrieiros da neve. Tamén na parroquia de San Pedro de Folladela (Melide) figuraba que había outros dous arrieiros que tamén traballaban de labradores. Estes arrieiros ó regresar de Betanzos traían de volta sal, posiblemente procedente do alfolí situado xa dende época medieval, na ribeira do Mandeo, e que aínda se conserva dito edificio na actualidade, coa finalidade de comerciar con ela. Deste traxín da sal existen abondosas referencias documentais como as que refiren que dende Betanzos se transportaba sal para uso do Mosteiro de Sobrado dos Monxes polos camiños reais da zona da Castellana, de feito aínda perdura o topónimo de Costa da Sal. A actividade do neveiro dos Codesás cesa no século XIX, sabéndose que no ano 1812 xa estaba arruinada. Hoxe en día podese ver bastante ben o oco do pozo da neveira, consistente nunha depresión do terreo de planta circular, aínda que apenas se distinguen os muros de contención do pozo por estar invadidos de vexetación, tanto arbustiva como arbórea. A profundidade sería bastante maior da que se pode ver na actualidade, posto que boa parte do pozo amósase colmatado por terra e entullos. Tamén foi obxecto de verquidos en época recente, motivados polo ensanchamento da pista de terra que discorre ó carón da neveira pola súa banda occidental, e tamén por ser empregada polos veciños como lugar de vertedoiro de restos de podas, rozas e demais actividade agraria. De procederse a unha acción rehabilitadora, coa conseguinte actuación arqueolóxica, poderían documentarse os principais elementos estruturais da mesma, no que se atinxe ós seus alzados feitos con cachotaría de pedra disposta a óso, ademais da súa soleira de base e os seus sistemas de drenaxe e evacuación das augas producidas pola desconxelación das capas inferiores. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. - Gómez Buxán, Cesar: "Industrias y oficios na Terra de Melide nos anos centrais do século XVIII", publicado no Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007. [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] Sobre este cruceiro parroquial, situado nun extremo do adro da igrexa de San Xoán de Furelos, existe unha referencia documental no Libro de Fábrica na que se fala como se establece no ano 1808 "... construir de nuebo toda la pared del atrio de dha Yglesia con helebación de seis quartas incluso el cabalete, con sus dos correspondientes puertas a fin de que no entren en el los ganados y obrar varias yrreberencias, poniendo en el citado atrio y sitio más cómodo un crucero que se ara de decente". Este dato é moi relevante xa que nos fala da delimitación do adro mediante muro elevado e da orixe deste cruceiro. O cruceiro consta de catro elementos: pedestal, varal, capitel e cruz. En esencia correspóndese cun cruceiro sinxelo no que a ornamentación consíguese mediante a utilización de elementos xeométricos e moldurados. A estrutura descansa sobre un pedestal de planta cadrada e con perfís moldurados, traducidos nun estreitamento central a media cana. O varal ou fuste é de sección octogonal, con cambio de sección nos extremos, que se troca en cadrada. O capitel é tamén de sección cadrada e perfís moldurados, cunha estreita greca denticulada, como o cruceiro da parroquia da Capela (Toques). A cruz presenta as caras en chafrán, xerando unha sección hexagonal, os seus extremos aseméllanse a bonetes ou gorros clericais, como o de Vimianzo (Santiso). Broz Rei recolle que ata el acódese en procesión pola Santa Lucía, festividade que ten lugar o 13 de decembro, e tamén polo Corpus Christi e polas rogativas de San Marcos. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide. 1983 -Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudos Melidenses- Museo da Terra de Melide. 1993. -Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei". 2001.   [Cronoloxía] Ano 1808 [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Martiño de Gondollín [Parroquia] San Martiño de Gondollín [Descrición] A igrexa parroquial de San Martiño de Gondollín sitúase nun lugar illado dunha encrucillada de pistas que levan a Tabeira, Lourés, A Garea e Gondollín, e a poucos metros ó sur do curso do rego de Pedrouzos, tamén coñecido como río da Martagona ou río Grande. Nesa encrucillada tamén se ergue o cruceiro do século XVII, nun espazo no que discorre abundante tránsito de vehículos e maquinaria, que teñen ocasionado algún dano ó mesmo. A igrexa e o seu adro aparecen nun plano sobreelevado ós que se accede mediante seis gradas. Presenta unha nave de planta rectangular, perfectamente ben orientada, á que lle sucede unha cabeceira cadrangular cun anexo cara o norte, correspondente á sancristía. A nave cúbrese a dúas augas ó igual que a cabeceira, que situándose nun plano máis baixo que a anterios, presenta unha vertente prolongada cara ó norte, para tellar a sancristía. A edificación foi realizada empregando aparello de cachotaría e de canteiría nos esquinais e marqueados de portas e ventás (xambase linteis). O aparello de cachote está oculto á vista, por estar as paredes revocadas e pintadas de branco. Na fachada principal o máis salientable é o seu frontis, que presenta unha porta principal de acceso de feitura rectangular e alintelada sobre a que se dispón unha ventá ou xanela cadrangular, que da iluminación á tribuna. Coroando a fachada aparece a espadana que conta cun corpo cunha soa troneira rematada en arco, para acoller unha campá, e tamén dun ático cun deseño de frontón triangular cunha pequena troneira baleira e flanqueado por dous pináculos de decoración xeométrica e coroado por outro pináculo con deseño en saeta e rematado por unha cruz de ferro. Nas fachadas laterais tamén existen diversos vanos que aportan iluminación á nave e á Capela Maior, con feitura rectangular e sección abocinada con doble derrame. Na fachada sur hai outra porta de acceso, de comunicación entre o adro e a nave.  No interior destaca o arco triunfal apoiado en piares embebidos nos machñons rematados por impostas sobresaíntes molduradas. O arco, de medio punto, presenta doelas de canteiría lisas. Se conserva un retablo lateral de estilo Neogótico e na Capela Maior sitúase o principal de estilo Neoclásico, artellado nun corpo de tres rúas e dun ático, en cuxo camarín central se acolle a imaxe de San Martiño, o patrono desta parroquia. BIBLIOGRAFÍA: - Broz rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide", publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Cosme de Beigondo [Parroquia] San Cosme de Beigondo [Descrición] A parroquia de Beigondo, aséntase nun couto elevado bordeado polas augas remansadas do encoro de Portodemouros, outrora veigas do Ulla e dos seus afluentes Boente, Iso e rego do Muíño. Hoxe se traduce nunha especie de península limítrofe cos concellos de Arzúa e Vila de Cruces. Como recolle Broz Rei esta parroquia noméase nunha escritura do Rei Afonso III datada no ano 897, pola cal faise doazón ó bispado de Lugo "in aviancos villam de Veigundo", e tamén fala da pertenza desta parroquia ó Señorío de Altamira e á Xurisdición de Boente en séculos baixo medievais. Da igrexa sábese por informacións dos veciños que foi trasladada, ou máis ben edificada de novo, no ano 1904, xa que antes desa data estaba situada no lugar coñecido como O Iglesiario. Tamén os veciños de Beigondo lembran como en xaneiro do ano 1972, por causa dun forte temporal, véñense abaixo o tellado e tamén a espadana, ficando en pé o presbiterio. Mais grazas á dedicación dos veciños, que traballaron nas obras de reconstrución conséguese que, nun intervalo de seis meses, queden reparados os danos. Da vella igrexa non se atoparon referencias documentais para poder coñecer as súas características. Pero compre indicar que foron varias as igrexas parroquiais situadas no termo municipal de Santiso que cambiaron de emprazamento nos dous últimos séculos por diversos motivos, entre elas a de Pezobrés, a de Barazón, a de Niñodaguia e tamén a de Ribadulla. A nova igrexa de Beigondo correspóndese cunha sinxela edificación de planta rectangular, orientada de nordés a suroeste. Nun mesmo volume estrutural pero vertebrado interiormente, distribúense a nave, o presbiterio e unha sancristía situada por detrás do testeiro da capela maior.  O exterior é de deseño sinxelo. A fachada principal ou frontis conta cunha porta de acceso de feitura rectangular, con xambas e lintel de canteiría de granito e sobre ela existe unha pequena ventá estreita e con remate en arco. As vertentes do tellado están rematadas por unhas sobrepenas ou cornixas molduradas, en cuxo extremos se dispoñen senllos pináculos de deseño xeométrico e remate piramidal aguzado. A espadana é nova, en substitución da existente antes do ano 1972, cando se veu abaixo por mor do forte temporal. A actual está realizada en cemento e conta cun corpo inferior cunha troneira para acoller á campá (a da vella espadana, que por sorte non rompeu cando se produce o colapso), e que se coroa por un ático provisto dunha troneira oca no seu campo central e flanqueado por dous pinñaculos estilizados. Como remate disponse unha cruz cumial sobre basamento piramidal.  Na fachada sur ábrese unha segunda porta de acceso á nave e tamén outras dúas ventás de deseño rectangular.  No interior existe un arco triunfal que serve de transición entre o espazo destinado ós fieis e o lugar de celebración. O arco conta cun deseño de medio punto que descansa sobre machóns sobresaíntes coroados por impostas ou cimacios moldurados, de canteiría. O interior da nave presenta as paredes enfoscadas con debuxos lineais imitando sillares de canteiría, mentras que no exterior as paredes están igualmente recebadas pero sen pintar.  Na nave existen dous retablos laterais, un no lado da Epístola que acolle unha imaxe da Virxe do Carme de estilo Barroco, e outro no do Evanxeo (que en tempos era o da Virxe do Carmelo) de estilo Neoclásico e que alberga a imaxe da inmacula Concepción, nel destácase a pintura do ático na que se representa o escudo da Orde Carmelita sostido por dous anxos tenantes. Na Capela Maior destaca o retablo, de estilo Neoclásico, distribuído nun corpo e ático, no que se destaca a rúa central con camarín flanqueado por dúas columnas clásicas de fustes lisos con éntase central e capiteis es estilo corintio.  Esta parroquia de Beigondo determina o límite suroccidental da Terra de Melide, e como xa se indicou, pertencente á Xurisdición de Boente, lindeira co Couto de Vilar de Ferreiros e coa Xurisdición de Abeancos. Á de Boente, propiedade da Casa de Altamira por feudo do arcebispo compostelán dende o ano 1554, formaban parte catro parroquias máis do Concello de Santiso: San Romao, Novela, Pezobrés e Barazón, ademais doutras parroquias dos concellos de Arzúa, Melide, Toques e Agolada. Dende a construción do Encoro de Portodemouros na segunda metade dos anos 60 (do século XX), a parroquia de Beigondo adquire unha fisonomía de península ribeirá, onde anteriormente existía un meandro moi pronunciado na desembocadura do Iso e os seus tributarios na cunca do Ulla, que deu lugar á formación dunha extensa illa fluvial no Couto de Altura, pertencente a esta parroquia, á que se accede nos meses de menor caudal dende un dique de terra a través da veciña parroquia de Viñós (Arzúa).  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.     [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Pedro de Belmil [Parroquia] San Pedro de Belmil [Descrición] A parroquia de Belmil é unha das máis destacadas do Concello de Santiso, en canto á cantidade e diversidade de elementos do patrimonio cultural, e tamén se destaca porque na propia aldea de Belmil se ubica a Casa da Audiencia da Xurisdicción de Abeancos, na que se integraban a maior parte das parroquias do Concello de Santiso. Hoxe esa casa que tamén foi cárcere, a pesar de presentar un importante estado de abandono e semirruína, a súa arquitectura, a porta en arco conopial e o seu blasón nobiliario, reflicten claramente a importancia da mesma.  Respecto á igrexa parroquial indicar que posiblemente se erguera no século XIX en substitución doutra anterior, que contaba con capelas laterais, das que existen referencias no Libro de Fábrica, e nomeadas como capela de San Gregorio e capela de San Alberto. Esas referencias datan do século XVIII, polo que compre entender que neses momentos existía unha edificación previa á que hoxe nos atopamos. O máis singular da actual igrexa son as súas destacadas dimensións en planta (20 x 8 metros) e mesmo en alzado, e tamén a circunstancia da súa orientación, toda vez que non está orientada en sentido Leste-Oeste, senón de Norte a Sur (estando a fachada principal orientada ó Norte). A igrexa desenvólvese nun único volume rectangular, que se vertebra no interior en tres espazos correspondentes á nave, ó presbiterio e a unha sancristía traseira, situada tras o testeiro da capela maior. A fachada principal destaca pola súa esbeltez e harmonía compositiva. Conta cunha porta realizada en cantería de granito con remarcado a xeito de caixeado, e con pináculos nos extremos superiores a xeito de remates. Sobre a porta disponse unha ventá que proporciona luz á tribuna interior e que presenta deseño rectangular e vertical, rematada por un arco de medio punto. Os aletóns do extremo do tellado son moi elaborados, xa que presentan liñas moi sinuosas e con remates revirados, a xeito de volutas ou roleos. A espadana é moi estilizada e conta con dúas amplas troneiras para campás no corpo inferior, e cunha terceira (neste caso baleira) no frontón do ático deseñado en forma de arco apuntado. Dito frontón aparece flanqueado e coroado por pináculos moldurados. No interior o máis destacado é o arco triunfal realizado con doelas grandes, de canteiría, e sustentado por piares de canteiría que se integran nos machóns laterais. O intradorso das mesmas presentan decoracións en rebaixe a modo de baleirado. A teitume da nave e da cabeceira correspóndese cunha armazón de madeira á vista, que traduce a disposición externa do tellado a dúas augas. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos". 2011.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Xoán de Arcediago [Parroquia] San Xoán da Ponte Arcediago [Descrición] A parroquia de San Xoán de Arcediago, tamén coñecida como da Ponte Arcediago, é unha parroquia antiga xa nomeada no ano 1225 nun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes como Pontem de Archidiácono.  A igrexa actual foi edificada no ano 1977, como refire Broz Rei "despois de derrubarse no inverno, construíndo o edificio actual". Pero anteriormente houbo unha igrexa anterior que sufriu diversas reedificacións. En orixe foi de fábrica románica datada a finais do século XII ou comezos do XIII, e desa edificación so se conserva unha peza correspondente ó remate dunha xanela, a xeito de lintel en arco de medio punto, con seis doelas debuxadas mediante o trazo de cinco riscos ou sucos incisos, e marcados por unha chambrana decorada con nove billetes. Esta peza apareceu cando se reedifica a igrexa ó desfacerse a arquitectura de comezos do século XX. Desas últimas obras fálase no Libro de Fábrica nos seguintes termos: "1905... construcción del ensanche de la iglesia... dos luces y dos arcos". Broz Rei fala de distintas reedificacións posteriores á fábrica orixinal: "pois no ano 1796 reedifícase a Capela Maior; no ano 1876, estando a igrexa chea por unha festividade, derrubouse a tribuna e non houbo nin feridos, cousa que se considerou excepcional;  logo foi reedificada no ano 1977...". Do acontecemento do desplome do coro alúdese no Libro de Fábrica que: "se desplomó la tribuna con la gente que contenía y no hubo más desgracias que una mujer herida en la cabeza y una niña de seis o siete años herida en la frente... estando la iglesia, tribuna y atrio apiñadas de gente el día de la Encarnación de Nuestro Señor Jesucristo, festividad que se celebra anualmente en esta iglesia...".  Na actualidade a fábrica resposta á reedificación que se fixo dende ese colapso que se produciu no inverno de 1977, e a edificación non destaca por un esmero no seu deseño. Consiste nunha edificación de planta rectangular cuberta a tres augas. O seu interior correspóndese cun único espazo no que non existe transición entre a nave e o presbiterio, como acontece na igrexa parroquial de San Román. Tampouco conserva o seu retablo, estando substituído por imaxes soltas colocadas sobre peanas, e datadas nos séculos XVIII e XIX. O antigo retablo databa do ano 1799. O frontis, ou fachada principal, foi executado mediante o emprego de canteiría de granito de aserradoiro de pedra, e conta cun deseño que reinterpreta os modelos de igrexas rurais datadas nos séculos XVIII e XIX no que se refire ó esquema compositivo, pero cunha maior esquematización e liñealidade. Presenta unha porta rectangular moldurada, aletóns con sobrepenas voadas e rematadas con pináculos piramidais e espadana con dúas troneiras para campás e ático con frontón triangular picudo, remarcado por dous pináculos e coroado por unha cruz. Na base da fachada aínda se conservan dous pináculos e unha pía pertencentes á fábrica de fins do século XVIII. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel. "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. Ano 1982. -Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei". Ano 2001. -Broz Rei, Xosé Manuel. "Santiso na Terra de Abeancos". Ano 2013.   [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Pedro de San Román [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] A parroquia de San Pedro de San Román destácase por ser o berce do arcebispo Mateo Segade Bugueiro, quen foi colexial e mestre no Colexio da Santa Cruz de Valladolid, bispo de Cádiz, de León, de Cartagena-Murcia, arcebispo de México, Xuíz da Inquisición en Burgos, Capelán da Corte de Felipe IV e o benfeitor e fundador da Obra Pía de San Antón en Melide, entre outros moitos cargos. Aínda que os seus primeiros anos transcorren na vila de Melide, foi nado na aldea de Trasirexe desta parroquia de San Román, sendo bautizado na igrexa parroquial o 20 de outubro de 1605. Mais a igrexa actual non foi a mesma que existe actualmente, posto que sufriu diversas reconstrucións que mudaron por completo a fábrica primitiva datada no século XIII.  No "Terra de Melide" descríbese pormenorizadamente a vella edificación románica, que estaba en pe e a finais da década dos anos 20 e comezos dos 30 (do século XX). Nese eido recolle Broz Rei, en base a informacións dun veciño da parroquia, que :"a igrexa estaba moi desfeita por un raio e ademais era moi pequena, polo que se ampliou e amañou... esto foi arredor do ano 1930,... e nela traballou José de Agra que era canteiro". Con todo a descrición do "Terra de Melide", sendo moi exacta tamén reflicte unhas reformas acontecidas no século XIX cando se reedifica o frontis e se fai a nova espadana (como recolle Broz que foi no ano 1832, data da "construcción de la frontera nueva y su campanario"). A descrición que fan os membros do Seminario de Estudios Galegos fala dunha "eirexa de pranta reitangular, con ouso (cabeceira) semicircular prolongado. Ten o arco toral apuntado e con dobladura apoiando sobre colunas adosadas as xambas. As colunas levan capités con ornamentación vexetal e basas de garras con bolas a da dereita e almofada a da esquerda. A coluna da dereita ten cimacio xaquelado i a da esquerda con nacela e de frentes motivos decorativos insertos nela.... A Capela Maor ten unha fiestra central con arco de meio punto i arquivolta xaquelada que na aitulidade está tapiada. Na banda da epístola ten outra fiestra máis nova, e no muro fronteiro ábrese unha porta alintelada que da paso á sagristía, tamén moderna... A portada principal, cara ó poente é moderna. A do sur, moi sinxela, con arco dobrado e porta adintelada levando no tímpano outra crus esculpida, como a da eirexa de Pezobrés, inda que inscrita dentro dun círculo resaltado... O aleiro do ouso vai sobre canicelos sinxelos de nacela. No piñón posterior do tellado, crus antefixa sinxela. Todo é nesta eirexa de marcado acento popular, i o reforzado dos muros dalle aspeito de gran tosquedade e probeza. O emprego do arco apuntado lévanos a datala na pirmeira mitade do século XIII".  Hoxe en día o aspecto mudou moitísimo, posto que en pouco se asemella a esa descrición. Na actualidade vemos o resultado dunha arquitectura levada a cabo nos anos 30 (do século XX), na que mudaron moitos aspectos do orixinal. Da vella fábrica románica non queda nada, agás dous capiteis e unha basa situados no exterior da igrexa, no muro de peche do adro, que non concordan moito cos que se describen no "Terra de Melide", posto que a temática dun deles é historiada e fantástica e a outra zoomorfa, a pesar de que se complementan os motivos figurados con elementos vexetais.  A planta actual é rectangular, cunha sancrstía adosada no extremo norleste. No interior non existe espazo de transición entre a nave e o presbiterio ó non haber arco triunfal. No inicio da nave érguese unha tribuna de madeira á que se accede mediante unha escaleira de dous tramos, o primeiro de pedra con chanzos moldurados, e o segundo de madeira. O teito interior consiste nun artesonado de madeira disposto en plano, que non traduce á cuberta exterior a dúas augas. Os retablos laterais son do século XVIII, mentras que o frontal data do século XX, a imitación de modelos de deseños clásicos. No exterior as paredes aparecen revocadas e pintadas de branco ocultando o aparello de cachote da mesma, aínda que os elementos de esquinais, xambas, linteis e antepeitos foron realizados en canteiría de granito. Respecto ó frontis o investigador local Miguel Ares Rúa, refire que para a súa edificación aproveitouse a pedra da desaparecida Capela da Virxe do Pilar e de San Roque, que estaba situada na aldea de Vilameá, a data que apunta é a do 1818, polo que podería tratarse da que se fala no "Terra de Melide", onde se apunta xa que era moderna. Sobre a espadana sábese, grazas ás informacións moi detalladas de Miguel Ares Rúa, que contou con varias. A primeira información apunta a que "unha noite de tronada, aló polo ano 1794, un gran lóstrego ao que lle segue un trono inmenso que fai estarrecer a toda a parroquia, fende a campá da igrexa", unha campá que como refire o autor "fora fabricada tan so dezaoito anos antes, no 1780". Mais esa campá de finais do século XVIII, substituíu "a outra do ano 1694, desfeita nas mesmas circunstacias por outra treboada que en mala hora se achegara á parroquia. Sendo tempos de moita miseria e guerra, houbo que esperar vintecatro longos anos ata que no 1818 fose reconstruído o campanario e fundida a nova campá, substituíndo a aquela outra que fora mal ferida tantos anos antes".  A espadana actual, do ano 1818, é bastante sinxela e consta dun primeiro corpo entre dúas cornixas molduradas e voadas, cun campo central con troneira para unha soa campá. Sobre a segunda das cornixas érguese un ático flanqueado por senllos pináculos laterais. Nese mesmo ático emprázase un frontón con tendencia triangular e cunha troneira baleira no seu campo central. Coróase o ático por un remate en bola carente de cruz cumial. No "Terra de Melide" xa se apuntan diversas patoloxías estruturais que obrigan a realizar obras de reforzamento e estabilización: "toda a eirexa, que é de sillería de pedra de grá, está desplomada polo que se tratou de defendela, engrosando os muros por dentro cun engadido de cachote; vemos por tanto que a edificación xa amosaba a finais dos anos 20 (do século XX), problemas importantes que acabaron dando lugar a esa reedificación realizada a comezos dos anos 30, dando lugar a unha reconstrución que desvirtuou moito as fábricas orixinais, tanto que xa perdeu a ábsida e o arco triunfal do século XIII, substituídos por un tramo novo, que consiste nunha extensión continua das fachadas laterais, imitando tamén o deseño dos vanos. BIBLIOGRAFÍA: - Ares Rúa, Miguel: "Notas etnográficas". Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018. -  Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013. - Carro, Xesús; Camps, Emilio; e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide". Capítulo IV do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa Uxía do Monte [Parroquia] Santa Eufemia do Monte [Descrición] A freguesía e o templo parroquial de Santa Eufemia do Monte tamén coñecidas coma de Santa Uxía (a pesares de tratarse de advocacións diferentes, posto que se tratan de dúas mártires distintas), sitúanse nunha paisaxe de acusadas pendentes, e a unha cota elevada (a 550 metros), na aba meridional do Couto de Santa Eufemia, que se coroa a unha altitude de 731 metros sobre o nivel do mar. A historia desta igrexa parroquial e moi interesante, posto que as súas orixes parecen retrotraerse ós séculos altomedievais, en base á existencia dalgúns elementos prerrománicos illados datados en torno ó século IX, ademáis na fábrica do arco triunfal hai elementos arquitectónicos estruturais que se sitúan en tempos do románico de finais do XII ou do século XIII e unha mesa de altar datable no século XVI, todo elo formando parte dunha arquitecura dos séculos contemporáneos, con reformas moi recentes que desvirtúan por completo a xa de por sí alterada fábrica do conxunto. A conxunción de tantos elementos de épocas e estilos diferentes falan dun dinamismo e evolución constante, que reflicten a adecuación do templo ás estéticas propias de determinados estadios históricos e culturais. Sobre a historia dela recolle Broz Rei que "Pertenceu ó padroado do Mosteiro de Santantoíño (de Toques), quen nomeaba cura". E tamén apunta que: "Quedou na tradición a memoria dun antigo convento de monxas nesta igrexa, situado á súa beira, nas casas que detrás dela hai, e desde onde ían por un pasadizo para a igrexa". A arquitectura do templo descríbese con moita precisión no Terra de Melide (1933), do seguinte xeito: "a eirexa é de unha soia nave, reitangular e de feitura moderna. A Capela Maor cadrada, e único que resta da primitiva edificación. Ten arco trunfal de meio punto, dobrado, arrincando sobre pilastras cadradas meiante imposta de nacela. No acodillado leva colunas enteiras adosadas, con rudos capités de decoración vexetal con colarino e coroados pol-a imposta que corre dende o arrinque do arco toral; os fustes son curvos i-as basas normás riba d´un gran plinto. Toda a eirexa está cuberta a dúas augas e solada de pedra de sillería, con dous escalóns: un baixo o arco trunfal i-outro diante do altar. Ós pes está a única porta que é adintelada e moderna, como toda a nave da eirexa. Esta vai encalada totalmente por dentro e por fora, excepto a rosca do arco trunfal. O pouco que n´esta eirexa queda de románico puidera sere, á xusgar pol-os capités i-o arco trunfal do século XIII". Broz Rei considera que hai sobranceiros elementos que apuntan a uns momentos propios da arquitecura prerrománica, xa que fala do "muro do testeiro da nave e os seus sillares cun despece que recorda ó paramento prerrománico. A presenza dunha xanela que está empotrada no muro da ábsida, que ten caracter prerrománico, con aros arredor dun baquetón sogueado que adornan o arco, indica o seu antigo pasado, arredor do século IX?. A ábsida foi reformada e a nave tamén. Só quedaría en pé o testeiro da nave co seu arco triunfal, que en si tamén foi reformado nos capiteis". Ese lintel de ventá citado está empotrado nun esquinal do muro sur da ábsida que "presenta un arco de medio punto festoneado por dous boceles, dos que saen dous círculos e destes saen dúas liñas incisas, facendo un fermoso conxunto de lazos". O arco triunfal desta igrexa é hoxe por hoxe o elemento máis singular. Trátase dun arco de medio punto dobrado que presenta dous capiteis historiados: un de temática vexetal (o da esquerda), e outro de motivos zoomorfos. Estes capiteis están sustentados por columnas monolíticas lisas de sección circular que se apoian en basas sobre plinto. Na Capela Maior ademais do retablo do século XVIII, resulta moi relevante a presenza dunha mesa de altar de canteiría de granito revocada e con restos de pinturas murais datadas no século XVI, con cenefas entrelazadas e decoracións vexetais cun deseño de roleos e volutas. A descrición do "Terra de Melide" é bastante verídica, coa salvedade de que conta cunha porta alintelada no muro sur da nave, ademais de que a finais do século XX modificouse notablemente, posto que se procedeu ó repicado das paredes exteriores, deixando o aparello de pedra á vista, e tamén o muro do testeiro do interior. A maiores fíxose ex novo unha recreación de portada románica no frontis, colocada "de plastón", aproveitando unhas doelas dun antigo arco que estaban empotrada no propio muro do frontis. Tamén se abriu unha xanela en estilo Neorrománico no muro norte da nave, e nos aleiros tant oda ábsida como da nave, colocáronlle unha sucesión de canzorros de temática xeométrica e zoomorfa, que se ve claramente que non son de fábrica antiga. Todas estas actuacións supuxeron unha desvirtualización da fábrica orixinal da igrexa, nun afán mal enfocado de pretender evocar a arquitectura do románico. O frontis aparece coroado por unha espadana dunha soa troneira na que se sitúan dúas campás en dous planos diferentes, e sobre este corpo sitúase un ático de frontón con deseño de tendencia trinagular, coas aletas laterais curvilíneas e cun campo central para unha troneira. Dito frontón remátase cunha cruz sobre peana monolítica e cornixa moldurada. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. - Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide". Capítulo IV do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.        [Cronoloxía] Século XII / XVIII-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa María dos Ánxeles [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] A parroquia de Santa María dos Ánxeles chamada anteriormente ó século XVII como Santa María de Malos, conta cun templo parroquial de advocación mariana, de moita devoción e veneración en toda a Terra de Melide. Broz Rei apunta que ó redor dese século debeu ser cando se lle cambiou o nomenclator, e que o novo topónimo iría en relación con esa advocación da Virxe cuxa imaxe podemos ver no interior  descansando sobre unha peana de tres anxos, e acompañada de dous anxos adoradores dispostos sobre a cornixa. A esta igrexa acódese en romaría pola festividade da Pascua, xa que dende o século XVII, o papa Clemente VIII concede indulxencias plenarias ós devotos que acodían o luns de Pascua.  A devoción que se lle ten á Virxe e tamén ó propio templo é moi destacada en diversos eidos. Primeiramente porque as dúas campás da súa espadana tiñan o poder de arredar ás tronadas, feito xa recollido por Vicente Risco e Amador Rodríguez no "Terra de Melide", no que aseguran que as campás ou sinos "na Nosa Señora dos Anxes teñen promisión da Virxe de que, onde queira que chegue o seu son, non faran mal nen tronos, nen lóstregos nen cousa doutro ceo vida". Nesa mesma liña apunta Broz Rei que a Fonte Santa situada a unha distancia de 80 mts ó nordeste da igrexa, á que se chega seguindo polo camiño que bordea o camposanto, e sobre a que se ergue un cruceiro: "os romeiros collían auga e levábana para a casa porque decían que era boa para os animais, o campo e as tronadas". Así pois de novo vemos a significación desta parroquia como protectora ante o fenómeno das tormentas con carga eléctrica é manifesta e afamada na contorna. Respecto ó templo parroquial sinalar que se desenvolve nun único módulo rectangular, en canto á súa planta e tamén no alzado, que se vertebra interiormente en tres ámbitos: nave, presbiterio e sancristía. A fábrica foi realizada en aparello de cachotaría, que non está á vista xa que os muros aparecen revocados, agás no frontis onde en vez de cachote foi realizado con sillares de granito ben escuadrados, pero con pezas de diferentes formas, grosores e lonxitude. Este frontis ou fachada principal e a espadana foron edificadas no ano 1891. A espadana é o máis característico da arquitectura desta igrexa que consta dun banco ou cornixa moldurada sobre a que descansa o primeiro corpo con dúas troneiras para as campás, cuxos xugos se apoian sobre impostas sobresaíntes. Sobre este primeiro corpo descansa outra moldura voada, igualmente moldurada para sustento do ático, cuxo deseño é bastante estilizado. A parte inferior tradúcese nun frontón de tendencia triangular con aletóns laterais de perfil curvilíneo e que conta cun campo central que alberga unha troneira oca e baleira. Sobre este frontón disponse sobre un capitel de planta cadrada e moldurada, un pináculo rematado por unha cruz de ferro. Na base dos aletóns do frontón tamén existen senllos pináculos análogos ó cumial. No interior da igrexa destácase o arco triunfal de medio punto, constituído por unha serie de grandes doelas, cuxos salmeres descansan sobre impostas que sobresaen respecto á vertical dos piares sustentantes, que están embebidos nos machóns laterais deste muro de tránsito entre a nave e  a cabeceira.  O retablo é de estilo Clasicista que consta dun primeiro corpo artellado en tres rúas, remarcadas por columnas de estípites, propias de finais do século XVIII. Na rúa do centro destaca un camarín central sobreelevado respecto ás rúas laterais, tanto que sobresae en altura do coroamento do entablamento que serve de base do ático.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo VI do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santo Tomé de Mangoeiro [Parroquia] Santo Tomé de Mangoeiro [Descrición] A parroquia de Mangoeiro singularízase pola antigüidade do seu poboamento, posto que na aldea do Piñeiro, ademais dun Castro datado na Idade do Ferro e romanizado posteriormente, atopáronse a principios dos 90, en terreos da familia Nogueira, os vestixios dunha Villa rústica romana datada en época Baixoimperial, e tamén os restos dunha necrópole datada a inicios da Idade do Bronce na que coexistían os rituais de inhumación en cistas individuais e de incineracións e deposicións en foxas. Respecto á súa igrexa parroquial non se coñece a data exacta das súas orixes, pero existen referencias documentais que se retrotraen ó século XVI, aínda que Broz rei considera que a fábrica da mesma puidera iniciarse con anterioridade debido á tipoloxía "do interior da porta sur, que nos leva a Furelos, ó Leboreiro ou a Golán", exemplos de románico tardío. Tamén nos fala dos sillares das xambas do arco triunfal, especialmente centrándose nun sillar decorado "co gravado que puido ser recolocado cando reformaron o arco, incluso reaproveitado doutro lugar que é pouco probable. É de pensar que está in situ, no seu lugar, pois na Capela tamén vemos sillares decorados a carón do arco triunfal". Este autor refírese ó arco triunfal da Igrexa de Santa María da Capela do antigo cenobio Bieito de San Antoíño de Toques. Na actualidade a edificación, agás a citada porta sur e o arco triunfal, non amosa unha estruturación antiga, senón que nos leva ós tempos modernos nos que a planta se desenvolve nun único volume rectangular, vertebrado interiormente pola transición entre nave e cabeceira mediante un arco triunfal de medio punto, e tamén cun maior desenvolvemento en altura na zona do presbiterio. Por detrás da Capela Maior sucédese unha sancristía traseira que non altera nin diferencia a concepción volumétrica de dito presbiterio. A edificación foi realizada con aparello de cachote que se atopa oculto á vista polo revocado exterior, e tamén empregando pedras de canteiría en esquinais e xambas e linteis de portas e ventás, ademais da espadana.  A espadana segundo recolle Broz, foi feita polo "Carceleiro de Boente, que fixo tamén a de Zas de Rei... era moi bo canteiro, carpinteiro e de todo. Moi bo artesán". Consta esta espadana dun campo central en cuxo centro se ubica unha troneira para a campá cuxo xugo descansa nunhas impostas sobresaíntes, feitas en canteiría. Sobre o arco da troneira disponse unha cornixa moldurada e voada que serve de base do ático, traducido nun frontón de trazas triangulares cos perfís curvilíneos e cunha troneira no campo central. Sobre este frontón disponse unha tereira cornixa moldurada (xa que hai unha primeira na base da espadana), sobre a que se ergue un pináculo cunha cruz de ferro no seu remate. Remarcando o ático tamén hai outros dous pináculos de liñas molduradas. No interior da igrexa destácase o arco triunfal de medio punto, que conta cunha peza decorada nunha das súas xambas, con motivos florais con remates en espiras. A porta sur, cuxo exterior é de deseño alintelado, tradúcese nun arco interior de medio punto adoelado cuxa tipoloxía é máis acorde cunha edificación de cronoloxía medieval. O retablo principal é de estilo Clasicista con columnas de estípites. Broz Rei afirma respecto á contextualización histórica desta igrexa, que "non coñecemos a documentación de Mangoeiro, a non ser a que se contén no apéndice documental como igrexa que era dependente de San Antoíño", xa que formaba parte do couto e xurisdicción de San Antoíño de Toques e do seu partido, baixo a denominación de San Thome de Mangoeyro. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011.  [Cronoloxía] Século XVIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Desaparecida igrexa de San Vicenzo de Ribadulla [Parroquia] San Vicenzo de Ribadulla [Descrición] Situada a unha distancia duns 500 mts. ó sur-suroeste da aldea de Gosenxe, topónimo de claras reminiscencias xermánicas, emprázase a vella aldea de San Vicenzo de Ribadulla, anegada polas augas do encoro de Portodemouros no ano 1967. Nese emprazamento da ribeira do Ulla, onde as augas do Beseña desembocan nel, situábase unha antiga aldea ou poboado que servía de paso de barcas entre as veigas de Santiso e as da veciña parroquia de San Miguel de Agra, no concello de Agolada.  Baixo as augas do encoro quedan as vellas casas da aldea, ademais de muíños e unha ponte, que son visibles as súas ruínas cando baixan as augas nos meses da seca. Na parte máis elevada do lugar, convertida na actualidade nunha península, erguíase a vella igrexa parroquial e o seu camposanto, que por atoparse nun plano de nivel máis alto, as ruínas permanecen á vista case a totalidade do ano, agás cando o encoro acada o seu volume máximo de ocupación estimado en 297 hm3.  Cando se procedeu á construción do encoro en vez de trasladar as igrexas parroquias da ribeira do Ulla, que ían verse afectadas polo anegamento do val, procedeuse a edificar unhas novas en estilo moderno e carentes de interese artístico e estético, tal aconteceu nas veciñas parroquias de Brocos (Agolada) e Viñós (Arzúa).  As referencias documentais da parroquia retrotráense a tempos moi antigos, xa que Ribadulla aparece citada nun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes co topónimo de Ripa Uliae e coñecida como San Vicente do Barco xa dende o século XIII. Ese topónimo "do barco" é unha inequívoca referencia a eses antigos pasos de barca existentes nas cuncas dos ríos principais do país, tales como o Miño ou o Sil. Eses pasos traducíanse nun importante nó de comunicación entre comunidades existentes en zonas de cursos anchos de río, nos que non existían infraestruturas de paso tipo pontes.  Por desgraza a vella igrexa de San Vicenzo non foi trasladada, e paulatinamente a edificación foi esmorecendo, debido a que tamén foi aproveitada como canteira de pedra para futuras edificacións, unha vez que a igrexa se desconsagrou e perdeu o culto. Na actualidade aínda resulta claramente identificable a pranta do templo, tanto nas fotos aéreas nas que se definen perfectamente as súas dimensións e pranta, coma in situ posto que resulta visibles entre os entullos de pedra de lousa os alicerces e  as primeiras fiadas dos muros, realizados en cachotaría moi ben disposta en ringleiras horizontais con pasadores (pedras dispostas de través para garantizar a estabilidade do aparello). Por sorte grazas á xenerosidade de Begoña López Martínez, podemos amosar unha fotos da igrexa datadas no anos 1963, poucos anos antes da súa desaparición. Vese que se trataba dunha igrexa cun amplo desenvolvemento en pranta, disposta en tres espazos: o primeiro deles (o occidental) correspondente coa nave cuberta a dúas augas e cun saínte cara ó sur, posiblemente concibido como capela lateral. a continuación da nave sucédelle un presbiterio de pranta cadrangular, máis elevado ca nave e cuberto a catro augas, con remates de pináculos no cumio e no remate das vertentes, e tamén un tercero espazo (no extremo leste) que pode ser entendido como unha cabeceira ou Capela Maior, ou tamén coma unha sancristía, tellada a dúas augas a unha altura equiparable á da nave. Nas fotos vese como os muros estaban revocados e pintados ou encalados en branco e tamén no frontis existía unha porta rectangular alintelada e que sobre o cumio dispúñase unha espadana sinxela cunha troneira para a campá, e que por fora dela existía unha segunda campá suspendida sobre o tellado da igrexa, ou iso é o que se desprende da foto sacada dende o sur, na que se aprecia a igrexa "de perfil". Na actualidade aínda se pode ver un nicho de cemento situado no extremo sur do adro, que estaba pechado por un valo de cachotaría. Nas fotos antigas tamén pode verse que había nichos no extremo norte dese mesmo adro.  Hoxe en día, nos meses nos que o encoro presenta pouco caudal de augas, reuslta moi interesante a visita a estes vellos asentamentos da ribeira do Ulla, nos que ademais das casasdas aldeas poden verse  antigas pontes como a de Busel, nesta mesma parroquia, sobre o Beseña, ou tamén as impresionantes ruínas da aldea do marquesado de Brocos en Agolada. Así mesmo na veciña parroquia de Viñós (Arzúa), onde un antigo couto situado nun meandro do río Iso quedou convertido nunha illa, tamén se poden ver antigas edificacións anegadas, as que aínda nestes tempos continúan a ser desmontadas para aproveitar as pedras das vellas paredes. Curiosamente a antiga igrexa parroquial de San Pedro de Viñós continúa en pe, en grave estado de abandono e semirruína, posto que a pesar de que as augas do encoro non ían chegar ata tan arriba, como o asolagamento afectaba a varios lugares da parroquia e supoñendo que o vello templo quedaba nun lugar moi descentrado, constrúese unha nova igrexa no ano 1970.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013. - Cacheda Vigide, Eduardo Aurelio: "La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa", publicado no ano 1991. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memonia do patrimonio desaparecido na Terra de Melide. Parte 1ª- o patrimonio relixiosos", publicado no blog do Museo da Terra de Melide: museodaterrademelide.blogspot.com, ano 2016. [Cronoloxía] Século XVIII-XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Estevo de Vilamor [Parroquia] Santo Estevo de Vilamor [Descrición] Na aldea de Vilamor artellada nas marxes do trazado do antigo Camiño de Santiago, coñecido como Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo, existen interesantes elementos patrimoniais, xa que ademais da igrexa parroquial atopamos diversas edificacións interesantes, tanto habitacionais como de servizo. Entre as primeiras destaca unha que conserva unha porta cun lintel con labras en arcos, que recorda un pouco ós arcos mixtilíneos salmantinos, que pode datarse no sáculo XVI, ademais doutra que foi un antigo Estanco de Tabaco, como poder verse na inscrición do seu lintel datada no ano 1802. Entre as construcións adxectivas destácase algún hórreo de varias estremas, como un que ten tres e está situado ó carón da igrexa parroquial. En Vilamor tamén se atoparon hai uns anos, realizando o ensanchamento da pista principal, restos de época romana, tanto de estruturas como de mateirial de uso doméstico e construtivo (tégulas). Este dato xunto coa advocación da parroquia ó mártir San Estevo, un dos primeiros do martiroloxio cristián, leva a considerar a relevancia e antigüidade deste lugar, que na Idade Media aínda presenta unha maior notoriedade, xa que ademais do paso da vía de peregrinación pasa a incorporarse ó Señorío da Casa de Altamira. Con todo a igrexa parroquial actual non conta con elementos que atestigüen a antigüidade do lugar, xa que a súa fábrica resposta a pautas propias dun Barroco tardío, con moitas constantes que se manteñen ó longo de todo o século XIX. A igrexa distribúese en tres espazos, que en planta se traducen nun deseño en L debido á incorporación dunha sancristía lateral adosada ó lenzo sur da Capela Maior. A edificación presumiblemente debeu ser realizada en aparello de cachotaría, pero que non se mantén á vista, xa que os muros laterais están enlucidos e pintados de branco. Pola contra o frontis ou fachada principal aparece co aparello de sillería de granito á vista. Nela ábrese unha porta rectangular alintelada sobre a que se superpón unha ventá rectangular rematada en arco apuntado e con abocinamento cara ó interior. Sobre a ventá disponse unha espadana, asentada sobre unha cornixa moldurada, do mesmo xeito cas sobrepenas dos aletóns laterais, que culminan o hastial.  A espadana consta de dúas troneiras para campás, e nos seus piares externos presenta decoración de triglifos. Sobre as troneiras aparece unha segunda cornixa que serve de sustento do ático que conta cun deseño de tendencia triangular, en cuxo interior hai unha pequena troneira baleira. Como remate aparece unha figura a xeito de frontón con reviramentos a modo de volutas sobre os que descana a cruz cumial. O ático aparece remarcado por senllos pináculos moldurados, semellantes ós existentes nos extremos dos aletóns da fachada coincidentes co remate da vertente do tellado. Situado no extremo noroeste colocouse unha escaleira metálica exterior, de moi propia gracia estética, para poder acceder á espadana. No interior destaca un arco triunfal de medio punto que resposta a unha ampliación que se efectuou no século XIX, para darlle unha maior dimensión á cabeceira, tamén en alzado, conseguíndose igualar a altura da cuberta da nave. Mais no caso da nave a cuberta disponse a dúas augas e na cabeceira a tres, estando a cuberta da sancristía nun plano algo máis baixo e con derrame a unha soa vertente. Os retablos interiores son de estilo Neoclásico, datados no século XIX, e no principal, aparece a imaxe do santo patrono da parroquia, nun camarín central flanqueado por dúas columnas que sustentan un entablamento e un frontón triangular. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011.   [Cronoloxía] Século XVIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] As Fervenzas [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] De todas as fervenzas existentes na Terra de Melide a de Brañas é a de máis sona, pero non quere dicir que se trate da única, posto que tanto no Furelos coma noutros cursos fluviais da cunca do Iso e do Ulla, existen saltos de auga naturais de singulares valores paisaxísticos. A de Brañas sitúase no curso alto do río Furelos, a unha distancia de 650 mt. ó sur do lugar onde se forma o río, grazas ós aportes dos regos de Portosalgueiro e da Salgueira. Neste tramo o río aparece moi encaixado, formando un relevo abrupto. Precisamente o río Furelos, que recibe distintos nomes en función dos tramos, chámase nesta unidade xeomorfolóxica das terras altas como río das Fervenzas, que entre a caída deste salto de auga e a aldea de Paradela pasa a denominarse como o río do Estreito e a partir de Paradela o río Grande. Proxectado sobre a cascada emprázase o Castro da Armada, sobre un esporón rochoso que cae directamente sobre o val do Furelos. Sobre este particular refire M. González Méndez que dende o Castro "se ofrece además, unha magnífica panorámica de la cabecera del valle del río Furelos, junto con una fervenza que discurre por la vertiente opuesta a la del Castro. Sus aguas, canalizadas en parte, permiten sostener los prados que la fuerte pendiente obliga a construir sobre terrazas: una de las soluciones de aprovechamiento agrícola tradicional característica de las zonas de montaña de la Galicia Norte. El agua también se aprovecha para hacer funcionar un molino recientemente restaurado". Sobre ese muíño de maquía situado ó carón da cascada, a media ladeira e tamén a media altura respecto ó desnivel da fervenza, apunta Broz Rei que xa aparece documentado nunha escritura de venda redactada no ano 1848 polo escribán Ramón Varela Vilariño quen da conta de dita transacción nos seguintes termos: "venta a Andrea Martínez y Lorenzo... el molino Arinero que se halla a la orilla del río das Ferbencias, que se nombra nuevo, construído de reciente, maderado y tejado, con sus ruedas y disponible para moler". Broz parafraseando informacións dun veciño da cercana aldea de Prados recolle que: "...había dous muíños, un de chispa, con pedras de croio -francesas- que facían chispas ó moer, era para o centeo. Outro de bazo, con pedra de gra normal, para moer o millo. Os dous estaban no mesmo muíño e foron construídos por Rafael de Nodar (en Friol), haberá uns cen anos e acabou de moer no ano 1975".  "Moía gra que viña desde o Mesón de Roade, de Brañas, de Montelén, e un día con outro chegaba a moer tanto que sacaba dous ferrados de pan coa maquía. Moía de inverno a diario pero de vran moía máis o muíño do Estreito, porque tiña máis auga".  Esa información reflicte moi ben a realidade das Fervenzas, xa que nos meses de maior pluviosidade é moi abondoso o caudal de auga que discorre por esta vertente escarpada, mesmo por máis dunha ducia de regos diferentes, formando unha cortina de escuma branca pola forza e grande precipitación da auga. Pero nos meses de estío apenas discorre auga, chegando practicamente a estar secas. Dese xeito o Furelos non chega a secarse de todo, grazas a que se alimenta dos caudais doutros cursos de auga tributarios situados augas abaixo destas fervenzas. Respecto á altura deste salto de auga, non existen datos exactos, pero aproximadamente estaríamos a falar dunha caída en torno ós 40 mt., habendo quen considera que os pode superar. Para iso serían precisas unhas medicións topográficas que puideran determinar a altura, establecendo a cota exacta existente no inicio da caída respecto á da base da cascada. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. - Castro Rey, Manuel: "As fervenzas da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques-A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Emprazamento da antiga igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia [Parroquia] San Paio de Niñodaguia [Descrición] Na aldea de San Paio situábase a antiga igrexa de Niñodaguia, que no ano 1927 foi demolida e aproveitados os seus mateirais para a edificación da actual parroquial, ubicada en Portocelo. Xosé Manuel Broz Rei ten recollido referencias documentais que apuntan a que no ano 1561 esta igrexa era anexa do Convento de Sancti Spiritus de Melide, e que estaba rexida polos franciscanos da Orde Terceira de dito convento, e que a antiga igrexa foi reconstruída no ano 1792, substituíndo a outra anterior. Tamén, en base a informacións dos veciños apunta que "estaba antes en San Paio e porque estaba moi arruiada e era pequena, trasladárona a Portocelo. Costeou todo a familia Penas da Casa de Quinzán, e seica que o retablo foi encargado en Santiago no taller do escultor Asorey". Na actualidade non se observan en superficie vestixios da vella igrexa de San Paio, xa que no seu antigo emprazamento, nun outeiro situado no remate dun rechán proxectado sobre o curso do río Furelos, hoxe existen diversas edificacións, e onde estaba a igrexa construíuse unha pequena nave dunha granxa. Con todo os veciños desta aldea gardan o recordo da existencia, tanto do templo coma do seu camposanto, que estaba situado ó oeste do mesmo, no espazo que non foi edificado. Na aldea existe unha casa que conta cun escudo de armas en moi bo estado de conservación, vertebrado en catro cuarteis. No primeiro aparece unha flor de lis cunhas incisións superiores a xeito de estrela e barras; un segundo cuartel cunha flor de lis ó carón dun caldeiro e sobre dúas varas; no terceiro cuartel vense catro varas e un caldeiro; e no cuarto unha lis sobre tres varas. Broz Rei considera que estas varas, a pesar da súa disposición en horizontal, representan ó apelido Varela "aínda que non se souberan tallar ben os seus símbolos", xa que toda a xenealoxía da casa ten relación con esta linaxe que se vincula a ela dende o século XVII. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide", ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no 2013. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "A memoria do patrimonio desaparecido: parte 1ª: o patrimonio relixioso". Publicado no blog do Museo museomelideblogspot.com, ano 2016.     [Cronoloxía] Anterior ó século XVI [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Martiño de Oleiros [Parroquia] San Martiño de Oleiros [Descrición] Aínda que esta igrexa parroquial de San Martiño de Oleiros foi reformada case por completo no século XIX, consérvanse importantes elementos dunha vella fábrica románica, datada a comezos do século XIII, de aí a relevancia da mesma. Da desaparecida igrexa consérvanse o lintel da porta sur que ten gravado un fermoso crismón trinitario en baixorrelevo, datado a inicios do século XIII, e un dos únicos existentes na Terra de Melide, aínda que son bastante máis frecuentes no románico da veciña bisbarra da Ulloa, unha pía bautismal situada no adro da igrexa, unha ménsula illada e un canzorro de roleo actualmente formando parte dunha xamba situada nunha casa particular e colocado cara arriba (é dicir, co seu remate en espira ó revés da súa postura orixinal). Tamén formando parte do aparello da ábsida cadrangular da igrexa, no seu lenzo sur, atópase formando parte do aparello unha pedra semicircular de granito situada case á altura do derrame do tellado, que indica, así mesmo que se trata dunha peza reaproveitada, que pode ser o remate superior dunha antiga ventá saeteira. Toda isa coincidencia de pezas de filiación románica, e a advocación antiga desta parroquia ó Santo Martiño, bispo de Tours, confírelle unha especial relevancia a esta igrexa da que existen importantes datos documentais recollidos por Broz Rei: "...No ano 1433 o abade de Santantoíño de Toques fai doazón ó cura de San Martiño dun Breviario, polo que este queda obrigado en certas actuacións.", tamén nos refire que " San Martiño non pertencía o Priorato de Santantoíño, polo que non está supeditado á desamortización, pero pódese sinalar a data destas reformas no s.XIX". Resultado das reformas indicadas é a fábrica que actualmente se pode contemplar, na que posiblemente se aproveitasen pedras do aparello da antiga igrexa. Esta nova edificación está realizada en aparello de cachote, e con pezas de canteiría de granito no frontis (de "sillarejo") e tamén na execución dos linteis e xambas das portas e ventás.  O frontis, ou fachada occidental da igrexa, presenta unha porta de arco de medio punto, con doelas lisas e sen figuración, e un tímpano executado con tres pezas de granito, igualmente sen representacións. Esta fachada coróase por unha espadana de dúas troneira para campás, erguida hai pocos anos, en substitución dunha anterior, e cuxo deseño afástase moito dos modelos habituais das espadanas desta zona. A planta da igrexa é rectangular, sucedida por unha cabeceira igualmente rectangular, á que se lle adosa unha sancristía lateral na fachada meridional. Os alzado da nave e da cabeceira acadan unha mesma altura, polo que a cuberta do tellado é contínua e disposta a dúas augas. Pola contra a sancristía é máis baixa cas anteriores. No interior o máis destacable é o arco triunfal, de medio punto, asentado por piares cadrangulares de canteiría, embebidos nos machóns laterais, e rematados por impostas molduradas, que serven de sustento do arco. O retablo é de estilo neogótico, de madeira vernizada, da mesma tipoloxía ca do Convento dos P.P. Pasionistas de Melide realizado por Maximino Magariños, e cos retablos laterais da igrexa de Furelos, ou cos das parroquiais de Niñodaguia e de Pezobrés, ambas no termo municipal de Santiso. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. 2011. - Delgado Gómez, Jaime: “Un segundo crismón trinitario en la comarca melidense”. Publicado no Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.     [Cronoloxía] Séculos XIII e XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Xoán de Visantoña [Parroquia] San Xoán de Visantoña [Descrición] A de Visantoña é unha das igrexas parroquias máis amplas existentes na Terra de Melide, xa que ten unhas dimensións en sentido Leste-Oeste de 23 mt, por 16 mt en sentido Norte-Sur. Presenta unha planta complexa conformada por unha nave rectangular, cun transepto ou cruceiro perpendicular á mesma, para acoller dúas capelas laterais, ademais dunha sancristía adosada á cabeceira polo seu lateral norte. A fachada principal e os muros laterais aparecen enlucidos. No caso do frontis aparece sen pintar e imitando sillares de canteiría de granito, mentras que nas fachadas perimetrais estando igualmente recebadas, foron pintadas en cor branca cun zócalo na base dos muros de cor gris. No frontis ou fachada principal destaca unha porta feita en canteiría e rematada por un arco rebaixado, do mesmo tipo co da ventá que a ela se superpón. No remate do hastial e baixo a espadana pode verse unha esfera circular dun reloxo. A espadana é o máis significativo, e como refire Broz Rei trátase dunha "obra do ano 1923, con deseño moi semellante á de Furelos, Zas de Rei (ano 1916), San Cosme (1926) e Boente". Recolle tamén informacións de Manuel Martínez Pardo, veciño de Visantoña, que apuntan a que a fixeron os Mariños de Carballido, que eran moi bos canteiros. Tamén aporta o curioso dato de que inicialmente mercárase unha campá, que tiña mal son e, como os campaneiros fabricantes non a quixeron cambiar, os veciños botárona e tiveron que vir a cambiala, pero a que trouxeron era demasiado grande e non collía na fornela para a que estaba concibida, polo que tiveron que labrarlle algo á pedra. Respecto á troneira, indicar que descansa sobre unha cornixa sobresaínte moldurada e que conta con troneiras para as dúas campás. Sobre estas disponse unha segunda cornixa que serve de base do ático, coroado por un frontón triangular de alas curvilíneas e cunha fornela baleira no seu centro. Este frontón aparece coroado por un pináculo e flanqueado por outros dous. No interior destaca polas súas paredes encaladas e pola arquitectura sustentante das cubertas, traducida no cruzamento de dous pares de arcos de medio punto que parten de piares embebidos nos muros do transepto e con impostas molduradas que serven de arranque das arcadas. A nave, tellada a un plano máis baixo co cruceiro e a cabeceira, aparece cuberta por un armazón de madeira de vigas, tercios e puntóns á vista.  No inicio da nave disponse unha tribuna ou coro feita en madeira, tanto no seu entramado coma na súa varanda, de balaustres torneados. No interior existen tres retablos de estilo Neoclásico, o de Santo Agostiño (doutor ga igrexa venerado nesta parroquia), o da Virxe do Carme e o principal que conta cun camarín central que acolle ó Crucificado, e con dúas rúas laterais con peanas, para o Sagrado Corazón de Xesús, e para o Sagrado Corazón de María. No lateral esquerdo do retablo sitúase a imaxe da San Xoán Bautista, o patrono da parroquia, colocado nunha peana integrada nun aletón lateral. Broz Rei refire que os retablos son da autoría do escultor Manuel Agra Fuciños, natural de Brocos (Agolada), que tiña o seu obradoiro na veciña aldea de Vilar de Ferreiros. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel. "Santiso na Terra de Abeancos". 2013.     [Cronoloxía] Séculos XVIII-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa Cristina de Orois [Parroquia] Santa Cristina de Orois [Descrición] Esta pequena igrexa parroquial emprázase ó carón da carballeira do campo de festa, na que se ubica o cruceiro.  Correspóndese cun edificio de sinxela arquitectura e con planta en L, debido ó anexo da sancristía lateral.  A nave presenta planta rectangular sucedida por unha cabeceira de planta cadrada máis estreita ca nave, e cunha sancristía adosada á mesma no seu extremo Norte. No tocante ó alzado é preciso sinalar que tanto a nave como o presbiterio presentan o mesmo desenvolvemento en planta, polo que o seu tellado é único. A edificación foi realizada en aparello de cachotaría, que non está á vista xa que os muros aparecen recebados e pintados de branco e con zócalo de cor azul na base, e co emprego de elementos de canteiría nos esquinais, espadana e vanos. O frontis amosa un diseño sinxelo traducido nunha porta alintelada sobre a que se dispón unha ventá rectangular, con derrame cara o interior. Sobre o hastial disponse unha espadana de canteiría de granito asentada sobre unha cornixa moldurada, que serve de base do campo principal que conta cunha soa troneira para a campá. Sobre este disponse unha segunda cornixa que sustenta un ático que conta cun pequeno frontón triangular rebaixado e coroado por un pináculo elevado no que se insire a cruz de ferro do remate. Dito frontón tamén se atopa flanqueado por dous pináculos menores de deseño xeométrico. Para acceder á nave tamén existe unha porta lateral, igualmente de feitura rectangular, pero aberta no lateral Sur, no que tamén existe un pequeno vano situado baixo a vertente do tellado. A sancristía presenta unha ventá cara ó Leste de feitura rectangular e con doble abocinamento, semellante á que existe no muro sur da cabeceira.  A cuberta da igrexa é a dúas augas, cunha prolongación do tellado cara ó Norte debido ó anexo da sancristía. No interior destaca o arco triunfal de medio punto rebaixado, que parte de senllos machóns ou piares de planta cadrangular, cuxa luz é menor ca do propio arranque do arco. O retablo é de estilo Neoclásico de finais do século XIX.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Serantes [Parroquia] Santaia de Serantes [Descrición] Este cruceiro sitúase nunha encrucillada de pistas con forma triangular, e a unha distancia de 45 mt. ó Oeste-Noroeste da igrexa parroquial de Santaia de Serantes. Ó igual que lle aconteceu a outros moitos cruceiros desta comarca, resultou seriamente danado pola embestida dun vehículo, debido ó tránsito rodado tan frecuente nestas encrucilladas de pistas, que outrora foron cruces de camiños ou de corredoiras. Neste caso supuxo a fractura completa do varal e da cruz, que aínda que imitando o modelo orixinal son de feitura recente (por iso na cronoloxía desta ficha situamos o cruceiro no século da s úa labra orixinal e o do da súa recomposición ou restitución dos elementos fragmentados). O cruceiro consta de catro elementos: basamento, fuste, capitel e cruz. O basamento correspóndese cun bloque monolítico de pedra de feitura cadrangular toscamente labrado, que amosa nos seus esquinais superiores (noroeste e suroeste) importantes perdas de material debido posiblemente a embestidas antigas. O fuste ou varal, hoxe restituído imitando ó modelo antigo, presenta sección cadrangular nos extremos, e tamén cadrangular pero coas arestas en chafrán en todo o desenvolvemento central. O capitel é o orixinal e conta con planta cadrada e perfís moldurados.  A cruz foi realizada a imitación da orixinal, sendo esta moi estilizada e de sección estreita, cos remates florenzados e arestas dispostas completamente en chafrán, xerando unha sección en rombo, que parte na súa base dunha sección cadrada. Esta cruz é moi semellante á do cruceiro da parroquia de San Xoán de Arcediago, coa que comparte moitas analoxías, tanto nesta cruz coma no fuste e capitel, polo que non se descarta unha mesma autoría. Os anacos da antiga cruz deste cruceiro de Serantes atópase fragmentada contra o basamento, no lado occidental do mesmo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado o ano 2013.     [Cronoloxía] Século XIX-XXI [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de San Pedro do Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] Esta igrexa parroquial sitúase a uns 150 mt. ó Leste da aldea do mesmo nome e nas proximidades da encrucillada na que se sitúa o cruceiro. A igrexa edificada no século XVIII presenta unha planta rectangular, na que se suceden a nave e o presbiterio, que engloba á Capela Maior e unha sancristía situada por detrás da parede do altar, é dicir, que non presenta ningún tipo de anexos laterais. A nave cúbrese a dúas augas, mentres que o presbiterio, que aparece sobreelevado, cúbrese a catro augas. A edificación foi realizada en aparello de cachote reservando pezas de canteiría de granito para esquinais e xambas e linteis de portas e ventás, ademais de para a realización da espadana. O aparello aparece oculto na fachada oeste, onde se recebou con cemento sen pintar, mentres que no frontis e fachada norte déixase ver parcialmente mediante a solución dun encintado groso que máis ben se trata do remarcado de algunhas das pedras do aparello. As pedras de canteiría das xambas tamén aparecen remarcadas mediante un encintado lineal e sobresaínte en volume. Á nave accedese mediante unha porta de deseño alintelado no medio do frontis, e tamén a traverso dunha porta lateral situada na fachada norte, que conta cunhas análogas  características de fábrica. Na fachada sur da nave ábrense catro vanos, que se tratan dunha seteira abocinada situada á latura da nave e na parte superior do alzado, as tres restantes son de maiores dimensións, e contan cun deseño rectangular verticalizado, a primeira sitúase á altura da Capela Maior, e as outras dúas na sancristía e en dous planos superpostos.  A Capela Maior tamén se ilumina mediante unha ventá que da ó Norte, cara á pista que bordea o adro parroquial.  No frontis o máis destacado é unha espadana que comparte similitudes coa da Capela do Carme da vila de Melide, realizada a mediados do século XVIII. A do Meire descansa sobre unha cornixa moldurada sobre a que aparece un corpo de campá dunha soa troneira, cunhas impostas internas sobresaíntes para apoiar o xugo que sostén á campá. Esta troneira remátase mediante un arco de medio punto.Por riba disponse unha segunda cornixa moldurada sobre a que descansa un ático de deseño moi esmerado que presenta unha forma triangular cos laterais curvilíneos cóncavos, e cunha fornela oca no campo central, e rematado por un segundo frontón semicircular partido que serve de enmarque dun pináculo cumial, e que carece de cruz. Tamén hai outros dous pináculos de flanqueo do frontón do ático. No interior destaca un arco de triunfo de medio punto que serve de transición da nave ó presbiterio, e tamén un retablo de estilo Neoclásico realizado afinais do século XIX. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. 1993. -Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz". 2001.  [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de hórreos na Graña-O Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] Na aldea da Graña atopamos nunha eira un conxunto de tres hórreos tradicionais dunha soa estrema, dispostos formando un arco en sentido Leste-Oeste, e comprendidos nun espazo de 15 mt. lineais. Respostan os tres ó modelo máis común da Terra de Melide, que Broz Rei clasifica dentro dunha tipoloxía que agrupa "os que se compoñen de columnas de pedra e madeira nos laterais. Son os máis abundantes, e poderíase dicir que é o -hórreo de Melide-. A cronoloxía dátase entre fins do século XIX e principios do século XX​".  Por desgraza é dos poucos conxuntos de hórreos que se conservan nesta comarca, posto que moitos foron desfeitos xa que os propietarios consideraban que xa non valían para nada, e que mesmo lles podía supoñer ter que pagar impostos por eles. Con todo, este é un exemplo de hórreos de pequeno porte, que por necesidades de expansión recórrese á construción de pequenas unidades e non á ampliación das existentes, que moitas veces resulta imposible pola configuración do espazo da eira. Estes hórreos aparecen sobreelevados como soe ser habitual, dous deles situados sobre cepas corridas de cachotaría, e o do medio sobre piares tamén de cachote. Os tres respostan ó mesmo modelo, con pes de perfís moldurados, de canteiría de granito, sobre os que descansan os tornarratos. As cámaras contan con ucheiras ou columnas de canteiría e mesas, contracolumnas e ladeiros (balagustos) realizados en madeira sen pintar. A estrutura de remate consiste nunha armadura de madeira a dúas augas cuberta con tella tradicional, que se facía nas tellerias de Furelos, O Leboreiro e Piñor, con barro que se extraía na Gándara da Madanela (estas barreiras son hoxe lagoas artificiais). Nos tres casos as portas están orientadas cara o Leste, ás que se accede mediante os chanzos de pedra integrados nas cepas de pedra mamposta. Sinalar tamén que ningún deles conta con cruz, pináculo ou veleta de coroamento dos cumios. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Fraga García, Ramón: "Notoas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)". Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.   [Cronoloxía] Finais século XIX-principios século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Palleira/pendello no Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] A aldea do Meire, situada a 500 mt. de altitude trátase dun núcleo de poboación moi compacto, con moitas edificacións concentradas, determinando un urbanismo pechado. Destaca polas casas antigas dispostas nun trazado, por así dicilo, medieval. Entre as edificacións mestúranse unidades habitacionais de vivendas unifamiliares en combinación con diversas edificacións adxectivas e complementarias, necesarias para cubrir as necesidades da casa. Ademais de cortes, alboios e hórreros existen edificacións de gran capacidade coma este exemplo de palleira/pendello, que tanto serve para gardar o carro e os apeiros de labranza como para almacenar a palla e a herba. Vicente Risco no "Terra de Melide", define con moita claridade este tipo de edificacións que en moitos casos eran de uso mixto. Respecto á palleira asevera que: "a palleira ou pallar coma tamén lle chaman algúns, sirve pra gardal-a palla e sobre todo a herba, mantenza principal do gado. É de varios tipos, xa pechada toda de parede, com´unha corte, anque case sempre co-a porta moito máis grande, ou pechada por tres lado de parede, com´os pendellos, e pol-o frente de táboas, ou parte de parede parte de táboas, ou feita na maor parte de táboas sobr´un zócalo de pedra. Pol-o xeral, antre as táboas, dispostas verticalmente deixase certo espazo pra que pase o ar e conserve a herba ventilada e seca. Tamén pode faltar a palleira, ou estar formando parte do pendello". E respecto ó pendello Vicente Risco di que: "o pendello sirve pra ter n-il o carro, os trebellos e ferramentas de labranza, o carro de mallar o millo, a pía de pical-os toxos, o lagar, etcétera. Pol-o xeral é pechado con parede por tres lados e aberto pol-o frente que da ó curral ou aira, tendo por esta parte que enfica en vao, si é longo, pra sorter o tellado, un piar cadrado de cachote ou de gra, ou unha columna cilíndrica de forras ou un esteo de madeira no que apoya o centro da trabe da beira do tellado. Moitas veces, o pendello está feito a continuación da casa ou d´algunha corte arredada d´ela, ou da palleira, i entón unha das paredes é a d´un dos frentes ou lados menores da casa ou corte, e o tellado é seguido, sen solución de continuidade. Cando a casa non é moi rica, ou o pendello é grande, tamén sole acontecer que unah parte d´il estea destiñada a palleira". Neste caso do Meire vemos por tanto, que se trata dunha edificación de gran tamaño  que mide uns 14 mt. no eixo Leste-Oeste por 7 mt. no eixo Norte-Sur. Ditas medidas tradúcense nunha planta rectangular case perfecta realizada nunha proporción de 2 a 1, dito doutro xeito defínese coma un volume concibido en base a dous cadrados anexos, determinando un rectángulo. Esta edificación resume en boa medida todo o apuntado polo etnógrafo e folclorista do Seminario de Estudios Galegos, toda vez que este exemplo conxuga as principais características deste tipo de edificacións complementarias ou subordinadas, cunha funcionalidade esencialmente para almacenaxe, tanto da herba seca como do cereal e da palla, xunto ós apeiros de labranza.  Esta palleira do Meire foi realizada en aparello de cachotaría de pedra do país (rochas ultrabásicas), de pedras irregulares moi ben racheadiñas. Ten cara ó sur unha parte aberta cara a eira e sostida por un piar de planta cadrada, para soster da viga lateral do tellado, que se dispón a tres augas. O lateral contrario, o que mira ó Norte, é completamente cego, e sepárase mediante unha pasantía a xeito de corrupia, da propiedade veciñal. Cara o Leste, no espazo que se abre a unha encrucillada de pistas, de paso público, a parede é maciza ata media altura, e pechada mediante táboas dispostas en vertical con separación entre elas, concibida para favorecer unha adecuada ventilación da mateira vexetal alí almacenada. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Fraga García: Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI). Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. - Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide", capítulo V do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Descoñecida [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro do Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] O cruceiro parroquial do Meire localízase nunha encrucillada de pistas, en forma de X, por detrás da igrexa a unha distancia de 55 mts ó leste da mesma. Trátase dun cruceiro de figura sinxela e pequeno porte, pero que conta coa particularidade de ser un cruceiro moi equilibrado  en canto á súa composición, e moi harmónico e canto á relación entre os seus elementos. Este cruceiro érguese sobre un pedestal de planta cadrada, con remates en moldura de media cana e baquetón (Broz Rei apunta que se asemella tipolóxicamente ó de Furelos e ós de Liñares e Ribadulla, estes dous últimos no termo de Santiso). Neste pedestal insírexe o fuste ou varal, de sección cadrada nos extremos e octogonal no corpo central. No remate dos chafráns superiores, na transición á sección cadrangular, labráronse uns remates a xeito de garras. Tamén dicir que na parte inferior do lateral que mira á igrexa parroquial, amosa uns riscos incisos dispostos de xeito transversal un ó outro, que podería simbolizar un motivo cruciforme. O capitel presenta sección cadrada igual que o pedestal e tamén ten perfís moldurados, parcialmente perdidos no esquinal suroriental por causa dunah fractura considerable. A cruz carece de figuración, polo que presenta caras lisas e arestas achafranadas. Na actualidade acusa un manifesto desgaste. Broz Rei apunta que os fregueses van ata el en procesión polo Corpus Christi e tamén pola festividade do San Ramón. O emprazamento nunha encrucillada de pistas, tan afastada da aldea, semella moi axeitado para este tipo de elementos que contan cun destacado compoñente de protección dos camiñantes que segundo a tradición popular corrían o risco de atoparse cunha procesión de figuras errantes, propias dunha dimensión intermedia. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa Grande de Golán ou Casa de Calderón [Parroquia] San Xoán de Golán [Descrición] A Casa Grande de Golán ou Casa de Calderón é o único exemplo de casa-torre fidalga conservada na Terra de Melide. O inmoble atópase restaurado na actualidade e amosa moi bo estado de conservación, a pesar de que foron diversas as actuacións que supuxeron modificacións na arquitectura orixinal. Esta casa tivo unha capela que foi derrubada no último cuarto do século XX, e hoxe unicamente conserva ademais da casa unha palleira a modo de edificación adxectiva.  Don Antón Taboada Roca, farmacéutico melidao e notable xenealoxista, fai un exhaustivo repaso da linaxe posuídora da casa, aportando datos moi interesantes. As primeiras informacións que aporta retrotráense a tempos dun tal Xan Varela Raposo quen herda o lugar e a casa de Golán de Abaixo, das mans dos seus pais Gonzalo Raposo e Aldara Varela, propietarios da Casa do Ribeiro de Baltar. Xan Varela casa con Catalina García coa que tivo oito fillos, un deles, Lourenzo Varela, quedou na casa e contrae matrimonio con Dona Andrea de Costoya, filla de Gonzalo de Labandeira e Andrea Costoya Bugueiro, veciños de Andabao (Boimorto). E froito dese matrimonio nace Don Estebo, que foi capelán "de sanguininadade" da Obra Pía de San Antonio de Melide e tamén Don Mateo quen tamén foi capelán da mesma fundación benéfica. Facendo un repaso da continuación da saga familiar, Don Antonio conclúe que "esta residencia, pasou, fai pouco, a outra rama d´esta familia, habendo refeito, habendo refeito case toda, o aitual dono, Don Saturnino Calderón Ceruelo". Estamos xa pois falando do primeiro cuarto do século XX e en torno a eses momentos a casa debeu ser practicamente reedificada. A esta familia Calderón débese a edificación da fermosa escola de Baltar, que desempeñou unha importante función docente ata a década dos 80 do século XX (aproximadamente). Esta escola de Baltar sitúase na aldea de Eirexe de Lamas, onde se emprazaba a antiga igrexa parroquial de Baltar e o seu camposanto. Da casa cabe destacar en primeiro lugar que se trata dun caserón rexo e austero en canto a ornamentación. Presenta unha pranta cadrangular que mide uns 15,50 mts. no eixo Norte-Sur por 16,50 mts no Leste-Oeste. A cuberta é a catro augas, adaptada no extremo suroccidental á existencia dun segundo corpo, a modo de torre, cuberta igualmente a catro vertentes. Tanto no extremo leste do conxunto da edificación coma no norte do corpo da torre, dispóñense senllas chemineas de feitura moderna. A estrutura foi edificada mediante aparello de cachotaría, actualmente encintada con cemento na fachada principal, e con morteiro nas laterais e traseira, reservándose o emprego de elementos de canteiría de granito para esquinais, xambas e linteis de portas e ventás e algúns antepeitos de xanelas. En canto ó alzado hai que indicar que conta con planta baixa, primeiro andar ou planta principal, e un segundo andar no corpo da torre. Na fachada principal da mesma, a que mira ó Sur, semella que houbo un balcón entre as dúas ventás, posto que se conserva a súa soleira sobresaínte e o oco ou van paredado con aparello de cachote. Todas as portas e ventás son de deseño alintelado e na planta baixa, fundamentalmente nas fachadas laterais e traseira, tradúcense en pequenas bufardas, mentras que no primeiro andar xa son moito máis amplas e incluso varias delas con balcón, un deles suspendido na fachada oriental. Esta casa grande sitúase a unha distancia de 150 mts ó sur-suroeste da igrexa parroquial de San Xoán de Golán, que conserva elementos orixinais da fábrica románica. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra  de Melide", publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Taboada Roca, Antonio: "Notas Históricas", Capítulo III do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Gondollín [Parroquia] San Martiño de Gondollín [Descrición] O cruceiro de Gondollín, sitúase nunha encrucillada de pistas, a carón da entrada do adro da igrexa parroquial de San Martiño de Gondollín. A circunstancia de atoparse nun cruzamento estreito, polo que discorre moito tráfico rodado de vehículos e maquinaria agrícola xa lle ten provocado máis dun dano e afección á súa integridade. Por dito motivo hai uns anos foron instalados, por iniciativa do párroco, uns pivotes metálicos enlazados por unha cadea, que tamén resultaron ser obxecto de acometidas. O cruceiro aséntase sobre unha grada corrida de cantería feita con pezas de granito, dispostas en plano, e que se acomodan puntualmente sobre pezas de cachotería, para conquerir corrixir o desnivel existente no terreo. Sobre esta plataforma descansa o pedestal ou basa, que conta cun deseño troncopiramidal, en cuxas caras aparecen grabados en baixorrelevo os atributos da Paixón de Cristo: escada, tenaces, martelo, corazón, tres cravos e hisopo. Nos laterais oriental e meridional os atributos son substituídos por senllas inscricións, moi erosionadas e ilexibles. O fuste ou varal é de tipo renacentista, con estrías e boceis intercalados entre elas na metade inferior. Do capitel, de estilo corintio, somentes conserva a metade inferior, cun colariño na transición ó fuste, e sobre el un orde de follas. A cruz amósase moi desgastada e erosionada, ademais de presentar zonas de fracturas que foron reparadas no seu día. A cruz presenta sección recctangular coas arestas en chafrán. A cara frontal da banda occidental está recrucetada. Broz Rei recolle que se vai en procesión ata el polo carme, o primeiro domingo do mes de agosto, e tamén polo San Martiño, o patrono da parroquia, e tamén refire que aparece nomeado no ano 1683 no Libro de Fábrica, podendo tratarse da data da súa construción. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel. "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. -Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide".2001.   [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de San Benito [Parroquia] Santo Estevo de Pezobrés [Descrición] O cruceiro de San Bieito ou de Pezobrés, sitúase na carballeira do campo da festa, a unha distancia de 85 metros ó norleste da igrexa parroquial (que foi trasladada no século XVIII dende o seu emprazamento primitivo no lugar de Pezobrés, ata San Benito). Este cruceiro é un dos máis antigos do termo municipal, mais con todo padeceu importantes reformas e modificacións que alteraron en gran medida as súas características orixinais.  Consta de cinco elementos fundamentais, pero so tres deles son orixinais (pedestal, varal e capitel). Os outros dous son posteriores, o pousadoiro adosado e a cruz. O pedestal ou basa érguese sobre tres fiadas de cachotaría, presenta feitura troncopiramidal, pero non resulta de todo visible, xa que se atopa parcialmente empotrado no basamento do pousadoiro anexo. Este elemento está moi desgastado, polo que non resulta posible comprobar se tivo inscrición. O fuste ou varal é de deseño renacentista con estrias e boceis na metade inferior. O canon curto que presenta fai pensar que en orixe debeu ter maior porte, polo que o máis probable é que sufrira algunha fractura pola zona da base. O capitel é dun estilo derivado do composto, con colariño na transición ó fuste e con decoración de anxos, follas e volutas, motivos moi desgastados e erosionados. A cruz carece de interese por ser de cemento, lisa e carente de figuración, que substitúe á orixinal por mor dunha fractura. Broz Rei describe que aquela tampouco era figurada. Ata o cruceiro acódese en procesión pola festividade do San Bieito, polo Santo Estevo e tamén pola Santa Cruz. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra  de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", ano 2001 - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013 [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Petróglifo da Regada [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] Co gallo dos traballos de seguimento arqueolóxico intensivo das obras da Autovía Santiago- Lugo (Tramo Arzúa- Melide), os técnicos arqueólogos da empresa AXA S.C. identificaron un petróglifo inédito no ámbito inmediato do propio trazado desa infraestrutura viaria. O achado tivo lugar na zona da Regada, nas proximidades da aldea de Riazón (parroquia de San Romao), nun interfluvio ou divisoria de augas comprendida entre os cursos do Rego de Boente e o Rego Valverde. O petróglifo, non recoñecido nin catalogado ata o momento, correspóndese co primeiro identificado no termo municipal de Santiso, (aínda que existe a referencia dunha “ferradura gravada arriba da Pena Maior no monte de Pezobre”, recollida por Xosé Manuel Broz Rei no libro “Santiso na Terra de Abeancos” obtida en base a informacións de veciños, pero que non conseguimos dar con ela). Este novo achado da Regada pasa a ser o terceiro petróglifo de adscrición prehistórica coñecido na Terra de Melide, despois dos de Vilares e o da Pena Ferrada, situados os dous en terras de Toques. Asemade existe outro, de cronoloxía histórica (Idade Media/Moderna), e con funcións de límite de termo, nas inmediacións do Alto do Corisco (na divisoria entre Toques e Sobrado), semellante ós motivos cruciformes do Marco do Hospital, que fai de divisoria entre Toques e Palas de Rei. Este descubrimento cobra unha manifesta relevancia, posto que induce a pensar que pode haber máis penas insculturadas na nosa bisbarra, e que aínda non saíron á luz. Este petróglifo da Regada ten como soporte un afloramento alombado con forma “tumular”, situado no medio dun amplo prado con bastante pendente, e que está pechado mediante estacas de madeira e arame de espiño. Chama a atención que o afloramento non é granítico nin de gneis, senón de xisto da “Serie de Ordes”, de considerable dureza. Tanto na elección do soporte escollido como na súa temática de proliferación de coviñas establécese unha grande analoxía co Petróglifo do Monte da Pena Furada, situado no límite entre dúas parroquias do Concello de Touro. Na parte superior da pena,  que ten a vista un panel aplanado provisto dunhas dimensións de 2,50 metros N-S x 1,06 L-O, distínguense nidiamente alomenos 25 coviñas insculturadas, de diferentes tamaños (comprendidos entre os 2,5 cms. e os 11 cms., e cuxa fondura oscila entre os 0,5 cms. e os 4 cms.). Respecto á distribución das coviñas pode entenderse que hai unha disposición máis ou menos ordenada e intencional, posto que se intúen alomenos dúas aliñacións delas, de xeito paralelo no eixo NNL/SSO. En canto ó estado de conservación compre indicar que non é de todo malo, de non ser porque no extremo sur do panel superior (no que se ubican os motivos) hai claras evidencias de procesos extractivos que foron desprendidos aproveitando as liñas oblicuas (buzadas) das diáclases da rocha. No que atinxe ó conxunto da peneda, compre indicar que a meirande parte dela permanece oculta por terra e por vexetación herbácea de prado, polo que de seguro ten que haber moitos máis motivos ocultos á vista. No panel aflorante agroman musgos, liques e algunhas herbas, fundamentalmente en coviñas colmatadas por terra, e nas liñas das diáclases. O Museo da Terra de Melide agradece as informacións facilitadas polos arqueólogos da Empresa AXA Arqueoloxía S.C. , posto que este importante descubrimento contribúe tanto a enriquecer o patrimonio arqueolóxico do Concello de Santiso como a aportar maior coñecemento sobre as insculturas rupestres nas comarcas do extremo suroriental da provincia da Coruña, áreas moito menos prolíficas neste tipo de representacións respecto a bisbarras veciñas das provincias de Lugo e Pontevedra (con numerosos exemplos en Terras da Ulloa ou do Deza). [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Conxunto de hórreos en Folladela [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Na aldea de eirexe, na marxe sur dunha rúa, atopamos tres hórreos dispostos en liña asentados sobre un valado de cachotaría cunha interrupción entre o primeiro e os dous seguintes. Aparecen aliñados nun perfecto eixo leste-oeste. Son tres hórreos tradicionais dunha soa estrema ou tramo, asentados sobre pes exentos e cunha técnica mixta na que se conxugan elementos de pedra e carpintería de madeira.  Dos tres, o menos modificado é o central, posto que mantén a súa esencia orixinal. O primeiro e situado máis o oeste (máis preto da estrada), presenta un bo estado de conservación debido a renovacións na carpintería e na cuberta. Toda a cámara é de madeira agás un testeiro realizado en ladrillo recebado. Os cumios do tellado aparecen coroados por senllos pináculos feitos en madeira en forma de lanza. Tanto os pes (perpiaños) coma os tornarratos son de canteiría de granito. O hórreo central como xa se indicou, é o menos modificado e alterado, presenta técnica mixta de canteiría (pes, tornarratos e columnas ou ucheiras) e contacolumnas e ladeiros ou balagustos de madeira. Nos cumios do tellado non conta con elementos de decoración ou remate. Para acceder á porta de acceso, situada ó igual que os demais no extremo oriental, dispóñense tres chanzos, probablemente de pedra recebada. Por último o situado no extremo do nacente, foi alterado na súa base, posto que os perpiaños son de formigón realizado mediante encofrado e os tornarratos son de pedra pero non moi antigos con cortes efectuados a disco. A cámara é enteiramente de madeira, a diferencia dos dous anteriores, nos que había utilización de pedra e de ladrillo. Ó igual que o primeiro conta con remates ou pináculos, tamén de madeira, no cumio do tellado, dos que posiblemente se inspiraron para recrear os do primeiro. A pesar das diversas modificacións e reformas, este conxunto resulta bastante chamativo xa que en esencia reflicte a tipoloxía máis común dos hórreos da comarca, con emprego combinado de mateirais e nos que resulta fundamental a carpintería de madeira da estrutura das súas cámaras. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Vimianzo [Parroquia] Santa María de Vimianzo [Descrición] O Cruceiro de Vimianzo sitúase sobre un valo de de contención e peche dun prado, ubicado en fronte ó adro da vella igrexa parroquial de Santa María, actualmente (e lamentablemente) en estado de abandono e inicio de ruína, a unha distancia de 25 mts. ó sur-suroeste respecto á mesma. Trátase dun fermoso cruceiro non figurado pero con un bonito deseño de liñas xeométricas e remates ornamentais.  O basamento apenas é visible por estar oculto polas silvas pero consiste nun pedestal poligonal coas caras superiores achafranadas. O fuste ou varal é bastante orixinal, e presenta sección cadrangular nos extremos superior e inferior con elementos decorativos a xeito de garras na parte inferior e de peras na superior preto da transición ó capitel; e sección octogonal no corpo central. A sección cadrangular superior aparece decorada cunha sucesión de arcos invertidos a xeito de guirnalda. O capitel presenta planta cadrangular e perfís moldurados. Por último a cruz destaca pola súa harmonía de formas e equilibrio compositivo. Presenta sección cadrangular nos seus traveseiros e remates florenzados a xeito de bonetes clericais. A cruz aparece recrucetada na cara que mira á igrexa, sendo completamente lisa a posterior. Broz Rei comenta que "ten restos ilexibles da inscrición. Estivo policromado de azul, verde e siena. Foi movido de sitio cando se fixo recentemente unha pista. Vai a procesión pola Santa o 15 de agosto". BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Fonte do Requeixo [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] A fonte do Requeixo ven a ser unha fonte de "arqueta" a rentes do chan e situada baixo o nivel de cimentación dun muro de cachotaría dunha vivenda. En realidade máis que unh fonte como tal é unha arqueta ou receptáculo de captación dun manancial de augas que agroman no terreo natural, de feito é frecuente a formación de burbullas producidas a tal efecto.  O confinamento ou delimitación do nacente aparece orlada por unha parediña de ladrillo recebado e moi escasamente sobresaínte en altura respecto á rasante da pista pública ó carón da que se sitúa.  O espazo que abrangue mide 177 cms. de longo por 65 cms. de lado, acadándose unhe unha fondura de 86 cms, que coincide co afloramento da rocha natural que presenta un relevo moi irregular. O máis curioso é que as augas sobrantes están canalizadas por debaixo da pista, e serven de abastecemento a un pequeno lavadoiro situado a 7 mts. ó norte da fonte, recollido o mesmo nunha arquitectura en cemento a xeito de caseto, que protexe da exposición ós elementos climatolóxicos a esta estrutura de uso cotiá, que tamén foi realizada en cemento. Os veciños alaban as virtudes das augas da fonte, sostendo que ademais de ser moi boas para o consumo, contan coa partcularidade de ser moi fresquiñas nos meses estivais e mornas nos de meses do frío.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Casa de labranza na Graña, o Meire [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] A aldea da Graña, pertencente á parroquia do Meire, é un lugar situado nunha cota elevada (a 520 mt. sobre o nivel do mar), que destaca pola estreitura dos seus viais e tamén pola interesante arquitectura tradicional. É de destacar un conxunto de tres hórreos situados nunha eira, ou tamén a casa ubicada ó carón deles, que conta con interesantes elementos estruturais. Esta vivenda correspóndese cunha edificación situada na esquina dunha pista, onde se forma un recanto, e no que tamén existe enfronte á casa un conxunto de vivenda e edificacións adxectivas en acusado estado de ruína, que destaca polo seu forno panadeiro.  O inmoble ó que nos imos referir está perfectamente adaptado á esquina ou quebro abrupto que forma a pista, a modo de ángulo recto, e tamén á diferencia de plano ou de nivel existente. De feito a edificación amosa unha única planta cara ó leste, e dúas na fachada norte, de maneira que se modula en dous andares diferenciados, pero cuxa planta superior determínase coma un volume horizontalizado que fai as veces de planta baixa e de segundo andar dependendo polo plano polo que se acceda. De aí que na fachada setentrional se identifique unha planta baixa que se constitúe coma un semisoto, e que grazas a tan aproveitada adaptación ó terreo se conquerise poder vertebrar un espazo para a corte, con acceso directo dende a pista. A edificación está realizada enteiramente en aparello de cachotaría moi ben disposta e á vista, aínda que na planta superior da fachada norte aparece remarcada por un enfoscado basto, de area con cal. O tellado está disposto a catro augas e cuberto por tella tradicional. O máis chamativo desta casa é o sistema de acceso á planta principal, xa que no lenzo oriental existe unha porta alintelada, acubillada por unha estrutura porticada, a modo de pendello. O entramado da cuberta do mesmo vai apoiado sobre un piar realizado mediante un pe monolítico de forma "piramidal" a xeito de marco, ó que se acopla de maneira moi ben adaptada un pao ou esteo de madeira que serve de apoio das dúas trabes (enlazadas en tixeira) e dos puntóns da armazón da cuberta. Tamén chama a atención a sección circular das trabes así mesmo como algúns dos puntóns que nela se dispoñen, aínda que a maior parte deles procuran unha sección máis ou menos cadrangular resultante dun labrado tosco a machada. Esta solución de cuberta a modo de portico apoiado en chantos de pedra suplementados con esteos de madeira é común a este tipo de edificacións adxectivas propias destas comarcas centrais, fundamentalmente na da Ulloa, pero que tamén foi empregada en estruturas de postos de mercado (tal é o caso dos afamados Pendellos de Agolada). O emprego deste sistema mixto de apoio ou elemento sustentante aporta solidez á par de certa marxe de flexión que estabiliza calquera posible movemento ou desestabilización que puidera producirse nun entramado de cargas verticais e con empuxes en oblicuo.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Liñares [Parroquia] Santiago de Liñares [Descrición] Este cruceiro parroquial situado nun ensanchamento do camiño a modo de praciña, e a unha distancia tan so de 35 metros ó leste da igrexa parroquial de Santiago de Liñares, presenta un acusado mal estado de conservación e integridade. A comezos do ano 2020 foi obxecto da embestida dun vehículo o que lle supuxo danos na súa plataforma e mesmo a caída e fractura da súa cruz (polo que agarda por unha restauración específica). Mais os danos tamén se retrotraen a tempos anteriores como se pode ver no propio fuste ou varal que presenta claras evidencias de reparacións antigas (a dúas alturas), levadas a cabo por mor da fractura do mesmo.  Hoxe conserva catro dos seus cinco elementos, aínda que se agarda pola pronta restitución da cruz. A estrutura parte dunha plataforma ou graderío de dous chanzos, o primeiro deles asentado sobre un banco de cachotaría rústica concibido para nivelar o asento, corrixindo o desnivel do terreo. O primeiro banzo consiste nunha grada de pezas rectangulares e bordes rectilíneos coas arestas suavizadas, sobre o que descansa unha segunda grada de perfil moldurado en baquetón. A continuación sitúase a basa ou pedestal, con perfil a media cana. Nese basamento insírese o fuste ou varal, de feitura bastante orixinal posto que presenta sección cadrada no arranque, traducíndose nunha sección ochavada ou octogonal.  Na transición entre seccións dispóñense uns pequenos resaltes a modo de garras, e na parte superior do fuste, previamente ó capitel trázanse pequenas volutas nos chafráns. O capitel, de escaso porte, presenta planta octogonal e seccións molduradas. A cruz, perdida na actualidade, aparece recrucetada en senllas caras e conta con  remates florenzados. Xosé Manuel Broz Rei encádrao na mesma tipoloxía que gran parte dos cruceiros da Terra de Melide datados entre finais do século XVIII e os comezos do século XX. Tamén recolle que se fai procesión ata el pola celebración do patrono da parroquia, o Apóstolo Santiago, e tamén pola Santa Ana, o día 26 de xullo. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Sartego medieval de Serantes [Parroquia] Santaia de Serantes [Descrición] Servindo de pilón de evacuación de augas dun longo bebedoiro realizado en cemento, e nun plano inferior ó mesmo, empregouse unha caixa de sartego antropomorfo de cronoloxía medieval. Debido a esta circunstancia este elemento funerario resultou gravemente modificado nos seus remates ou extremos distais. Con todo e a pesar da descontextualización do sartego e das alteracións sufridas, trátase dun elemento interesante que a falla doutros datos todo leva a asocialo á cercana igrexa parroquial de Santa Eualia de Serantes, situada a tan só 88 metros en dirección leste-norleste do mesmo. Aínda que se descoñece a data fundacional da igrexa, aparece a parroquia xa nomeada a comezos do século XIII, mais a advocación a Santa Eulalia de Mérida (mártir do século IV), xa apunta a unha fundación moi remota no tempo. En canto á cronoloxía exacta do sartego non resulta doado precisala, pero podería adscribirse tanto ós séculos altomedievais coma ós da plena Idade Media e nos xermolos da arquitectura románica. O sartego presenta coma xa se indicou mutilacións nos seus extremos e acusados rebaixes nos bordes superiores, posto que en orixe estarían "a nivel", para favorecer o pousado da tampa ou lauda de cuberta. As medidas que presenta son de 1,85 metros de longo e 65 cm. de ancho na cabeceira e 46 cm. nos pes. A altura exterior é de 38 cm. mentres que a interior oscila entre os 24 cm. na zona dos ombreiros e 21 cm. na zona dos pes. No interior presenta unha anchura de 45 cm. no engrosamento para os ombreiros  e 24 cm. na parte da cabeza. A peza está asentada sobre dous soportes ou piares de cemento.  Trátase do único exemplo coñecido deste tipo de elemento funerario existente no termo municipal de Santiso, e dos poucos que hai documentados na Terra de Melide. Coñécese un exento na aldea de Riocobo (parroquia do Barreiro, Melide), e outros escavados na rocha na igrexa de Santa María de Melide, na igrexa da Capela (Toques), ou tamén nas proximidades á aldea de Artoño (Agolada), sendo máis abundantes na veciña bisbarra da Ulloa. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.   [Cronoloxía] Idade Media [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Casa da Atá [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] A Casa da Atá trátase dunha edificación pacega situada nunha zona de relevo en pendente ocupada por unha extensa fraga ou bosque autóctono de castiñeiros e carballos, pola que discorre o río Pedriña, Pequeno ou da Toca (o que baixa canalizado polas ruínas do cenobio bieito de San Antoíño de Toques, convertido despois das Desamortizacións do século XIX nunha fábricas de puntas e arame). Xosé Manuel Broz ten recollido un estudo sobre esta casa e sobre a súa xenealoxía no libro "Santantoíño de Toques". Nesa publicación afirma que "poucas casas do país teñen tanta historia e misterio como esta casa da Atá, que pervive na solaina do monte da Toca dende o século XV, que foi morada dunha familia de escribáns, os Varela Vilariño". Nesa afirmación estima a antigüidade da casa alomenos dende o século XV, posto que considera que aínda que a fábrica actual da casa semella ser obra datada no século XIX, ten que ser moi anterior xa que está documentado un foro no século XVI, e cunhas primeiras referencias con data do 1530.  Nesa mesma publicación recolle a testemuña dun antigo caseiro da casa enfatizando a importancia da mesma e as características da súa construción, aportando informacións moi interesantes, como que as canteirías da casa proceden da zona de Friol, que para a súa construción mobilizáronse moitos carros cargados con pedras e entre outras cousas que "no cuarto principal había unha lacena toda de pedra, pechada con rexas portas de castiñeiro, onde se gardaban os documentos da casa, onde os escribáns que viviron nela gardarían as escrituras, fora do perigo dun incendio".  A casa contaba con extensas propiedades e terras de labor onde se cultivaba todo tipo de produtos da horta e se criaba gando maior e menor. De aí o gran número de edificacións adxectivas que había ó redor da casa, algunhas delas desaparecidas na actualidade coma un magnífico hórreo de catro estremas acaroado sobre o muro de peche do curro da casa, cercando a propiedade ó carón do camiño que discorre polo medio da fraga e que conduce ata a aldea de Mourelos. Hai moitas cousas a destacar na edificación principal correspondente ó caseirón de morada desta estirpe de escribáns. Trátase cunha edificación de planta rectangular de grandes dimensións, 25 mt (no eixo norte-sur) por 13 mt (no eixo leste-oeste). O inmoble consta de dúas plantas e sobrado baixo o tellado a tres augas, en cuxo cumio sobresae unha alta cheminea de planta cadrangular coroada por catro pináculos piramidais moi estilizados. A edificación foi feita con aparello de cahotaría moi ben disposta e con pezas de canteiría para esquinais, linteis, xambas, antepeitos e ménsulas dun balcón. Na planta baixa ábrense as portas de acceso, duas no lenzo oeste e unha no leste cara á eira. ademais de ventás de pedra, algunhas delas modificadas recentemente substituíndo a pequenas bufardas. O máis destacable é a porta de acceso na fachada oeste, que conta cun balcón sobre a portada principal de canteiría, con porta de doble folla. Este balcón descansa sobre ménsulas de perfil moldurado de canteiría sobre as que se asenta a  soleira de lousas e un balcón de ferro atirantado á armazón do voladizo do tellado. O curro da casa está pechado por unha cerca elevada feita de cachotaría,  perdido pola banda oeste da propiedade, onde aínda se conserva o portalón de entrada cuberto por un tellado a dúas augas. Fora da casa existen diversas edificacións complementarias de servidume, ademais doutro hórreo máis pequeno co desaparecido, neste caso de dúas estremas.  Mais un dos aspectos máis destacables é que respecto a esta casa, existe unha lenda dunha pantasma dun dos escribáns que nela moraron, podendo ser a do escribán Domingo Antonio Varela Vilariño ou a do seu fillo Ramón José Varela Vilariño, que viviron a cabalo dos séculos XVIII e XIX. Esta lenda que fala dun alma errante condenada a vagar polas fragas da parroquia da Capela, foi recollida no ano 1979 polo afamado antropólogo Carmelo Lisón Tolosana e novelada no ano 2011 por Xosé Manuel Broz Rei. Trátase da lenda dunha pantasma máis notoria da Terra de Melide, da que o máis chamativo é a data tardía da súa xestación, que tivo que producirse na segunda metade do século XIX ou de aí en diante. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Lisón Tolosana, Carmelo: "Antropología cultural de Galicia", ano 1979. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Capela da Santa Cruz de San Benito [Parroquia] Santo Estevo de Pezobrés [Descrición] A Capela da Santa Cruz é unha das sete capelas espalladas pola Terra de Melide onde se lle rinde culto á Santa Cruz, cuxa festividade ten lugar o 3 de maio. Este tipo de sinxelas arquitecturas teñen como finalidade rendir tributo á Cruz da Paixón de Cristo como elemento fundamental de culto, tributo, devoción, fe e espiritualidade, concibidas como santuarios de intercesión de indulxencias e obtención de gracias. O feito de atoparnos con tan alto número de capelas da Santa Cruz na Terra de Melide e comarcas veciñas, débese á presenza da Congregación dos P.P. Pasionistas en Melide, xa dende o ano 1909. Estes relixiosos levaban a cabo Misións pastorais nas que elevaban as virtudes do ciclo da Paixón, facendo fincapé nos episodios e estacións do Vía Crucis e tamén da exaltación da Santa Cruz e de todos e cada un dos obxectos vinculados a esas horas seguintes ó Prendemento. Este tipo de capelas, a pesar das diferenzas específicas de cada unha delas, non soen diferir moito en canto á súa arquitectura, concepción espacial, e na simboloxía (que non iconografía) interior. Soen ser edificacións a dúas augas, de planta rectangular cun frontal aberto, pechado por unha cancela de madeira ou de ferro para que a xente puidera rezar dende fora. Ó carecer de fachada principal soen tratarse de capelas bastante lumínicas, a pesar de contar, polo xeral, dunha única ventá, ou como moito dúas de pequenas dimensións.   A estas capelas acódese ó longo do ano, pero fundamentalmente na súa festividade, o 3 de maio, na que se facían as subastas das linguas e tamén polo Domingo de Pascua, onde como recolle Broz Rei: "...en algunhas faise ese día a subasta das linguas e outras ofrendas máis que os devotos ofrendaron. Póñense tamén nas terras as cruces de oliveira bendita polo Domingo de Pascua, e ándase a leira darredor ó tempo que se reza e se bota auga bendita cun ramallo de laureiro. Este costume aínda pervive en moitas aldeas e lugares".  Respecto á Capela de San Benito dicir que conta con planta rectangular cunhas dimensións de 6,50 m.(leste-oeste) x 8,50 m (norte-sur). A cuberta é a dúas augas, carente de espadana no seu frontis, pero contando cunha cruz de pedra coroando o cumio do tellado no extremo norte do mesmo. A edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada e pintada de branco, agás a parte inferior dos muros, que non conta con recebo e polo tanto as pedras están á vista pero pintadas en cor gris a modo de zócalo. Á Capela accédese mediante unha apertura no lenzo sur rematada por un gran arco de medio punto de grandes doelas de canteiría, que descansa sobre senllas xambas laterais, igualmente de canteiría, rematadas por uns cimacios moldurados e carentes de decoración. Nos lenzos leste e oeste ábrense senllas xanelas rectangulares, alinteladas e abocinadas, tanto cara ó interior como cara ó exterior. No interior da capela dispóñense sobre o altar dúas cruces conmemorativas destas Misións, que contan co emblema da Congregación Pasionista en forma de corazón cunha cruz superposta, acompañadas de todo o repertorio característico de atributos da Paixón: pértiga coa esponxa do vinagre, lanza, alabarda, tenaces e martelo, flaxelo, coroa de espiñas e galo. Estas cruces na actualidade están repintadas polo que non se pode ver a policromía orixinal, nin os caracteres do escudo dos Misioneiros Pasionistas que aparecían no centro do corazón. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide. Capelas da Santa Cruz". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro do Leboreiro [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] O Cruceiro do Leboreiro situado en pleno itinerario do Camiño Francés a medio camiño entre o tramo empedrado da calzada medieval e a igrexa parroquial de Santa María do Leboreiro, de finais do século XIII, a unha distancia de 125 metros ó surleste da mesma, nunha praciña triangular nunha intersección de camiños. A circunstancia de atoparse nesa encrucillada, pola que hai movemento de tránsito rodado supúsolle importantes danos no pasado, posto que este cruceiro igual que tantos outros da Terra de Melide, foi embestido e abatido, polo que tivo que ser reparado mediante espigos de fixación e morteiros e grampas de ferro. En orixe este cruceiro estaba asentado nun pedestal de feitura troncopiramidal ó carón do cal se dispuña un pousadoiro situado no seu extremo surleste, composto por un lousa rectangular asentado sobre unhas pedras que o levantaban un pouco do chan, aínda conservado na década dos anos oitenta. Na actualidade dito pedestal ou basamento foi substituído por unha inapropiada plataforma de dúas gradas de canteiría de granito, ambas de planta octogonal.  Sobre a segunda grada asentaron tamén recentemente, un bloque de planta cadrada que serve de punto de apoio e arranque do fuste. Este fuste é de feitura renacentista con estrías lonxitudinais entre as que se intercalan boceis na metade inferior.  O capitel é de tipo composto provisto de cabezas de anxos, follas e volutas. Sobre este érguese a cruz, moi erosionada e carente de figuración, polo tanto con caras lisas e arestas achafranadas.  Aparte das reparacións das fracturas que houbo que realizar tanto no varal coma na cruz, compre indicar que este cruceiro se atopa moi erosionado e desgastado, supoñendo a desfiguración e desdebuxado dos reus riscos e trazos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiro da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", publicado no ano 2001. [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Calvo [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] A Casa de Calvo constitúese coma un dos inmobles máis destacados da paisaxe urbana da vila de Melide, situada nun espazo a medio camiño entre o Casco Vello e a zona de expansión do Melide decimonónico nado a partir do trazado da rede de estradas do Estado (1861-1867). A casa chama a atención polo seu porte, pero fundamentalmente polas escaleiras situadas no seu exterior no lateral oriental, que serven de comunicación entre a rúa e o primeiro andar. Esta casa é de planta practicamente cadrada, vertebrada nun único volume e artellada en dúas plantas e faiado. Cara a rúa do Progreso mira a fachada principal que consta de catro portas, aínda que unicamente tres delas son orixinais, posto que a cuarta, a situada no medianil co nº 16 da rúa, foi aberta posteriormente no lugar ocupado antano por un espazo correspondente ó corral, ó que se accedía a través dun portalón.  No piso superior ábrense dúas xanelas que flanquean a galería central que sobresae sobre a vertical da rúa, que en orixe foi de carpintería de madeira pintada en cor branca, e que logo foi substituída pola actual de ladrillo recebado con cemento, cunhas pautas e estética racionalista. Na fachada oriental  ábrense tres fiestras, unha no hastial do faiado e dúas á altura da primeira planta que simétricamente delimitan a unha porta elevada que se comunica coa rúa mediante unhas monumentais escaleiras de composición piramidal, de triple derrame e provista de trece chanzos, servindo os catro primeiros para corrixir o desnivel existente no plano inclinado da praciña, e destacando os nove restantes por ser de canteiría coas arestas exteriores molduradas a modo de baquetóns. Esta casa conta con moita historia, xa que antes dela erguíase no solar unha casa propiedade de Manuel do Mato, protagonista dun preito que tivo lugar no ano 1810 entre o propietario da casa e Manuel Marcos García ("Procurador de Número en la Real Audiencia de este Reino") , quen pretendía reducir a superficie da praza pechando a rúa da Moa. Posteriormente, a propiedade é vendida a Manuela Rigueiro, que posiblemente con dito cambio de titularidade se producise a reedificación da mesma e a partir de aí trazaríanse as escaleiras, posto que no relatorio do pleito do ano 1810 non se nomea a existencia da escaleira nin tampouco no Protocolo Notarial do ano 1889, onde si se fai referncia a que "la habita en inquilinato la Guardia Civil".  A propiedade pasa a mans de Juana Díaz Páramo Rigueiro, profesa do Convento de Santa Clara de Santiago baixo o nome de Sor María de la Cruz Díaz Páramo Rigueiro, e posteriormente pasa a mans da familia Calvo Veiga quen dende a década dos 50 rexenta unha reputada pensión e casa de comidas, con sona de boa mesa e bo servizo, aínda que o negocio xa estivera funcionando previamente na Rúa da Moa nº 14 (na casa da Pimpana).  O negocio rexentouno Dolores Calvo e as súas sobriñas María e Marciala Calvo Veiga, quen na planta baixa o atendía unha taberna. Na casa tamén prestaban servizo de carnicería e panadería. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Tabernas, pensións e casas de xantar no Melide da memoria: Desde a Idade Media ata 1970", publicado no Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa con Archete no Casal de Campos [Parroquia] Santa María de Campos [Descrición] Na aldea do Casal de Campos atopámonos cunha edificación doméstica, tradicional, de moi interesante interese arquitectónico e etnográfico, xa que conta cun archete ou archede, unha solución moi característica da Terra de Melide que serve para acobillar ou amparar a zona da entrada, modificando de maneira moi inxeñosa a vertente propia do tellado da cuberta. Esta casa de archete correspóndese cunha edificación con planta en forma trapezoidal, dun solo volume, que conta cunha única planta a rentes de chan e dun sobrado ou faiado baixo a cuberta a dúas augas (tellada con tella tradicional do país), en cuxa vertente norte se desenvolve o archete. A edificación conta con muros exteriores feitos con aparello de cachotaría de diferentes tipos de pedra, xa que aínda que predominan os gneises tamén hai rochas ultrabásicas intercaladas, ademais dalgúns seixos, e como aglutinador do aparello recurriuse a unha arxila barrenta de cor laranxa. A carpintería do armazón da cuberta e do archete foi realizada en madeira de castiñeiro, empregada en vigas, tercios, pontóns e duelas, sendo moi chamativa a curvatura da viga que posibilitou o derrame a dúas augas do archete. A construcción dos tellados en archete é unha singularidade destas terras do interior, polo que son elementos que se deben protexer, fundamentalmente debido a que cada vez quedan menos edificacións deste tipo. Na Terra de Melide hai varios exemplos, pero como xa se indicou son cada vez máis escasos. Probablemente o máis cercano ó do Casal sexa o situado na aldea de Trasfontao na parroquia de Moldes (Melide), ademais doutro situado na aldea de Riazón, na parroquia de San Romao (Santiso), que se atopa nun acusado estado de deterioro. No "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, Vicente Risco xa fala deste tipo de solución de tellados, nos seguintes termos: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas".  Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natrual que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco".  BIBLIOGRAFÍA: - Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999. - Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo V do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933).   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Fonte do Casal de Campos [Parroquia] Santa María de Campos [Descrición] A fonte do Casal sitúase nun recanto a modo de praciña no flanco norte da Casa do Casal de Campos, da linaxe dos Ulloa. Esa casa actualmente convertida nun establecemento de Turismo Rural conta cuns azulexos na portada coas iniciais C DE D J U P, que se corresponden co nome dun antigo dono da casa e cuxa lectura sería: "Casa  de Don Joaquín Ulloa Puga". Desa mesma casa era natural o afamado señor Antón de Ulloa, un home con moita sona por ser un reputado curandeiro e menciñeiro, coñecedor dun sinfín de saberes, contos e lendas propias da tradición oral popular destas terras, precisamente por iso foron os membros do Seminario de Estudios Galegos na súa procura para poder elaborar o capítulo "Folklore de Melide" do "Terra de Melide" (1933). E nese capítulo é citado con moita frecuencia e regularidade, á par de manifesta admiración, polos seus autores: Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez. No que atinxe á fonte do Casal, compre dicir que na actualidade se atopa en moi bo estado de conservación, nun escenario recuperado e dignificado. Trátase dunha fonte situada nun esquinal e encastrada nun noiro que foi paramentado con aparello de canteiría de granito intercalada con cachotaría de lousa, servindo de contención de terras. A fonte en sí consta dun brocal frontal realizado con dúas pezas superpostas de bo tamaño de canteiría de granito, entre as que asoma o cano de saída de augas, tamén de granito, que sobresae 28 cm. respecto ós panos exteriores de dito frontal. A auga que mana del verque nunha pía de pedra de forma rectangular que conta cunhas medidas de 109 cm. de longo por 59 cm. de fondo, e que se sitúa a unha altura de 36 cm. sobre a pavimentación de pedra do espazo de acceso á fonte. Pero un dos aspectos máis salientables é que se trata dun manancial de augas aptas para o consumo e que ten sona de ser boa auga e fresquiña, mesmo nos meses de verán. BIBLIOGRAFÍA:  - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide. Continuación". Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999. - Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo 6 do "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O señor Antón de Ulloa (remedios diversos e lendas). Publicado na Enciclopedia Virtual Galicia Encantada, ano 2015. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O señor Antón de Ulloa". Publicado en "Lembranzas de Melide", artigo do blog do Museo da Terra de Melide, ano 2019.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Baladás [Parroquia] San Vicente de Vitiriz [Descrición] A casa de Baladás correspóndese cun caseirón que conta con pautas de "Casa Grande" da fidalguía rural. Segundo as referencias documentais a casa establécese no século XVI, aínda que a arquitectura actual resposta a reedificacións dos séculos XVII, e fundamentalmente do século XIX.  Don Antonio Taboada Roca, no "Terra de Melide" fai unha relación pormenorizada da linaxe posuidora desta casa, comezando por "Xan López de Baladás, e Catalina de Mato, sua muller, por instrumento (22-XI-1564) melloraron, no tercio e quinto de todol-os seus bens, con gravámen de vínculo, ó seu fillo" e rematando por "Don Maximino Fuciños Codesido, dono aitual da Casa" (referíndose ó propietario da mesma nas décadas dos anos 20 e 30 do século XX). Tamén refire que "A Casa máis antiga do lugar de Baladás, é a dos Monteiro, na cal viviron os pirmeiros petrucios. Por partixas pasou á un lexitimeiro, séndolle vendida pol-a Xusticia nos meiados do século XVII. O vividoiro do aitual dono, fíxose n´esa data sufrindo varias transformacións andando o tempo. Pertesceu á esta sanguinidade cuasimente todo o lugar de Baladás, e parte d´outras fora da parroquia. Eran donos, os seus posedores, de dúas sepulturas dentro da Igrexa parroquial, as cales fincaban na reixa da Capela Maor".  Un descendente desta casa de Baladás, Andrés López,  bisneto de Xan López de Baladás fundador da dinastía, foi Comisario do Santo Oficio e primeiro Capelán da Obra Pía de San Antón de Melide, fundada polo arcebispo Don Mateo Segade Bugueiro no ano 1671. A Casa de Baladás presenta unha arquitectura con planta en L, disposta en dúas alturas, e cun volume engadido na parte traseira no extremo norleste, correspondente cunha corte. A fábrica da edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada, empregándose elementos de canteiría de granito ben traballada en esquinais, xambas e linteis das portas da planta baixa e nos linteis, xambas e antepeitos das xanelas do corpo superior. Como elementos máis destacados do inmoble cabe reseñar a esbelta cheminea situada no ángulo norleste do tellado, que consta de planta rectangular e realizada en aparello de cachotería miúda coroada por catro pináculos de remates piramidais moi aguzados.  Na fachada sobre a porta principal, alintelada, disponse o escudo de armas da Casa enmarcado por dúas das fiestras do corpo superior. Trátase dun fermoso escudo moi ben traballado, timbrado por un elmo de perfil que mira cara á dereita. O blasón de forma ovalada e superposto a un pergameo de bordes enrolados, está distribuído en catro cuarteis que representan os apelidos López, Segade, Seixas e unha custodia ou viril, que puidera corresponderse co apelido Pardo. Complementa o conxunto un hórreo situado no borde da eira contra a pista que consta de catro estremas. BIBLIOGRAFÍA: -  "Arquitecturas da provincia da Coruña". volume XVII, "Comarca da Terra de Melide". Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior da UDC. Ano 2007. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", publicado no ano 2004. - Taboada Roca, Antón: "Notas históricas". Capítulo III do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVI con reformas nos séculos XVII e XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Salgado [Parroquia] San Tomé de Castro [Descrición] A Casa de Salgado da aldea de Castro correspóndese cun modelo de edificación de tipoloxía pacega, que consta dunha estrutura de vivenda complementada por unha serie de edificacións adxectivas e de servidume que se distribúen nunha ampla propiedade pechada por unha cerca, que nalgúns puntos no camiño que leva ata Casanova, acada considerable altura. Con todo os elementos máis singulars son a vivenda e o hórreo. A casa presenta planta rectangular disposta en sentido norte-sur, destacando polas grandes proporcións da súa planta que acada unha superficie duns 327 m2. En alzado consta de dúas plantas e dun faiado abufardado, baixo tellado a catro augas. Respecto á súa construción compre indicar que as súas fachadas foron realizadas nun aparello de cachotaría enlucida e encalada, complementada con pezas de canteiría reservada para os vanos, que se traducen en portas e ventás alinteladas e pequenas troneiras. No extremo norte da cuberta destaca a monumental cheminea de pranta rectangular coroada por pináculos piramidais.  Na eira destaca polo seu porte e posición moi elevada un hórreo de catro estremas, que se ergue sobre unha cepa corrida de cachotaría, sobre a que se apoian os cinco pes de canteiría que soportan a cámara do hórreo. Éste resulta moi visible dende a pista que comunica Casanova con Castro, chegando a sobresair máis que a propia vivenda ó situarse tamén nun plano máis elevado. Entre o hórreo e a casa existe unha ampla palleira tradicional e xusto enfronte ó inmoble principal atópanse unhas vivendas de servidume en acusado estado de ruína e abandono. A entrada da propiedade consiste nunha apertura intencionada na cerca da propiedade, no extremo meridional, e que chama a atención por estar as súas xambas laterais coroadas por senllos remates de canteiría a modo de cráteras ou copóns. Con todo e, a pesar da espectacularidade arquitectónica e construtiva do conxunto, hoxe por hoxe chama máis a atención polo estado de abandono que presenta. Mesmamente o importante deterioro que presenta o tellado da vivenda non lle augura máis que un progresivo proceso de ruína. A aldea de Castro consta de diversas edificacións tradicionais de certo interese, dun lavadoiro e fonte moi afamada pola calidade da súa agua, e tamén pola posible existencia dun asentamento castrexo situado na entrada da aldea á man dereita, vindo dende As Cazallas, que por causas de transformación agraria puido supoñerlle a perda das súas estruturas defensivas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.   [Cronoloxía] Séculos XVIII-XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Portada da Casa de Panadeiros [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] Na entrada da aldea de Panadeiros atópase un vello inmoble que sfriu importantes alteracións na súa estrutura orixinal, pero por sorte aínda conserva a vella portada e os blasóns que poñen de manifesto a importancia desta casa.  Como refire don Antonio Taboada Roca (Terra de Melide, 1933): "o lugar de Panadeiros, fora adquirido pol-o familiar da Inquisición Xán Varela de Argíz, o cal tivera un fillo de palleiro chamado Goros López Verme, a quen llo deixara en virtude de cédula Real pra lexitimalo até tres centos ducados. O derradeiro, no 1609, trocou o dito lugar a Goros López Varela, pol-a metade do de Roiriz". E tamén dá conta que: "Doña Inés de Camba, herdou a Casa de Panadeiros e parte do lugar, por ser filla de Goros López de Roiriz e Doña María de Aguiar. Casou con Don Rodrigo da Ponte Freixomil, nativo do couto de Brives, nas mariñas de Betanzos". Facendo Taboada Roca un pormenorizado estudo xenealóxico desta casa conta como unha tataraneta de Goros López Varela, chamada Antonia de Tovar: "a cal sucedeu na Casa de Panadeiros, casou con don Xan Antón Varela de Sotomaior, -fillo de Don Fernando Varela de Sotomaior e Doña Inés Varela do Corral, donos da Casa de Vilouriz (lugar situado tamén na mesma parroquia de Zas de Rei) -. Estes foron pais de Don Manuel, Don Pedro, e Don Xosé Varela Sotomaior, a quen o mesmo que os ditos irmáns, a Real Chancillería de Valladolí expideu Carta Executoria de Fidalguía e Nobreza no ano de 1755".  A portada monumental desta casa sitúase na parte central da fachada principal e destaca polo seu aparell ode canteiría integrado nuns paramentos de cachotaría de pedra miúda. A porta sitúase nun plano máis elevado que o camiño que discorre por diante da fachada, que houbo que salvar mediante unha estrutura de chanzos escalonados, que ata hai poucos anos eran de feitura rectangular e na actualidade son semicirculares.  A portada consta de dúas xambas de canteiría co esquinal achafranado e serven de apoio dunha arcada de medio punto constituída por cinco grandes doelas, e sobre a mesma poden verse senllos blasóns armeiros actualmente bastante erosionados. O escudo da esquerda aparece remarcado pola cadea e candado dos varela e nos seus tres cuarteis reprodúcense os lises e varas dos Varelas, as rodas en forma de timón dos Camba; e un piñeiro manso e un año dos Cao Cordido. E o do lado dereito representa cinco barras en diagonal e tres troitas en cada extremo do apelido Gaioso. Polo demais, no que respecta ós elementos estruturais e apertura da fachada principal, hoxe por hoxe non son obxecto de interese debido a diversas reformas que nela se realizaron, e que foron mudando a imaxe orixinal. BIBLIOGRAFÍA: -  "Arquitecturas da provincia da Coruña". volume XVII, "Comarca da Terra de Melide". Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior da UDC. Ano 2007. -  Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Taboada Roca, Antón: "Notas Históricas". Capítulo 3 do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVI [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte do Barreiro [Parroquia] San Mamede do Barreiro [Descrición] A ponte do Barreiro sobre o río Catasol é unha das magníficas mostras de enxeñería civil que se trazan na década dos anos 60 do século XIX, durante o reinado da raíña Isabel II, co gallo da execución da rede de estradas do Estado. No ano 1861 realízase a estrada nacional Lugo-Santiago, e en torno ó 1867 teñen lugar as obras do tramo da estrada Betanzos-Lalín, no itinerario da vía A Coruña-Ourense. Grazas a estas obras de execución da rede viaria erguéronse varias pontes na nosa comarca para poder salvar os accidentes dos cursos fluviais, tal é o caso da ponte de Trasmundi, a de Moldes e a Pontenova de Arcediago, no trazado da estrada Betanzos-Lalín; e da de Furelos (a ponte nova) e esta que nos ocupa do Barreiro. Son claros exemplos de obras moi ben deseñadas e executadas, que destacan pola súa perfección construtiva e tamén pola solidez e enorme capacidade de carga, posto que na actualidade aínda soportan tráfico de vehículos pesados, que non supón que ditas estruturas se resintan. A ponte do Barreiro correspóndese cunha estrutura dun único arco apoiado en senllos estribos embebidos no terreo, e o suficientemente desenvoltos en lonxitude para poder acadar a cota necesaria de nivelación respecto á altura que define á calzada. Os estribos presentan planta en derrame achafranado, e neles apóiase o arco moi rebaixado que lle outorga unha especial singularidade á ponte, posto que o seu deseño obriga a un moi estudado nivel de execución e cálculo de empuxes e tensións. Sobre o arco artéllase unha cornixa sobresaínte a modo de imposta corrida, e sobre a mesma descansa o peitoril de canteiría que serve de varanda. Ambos peitorís desenvólvense en proxección xeométrica debuxando en planta senllas "Y" confluintes, debido a que o ancho dos estribos sobrepasa o ancho suspendido do taboleiro da ponte sobre a arcada.  En canto ó aparello en que están realizadas estas pontes de época isabelina, trátase de canteiría de granito perfectamente labrada, escuadrada e de caras perfectamente ben aplanadas, e que facilitan enormemente os traballos de superposición e ensamblado.  Respecto o grao de conservación desta ponte, compre dicir que é bastante deficiente, a pesar de que a estrutura se mantén en bo estado de estabilidade e solidez, posto que está moi invadida pola vexetación que nace entre as xuntas das pedras e mesmo tamén pola perda de pezas dos seus peitorís, como pode verse no leito do río, onde inda hai unha peza de canteiría caída, que formaba parte del. Tamén compre sinalar que na beira surleste da ponte, na actualidade podemos observar un verquedoiro incontrolado de cascotes, plásticos e escombros de obra, que afean e contaminan a paisaxe e o medio natural. As dimensións globais desta ponte son de 12,50 metros de longo, que son os que miden os peitorís que cinguen á calzada; dos que 7,65 metros se corresponden co espazo central que ocupa a arcada. A altura máxima da ponte dende o alto dos peitoría e de 5,50 metros. E a altura dos peitorís ou varanda oscila entre os 42cm. e os 65cm. de alto. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O río Catasol". Publicado no boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Século XIX (1861) [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Muíño do Estreito [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] No curso alto do Furelos a algo máis de quilómetro e medio augas abaixo da cascada das Fervenzas, ubícase o muíño do Estreito na marxe esquerda ou leste do río. A paraxe na que se atopa este muíño destaca polo relevo abrupto, no que o río discorre por un val encaixado, posiblemente de aí poida vir o nome do "Estreito", de feito o Furelos nese tramo chámaselle río do Estreito, para posteriormente coñecerse como río Grande á altura de Paradela. A zona na que se atopa o muíño trátase dunha paraxe completamente deshabitada na que abunda o bosque autóctono e de ribeira, onde o río Furelos acada escaso calado, exceptuando xusto un punto á altura do muíño, onde aínda se conserva unha trabe chea de brións que se corresponde co resto dunha antiga ponte de madeira, cando no río se formou un pozo natural que acada ó redor de 2 metros de fondo. Deste muíño de maquía pódense destacar moitos aspectos que o singularizan, tanto respecto ó seu porte e características construtivas, como pola saga familiar de muiñeiros que nel traballaron e moraron. Respecto ó primeiro aspecto é de sinalar que se trata dun amplo muíño de maquía, de tres moas, concibido para a moenda do trigo, do millo e do centeo. A estrutura consta de dous volumes adosados e concibidos para usos propios do muíño e tamén de residencia do muiñeiro e da familia. Ambos constan de dúas alturas e están realizados en aparello de cachotaría perfectamente disposta e aplomada. A pesar de atoparse  nun acusado e imparable proceso de ruína, favorecido polo desmoroamento dos tellados e dos pisos de madeira, que provocaron que o interior se vexa colonizado e invadido de maleza e arborado, a súa estrutura arquitectónica aínda se mantén en pé na maior parte dos espazos, agás na zona traseira do módulo de morada. Chama a atención o aproveitamento de vellas moas de muíño (das "francesas") que se utilizaron para antepeito e xambas da xanela do piso superior da fachada sur da vivenda.  O muíño propiamente dito correspóndese co módulo situado no extremo norte do conxunto adosado, e na súa parte inferior poden verse nídiamente as tres saídas de auga dos rodicios (o que indica que se trata dun muíño de tres moas), que van a dar a unha gabia artificial que serve de evacuación das augas cara ó río, despois do seu aproveitamento hidráulico. Tamén é de destacar a relevancia deste muíño como berce dunha saga de artesáns, artistas e gaiteiros, sendo o máis coñecido José María Alfonso García "Muíño", unha figura moi relevante no mundo da gaita galega por ser o inventor e o precursor das palletas e dos pallóns de plástico para as gaitas, posto que o tratarse dun material que acusa pouco as diferenzas de humidade e temperatura, axuda a un afinado pronto e preciso. Segundo recolle  Xosé Manuel Broz este muíño foi propidade de Inocencio García "do Estreito",  que foi "un dos mellores zoqueiros coñecidos por estas terras e pai dunha xeración de ferreiros e gaiteiros... O seu fillo Manuel García tivo forxa en Prados e logo foi para San Xiao, e de alí marchou para fora e Alfonso García, gaiteiro e facedor de gaitas, e tamén Olegario, Inocencio, Antonio e máis o seu primo Pepe, todos eles gaiteiros...".  O precursor, Inocencio García, formaba parte dos Gaiteiros de Arxubide xunto os seus irmáns, e o seu neto José María Alfonso herdou del a paixón pola gaita como resalta María Belén García Codesido, nunha biografía sobre a figura de "Muíño", quen dí tamén que o seu avó "lle aprendeu a moer no muíño, a facer zocos e a reparar todo canto nas súas mans caía". Tamén destaca que ó seu regreso da mili (no ano 1956) "o primeiro que fixo foi poñer luz eléctrica no muíño, pero o muíño de centeo tiña a pedra gastada e como non había cartos para mercar unha nova andivo polos montes e atopou unha moi parecida no río de Montelén, a pedra pesaba mil quinientos kilos e tiveron que subila tres parellas de vacas e levoulle corenta días redondeala. Cando botou a andar moía cada cinco minutos quince kilos de grao de centeo. Toda a parroquia de Paradela quedou sorprendida do ben que moía e do ben que facía o pan aquela fariña. Foi tanta a sona que colleu o Muíño do Estreito que chegou ata Friol, e foron en busca de "Muíño" pra que preparara os muíños e así foi como durante unah tempada adicouse tamén a reparar muíños por diferentes pobos". Todo esmoreceu, cando debido á escasa rendabilidade do muíño nos anos 60, José María Alfonso García "Muíño" vese obrigado a buscar traballo no País Vasco, en Santurtzi. BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide". Publicado o ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques". Publicado o ano 2011. - García Codesido, Mª Belén: "Biografía de Muíño. José María Alfonso García". Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Pontellas de Arriba [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] No curso alto do río Furelos ou río Grande, a tan só 80 metros augas abaixo da formación do mesmo, pola unión do rego de Porto Salgueiro e do rego da Salgueira, existe unha paraxe fluvial de indubidable valor paisaxístico e patrimonial. Nese punto no que abunda o arborado de bosque de ribeira (salgueiros e ameneiros) en conxunción con especies frondosas caducifolias (carballos e castiñeiros), existen dúas pontellas tradicionais xusto por debaixo dun represamento artificial do río, concibido como elemento necesario para poder derivar parte do curso e servir de punto de partida dunha canle de abastecemento hidráulico para un roucho (pequeno muíño dunha soa moa), de feito existen tres rouchos augas arriba do muíño das Fervenzas. Como xa se indicou, xusto por baixo desa tosta existen dúas pontellas de pedra tradicionais, cada unha concibida para poder atravesar o río e a canle do muíño, e que se desenvolven nun único eixo direccional por formar parte dun camiño antigo que dende a aldea de Arriba serve de acceso ás terras situadas na marxe esquerda do río, e que atravesando zonas de monte se chega ata a aldea de Prados (na parroquia de Paradela). A continuación das pontellas, o río vai dividido en dous ramais por causa da vertebración intencionada para constituir a canle para o muíño, e nese espazo intermedio formouse unha extensa ínsua artificial (duns 8000 metros cadrados) de forma rilada, de superficie totalmente aplanada e carente de vexetación arbórea.  A maior das pontigas sitúase sobre o curso do río, na marxe dereita ou oeste, acadando unha lonxitude de 17,40 metros, incluíndo os estribos de arrinque. Conta cun ancho comprendido entre 1,80-2,30 metros e acada unha altura máxima de 1,50 metros. Esta pontella está artellada en dous tramos que descansan nos estribos e nunha cepa corrida central de cachotaría rústica. Os taboleiros de ambos tramos consisten en senllos apareamentos de lousas de tendencia aplanada de grandes dimensións, estando unha delas desplazada e movida na actualidade, restándolle estabilidade á plataforma de paso. Xusto no inicio da pontella, según se ven polo camiño que parte da aldea de Arriba, existe unha pedra que forma parte do estribo de apoio, que presenta uns sucos ou rebaixes trazados en sucesión paralela e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento do camiño e da pontella, que podería tratarse de rebaixes intencionados concibidos para servir de elemento de agarre e tracción para animais de carga. A segunda das pontellas sitúase contra a marxe oposta, e resposta ás mesmas características construtivas, coa salvedade de que unicamente se artella nun so tramo e que en cez de ser dúas al chantas postas de par para formar o taboleiro, neste caso cóntase con tres. As dimensión desta pontiga son de 6,40 metros de longo, un ancho comprendido entre 1,60-2,10 metros. A altura máxima é de 1,20 metros.  Sinalar que en ambos casos carecen de peitorís e de varandas, e que se corresponden cunha tipoloxía de pontellas moi frecuente na Terra de Melide, que soen estar vinculadas on camiños de carros ou tamén coa existencia de rouchos e muíños. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Capela de Roiriz [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] A 80 metros ó suroeste da Casa de Pardo de Roiriz, sitúase na marxe dunha masa de arborado autóctono, no que é frecuente a presenza de loureiros, magnolios e mesmo tamén unha oliveira centenaria de porte impresionante, as ruínas da Capela de Roiriz na que se veneraba á Virxe do Carme. Hoxe o estado de abandono e deterioro da Capela é moi acusado, posto que xa perdeu a cuberta e están as súas paredes e interior invadidos pola vexetación arbustiva, especialmente silvas e hedras. Trátase dunha pequena capela de planta rectangular que mide 6,10 metros en sentido norte-sur e 5,40 metros en sentido leste-oeste. As paredes son de cachotaría enlucida, tanto no exterior coma no interior, que acadan unha altura de 3,50 mt ata o cumio e un grosor de 70 cm. Presenta unha única porta alintelada aberta cara ó norte e unha pequena xanela no lado leste. No seu interior aínda se conservan escasos restos da estrutura do retablo, na actualidade moi estragado. O retablo da Capela baseándonos nunha fotografía antiga, era de estilo Neoclásico, contaba cun único corpo asentado sobre unha predela ou altar e estaba coroado por un ático en forma de frontón triangular. No corpo central e único había un camarín coroado por arco de medio punto que acollía unha imaxe da Virxe do Carme e dito camarín ou fornela estaba flanqueado por dous pares de columnas de basa moldurada ática, fustes lisos con éntase central e capiteis corintios que sustentaban un entablamento con molduras casetonadas, e sobre o mesmo ó ático, en cuxo campo central se dispoñía un escudo de armas, posiblemente da Casa de Roiriz. Mágoa que este pequeno e proporcionado retablo quedara seriamente danado por consecuencia do abandono e derrube da cuberta da Capela, en cuxo interior só hai entullos e vexetación. Segundo investigacións realizadas por Xosé Manuel Broz consultando o Libro de Fábrica de Zas de Rei (f. 123), esta capela foi construída no ano 1779 por Don Ventura Varela de Sotomayor, señor da Casa de Roiriz, concedéndolle ó cura párroco de Zas de Rei o privilexio de bendecila e celebrar misa nela. Como refire Don Antonio Taboada Roca "casado con Doña María Varela filla do escribano Domingos Vázquez Varela e Doña Prácida de Nóvoa, donos da Casa de Mirce"; "Don Ventura Varela, foi un fidalgo moi documentado, como o proban os seus libros de anotacións. Figuran neles as historias d´esta casa e da de Porto de Bois. O derradeiro da súa xenealoxía dí: todos pr. la derivación y subcesión de sus Matrimonios fueron poseedores y llevadores de esta Casa y Lugar de Roiriz...". BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide", publicado no Boletín nº 8 do Centro de  Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Taboada Roca, Antón: "Notas históricas", capítulo 3º do "Terra de Melide". Seminario de  Estudios Galegos, ano 1933. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 1ª", publicado no blog do Museo da Terra de Melide, ano 2016. -  Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 4ª", publicado no blog do Museo da Terra de Melide, ano 2017. [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Formación do Río Furelos [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] O Río Furelos, afluente do Ulla, é o principal curso fluvial da Terra de Melide. Ó longo de 27 km. (dende o seu nacemento ata a súa desembocadura na Ponte Arcediago no Concello de Santiso), atravesa os concellos de Toques, Melide e Santiso, en sentido nor/norleste-sur/suroeste, presentando unha gran diversidade de unidades fisiográficas e paisaxísticas nos tres cursosnos que se divide (alto, medio e baixo). Igual que é de sobra coñecido o punto da súa desembocadura no Ulla, na divisoria  entre os concellos de Santiso e Agolada, no lugar da Pontenova onde se dividen as provincias de A Coruña e Pontevedra, non está tan claro o lugar exacto do seu nacemento. Se atendemos a Don Ramón Otero Pedrayo en "Terra de Melide" do ano 1933: "o Furelos desenvolve un val estreito, simétrico, tranquío, encaixado, ben alimentado pol-as augas dos montes: soilo traballa como un torrente preto na fonte principal nada ó pe das Pías onde comeza a se perfilare o Bocelo. Nasce nunha quebrada lameirenta que pouco a pouco se afonda hastra atraguer outras correntes do mesmo tipo das que son as principás: as dúas que baixan arrodeando e isolando o coto de Porto Salgueiro...". E segundo Xosé Manuel Broz o nacemento prodúcese "en terras de Foxo do Cabrito e de Porto Salgueiro, das escorras das brañas, vai recibindo pequenos regatos ata chegar ás Fervenzas..." "O río Furelos nace en Toques, e nace dos escorros das brañas, xunguíndose varios regatos ata que chega a Brañas xa formado. Salva un desnivel facendo as Fervenzas...". .Efectivamente a síntese que fan ambos autores é a correcta, pero cabe dicir que o Furelos non parte dun nacente único, senón que se corresponde coa confluenza dunha intrincada rede de regos de montaña que serven de drenaxe de brañas e de pasteiros anegados da serra do Bocelo e dos montes do Corno de Boi. Os principais regos que aportan augas ó Furelos, no seu curso inicial son o Rego de Porto Salgueiro, o Rego da Pedra e o Rego da Salgueira ou de Portobarrio. O primeiro deles prodúcese pola unificación de tres regatos que nacen en puntos diferentes e que se xunguen á altura da aldea de Porto Salgueiro. O máis desenvolto e septentrional destes regatos orixínase no Concello de Sobrado, na parroquia de San Miguel de Codesoso, a medio camiño entre o Santuario das Pías e a aldea de Redigode. Un segundo nacente xérase na divisoria entre os concellos de Sobrado dos Monxes e Toques, no Monte de Esparís, a uns 650 metros ó norte da aldea de Porto Salgueiro; e o terceiro dos regatos abrolla nas inmediacións da aldea da Espiñeira na parroquia de Brañas (a uns 250 metros ó oeste dela).  Estes tres regatos que xeran o Rego de Porto Salgueiro únense todos eles na aldea do mesmo nome, e unha vez que forman un só cauce xúngueselles o Rego da Pedra que nace nos montes de Corno de Boi a uns 600 metros ó norte da aldea de Foxo do Cabrito, no Concello de Toques. E unha vez que o Porto Salgueiro recibe as augas do seu tributario Rego da Pedra, incrementa o seu caudal de xeito importante que se verá aumentado de novo a uns 2.500 metros augas abaixo cando se produce a verdadeira formación do Río Furelos, que xurde da unión do Rego de Porto Salgueiro (xa recibidos os caudais do Rego da Pedra) e do Rego da Salgueira ou de Portobarrio, que nace no Concello de Friol, nos Montes do Corno do Boi. A partir deste punto situado á altura da aldea de Arriba (Brañas, Toques), a uns 200 metros ó leste da mesma, xa se considera un único "Río Grande" ou Furelos, que a 650 metros ó sur forma a espectacular cascada das Fervenzas. O Río Furelos segundo Broz recibe distintos nomes en función dos lugares polos que discorre: "Este río grande ten varios nomes por onde pasa; en Brañas é o río das Fervenzas; máis abaixo chámase o Estreito; en Paradela o río Grande; río da Grela, da Bragaña ou de Piñeiro... e máis abaixo, o Furelos, e na documentación que se aporta no apéndice, chámase río de Barazón, por ser tamén lugar por onde pasa antes da desembocadura no Ulla". Compre dicir que no lugar onde se xunguen o rego de Porto Salgueiro e o rego da Salgueira correspóndese cunha transición entre as augas batidas e as augas remansadas e "domesticadas" pola formación do primeiro encoramento do río para abastecemento dos muíños situados no tramo previo ás Fervenzas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. - Otero Pedrayo, Ramón: "A Terra de Melide", capítulo 1º do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Pasais de Petos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A unha distancia duns 650 metros ó norte da praia fluvial de Melide localízanse os pasais de Petos sobre o Río Furelos. Están situados nunha zona ancha e de escasa fondura, que se aproveitou como porto ou vao natural para poder cruzar o río con carros e cabaleirías, complementado pola disposición dunha ringleira lineal de pedras discontinuas emerxentes para poder cruzar as persoas sen necesidade de mollar os pes.  Contabilízanse na actualidade un total de 21 pasos (posto que xa se produciu a perda dalgún), abranguendo uns 22 metros de longo aproximados, en liña recta.  Na marxe dereita ou oeste do Furelos, á altura dos pasais asístese á desembocadura do río da Martagona, tamén chamado río Grande ou río de Pedrouzos. Este curso fluvial, tributario do Furelos, foi represado xusto antes da desembocadura para iniciar unha canle de abastecemento dun muíño. Deses muíños "de Petos", xa se da conta no "Terra de Melide" nunha cantiga que narra nunha estrofa:                                       "Adiós, calles de Mellí;                                        adiós, Campo de San Roque;                                        adiós, muíños de Petos;                                       adiós, taberna do Forte" Ambas circunstancias, a da desembocadura do río tributario e a modificación realizada no cauce para crear a represa e a canle para abastecemento do muíño, determinaron o establecemento de diversas estruturas tradicionais artificiais de paso, para uso dos arrieiros que salvaban este porto fluvial. Por un lado a construción dunha pontella sobre o rego da Martagona, antes de producirse  o estancamento da represa, aínda que en datas recentes resultou seriamente afectada pola instalación dunhas tubaxes de formigón, e por  procederse o formigonado directo sobre as lousas ou chantas horizontais que constitúen o seu taboleiro. A continuación da pontella consérvase un camiño ou paso empedrado con pedras dispostas en chapacuña, e que se anegan antes de chegar á marxe do Furelos, debido ó rebordamento do río da Martagona. E xa por último as circunstancias de conducción de augas excedentarias do río secundario, obrigaron á construción dunha segunda pontella situada na beira do Furelos, estando constituída por tres grandes chantas dispostas en plano. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. - Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide", Capítulo VI do "Terra de Melide", do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Brañas [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] O cruceiro de Santa Mariña de Brañas sitúase na actualidade na ampla explanada de cemento do Campo da festa, xusto ó carón dun poste do tendido eléctrico, o que contribúe a restarlle dignidade e mesmo supoñéndolle un importante perigo no caso de producirse danos no propio tendido. Mesmo tamén pode dar lugar a que se poida subir polos entalles do poste chegando incluso a poder tocarse a cruz. Pero en orixe este cruceiro situábase nunha encrucillada moi próxima á igrexa paroquial de Santa Mariña, mentres que na actualidade se sitúa a 215 metros ó norte da mesma. Este cruceiro de escaso porte consta de catro elementos: pedestal, varal, capitel e cruz.  O pedestal é de feitura tosca de forma troncopiramidal, coas arestas moi redondeadas e desgastadas. Aséntase na actualidade directamente sobre o chan de formigón do Campo da festa, polo que a súa estabilidade non está garantida por tratarse dun pedestal pousado sen anclar. O fuste ou varal é de sección octogonal co remate superior e inferior de sección cadrangular. O capitel é moldurado carente de figuración. Por último a cruz pode tratarse dunha réplica da orixinal, posto que se aprecia que a súa realización é moito máis recente. Consiste nunha cruz lisa cunha aureola central na intersección dos paos e con senllas caras recrucetadas. A este cruceiro acódese en procesión  os días 18 e 19 de xullo, coincidindo coa festividade de Santa Mariña a patroa da parroquia. BIBLIOGRAFÍA:  - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, publicado no ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado o ano 2011.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Zas de Rei [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] O cruceiro de Zas de Rei sitúase nunha encrucillada de camiños moi próxima á igrexa, ó leste da mesma. Este cruceiro consta de seis elementos: plataforma, pousadoiro, pdestal, fuste, capitel e cruz. Por estar situado nunha encrucillada pola que se produce bastante tráfico rodado de vehículos e maquinaria agrícola, a súa plataforma ou basamento escalonado sufriu numerosos danos especialmente nos chanzos inferiores, desplazando pezas, producindo perdas dalgunhas e provocando fracturas nos extremos das gradas, como pode apreciarse especialmente nos laterais norte, leste e sur. A plataforma presenta cinco gradas ou chanzos en disposición decrecente en tronco de pirámide, realizada en aparello de lousas planas e cachotaría. No extremo leste da escalinata intégrase o pousadoiro ou altar, realizado en aparello de canteiría, de feitura cadrangular e bastante tosca. A basa ou pedestal é de forma troncopiramidal, rematado por unha moldura de perfil de baquetón.  O varal ou fuste é liso e de sección octogonal. O capitel é moldurado e ten a particularidade de estar colocado en posición invertida. Por último a cruz é de realización recente, presentando caras lisas, sen ornamentación nin figuración. Este cruceiro correspóndese coa "tipoloxía E", establecida por Xosé Manuel Broz, no seu estudio dos cruceiros da Terra de Melide, e trátase da máis abundante na Comarca, que se corresponde con cruceiros de características sinxelas carentes de figuración, que datan entre finais do século XVIII e inicios do século XX, xeralizándose fundamentalmente no século XIX. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Vitiriz [Parroquia] San Vicente de Vitiriz [Descrición] O cruceiro sitúase ó carón da pista asfaltada que discorre ó lado da igrexa de San Vicenzo de Vitiriz ou de Rocamador. Esa pista probablemente se corresponda co itinerario orixinal do Camiño Francés, posto que esa hipótese xustificaría a presenza da igrexa protogótica de San Vicenzo (na que se conxugan elementos do Románico e do Gótico), e onde curiosamente se venera á Virxe de Ròc Amadour, cuxo santuario de ubica na localidade francesa do mesmo nome na rexión do Mediodía-Pirineo francés. Cabe por tanto considerar que o culto á Virxe de Racamador proveña do paso de peregrinos franceses. Dese xeito non é descabellado considerar que o Camiño discorrera orixinalmente por Baladás, San Vicenzo e Rocamador. O cruceiro ubícase concretamente nunha encrucillada da pista asfaltada e un carreiro de terra disposto perpendicularmente ó anterior.  Este cruceiro en orixe debeu estar emparentado tipolóxicamente co de Santa María dos Ánxeles (Melide) e co de San Xoán de Visantoña (Santiso), segundo a clasificación establecida por Xosé Manuel Broz no seu estudio sobre os cruceiros da Terra de Melide.  Do cruceiro de Vitiriz so se conservan dous elementos orixinais: a plataforma ou basamento e o pedestal, xa que tanto o varal, o capitel e a cruz son de feitura actual e que substituíron a outros mesmos elementos realizados en cemento (doados por Don José Montero Garea no ano 1940), que se realizaron unha vez que se perderon os antigos por causas descoñecidas. A plataforma consta de dúas gradas de perfil en bocel, tendo que adaptarse a inferior ó desnivel existente no terreo mediante un basamento corrido de cachotaría. Compre indicar que tanto no caso da primeira e da segunda grada aprécianse importantes fracturas, precisamente no lateral que asoma á pista asfaltada, debido seguramente a embestidas de vehículos e maquinaria mecánica, chegando mesmo a faltar algunha peza no esquinal do chanzo inferior. O pedestal é a peza máis singular deste cruceiro, xa que presenta forma trocopiramidal en cuxas caras aparecen reproducidos os atributos da paixón e nos ángulos aristados reprodúcense catro caveiras. Nun dos lados, o que mira ó camiño asfaltado, represéntase un hisopo, unha escada e unha coroa de espiñas de forma anular. E noutra das caras reprodúcense as tenaces, tres cravos e un martelo. Sobre o pedestal dispóñense os elementos de feitura actual, un basa achatada e moldurada, un fuste estriado, un capitel de follas e unha cruz de remates florenzados. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001. [Cronoloxía] Séculos XVII e XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Muíño da Pena [Parroquia] Santa María de Santiso [Descrición] O Muíño da Pena, tamén coñecido como Muíño do Sexo no Catastro do Marqués de Ensenada, por situarse a medio camiño das parroquias de Santa María de Santiso e a de Santiago de o Sexo (Agolada). Trátase dun destacado muíño de maquía que forma parte da propiedade da Casa da Pena, que foi propiedade do abade (párroco) das fregresías de Santaia de Rairíz, San Xoán de Ponte Arcediago e de San Xurxo de Mourazos, quen no ano 1711 fixo vínculo e maiorazgo de moitos bens, entre eles da Casa da Pena, segundo refire Don Antonio Taboada Roca no "Tera de Melide". Este erudito melidao tamén documenta que o fundador deste vínculo dí no seu testamento, entre outros moitos aspectos "la casa y lugar da pena con su palomar y heredades labradías y montesías chousas prados molino aguas de rriego árboles y plantados y mas a él anejo y perteneciente sito todo ello en dcha fra. de ssn. Tirso Cuia casa de la manera q se halla la izo y fabricó el otorgte. despues de aver echo la donación refrida en q tubo de coste mas de tres mil rls de vellón...". Vemos por tanto claramente especificado no inventario de bens propiedade da Casa da Pena, que se recolle neste transcrito testamento de Don Xan Varela de Barrio, que este muíño xa a principios do século XVIII formaba parte da propiedade. Hoxe este destacado muíño atópase en avanzado estado de ruína, ó igual que a vella ponte da Pena, situada o seu carón, da que so se manteñen en pe os estribos e un dos piares centrais. O muíño en si, presenta planta rectangular de grandes dimensións e artéllase en dous andares, o primeiro correspondente ó tremiñado e a estancias complementarias para uso do muiñeiro, e dun "inferno" destinado a albergar os tres rodicios que servían para producir a enerxía necesaria para accionar as tres moas.Como refire o lingüista melidao Ramón Fraga García, este tipo de muíños de maquía provisto de tres moas, contan con distintas clases de pedra "axeitadas pola súa maior ou menor dureza, aos tipos de grans que se van ter que esmagar. Na bisbara melidense chámaselle albeira áque se usa para o trigo. As pedras bazas (as máis duras) empréganse para o centeo e o millo". Toda a edificación está realizada en aparello de cachotaría do país moi ben disposta e aplomada, reservándose pezas de canteiría para xambas, linteis e antepeitos das ventás. É unha mágoa o estado de ruína que presenta a edificación na actualidade, co tellado derubado e o interior invadido pola vexetación, resultando mesmo un perigo adentrarse nel, mais con todo a mesta vexetación arbustiba e arbórea non impide ver a monumentalidade deste vello muíño de maquía. Tamén son de destacar, por un lado a impresinante cal ou calella escavada na rocha natural do talude do monte, situada na parte traseira do muíño e que servía para abastecer de auga ó muíño, e por outro son moi chamativas igualmente, as gravuras da porta en forma de cruces apotropaicas (protectoras da moenda) que estaban na porta de entrada, hoxe arruinada, e que foron documentadas fotográficamente por Xosé Manuel Broz na publicación "Santiso na Terra de Abeancos". BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013. - Caamaño Suárez, Manuel: "As construcións adxectivas". Cadernos do museo do Pobo Galego, nº 9, ano 1999 - Fraga García, Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VIII)". Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas", no "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Xacemento da Pena Grande [Parroquia] San Martiño de Oleiros [Descrición] A Pena Grande de Oleiros correspóndese cun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares de toda a Terra de Melide. Sitúase nun rechán da vertente noroccidental do Monte do Picón, definido por un conxunto de penedías ou afloramentos naturais de rocha en disposición oval, formando unha especie de recinto ou anel, que se complementou cun sistema defensivo artificial, actualmente moi desfigurado. Este xacemento goza dun amplo dominio visual ó estar proxectado cara ó val do Río Furelos no seu curso medio. No "Terra de Melide" (Seminario de Estudios Galegos, 1933), Florentino López Cuevillas da conta das estruturas defensivas que complementan as propias defensas naturais que conforman as penas aflorantes, que se traducen nun complexo sistema de muralla, parapetos e foxos intercalados, distribuídos en bancadas. Cuevillas refire a existencia dunha muralla de 2 mt. de ancho realizada con grandes pedras a modo de aparello ciclópeo, sucedida por dous parapetos construídos con amalgama de terra e pedras, que acadan unha altura de 2 mt. de alto, seguido dun foxo de 3 mt .de ancho colamatado nalgunhas partes e que nalgúns sitios sobresae da liña que conforman os parapetos citados. Como xa se indicou, hoxe resulta difícil de distinguir tal sistema defensivo, debido a tres factores fundamentalmente: por un lado a causa de reiterados procesos de destrución dos mesmos, producidos pola teima dunha "procura de tesouros" que tivo lugar na década dos anos 30 do século XX, que mesmo chamou a atención de Cuevillas e dos seus colaboradores, que consideraron que non debían amosar moito interese por este xacemento, para non motivar máis desfeitas por parte dos veciños do lugar. Por outra banda este xacemento tamén debeu ser canteira de aprovisionamento de aparello para facer os valados que abundan no entorno; e tamén resultou moi desfavorable a realización dunha enorme corta de minado na súa banda exterior norte, para unha futura captación de augas para abastecemento da parroquia, que finalmente resultou infructuosa (dita corta pode verse perfectamente na actualidade ). O máis singular desta acrópole arqueolóxica é que no ano 1929, realizáronse escavacións furtivas nela achándose materiais cerámicos, entre eles un vaso completo, e tamén unha punta de xaveliña tipo Palmela, realizada en bronce que foi a parar a mans de Don Alfredo Álvarez, un dos precursores dos estudios arqueolóxicos desta bisbarra. xunto ó médico e erudito Don Eduardo Álvarez Carballido. O achado produciuse segundo referiu álfredo Álvarez nunha "fenda aberta entre dúas das penedas que se carean pra o poniente", e que debido ó angosto do espazo os veciños motivaron que fora un rapaz de doce anos quen penetrara no interior, e que dita "cova do tesouro non era pol-o visto moi cómoda e o rapaz despois de remexerse dun lado pra outro meio engurruñado, voltou pra fora traguendo a punta de flecha...". Este tipo de Punta Palmela en realidade correspóndense máis como puntas de xaveliñas arroxadizas ou pequenas lanzas, que como puntas de frecha, e acostuman a aparecer no Campaniforme Tardío. Tamén no Concello de Toques apareceu outra similar, de xeito fortuíto no ano 1998 abrindo un  camiño forestal, na vertente septentrional do Monte da Pena Grande, onde se sitúa o conxunto de penedías coñecidas como A Pena Arada,  próximo á aldea de Buxán, na parroquia de Paradela, e segundo Gonzalo Meijide Cameselle, a cronoloxía situaríase nos primeiros estadios do Bronce Inicial, en torno ó 1800 a.C. (Actualmente exposta no Museo da Terra de Melide), mentres que á localizada no ano 1929 en Oleiros perdéuselle a pista e descoñécese o seu paradoiro. Resulta moi complexo determinar a naturaleza arqueolóxica do xacemento da Pena Grande de Oleiros, pero fai pensar nunha especie de acrópole ou fortificación natural complementada por un sistema defensivo artificial, que a xulgar polo tipo de achados retrotráenos a estadios moi anteriores da Cultura Castrexa, que se desenvolve mil anos máis tarde. Por tanto vese que se trata dun asentamento provisto dun enorme interese que non foi estudado a conciencia, e que resultou enormemente alterado por actuacións varias moi desafortunadas e irresponsables. BIBLIOGRAFÍA: - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide", no "Terra de Melide", Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Meijide Cameselle, Gonzalo: "Unha punta palmela de Pena Arada, Buxán ,Toques". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998. [Cronoloxía] Idade do Bronce [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Pena Gulpilleira ou Pena Golpelleira [Parroquia] Santiago de Vilouriz [Descrición] A Terra de Melide presenta ó longo da súa xeografía un número importante de penedías senlleiras e destacadas, que contan con lendas e folclore vinculante, e que polas súas formas destacadas na paisaxe foron empregadas como delimitadores territoriais de coutos, señoríos e parroquias. Un destes exemplos é a afamada Pena Gulpilleira da Serra do Careón. Este afloramento natural sitúase na aba norte do Alto do Careón, a tan só 570 metros do collado ou vado natural por onde entra o Camiño Primitivo na provincia de A Coruña, e a moi escasos metros do límite municipal entre os Concellos de Toques (A Coruña) e Palas de Rei (Lugo). Dende a Pena Gulpilleira hai unha fermosa panorámica dos Concellos de Toques e Melide, véndose moi nidiamente a vila de Melide, emprazada nunha penichaira entre serras e dorsais. Antigamente a Pena Gulpilleira serviu, como xa se indicou, de elemento de delimitación territorial entre os Coutos de Moredo e de San Xoán do Hospital das Seixas, en base á súa óptima visualización. Esta penedía defínese por ser un conxunto de crestas aristadas de gneis, que presentan encabalgamentos e liñas de fractura moi abruptas, entre as que se producen pequenos abrigos naturais, que puideron ser empregados como refuxio de golpes ou raposos, de aí podería vir ese topónimo tan característico. O certo é que tamén se comenta que serviron de refuxio a perseguidos, posto que hai quen sostén que serviu de acubillo a un bandoleiro denominado Pedro Mañá (que segundo recolleu o arqueólogo Javier Gómez Vila: "se refuxiaba nun burato ó carón de dita pena"), aínda que outras versións sosteñen que servíu de agocho a Ramón Rodríguez Varela "Curuxás", o mítico guerrilleiro antifranquista nado na veciña aldea de Vilamor (Toques). O certo que ambas hipótese non parecen demasiado plausibles, posto que os ocos existentes nos penedos non son o suficientemente grandes para servir de resgardo e agocho para persoas, sendo máis apropiados como tobos para raposos e outros mamíferos de pequeno tamaño. BIBLIOGRAFíA: - Broz Rei, Xosé Manuel. "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011, - Gómez vila, Javier: " Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo de Santiago e da Vía romana XIX nos Concellos de Toques e Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centrode Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 1993. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Ponte da Pena [Parroquia] Santa María de Santiso [Descrición] A Ponte da Pena tamén é coñecida coma Ponte de O Sexo por comunicar coa citada parroquia de Santiago do Sexo do Concello veciño de Agolada. Esta ponte en avanzado estado de ruína servía para cruzar o río Ulla á altura, do tamén ruinoso, Muíño da Pena. Ambos elementos patrimoniais atópanse nunha fermosa paraxe natural situada a moi pouca distancia da cola do Encoro de Portodemouros, no que abundan masas de arborado autóctono e de ribeira e onde o Ulla descende formando rápidos e correntes. Actualmente pouco se conserva en pe da vella ponte, unicamente os dous estribos de arrinque, un deles ó carón do muíño, na beira norte, e outro estribo e un piar exento, na ribeira sur, xa en terras de Agolada. Ó carón do muíño da Pena aínda pode verse outro piar desmoroado, que se apoiaba nunhas penas que agroman no medio do río. Desta ponte fálanos Xosé Manuel Broz no libro "Santiso na Terra de Abeancos", referindo como contaba con catro piares de mampostería (contando estre eles cos estribos) e que estaban "rematados en pico triangular, a xeito de tallamar; piso de vigas e taboas, con varanda nos laterais. foi derrubado un piar cunha enchente e non se volveu a reconstruir, quizais por haber xa pistas e estradas e por esmorecer a actividade do Muíño da Pena". Tamén recolle as informacións facilitadas por Luís Roibás, veciño de Rairiz, quen relata que  "... cando quedaban só as vigas porque xa apodreceran as táboas, ... a xente e as mulas pasaban polas vigas... nos tempos do estraperlo...". Esta ponte de estribos e piares de pedra con taboleiro e varandas de madeira asemellábase a outra que existía en Ribadulla, tamén construída para atravesar o río Ulla, e que se perdeu coa construción do encoro de Portodemouros.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.   [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Chanto da Ponte Nova [Parroquia] San Xoán da Ponte Arcediago [Descrición] O chanto a Ponte Nova correspóndese cunha pedra illada que foi descuberta no ano 2012, unha vez que se realizaron uns traballos mecánicos de acondicionamento dun acceso máis doado a unha propiedade particular. Esta pedra apareceu soterrada e deitada, xunto a outras pedras máis pequenas e de distintos tipos de rocha, que poderían tratarse dun recheo ou nivelación realizado cando se cosntruíu a nova ponte da estrada, sobre o Río Ulla, ó tempo que se habilitou un camiño cementado cunha acusada pendente que comunica dita estrada (AC-840) coas casas do lugar. Por tanto descoñecemos o contexto orixinal de ubicación do citado chanto. A pesar de que nada coñecemos do seu contexto primitivo, e das circunstancias que motivaron que a pedra aparecera entre o camiño e a entrada da finca sen parecer que se atopase in situ, senón conformando un recheo ou nivelación, si que chama moito a atención a súa morfoloxía, feitura e tamén algúns aspectos que denotan un labrado intencionado antrópico. Sen poder determinarse con exactitude que poida corresponderse cun megálito prehistórico, presenta unhas determinadas pautas que levan a asimilalo a un ortostato dunha anta, ou ben a unha pedrafita exenta, aínda que se asemella máis ó primeiro deses dous casos.  En primeiro lugar cabe destacar que está realizada nun soporte de gneis, unha rocha de grande dureza, densidade e de moi dificultosa manipulación. Nese senso compre indicar que está realizado no mesmo tipo de rocha que a Pedrafita do Casal (Santa María de Campos, Melide). En canto a súa forma indicar que presenta unha feitura "amendoada", con tendencia ovalada ensanchada, provista dun vértice apuntado e laterais de perfil curvilíneo convexo, simétricos entre sí. Segundo informacións do propietario da finca, que foi quen a quixo poñer en valor situándoa erguida nun extremo da propiedade, coa finalidade de cumprir unha función ornamental, a súa base que se atopa soterrada tamén presenta un remate en redondo. As dimensións visibles na actualidade da pedra son de 1,97 metros correspondentes á parte máis visible que mira cara ó sur. Tendo en conta que está chantada no terreo aproximadamente uns 50 cm, en base ás informacións do propietario, oscilaría ó redor de 2,50 metros en total. O ancho máximo visible é de 1,75 metros correspondentes á parte inferior da cara sur. En canto á súa superficie compre indicar que a cara norte se atopa encastrada no terreo, polo que non se pode ver ó completo, mais con todo presenta unha tendencia aplanada, interrompida porque no lateral leste aparece sesgada en bisel, posiblemente debido a unha fractura máis recente. Na cara sur a tendencia é aplanada, pero presenta na parte inferior, do lado oeste, unha perda da superficie orixinal, semellando tratarse dun desconchado antigo, xa que as superficies de fractura amósande bastante rodadas. En canto ós laterais presentan sección curvilínea, conferíndolle un acabado redondeado. Nas superficies das súas caras, moi rugosas, non se identifican gravuras antrópicas, pero con todo na cara sur aprécianse en superficie unhas "estrías" concéntricas que se corresponden con traballos de labrado, que indican que esta pedra foi obxecto de manipulación intencionada (en tempos pretéritos, posto que están moi rodadas e suavizadas). Estas evidencia de manipulación intencional, tanto en canto á súa morfoloxía xeral como polas pegadas de labrado identificadas na cara sur, indican que se trata dun bloque rochoso que foi obxecto de traballos para outorgarlle un determinado cometido.  BIBLIOGRAFÍA: - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "¿Novos chantos megalíticos na Terra de Melide?. Aproximación ó seu estudo e difusión". Publicado no Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafitas ou menhires en Melide e contorna". Artigo publicado no blog do Museo  http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo de 2018. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Fonte Lavadoiro de Chorén [Parroquia] Santa María de Barazón [Descrición] Esta fonte e lavadoiro sitúase na marxe oeste da vella estrada que comunicaba Melide e Agolada, nun núcleo de casas constituído nas marxes de dita estrada.  A fonte atópase acubillada nun recanto protexido por unha cuberta de madeira realizada con pontóns e táboas que serven de apoio do tellado.  Este elemento de uso meramente funcional consta de tres partes principais: fonte, pilón e pedra de lavar. O máis destacado é o pilón, xa que conta cun frontal ornamental remarcado por unha moldura perimetral que conta con dous entrepanos no seu interior. Esta peza de grandes dimensións (1,76 m de longo por 52 cm. de altura) semella tratarse dun elemento reaproveitado (podendo tratarse dun tramo de varanda dunha solaina dunha edificación pacega) e adaptado ó novo uso, xa que nun dos seus extremos practicóuselle un burato para servir de aliviadoiro do pilón. Dito pilón conta con outro muro lateral, liso, que está rematado por unha pequena pedra de lavar realizada en cemento. A fonte en sí contaba cun verquedoiro de canteiría, ó que lle acoplaron unha tubaxe metálica para servir de cano, e sobre el instalouse recentemente unha pedra  de granito cadrangular, labrada e ornamentada con moldura, de realización mecánica, que pode tratarse do tapiado da arqueta ou oco do que parte o verquedoiro, que vai encastrada no muro de cachotaría do caseto que acolle ó elemento. É de salientar que por riba do tellado do caseto onde se ubica a fonte-lavadoiro está situado un hórreo tradicional de dúas estremas, realizado con pes e ucheiras de canteiría e armazón e carpintería de madeira pintada en cores branca e vermella. A presenza deste hórreo axuda a embelecer e harmonizar o conxunto.     [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa Eulalia de Serantes [Parroquia] Santaia de Serantes [Descrición] Serantes é unha das parroquias da Terra de Melide que ten como patrocinio á virxe e mártir Santa Eulalia de Mérida, quen foi martirizada a comezos do Século IV, baixo o Edicto do Emperador Diocleciano. As outras parroquias que contan co patrocinio de Santa Olaia son Santalla de Agrón (Melide) e Santalla de Rairiz (Santiso), o que nos indica unhas orixes antigas das mesmas, ó igual que acontece con outras que se dedicaron á memoria doutras santas recollidas no Martiroloxio Romano, que sofriron as persecucións de diversos emperadores (dende Nerón ata Diocleciano). Segundo refire Xosé Manuel Broz Rei a parroquia de Serantes xa aparece documentada no ano 1214, baixo o nomenclator Sarantes.  A Igrexa parroquial é de modestas dimensións, pero conta con elementos que a pesar da súa sobriedade lle confiren un aquel de monumentalidade pola existencia de elementos arcaizantes. A estrutura amosa unha planta rectangular desenvolta nun único eixo direccional, sen contar con capelas laterais ou con sancristía anexa, que supoñan a ruptura volumétrica. O mesmo acontece nos seus alzados, posto que visto o templo polo exterior non se reproduce a vertebración interior, na que se diferencian os distintos ámbitos: nave, cabeceira e sancristía (situada a continuación do presbiterio), que se distingue polo exterior por estar os seus lenzos enteiramente revocados e encalados. Os muros da igrexa están realizados nun aparello de cachotaría que presentan un encintado moi groseiro de cemento e acabado encalado, resenvándose o aparello de canteiría e granito para portas, esquinais, sobrepena do tellado e espadana. A fachada principal ou frontis é de canon moi achatado e sobrio, presentando unha porta alintelada e unha espadana sinxela provistadunha troneira para acoller a campá e rematada por unha cornixa disposta a dúas augas e coroada por tres pináculos moldurados. No interior destaca o arco triunfal de medio punto, sustentado por columnas de sección semicircular rematadas por capiteis de feitura troncopiramidal invertida con colariño que marcan a transición entre estes e as columnas e coas aristas suavizadas en redondo. Entre os capiteis e os arranques do arco triunfal desenvólvense uns cimacios moldurados en caveto. O arco está constituído por dovelas de canteiría lisas, presentando inscricións moi erosionadas e de difícil lectura. O retablo é de estilo neoclásico, e procede da antiga Igrexa de San Estevo de Pezobrés. Foi no no ano 1768 cando se fai a composición deste retablo, e pode ser que esa data se corresponda co traslado da igrexa románica dende Pezobrés á aldea de San Benito, levando o retablo para a de Serantes, segundo ós datos extraídos do Libro de Fábrica por Xosé Manuel Broz.  BIBLIOGRAFÍA:  - "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007. - Broz Rei: Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.     [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de San Cosme de Abeancos [Parroquia] San Cosme de Abeancos [Descrición] O cruceiro da parroquia de San Cosme de Abeancos atópase na actualidade na beira dunha pista e xusto ó pe da muralla do castro, pola súa banda norte, mais aínda na década dos 80 estaba situado nunha encrucillada de camiños situada detrás da igrexa parroquial. Este cruceiro está emparentado, tipoloxicamente falando, cos de Santa María de Melide, Campos e co de San Salvador de Abeancos (todos eles no Concello de Melide), como sinala Xosé Manuel Broz Rei e que os clasifica na tipoloxía C no seu inventario de Cruceiros da Terra de Melide. Todos estes cruceiros contan con características moi semellantes, independentemente das súas particularidades específicas .   O cruceiro de San Cosme consta de catro elementos: basa, fuste, capitel e cruz, carecendo de plataforma ou graderío de basamento. O pedestal, ou basa, presenta feitura troncopiramidal, e nas súas caras reproduce algúns dos atributos da Paixón, e restos dunha inscripción, de difícil visualización na actualidade. O fuste, ou vara, é de tipo renacentista, con estrías lonxitudinais, con boceis incorporados na metade inferior do varal. O capitel é de estilo derivado do composto, con follas, cabezas de anxos e volutas nos extremos.  A cruz é recta e lisa, contando coa representación de Cristo Crucificado labrado en baixorrelevo, coa cabeza ladeada cara á dereita, e cos dedos das mans en actitude de bendicir. Sobre a imaxe do crucificado aparece a cartela co arónimo INRI. O reverso da cruz carece de figuración e as súas arestas aparecen recrucetadas, para romper coa monotonía. Pola parte traseira do cruceiro hai un pousadoiro (ou mesa de altar) adosado, con pes de pertil moldurado. Refire Broz Rei que se fai procesión ata o cruceiro pola festividade do Corpus Christi, pola festa do San Cosme, e pola celebración da Virxe do Rosario. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Meldie", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel; "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Fonte do Marqués [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] A Fonte do Marqués, tamén coñecida coma Fonte do Marqués de Pardiñas (propietario da Casa Grande de Corbelle a finais do século XIX), sitúase nunha fermosa paraxe natural na que se mesturan e intercalan prados, outrora terras de labor da propiedade do Pazo, e masas de arborado autóctono e de repoboación. A fonte atópase no medio dun souto de castiñeiros, nun recoveco ó pe dun noiro, sendo de difícil localización se non se coñece a súa ubicación exacta. Por outra banda tamén resulta complicado dar con ela nos meses de outono e inverno, ó quedar oculta pola caída da folla dos castiñeiros do souto, e so se consigue dar con ela polo tenue marmullo da auga do manancial. Compre sinalar que debido á espesura do arborado as coordenadas que se facilitan nesta ficha son aproximadas, posto que resulta complicado facer un posicionamento exacto. A parroquia dos Ánxeles destaca pola presenza de fontes tradicionais e pola calidade das súas augas procedentes de mananciais naturais soterráneos existentes no monte de Corbelle, dese xeito existen fontes nos Ánxeles, no Mascaño e tamén en Corbelle, que contan coa particularidade de ser augas moi frescas no verán e atemperadas no inverno. Esta fonte do Marqués correspóndese cunha fonte de arqueta ou de pozo, semellante ás fontes de Roiriz (Zas de Rei) ou á de San Ramón (Grobas). A tipoloxía destas é sinxela, consistente nun frontal de canteiría provisto de canos ou de ocos de saída da auga, e tras del sitúase unha arqueta, pozo ou vaso que serve de acumulador de caudal e de decantador de partículas e areas (para favorecer que a auga mane máis limpa e depurada). No caso da Fonte do Marqués presenta un frontal de canteiría  (totalmente colonizado de musgo) con tres ocos practicados para a saída das augas que verquen directamente nun rego situado a continuación da fonte. Sobre esta fonte non se coñece ningún folclore ou lenda asociada, mais xa é suficientemente significativo o seu nome, posto que xa se lle asocia co dono da Casa de Corbelle. Tampouco se lle coñecen a esta fonte propiedades terapéuticas especiais, aínda que se lle recoñece a calidade da súa auga.   [Cronoloxía] Indefinida [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Campos [Parroquia] Santa María de Campos [Descrición] Este cruceiro parroquial sitúase na carballeira do campo da festa, ó carón da muralla do Castro de Campos, e a unha distancia de 70 metros ó surleste da igrexa parroquial. Vemos por tanto que o lugar de Eirexe, no que so existe unha vivenda, conta con tres interesantes elementos patrimoniais. Segundo o estudo sobre os cruceiros da Terra de Melide de Xosé Manuel Broz, este encádrase na tipoloxía C, emparentado cos cruceiros de Santa María de Melide, San Cosme de Abeancos (situado moi preto, na parroquia veciña) e o de San Salvador de Abeancos, xa que todos eles presentan pautas e características moi semellantes. O cruceiro de Campos conta con tres elementos: pedestal, fuste e cruz, vemos por tanto que carece de capitel e de plataforma ou graderío. A basa ou pedestal ten forma troncopiramidal, e as súas caras reproducen os atributos da Paixón de Cristo, aínda que algúns resultan de difícil visualización debido ó desgaste producido por factores erosivos. Algúns dos que se poden identificar son: martelo, corazón, tres cravos, tenaces e unha escada. O fuste ou vara é de raigame renacentista, ó ser estriado e con boceis entre o estriado da metade inferior. No remate presenta un colariño circular con perfil en baquetón, e como xa se sinalou carece de capitel, existindo no seu lugar un aro de ferro a modo de abrazadeira.  A cruz é de deseño sinxelo, e lineal. No anverso, mirando cara á igrexa aparece a figuración  en baixorrelevo de Cristo crucificado, coa cabeza ladeada cara á dereita e con aureola ou limbo, e sobre ela aparece a cartela co acónimo INRI, e nos extremos do traveseiro da cruz a inscripción: "ANO DE 1832", que fai referencia á data dunha modificación e arranxo posterior. O reverso da cruz carece de figuración. No anverso do Cruceiro hai un pousadoiro ou altar de fábrica actual.  Segundo refire Broz Rei o cruceiro estivo policromado en cores verde, azul e rosado e que se fai procesión ata el na festividade da Virxe do Carme (16 de Xullo) e tamén na do Corpus Christi.  BIBLIOGRAFÍA: -Broz Rei, Xosé Manuel. ""Os Cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses- Museo da Terra de Melide. Novembro, 1983. -Broz Rei, Xosé Manuel. " A Terra de Melide, de Xosé Manuel Broz Rei (edición particular). Melide, 2001. [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Pazo da Pena [Parroquia] Santa María de Santiso [Descrición] O Pazo da Pena ó igual que acontece co Pazo de Vilar de Ferreiros, na parroquia de Visantoña, son dous bos exemplos de optimización do patrimonio construído, adaptado a necesidades socioeconómicas na actualidade. Esa circunstacia favorece que ditas edificacións foran obxecto de actuacións de rehabilitación en profundidade, o que favoreceu que esas casas nobiliarias chegaran a nós en perfecto estado de revista, a diferencia doutras edificacións semellantes que se ven abocadas á súa desaparición progresiva ó atoparse nun estado acentuado de ruína, tal é o caso da Casa do Ribeiro tamén na parroquia de Visantoña. Nos dous primeiros casos a circunstancia de ser reaproveitados como negocios de hostalería e restauración supuxo que se recuperaran en boa medida e fosen enfatizados os seus principais elementos constructivos e as súas edificacións adxectivas (capelas, pombais, hórreos, fornos, palleiras ou fontes). Desta Casa da Pena da conta  Don Antonio Taboada Roca no libro "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, e nesa publicación refire que foi fundada no ano 1711 por Don Juan Varela de Barrio, quen foi párroco da Ponte Arcediago, de Rairiz e de Mourazos, e que no seu testamento aparece unha relación dos bens da súa propiedade entre os que cita: " ...casa y lugar da Pena con su palomar y heredades labradías y montesías, chousas, prados, molino, aguas de riego, árboles y plantados..." e que "tubo un coste de tres mil reales de vellón". A propiedade pasa a mans por vía testamentaria a súa sobriña Magdalena Varela Segade Bugueiro da Casa de Outeiro de Pezobrés. O conxunto do Pazo resposta ós típicos patróns de edificación fidalga labrega, artellada en torno a unha edificación principal para uso de vivenda. Consiste nunha rexa edificación de planta rectangular dividida en dúas alturas, e que consta de elementos estruturais que lle confiren un destacado aspecto nobiliar. Nese eido destácase a espectacular solaina en L que se desenvolve na fachada sur, á que se accede tanto dende a planta superior como dende a eira mediante unha escaleira dun único tramo cuxos chanzos inferiores presentan feitura curvilínea. A solaina conta con sólidos piares de canteiría de granito que serven de sustento dunha cuberta que consiste na prolongación do tellado do inmoble que está desenvolto a catro augas. E consta tamén dunha balaustrada de madeira que se vai intercalando entre os piares. Tamén é destacable a presenza de dúas chemineas sendo máis monumental a situada no ángulo suroriental, nun extremo da fachada principal. As chemineas son de planta rectangular e destacan pola súa esbeltez e estar coroadas por pináculos de feitura piramidal. A fachada principal consta de dúas portas orixinais, estando a principal situada en posición central e rematada por un lintel en forma de arco rebaixado. Na planta superior dispóñense tres portas abertas ós balcóns exteriores que descansan en soleiras de canteiría e varandas de forxa. Adosado ó corpo principal, polo lado norte existe unha edificación anexa de planta baixa que alberga tres fornos, ós que se accede mediante un portalón que da acceso á parte traseira e que se sitúa no mesmo eixo da prolongación lateral da solaina. Na eira atópanse diversos elementos que complementan os usos do Pazo, como son un destacado hórreo de cinco estremas con testeiros de canteiría e sostido por pes igualmente de canteiría apoiados en cepas de cachote. Tamén sobresae un amplo emparrado sostido mediante piares cadrangulares feitos en cachote, sobre os que descansan as trabes que serven de apoio das parras. Baixo este existe unha fonte lavadoiro de planta rectangular e cun sistema de abastecemento consistente nunha canle que se desenvolve dende a parte traseira da palleira e capela ata o pilón. Outras dependencias interesantes son a palleira citada que conta cun destacado desenvolvemento lonxitudinal e que se dispón en sentido perpendicular ó eixo da casa. Esta palleira está cuberta a tres augas e no seu extremo oeste múdase nunha capela sen diferenciarse en volume da propia edificación adxectiva da que forma parte. Na entrada do conxunto atópase un destacado afloramento ou pena, que posiblemente lle dese o nome á casa, en cuxa base existe unha fonte ou manancial. E no cume do penedo aséntase o pombal de planta circular. Este Pazo ou Casa Grande ten en común co Pazo de Vilar de Ferreiros, de contar cunha moi extensa propiedade de labor, antano bordeada por unha cerca.  A unha distancia de 700 mt. en dirección sur atópase o muíño da casa, hoxe en estado de abandono e ruína, que se sitúa na marxe norte do río Ulla, ó carón dunha ponte practicamente esmorecida de piares elevados. BIBLIOGRAFÍA: - "Arquitecturas da Provincia da Coruña". Vol XVII, Comarca da Terra de Melide. Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A ACoruña. Editado pola Deputación Provincial, ano 2007. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Taboada roca, Antonio: "Notas Históricas", no "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa Parroquial de San Xiao do Monte [Parroquia] San Xiao do Monte [Descrición] A aldea de San Xiao situada nunha cota moi elevada, a 620 mt. sobre o nivel do mar, conta cun rico e interesante patrimonio histórico-artístico, conformado por un Castro, a igrexa parroquial, unha casa nobiliaria, coñecida como Casa do Pazo ou do Herdeiro (que conta con varias edificacións adxectivas destacadas, entre elas un muíño, un hórreo e tamén un pombal), ademais doutras casas antigas aforadas ó Mosteiro de San Antoíño de Toques. A igrexa parroquial correspóndese cunha pequena edificación, de tan só 12 mt. de longo e de 6,50 mt de ancho, sendo por tanto a igrexa de dimensións máis modestas existente no Concello de Toques, con todo trátase dunha edificación ben proporcionada e artellada. Consta dunha nave de planta rectangular á que lle sucede unha cabeceira cadrangular, non contando con sancristía adosada como acontece na meirande parte das igrexas da contorna. Para a súa edificación empregouse aparello de cachotaría que permanece oculta polo recebo e encalado dos seus lenzos. No exterior o máis destacado é o frontis ou fachada principal, na que se abre unha porta con arco rebaixado, sobre a que se sitúa un pequeno óculo de forma oval. Rematando o hastial disponse a espadana de canteiría, dunha soa troneira para acoller unha campá. Sobre ela existe unha cornixa moldurada que serve de sustento do ático e dos pináculos decorativos. No interior destaca o arco triunfal de medio punto, que arrinca de impostas rectangulares achafranadas ou de nacela, que descansan sobre as xambas laterais. Tamén é de destacar a pavimentación orixinal da nave, realizada mediante lousas de granito.  O retablo é de estilo Neoclásico datado no século XIX. Presenta corpo e ático. O corpo conta con dúas rúas laterais remarcadas por columnas de fuste liso e capiteis de estilo composto, ademais dun camarín central que alberga a imaxe de San Xiao o Hospitaleiro, patrono da parroquia. Tamén se destaca a policromía do mesmo, xa que é a orixinal, consistente na recreación de mármores xaspeados. BIBLIOGRAFÍA: - "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.   [Cronoloxía] Finais do século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Archete en Vilaverde [Parroquia] Santa Mariña de Pedrouzos [Descrición] Na aldea de Vilaverde atópase este archete ou archede, que se corresponde cun tipo de cuberta tradicional que tivo bastante presenza na Terra de Melide, pero que por desgraza están a desaparecer. Non sobran moitos exemplos na actualidade, aínda que poden verse algúns máis en Transfontao (Moldes, Melide), nas aldeas de Os Castros e Tombiadoiro (Brañas, Toques), nos Curros (A Capela, Toques) ou tamén en Balocás de Abaixo (Visantoña, Santiso). No Terra de Melide do Seminario de Estudios Gallegos, editado no ano 1933, o afamado etnógrafo e folclorista Don Vicente Risco da conta doutros exemplos e tamén aporta unha magnífica explicación, na que detalla en que consiste este tipo de solucións arquitectónicas tan características destas comarcas do interior, que non adoita verse noutras zonas da xeografía galega. Como definición dun archete podemos remitirnos a diversas fontes bibliográficas que ilustran graficamente esta curiosa morfoloxía de cubrición, pero entre elas poden destacarse tanto a que fai o propio Risco, moi completa, coma a de outros autores contemporáneos como Manuel Caamaño Suárez quen o define nos seguintes termos: "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral, semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco". Máis unha das máis elaboradas e pormenorizadas é a do Terra de Melide na que Vicente Risco refire que: "sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresae da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os paisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis, pra deixar vagantío pra porta; no feito, temos atopado archetes en tellados que coroan paredes outas dabondo pra non precisaren iste recurso", e pon como exemplo un existente na Casa Reitoral de Paradela (Toques) e outro na Casa dos Fidalgos na aldea de Mosteiro (Serantes, Santiso). Tamén explica detalladamente como se constitúe a armazón dun tellado destas características tan singulares: "o archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas viguetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontóns paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por baixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta albardilla atravésanse as doelas". No exemplo que nos ocupa, na aldea de Vilaverde, pódese apreciar claramente este tipo de viga ou trabe combada ou arqueada situada na parte frontal, escollida e labrada expresamente con esa forma para poder servir de apoio adaptado ó derrame das dúas ás ou vertentes que forma o archete. Como xa se indicou este tipo de solución tan orixinal, concibida para sacarlle máis proveito ó desenvolvemento dunha cuberta, foi pensado para servir de entrada a un corredor ou paso de distribución entre unha vivenda terrea e as dependencias adxetivas adosadas a ela, como poden ser as cortes do gando ou os cortellos dos porcos. Desa maneira un archete fai ás veces de pórtico de entrada á casa e ós seus espazos complementarios. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Caamaño Suárez, Manuel: "A casa popular". Cadernos do Museo do Pobo Galego nº 8, ano 1999. - Martínez Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide" en Terra de Melide, Seminario de Estudios Gallegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Idade Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Pombal da Casa do Herdeiro de San Xiao do Monte [Parroquia] San Xiao do Monte [Descrición] Este pombal da Casa do Herdeiro atópase no lugar de San Xiao, sendo esta unha aldea situada a grande altitude, a unha cota de 610 m. sobre o nivel do mar, e nunha paraxe que goza dun espectacular dominio visual das terras da contorna. De feito dende o emprazamento do pombal pode albiscarse unha das mellores panorámicas do Castro de Vilamor ou de Cardelle, e tras este óllase todo o perfil da Serra do Careón. Dende esta aldea tamén se pode contemplar a vila de Melide, sobresaíndo a esbelta torre do Convento de Sancti Spíritus. Este pombal está situado a tan só 35 m. ó oeste da igrexa parroquial de San Xiao e a unha distancia equivalente da Casa do Herdeiro ou do Pazo pola banda leste, do que forma parte da súa propiedade. A Casa correspóndese cun magnífico exemplo de Casa Grande labrega, en perfecto estado de conservación grazas a accións rehabilitadoras e que vai acompañada de todas as edificacións adxectivas ou auxiliares necesarias para o seu desenvolvemento (vivendas de servizo, curro, palleiras, hórreo, muíño, ademais deste pombal). Segundo recolle Xosé Manuel Broz  no seu libro "Santantoíño de Toques", esta casa foi un subforo do Priorado de Santantoíño, tiña un antigo muíño que estaba situado noutro lado distinto no que agora se atopa, existindo xa no ano 1583, e que tras o seu desmantelamento as pedras reempregáronse na construción do muíño actual, obra efectuada antes do ano 1813. O pombal reconstrúese no ano 1806 segundo informacións facilitadas por Sergio Villamor, descendente desta casa. Este pombal é o único que se conserva na actualidade no Concello de Toques, aínda que Broz da conta doutro que existía no Mosteiro de Santo Antoíño, segundo se recolle nas fontes documentais. De todos os xeitos existen nalgunhas aldeas casas que conteñen nidais para pombas, empotrados nas súas paredes exteriores, e tamén hai exemplos de nidais de madeira situados baixo os aleiros de hórreos e que presentan forma de caixóns. Aínda que o pombal da Casa do Herdeiro e o único que se conserva na actualidade no termo municipal, como xa se indicou, non é o único existente desta tipoloxía na Terra de Melide, posto que no Concello de Melide son coñecidos o do Pazo de Tarrío en Xubial, o da Casa de Lago en Zas de Rei o do Pazo das Figueiras ou o da Casa de Salgado en Grobas. No termo municipal de Santiso destacan o do Pazo de Vilar de Ferreiros, o da Casa da Pena e o da Pedreira, ademais doutros no Concello de Sobrado como o da Casa do Gado. Estes pombais soen vincularse a Pazos e Casas Grandes e presentan características comúns: planta circular, aparello de cachotaría recebada e encalada, sobrepena situada no coroamento da parede sobre a que se abren os ocos de entrada para as pombas, e protexidos baixo a proxección do aleiro do tellado que adoita presentar feitura cónica. As portas de entrada soen ser de pequenas dimensións, con feitura alintelada e orientadas cara o sur. Pero o máis destacable é a súa arquitectura interior, caracterizada pola presenza de nidais ou pequenas celas acopladas ó muro interior e dispostas perimetralmente, realizadas mediante lousas rústicas de pedra colocadas tanto de plano coma en vertical, asemellándose á estrutura dun panal.  Tamén se caracterizan por contar cun mesado de pedra concibido para depositar o grao para alimentar ás pombas nos meses de inverno. Os pombais acostuman situarse a certa distancia da casa, en zonas elevadas, e mesmo asentado sobre tumulacións artificiais de terra concibidas como plataformas de nivelación do terreo.  Este pombal da Casa do Pazo de San Xiao resposta claramente a este tipo de tipoloxía, aínda que pola súa ubicación nun plano elevado, fixo innecesaria a adecuación do terreo mediante plataforma artificilal de asento. Tamén destaca por romper coa tendencia de contar coa porta de entrada orientada cara ó sur, estando neste caso orientada ó norte. Polo demais non conta con outras peculiaridades específicas: as paredes son de canteiría recebada e encalada, como é habitual, aínda que se perdeu boa parte do revocado. Os ocos de entrada para as pombas situados entre a sobrepena e o aleiro son un total de cinco, sendo un deles pareado. O tellado está rematado por un pequeno pináculo coroado por unha veleta de ferro con cruz e un gal osobre a mesma, de feitura actual.  As dimensións do pombal son de 4,40 metros de diámetro exterior e dunha superfcie de 15 metros cadrados. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques". Ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos. Ano 2013. [Cronoloxía] Idade Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Cheminea dos Mouros [Parroquia] Santa María de Vimianzo [Descrición] A Cheminea dos Mouros correspóndese cunha formación xeolóxica natural producida mediante fenómenos erosivos. Trátase dun elemento da paisaxe moi sobranceiro, cuxa forma caprichosa probablemente deu lugar a ser bautizada cun nome tan gráfico: por un lado o de "cheminea" debido a súa forma estilizada, esbelta e prominente, e por outra banda esa alusión ou atribución "ós Mouros" leva a vinculala cunha das figuras máis características e intrínsecas do noso imaxinario popular. É ben sabido que a este pobo mítico do folclore galego, que acostuma vivir baixo terra, maniféstase por ser unha raza de seres argallantes e inquedos que ademais de aparecérselle ós mortais, tamén son os responsables da elaboración e construción de canto monumento antigo se ergue polo país (a eles se lle atribúe a construción de monumentos megalíticos, castros, castelos, pontes,...e tamén de elementos naturais sobranceiros da paisaxe). Na liña do anteriormente exposto non resulta nada raro atoparnos perante penedías destacadas polas súas dimensións e formas, ás que a tradición popular oral deu por asignar a este pobo mítico imaxinario, ó coidar que a súa feitura tiña que deberse a estes seres argalleiros e non ós fenómenos naturais que producen a erosión sobre elementos xeolóxicos (vento, auga, pedrisco,...). Na Terra de Melide existe outro exemplo moi coñecido da atribución dunha forma xeolóxica caprichosa a eses seres mitolóxicos, a renomeada Pena Moura da Moruxosa no Bocelo, ou tamén o xacemento altomedieval da Torre dos Mouros, en Sobrado dos Monxes, caracterizado por estar encadrado nunha especie de acrópole natural formada por enormes afloramentos graníticos. No caso da Cheminea dos Mouros, a pesar de ser unha forma natural moi destacada, non goza da notoriedade dos dous exemplos anteriores, aínda que se atopa nun enclave moi próximo a núcleos de poboación (O Rechinol, Teillor, Reboredo ou Vimianzo), e mesmo a pouca distancia da vila de Melide. Tamén resulta curioso ese descoñecemento xa que se atopa na marxe sur do Río Furelos, no seu curso baixo, onde se construiu a principios do século XX (ano 1909) a presa da Central Eléctrica do Rechinol, que case todo o mundo coñece.  A "Cheminea" encádrase nunha paraxe moi fermosa, de alto valor ambiental e paisaxístico, nunha zona de val moi pechado e abrupto no que o curso do Furelos discorre entre cantís moi altos e escarpados, nos que agroman bloques de rochas ultrabásicas (anfibolitas, dunitas e serpentinitas), producindo formas moi accidentadas e caprichosas, sendo unha das máis destacadas ésta da que estamos a falar. Esta formación sitúase a unha distancia de tan só 55 metros ó norleste do xacemento arqueolóxico de "Os Castelos", vinculado tamén a un amplo afloramento rochoso de superficie aplanada e proxectado directamente sobre o escarpe, e que pode tratarse dun asentamento de época medieval que na actualidade presenta máis interrogantes ca respostas. Ambos elememtos da paisaxe, Os Castelos e a Cheminea, chamaron a atención do médico e historiador melidao Don Eduardo Álvarez Carballido, unha das figuras máis eruditas e sobranceiras da historia local, a quen tanto lle debemos. A estas formacións naturais e arqueolóxicas dedicoulles un artigo no Boletín de la Real Academia Gallega, do ano 1913 no nº 75 desa afamada publicación. Respecto á Cheminea compre acentuar que se corresponde cun esbelto e exento bloque rochoso que mantén un equilibrio inestable e que se proxecta directamente sobre a vertente. A forma, a pesar de amosarse como moi suxestiva, non presenta ningún tipo de alteración ou acción antrópica, senón que dita forma peculiar resposta á acción de fenómenos erosivos, pero a mellor maneira de referirse a ela e describila é botar man das verbas de Don Eduardo Álvarez Carballido: "La primera (Os Castelos) se levanta en la orilla del río; arranca perpendicular y se eleva casi hasta la cima de la montaña, empotrada en la misma por su parte posterior, y aislada por el frente y parte superior de ambos lados. La otra (a Cheminea dos Mouros) es una gran roca, cuya rara formación geológica hace dudar si la mano del hombre ayudó en su trabajo a la naturaleza: tal es la forma de disgregación que en ella se observa; aparece horadada en toda su altura, formando una rústica chimenea, utilizada de tiempo inmemorial por los pastores, únicos visitantes de aquel inculto monte, para encender fuego y calentar sus miembros ateridos por el húmedo cierzo, que en los crudos días del invierno les obligaba a abandonar momentaneamente sus rebaños". BIBLIOGRAFÍA: - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Castelos e a Chimenea dos Mouros do Rechinol, suxestivos topónimos nos que se agocha un xacemento arqueolóxico". Boeltín nº 25 do Centro de estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os mouros na Terra de Melide I: A Cheminea dos Mouros do Rechinol". Publicado en GaliciaEncantada.com, agosto 2016. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Fonte de Marín [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] Na beira esquerda da estrada AC 840, uns metros despois do desvío que leva ata A Rata e ata a parroquia de Maceda, atopámonos esta fonte nunha curva fronte ó desvío que leva a Xubial. O acceso ata ela resulta un pouco dificultoso, xa que se sitúa na marxe da estrada, nunha curva perigosa e con dificultade de estacionamento. Esa cuestión unida o feito de que a estrada carece de beirarrúa, fai que este elemento se atope nun estado de certo abandono e que pase desapercibida. Con todo resulta ser unha fonte monumental e moi ben deseñada para o fin para ó que foi concibida, que non é outro que o de situar unha fonte na marxe da estrada para que os usuarios da mesma puideran coller auga nela. A estrada foi trazada no ano 1867, ó final do reinado da Raíña Isabel II, o que supón unha mellora da comunicación coa cidade da Coruña respecto ó vello Camiño Real, que a partir desa data vai caendo en abandono progresivo. Aparte desta fonte tamén hai en Marín unha casa na que tiñan coches de cabalos para facer o itinerario levando o correo, ademais de servizo de postas. Esta casa coñecida como "A Casa de Basilio", aínda se conserva e foi edificada por Domingo López Cordido, que era o encargado de levar o correo concedido mediante subasta pública, polo Alcalde de Melide Don Laureano Somoza, no ano 1869. Vemos por tanto, que o lugar de Marín xogou un papel importante en relación con esa estrada trazada no século XIX. Respecto á fonte compre sinalar que destaca por diversoso aspectos, tanto polas súas dimensións como deseño e acabados. Insírese ou acóplase dentro dun hemiciclo de grandes dimensións (de 4,95 m. de diámetro) realizado en pedra, e en forma dun rebanco que serviría de pousadoiro. Este elemento presenta a particularidade de estar realizado con cachotaría "a oso", e coroado por unha sucesión de albardillas ou sobrepenas de canteiría de perfil moldurado e coroamento aplanado. Na parte central deste hemiciclo sitúase a fonte, consistente nun gran bloque monolítico de canteiría que fai as veces de mesa e cano de saída de auga, ó mesmo tempo que fai de "clave" desa estrutura arqueada. A auga sae dese cano ,aberto pola parte superior, e vai verquer nun grande pilón de forma rectangular e con esquinas redondeadas (a modo de bañeira) e con perfil moldurado, situado inmediatamente por debaixo da peza que contén o cano. Este pilón está realizado igualmente en canteiría e conta cunhas dimensións de 156 cm. x 75 cm. e 31cm. de fondura.  A pesar da singularidade do elemento en cuestión, compre indicar que é unha mágoa o estado de abandono que presenta, posto que na actualidade aparece colonizado e invadido de vexetación (silvas e herbas) o que axuda a que este pase bastante desapercibido. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Meldie de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XIX ou XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santiago de Xubial [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] Este templo de Santiago de Xubial, correspóndese cunha das máis sobranceiras igrexas parroquiais, edificadas na Idade Moderna da Terra de Melide, posto que á par do uso relixioso asociado á freguesía, tamén estivo vinculado xa dende o século XVII, co servizo votivo e funerario da familia Saavedra propietaria do veciño Pazo de Tarrío. Dese xeito asistimos a un dos poucos exemplos  na Comarca da Terra de Melide, nos que se conxuga unha funcionalidade parroquial cunha propiamente de culto privado vinculado a unha linaxe determinada.  No que respecta á arquitectura correspóndese cunha edificación de planta rectangular, disposta no eixo leste-oeste, ó que se lle engade unha Capela cadrangular polo lateral sur ou da Epístola (a Capela de San Isidro da familia Saavedra), ademais doutro pequeno engadido no extremo norleste correspondente coa sancristía. Na actualidade pode verse todo o aparello exterior, posto que se optou por retirarlle o recebo de cal e area que ocultaba os paños, agás nos esquinais realizados en canteiría. Dito aparello consiste nunha cachotaría concertada na que predomina o granito, na fachada principal, aínda que nos demais lenzos tamén se mestura con gneises e con rochas "do país" (anfibolitas e ultrabásicas).  Os panos exteriores carecen de decoración, sendo a fachada principal ou frontis, o máis destacado, posto que nela se atopa a porta principal (xa que existe unha segunda aberta no lenzo norte), ambas de feitura alintelada e carentes de ornamentación, tanto nos linteis como nas xambas. Sobre a porta principal disponse unha ventá cadrangular de pequenas dimensións, inserida no hastial. E finalmente, a modo de remate, sitúase a espadana dunha soa troneira, asentada sobre unha cornixa moldurada, coa mesma feitura ca que serve de transición co ático, no que se dispón un pináculo central, en cuxa base tamén se abre unha troneira pequeniña, e que ó mesmo tempo, aparece flanqueado por dous pináculos incompletos e mutilados, cuxos restos poden corresponderse con senllos remates decorativos asentados sobre o peche oriental do adro. No interior existen varios elementos a destacar, tanto na arquitectura coma no mobiliario. Respecto á primeira son de destacar senllos arcos de medio punto, carentes de decoración que arrican de impostas molduradas, un deses arcos correspóndese co arco triunfal que serve de transición entre a cabeceira e a nave; e un segundo arco que comunica a nave coa capela lateral de San Isidro. Entre os elementos mobles son de especial relevancia o retablo principal, cuxa procedencia orixinal se corresponde coa vella igrexa de San Andrés da Coruña, e que como recolle Xosé Manuel Broz en base ós datos extraídos do Libro de Fábrica, este retablo foi traído por Don Juan Saavedra Codesido, do Pazo de Tarrío, no ano 1886, sendo costeado por el mesmo. Este retablo pode datarse a mediados do século XVIII. É de estilo Barroco con ornamentación Rococó moi prolífica ou abundante. Nun lateral da nave acubillado nunha fornela ou lucilo hai outro retablo máis pequeno de estilo Neoclásico, de inicicos do século XIX, con decoración Rococó, que acolle a imaxe de Santa Lucía. Tamén é de destacar a mesa do altar, con decoración de anxos e nubes en torno ó triángulo, símbolo da Divinidade, ademais de guirnaldas de froitos dispostas en aspa. Na Capela de San Isidro que serve de panteón funerario á familia dos Saavedra, son de destacar a reixa de madeira coroada por un frontón partido co escudo de armas policromada e semellante ó da fachada do Pazo de Tarrío, en cuxo cuartelado se identifican os apelidos de Valladares ou de Bermudez, de Mondragón, de Noguerol e de Seixas. No interior da mesma destaca o retablo de San Isidro de estilo Neoclásico, pero tamén o sartego de Don Isidro López Saavedra, encastrado na parede sur, rematado por arco de medio punto e cunha inscrición no frontal que refire que a Capela foi fundada e dotada polo crego Don Isidro López de Saavedra no ano 1651. Como refire Don Antón Taboada Roca, nesa Capela están soterrados moitos membros desa familia, que ademais de  recibir sepultura no interior tamén contan cun panteón de canteiría en forma de nichos, adosado ó lenzo exterior sur da nave da igrexa, no ángulo de confluenza coa citada capela lateral. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletin nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletin nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei". Ano 2001. - Taboada Roca, Antón: "Notas históricas", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.     [Cronoloxía] Século XVII- XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Xubial [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] O cruceiro da parroquia de Santiago de Xubial localízase nunha explanada sita ó carón da igrexa. Trátase dun cruceiro constituído por cinco elementos diferenciados: plataforma, basa ou pedestal, fuste ou vara, capitel e cruz. Correspóndese cun cruceiro de estilo Barroco con elementos de raigame renacentista (como é o caso do fuste estriado) que presenta un estado de conservación bastante deficiente, debido principalmente á incidencia de factores erosivos producidos polos axentes meteorolóxicos. Está asentado sobre unha plataforma conformada por dúas gradas, e ata non fai moitos anos, sobre a grada superior existía un pousadoiro a modo de altar que na actualidade carece del, non sabendo cal foi o motivo da súa retirada. O pedestal presenta forma troncopiramidal en cuxos lados se reproducen diversos elementos da Paixón de Cristo, nunha delas presenta un martelo, un corazón e tres cravos; noutra unha escada e un hisopo; e noutra unhas tenaces ademais doutro elemento de difícil interpretación ó atoparse moi erosionado. O fuste ou vara presenta sección circular con estrías entre as que se sitúan boceles na metade inferior. O capitel é derivado do composto con colariño, follas, anxos e volutas nas esquinas. A cruz é lisa xa que carece de decoración, presentando as aristas en chafrán e os remates engrosados derivando en extremos circulares. Este cruceiro está emparentado tipolóxicamente cos cruceiros do Leboreiro, Gondollín e Folladela (no Concello de Melide), e co de Pezobrés no Concello de Santiso. Segundo refire Xosé Manuel Broz, faise procesión ata o cruceiro o 25 de xullo coincidindo coa festividade de Santiago, tamén na festividade do Corpus Christi ademais do 5 de outubro polo San Froilán. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Fonte da Martagona [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] Trátase dunha fonte moi coñecida entre os veciños de Melide, debido ás súas propiedades mineiro-medicinais. É unha desas fontes de augas sulforosas, con cheiro a ovos podres. Este tipo de augas acostumábanse a consumir en xaxún ó longo de nove días durante o mes de setembro, para remediar doenzas do aparato dixestivo, mais a pesar de que esa é a práctica común que marca a tradición, tamén era habitual o seu consumo durante todo o ano. Como indica o profesor de ciencias naturais Manolo Castro Rei, quen elaborou un pormenorizado inventario deste tipo de fontes no territorio galego, as augas sulforosas, como as da Martagona correspóndense con "augas de orixe natural, con propiedades terapéuticas coñecidas e probadas. Son augas que proceden da choiva e que, por infiltración, atravesan rochas e materiais sedimentarios dos que obteñen sales minerais e substancias orgánicas que lles dan as súas características curativas. As sulfuradas, ou sulfurosas, son augas mineiro-medicinais que conteñen máis de un miligramo por litro de ácido sulfídrico, que lles da ese olor característico a ovo podrecido. Son augas boas para tratar problemas respiratorios, reumáticos e afeccións alérxicas. Teñen tamén acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante". Este profesor tamén refire que estas augas utilizábanse dende sempre por xentes do lugar e tamén por persoas de sitios lonxanos que padecían enfermidades incurables, e que melloraron de xeito milagreiro despois duns días de tomar as augas. Tal é a natureza simbólica inherente a este tipo de fontes curativas que soe ser habitual que leven aparellado un compoñente folclórico e lendario, mais neste caso da fonte da Martagona non se lle asocian relatos vinculados co imaxinario tradicional ou coa relixiosidade popular. Esta fonte da Martagona atópase na marxe norte do río da Martagona ou de Pedrouzos, afluente do Furelos. Atopámola seguindo un carreiro de terra situado a uns 50 metros á man dereita da ponte da Martagona, unha vez rebasada esta. Emprázase nun encrave de gran beleza natural, nunha paraxe de bosque autóctono entre o que discorre o río moi accidentadamente, xerando fervenzas.  O manancial sitúase a unha distancia de 2,70 metros da canle de abastecemento dun muíño tradicional, sita a media ladeira. Aparece inserida nunha pequena cavidade practicada na rocha, a modo de cova, que presenta unah altura de 1,50 metros e cunha fondura de 1,70 metros. No fondo da mesma e case a rentes de chan obsérvase unha pequena canle de 87 cm. de longo que remata nunha pedra frontal disposta perpendicularmente a esta, da que sae un pequeno cano metálico polo que mana a auga, indo a verter nunha poza ou rebaixe. Compre sinalar, como xa apuntou o profesor Castro, que en determinadas épocas do ano non se aprecia a existencia das augas sulfurosas, por non emanar cheiro a ovos podres nin por ter as típicas manchas branquecinas que deixan estas augas ó seu paso. Ben é certo esta afirmación posto que no mes de febreiro, cando se fixeron as fotos que acompañan a esta ficha, non presentaba estas características, sendo ben patentes noutros meses do ano. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidendes-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Castro Rei, Manuel: "Augas mineiro medicinais. Augas sulfurosas da Terra de Melide". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Ponte da Martagona [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] Sobre o río da Martagona, afluente do Furelos sitúase esta pontella que a piques estivo de desaparecer na década dos 90, por mor da construción da ponte actual, situada no trazado da pista asfaltada que comunica Melide con San Salvador de Abeancos e con Vilouriz. Hoxe esta ponte pasa bastante desapercibida, xa que se sitúa nun plano moito máis baixo que o da nova ponte e por estar parcialmente oculta polo arborado de ribeira e polas silvas. Con todo esta ponte conta con bastante interese debido ás súas características construtivas e polos materiais empregados, pero sobre todo por atoparse formando parte do trazado dun vello camiño, que segundo o arqueólogo Javier Gómez Vila, se corresponde cunha variante do Camiño Primitivo comprendido entre a Ponte da Pedra e Melide, e que se vincula co emprazamento dunha necrópole de mámoas nas proximidades de Zaramil, ademais doutras tres mámoas desaparecidas no ámbito da Martagona (unha delas situada a moi pouca distancia e que se desfixo con motivo de traballos agrícolas no ano 1975). Cando se produciu a destrución da mámoa recuperáronse materiais cerámicos e unha rodela decorada que se atopan actualmente no Museo da Terra de Melide. Así mesmo o catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas Valcarce, apunta a posibilidade de que dita mámoa contase cunha cámara megalíca no seu interior, e que as súas chantas fosen aproveitadas na construción da ponte da Martagona en tempos históricos, posto que cando se destrúe o túmulo non contaba con estrutura pétrea. Repecto á ponte presenta unha tipoloxía moi común adoitada para este tipo de arquitecturas tradicionais, moi presente na Terra de Melide, tal é o caso das diversas pontes existentes sobre o río Catasol (en Trasmundi, Catasol, Traspedra ou Penas), ou tamén as presentes na desembocadura do río Seco no Ulla, na parroquia de Barazón. Correspóndense coas típicas pontes alinteladas ou arquitrabadas, conformadas por grandes chantas máis ou menos rectangulares, apoiadas sobre estribos laterais de cachotaría e piares centrais realizados tamén nese tipo de aparello rústico disposto "a óso". Tamén se caracterízan pola ausencia de peitorís ou de varandas laterais. Neste caso en concreto, a ponte consta de dous tramos conformados por dous pares de grandes laxes rectangulares que descansan sobre un ancho piar central, ademais dos seus correspondentes estribos incrustados nas marxes do río. As chantas ou laxes que conforman este taboleiro contan cunhas dimensións moi destacadas, que induciron a cavilar que se correspondesen con eses ortostatos procedentes da mámoa destruídas, nas inmediacións. Para facernos unha idea das dimensións destas laxes compre indicar que as meirandes presentan unha lonxitude de 3,15 m. e 2,60 m. de longo, con anchos que sobrepasan o metro, sendo o seu grosor de 30 cm. As dimensións totais da ponte son de 6,50 m. de longo cun ancho de 2,90 m. (na zona correspondente ó piar central de apoio, onde acada a maior dimensión). Respecto á altura da ponte sinalar que no seu punto máis alto sitúase en 1,50 m. BIBLIOGRAFÍA: - Fábregas Valcarce, Ramón: "Materiais da mámoa da Martagona". Boletin nº 4 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1988. - Gómez Vila, Javier: "Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo de Santiago e da Vía Romana XIX nos concellos de Toques e Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Pazo das Figueiras [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Na aldea das Figueiras localízase unha completa edificación pacega, que recolle o conxunto de elementos que definen a este tipo de arquitecturas señoriais, ó estar provista de capela, pombal e ciprés. Trátase este pazo, xunto co de Tarrío (na parroquia de Xubial), os únicos que poden considerarse como tal no termo municipal de Melide, aínda que existen bastantes Casas Grandes con blasóns, pero que non respostan ós parámetros estruturais que definen un pazo, senón a casas solariegas. Neste pazo das Figueiras naceu o bispo Don Juan Varela Fondevila no ano 1721, e que finou no ano 1785. Este prelado foi bispo auxiliar do arcebispo compostelá Don Bartolomé De Rajoy y Losada (promotor do Pazo de Raxoi da Praza do Obradoiro). Ademais foi Xuiz Eclesiástico, Vicario Xeneral,  Xuiz Metropolitano e Bispo de Tanes. Este pazo tamén foi berce de Don Pedro Varela Fondevila, quen foi Alcalde e Xustiza Ordinario da cidade compostelá. Como refire Don Antón Taboada Roca no Terra de Melide, o pazo foi edificado en diferentes fases: "... O primitivo era de pequenas proporcións, a Capela constrúese no ano de 1777, ó parcer tamén nese ano lle engadiron o novo corpo da Casa. Do tempo de Don Saturnino Calderón son as derradeiras modificacións".  Do conxunto destácanse varias edificacións: a Casa do Pazo e o seu engadido (o referido por Taboada Roca); a Casa de servidume ou dos caseiros; o hórreo; a palleira; o pombal e sobre todo a súa Capela.  Da casa, artellada en dúas alturas e cunha planta en forma de T, sobresaen as súas pedras armeiras e a súa rexa cheminea. O máis destacado é o escudo situado no penal da fachada leste (a que se situa enfronte á Capela). É un escudo de grandes dimensións, en perfecto estado de conservación grazas a estar situado nunha parede resgardada das inclemencias do tempo. Aparece timbrado por un elmo de perfil mirando cara a dereita e está distribuído en catro cuarteis: no primeiro vese un anxo e dúas filas de tres flores de lis (emblema dos Fondevila); no segundo cinco varas verticais (apelido Varela); no terceiro un brazo de cabaleiro flexionado sostendo na man unhas ramallas ou espigas; e no cuarto unha aguia (apelido Aguiar). No esquinal dese mesmo lenzo, no ángulo surleste sitúase un reloxo de sol disposto en chaflán. Na fachada principal, orientada cara ó norte e aberta ó patio, ábrese a porta principal á que se accede mediante unha escaleira de deseño piramidal, composta de cinco chanzos moldurados. Sobre o lintel desta porta principal aparece unha pedra armeira rectangular que contén un anxo e seis flores de lis (do apelido Fondevila), e mesmo o lintel está provisto dun motivo decorativo consistente nunha venera sobre voluta. Na ampliación anexa situada cara ó oeste e en posición adianteda, pode verse entre as ventás do corpo superior, outro escudo timbrado por un elmo mirando de fronte, e artellado igua lque o anterior en catro cuarteis: no primeiro aparecen os escaques dos Ulloa; no segundo unha árbore (emblema dos Cordido); no terceiro tres flores de lis e tres varas en horizontal (do apelido Varela) e no cuarto unha pomba (dos Seixas). Artéllanse igualmente ó redor do patio a casa dos caseiros, un gran hórreo de 17 metros de longo situado a unha altura elevada sobre cepa corrida, aínda que na actualidade se amosa en estado ruinoso, ademais da palleira que se sitúa no extremo oeste cara ó Bocelo. A Capela tamén é un elemento sobresaínte no conxunto. Construída no ano 1777, en estilo Barroco por Don Juan Varela Fondevila, destaca polo seu frontis no que se pode apreciar a espadana dunha soa troneira para a campá, singularizada polo labrado das súas caras en bandas rebaixadas en vertical, e polo seu remate en forma de frontón triangular con aletóns traducidos en volutas e con pináculo esbelto coroado por unha cruz de ferro con veleta. E tamén no frontis pode distinguirse outro escudo de armas en mal estado de conservación, por causas da erosión. Correspóndese co escudo do bispo Varela Fondevila, que aínda a pesar da mala conservación, pode verse que se trata dun blasón moi elaborado no que aparecen os emblemas episcopais: capelo, borlas, cruz sobre unha coroa real e cuartalado cos apelidos Fondevila, Varela, man con ramallo ou espiga (apelido sen identificar) e por último Seixas. Na parte central superponse a estes o escudo de armas de Castela e León.  No interior destaca o seu retablo de estilo Neoclásico con oramentación Rococó, restaurado na década dos 90. E tamén son salientables as pinturas murais dos lenzos laterais, dende o retablo ata a tribuna, simulando telas de Damasco con decoración vexetal e sobre a imitación dun basamento de mármore. Xa por último cabe sinalar a presenza do pombal situado na parte traseira da Capela, en dirección surleste. No seu interior consérvanse en moi bo estado as celdiñas ou nidais realizados en lousas de gneis, distribuídas en reas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Taboada  Roca, Antón: "Notas Históricas", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Fonte do Arnao [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] A 200 metros ó sur das casas da aldea dos Ánxeles, seguindo por un camiño sen asfaltar, chégase ata unha pequena carballeira na que se localiza esta fonte de nome tan popular, que pode atribuirse a unha variante de lagarto, coñecida como lagarto arnal ou ferreño, que se tende a confundir co lagarto das silvas ou das silveiras (cuxa cabeza é de cor azul). Non se coñece se esta fonte tradicional ten asociado algún folclore específico vinculado a esta clase de reptís, tampouco se lle coñece ningún outro tipo de imaxinario relacionado con esta fonte. Os veciños refírense a esta fonte baixo dúas variables: Fonte do Arnao ou Fonte do Arnau. O que se pode deducir desta fonte é que se trata dun sistema de aproveitamento sinxelo, á par de práctico, das augas dun manancial superficial. Aparece situada na marxe dereita do camiño que atravesa a carballeira e acubillada ó pe dun noiro do terreo. Correspóndese cunha arquitectura moi básica consistente nunha pequena arqueta encastrada na base do noiro, á que lle colocaron unha cana oca para facer de cano de saída. As augas verquen nunha pequena poza delimitada por pedras rústicas dispostas en arco, para a continuación drenar por medio dunha canle situada ó pe do noiro lateral que cingue ó camiño. Os veciños dos Ánxeles indican que as augas da fonte son moi ricas, e que a xente adoita a ir por ela con regularidade, posto que é moi fresquiña no verán e morna nos meses de inverno (como tamén se dí das augas da Fonte de Roiríz na parroquia de Zas de Rei). Tamén compre indicar que a uns 45 metros da fonte en dirección oeste (cara a aldea), existe outra fonte que permanece seca parte do ano, e que ten a particularidade de que presenta pedras de lavar, situadas en posición inclinada, e que segundo os veciños a esta outra fonte tamén se lle coñece como Fonte do Arnao. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de San Salvador de Abeancos [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] Este cruceiro parroquial situábase orixinalmente nunha encrucillada nas inmediacións da igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos. Mais foi cambiado de ubicación para a entrada do novo cemiterio, entre o muro de peche e a pista asfaltada que leva ata a aldea. O cambio de emprazamento produciuse a partir dos anos 80, sendo colocado dunha maneira bastante desvirtuada sobre dúas moas de muíño, o que se traduce nunha apariencia anómala. Con todo trátase dun cruceiro harmónico en canto a proporcións e equilibrio compositivo, á par de estar provisto dunha boa feitura técnica, que o emparenta tipolóxicamente con exemplos situados noutras parroquias do Concello: Cruceiros de Santa María de Melide, Santa María de Campos e San Cosme de Abeancos, que Xosé Manuel Broz agrupa dentro dunha mesma tipoloxía (que el clasifica como "Tipoloxía C"), e que se realizan a finais do século XVIII e inicios do XIX, aínda que manteñen pautas propias dos estilos Renacentista e Barroco, producidos en séculos anteriores. Este cruceiro, ao igual que outros moitos desta comarca artéllase en catro partes ou elementos: basa ou pedestal, fuste ou vara, capitel e cruz. A basa, hoxe asentada sobre pedras de muíño, presenta forma troncopiramidal, no que se representan diversos atributos da paixón, moi erosionados, dificilmente perceptibles por ese feito e tamén por estar completamente colonizado por liques. O fuste ou vara é de deseño renacentista, provisto de estrías lonxitudinais, complementadas por boceis na metade inferior, evocando aqueles modelos producidos en séculos anteriores. O capitel é dun estilo derivado do composto, no que aparecen anxos de medio corpo e alados situados entre as volutas dos extremos.  A cruz correspóndese co elemento máis destacado, posto que está figurada en ambas caras. No anverso, mirando cara ó norte (ou cara á pista), aparece unha representación dun Cristo crucificado en baixorrelevo, coa cabeza ladeada cara á dereita e sobre el unha cartela cos extremos enrolados a modo de pergameo, na que orixinalmente aparecería o acrónimo INRI. No reverso aparece plasmada a Virxe na súa advocación da Inmaculada Concepción, coas mans en actitude orante. Sobre a imaxe inscribiuse o emblema mariano consistente nunha cruz sobre pedestal triangular ó que se lle superpón un M maiúsculo. No traveseiro da cruz gravouse a inscrición "Sin pecado original". Mais na actualidade ditos caracteres resultan practicamente ilexibles debido a factores erosivos e á proliferaciñon de liques. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa do Herdeiro [Parroquia] San Salvador de Abeancos [Descrición] No lugar de Eirexe, a escasos metros da igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos, localízase esta Casa do Herdeiro, un característico exemplo de arquitectura solariega que asimila pautas propias de edificacións pacegas erguidas en séculos anteriores. Esta casona foi edificada polo crego Don José Sampedro González, quen foi párroco desta freguesía, no ano 1865 (segundo recolle Xosé Manuel Broz en" Etnografía de Melide", 1995). Correspóndese cunha ampla edificación de planta rectangular,  artellada en dúas alturas e cuberta a catro augas con tella curva do país. O aparello da edificación consiste en cachotaría ben disposta, empregando elementos de canteiría en esquinais e marqueados de portas e ventás (xambas, linteis, soleiras e antepeitos). Mais na súa arquitectura destacan dous elementos fundamentalmente, a súa esbelta cheminea de planta cadrancular, provista de respiros e coroada por pináculos, e sobretodo polo seu corredor ou balconada, existente no piso superior da fachada que mira ó surleste, e que está sustentada por rexas ménsulas de canteiría moldurada. Destácase a varanda feita en madeira, e concibida en seis tramos entre os que se dispoñen unhas columniñas ou puntais atirantados ó teito, sendo tamén moi harmónicos os seus balaustres de madeira, de perfís moldurados.  Complementan esta noble edificación as súas edificacións adxectivas, destacándose o amplo hórreo de catro estremas, construído ó redor do ano 1900, emprazado sobre un banco ou muro corrido sobre o que se asentan os seus cinco pes de canteiría. Tamén destaca o muro de peche da eira e o seu portalón de acceso, ademais das palleiras con entrada cara a eira e con ventilacións cara á pista que bordea a propiedade. No centro do patio existe un pozo cadrangular con pilón adosado. O estado de conservación de conservación do inmoble e das súas edificacións complementarias é excelente. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa Grande do Ribeiro [Parroquia] San Xoán de Visantoña [Descrición] A Casa Grande do Ribeiro correspóndese cunha edificación pacega, de arquitectura moi equilibrada que conta con diversos elementos formais e estruturais moi ben conxugados. Con todo este inmoble atópase na actualidade en estado semiruinoso e practicamente oculto pola maleza (principalmente arbustiva aínda que algún arborado tamén arraigou na parte traseira da edificación). Compre sinalar que o estado de ruína xa ven dende moitos anos atrás, aínda que nos últimos tempos semella agudizarse polos severos danos que presenta a cuberta. Esta casona presenta unha planta en forma xeral en L, aínda que algúns dos seus complementos adxectivos (pendello no lateral oeste, patín de entrada no extremo suroeste e corredor na fachada norte), contribúen a conferir unha planta máis complexa, enriquecida pola adición de volumes espaciais. A edificación artéllase en dúas plantas, e os seus muros foron realizados en aparello de cachote  con esquinais, linteis e xambas en canteiría labrada. As cubertas dispóñense a diversas augas adecuadas á configuración xeral da planta e das edificacións complementarias que se integran nela. O tellado como é habitual na arquitectura desta comarca está realizado con tella curva tradicional. Entre os elementos sobresaíntes do inmoble destácanse tres fundamentalmente: o primeiro deles, é máis visible correspóndese cunha alta cheminea de planta rectangular realizada en cachote miúdo, coroada por pináculos moldurados, dos que aínda se conserva o central e máis elevado. Outro elemento destacable é o patín da entrada principal, situado como xa se apuntou, no extremo suroeste, que contaba cunha balaustrada de madeira; no muro que pecha a estrutura deste patín, ábrense uns ocos sobre unha ventá exterior lateral, que se corresponden coas aperturas dun pombal. Tamén destacaba o corredor ou solaina situada na segunda planta do extremo norte, ó que se accede por unha escaleira de pedra cuberta por un pendello anexo, a modo de porche. Outro elemento complementario a esta casa é unha capela situada a 30 metros da casa en dirección oeste-suroeste. Esta capela foi fundada no ano 1765 por Don Domingo Antonio Concheiro Bolaño, cura descendente desta Casa Grande do Ribeiro, e estaba dedicada á Virxe de Loreto (apuntes sacados do libro “Santiso na Terra de Abeancos” de Xosé Manuel Broz). Igual que a Casa Grande esta capela tamén amosa un avanzado estado de ruína, sendo aínda máis acentuado neste caso, posto que esta xa perdeu a cuberta por completo e a espadana derrubouse no inverno do ano 2002. Contaba cun retablo realizado en madeira sen policromar, e cun frontal de altar pintado, dos que aínda quedan restos en estado moi avanzado de deterioro, no interior da mesma. A capela presenta planta rectangular, dunha soa nave e arquitectura humilde, realizada en cachotaría con canteiría en portas, esquinais e ventás laterais, recebada polo interior e nos lenzos laterais exteriores, aínda que tamén semella que contou con enlucido na fachada. Esta Casa Grande do Ribeiro tivo diversos propietarios, pero en orixe pertenceu á familia dos Concheiro, do que descende o mencionado crego Domingo Antonio que funda a capela no século XVIII. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Núñez López, José: "A Casa do Ribeiro de Visantoña". Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de San Cristovo de Pezobre [Parroquia] San Cristovo de Pezobre [Descrición] Na mesma aldea de Pezobre aséntase a igrexa parroquial de San Cristovo, enmarcada nun amplo adro no que se ubica o camposanto e un dos dous cruceiros da parroquia. Correspóndese cunha sinxela edificación de planta rectangular e cun engadido no extremo norleste que se corresponde coa sancristía. Deste xeito o conxunto da súa planta conforma un L. A edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada, quedando o emprego de canteiría reservado para esquinais, portas, ventás e espadana. No seu exterior o máis destacado é a fachada oeste ou frontis, no que se abren a porta de acceso (de deseño alintelado) ademais dunha ventá sobre a mesma. O hastial aparece rematado por sobrepenas en cuxos extremos se dispoñen senllos pináculos decorativos, de formas xeométricas. Coroando este conxunto aséntase a espadana da igrexa, posiblemente o seu elemento máis característico. Presenta dous corpos: no primeiro ábrese unha troneira para a campá rematada en arco de medio punto. Este primeiro corpo aparece enmarcado por dous pináculos situados a ambos extremos, o que lle confire maxestuosidade. O segundo corpo correspóndese co ático da espadana, de deseño triangular e provisto dunha pequena troneira central e oca. Este corpo tamén se atopa flanqueado por dous pináculos e remátase mediante un frontón semicircular partido, en cuxo centro se sitúa o pináculo do cumio. O interior da igrexa está pavimentado con grandes lousas de canteiría, e cuberto con carpinteiría de madeira en tres planos. O arco triunfal, de medio punto carece totalmente de decoración, e aparece completamente recebado e encalado. Parte de dous machóns laterais coroados por senllas impostas molduradas das que arrinca a arcada. O retablo principal data de finais do século XVIII, é de estilo Clasicista con ornamentación Rococó e afortunadamente aínda está provisto da policromía e dourados orixinais. Destaca sobre todo pola súa ornamentación vexetal e elementos decorativos xeométricos de roleos en forma de volutas. Da mesma cronoloxía e estilo son os dous retablos laterais, que aparecen empotrados nos muros da nave; un deles dedicado á Virxe do Carme elevada sobre as ánimas do purgatorio, representada en altorrelevo; e o outro cunha imaxe da Inmaculada Concepción no camarín central. Son tamén destacables dous frontais de altar, un deles situado na predela do retablo principal, correspondente cun cordobán ou guadamecí de coiro repuxado con rica decoración vexetal, ademais dun segundo frontal, de madeira policromada con representacións vexetais e policromía acorde coa dos retablos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. [Cronoloxía] Séculos XVIII-XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Fonte da Nosa Señora de Novela [Parroquia] Santa María de Novela [Descrición] Moi preto da Igrexa parroquial de Santa María de Novela discorre un regato, afluente do Beseña ó carón do cal se ubica un pequeno muíño ou roucho (na marxe norte), e a fonte de Nosa Señora de Novela na marxe sur, a unha distancia duns 25 mt. ó noroeste do muíño. Na actualidade esta fonte apenas se pode ver por estar tomada polas silvas, aínda que se trata dunha fonte moi estilizada e esbelta. A fonte atópase situada nun recoveco comprendido entre un camiño e o rego, adaptándose ó desnivel do terreo.  Esta fonte foi realizada en orixe no ano 1879, a pesar de que sufriu reformas no século XX que lle fixeron perder a súa fisonomía orixinal e gracia, ademais de afeala coa incorporación de elementos en cemento e formigón.  Está composta por tres partes diferenciadas: Pináculo ou remate, pilastra ou corpo e pía. - Pináculo: consiste na parte máis orixinal e elaborada da fonte. Está realizado enteiramente en canteiría de granito e na súa base troncopiramidal aparece unha  inscrición realizada nunha caligrafía esmerada, na que figura a data de realización (1879) e o nome da fonte:                                           1879                                        FUENTE                                         D  N. S                                        NOVELA  Sobre a base se superpón un corpo moldurado con perfil de caveto, que serve de elemento de transición ó pináculo propiamente dito (cun inicio en forma de base cúbica, sobre a que se asenta unha pirámide estilizada rematada cunha especie de bola). - Pilastra: ou corpo é o elemento que sufriu máis modificacións recentes, posto que se introduciron elementos de cemento que o afean e desdín. Consiste nun corpo cúbico de caras lisas e esquinas en arista. Na parte inferior pode verse o aparello de canteiría labrada do mesmo, do que parte un cano de ferro sobresaínte polo que mana a auga, mentras que a metade superior aparece recebado con cemento, no que engadiron unha imaxe dunha Virxe en relevo (realizada mediante vaciado ou molde), de escaso valor artístico. Sobre a pilastra tamén se lle dispuxo unha sobrepena corrida de formigón, que lle resta dignidade ó elemento. - Pía: Tamén se pode corresponder cun dos elementos orixinais do século XIX. Trátase dun vaso realizado nunha soa peza en canteiría de granito, provisto de planta circular e perfil trapezoidal. No seu interior presenta unha base plana e un pequeno burato nun extremo para permitir a saída das augas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.                                             [Cronoloxía] Século XIX-XX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Castelo de Grobas [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] Entre a Capela da Santa Cruz de Grobas e a fraga que agocha a "Mina dos Mouros" atopámonos co emprazamento do desaparecido Castelo de Grobas ou do Iso (como tamén lle denomina Don Eduardo Álvarez Carballido). Correspóndese cun emprazamento moi ben definido, e provisto dunhas condicións defensivas moi óptimas polo cadrante noroccidental, posto que nese flanco se proxecta abruptamente sobre a fonda corta ou trincheira da antiga mina. Na actualidade pode verse con dificultade, debido á abundante vexetación, o outeiro que serviu de asentamento da torre. Este presenta unha planta poligonal cunhas medidas globais de 50x50 mt., e conta cunha croa interior dunhas dimensións de 24 mt. en sentido norte-sur e duns 25 mt. en sentido leste-oeste, a partir da cal se proxectan os terrapléns perimetrais que lle serven de defensa, e que se ve complementada pola existencia dun foxo artificial sito ó pé destes no cadrante suroriental. É probable que tamén houbese foxo na metade oriental, pero na actualidade estaría colmatado por traballos de acondicionamento de prados. No interior da croa pode verse entre as silvas un oco bastante grande que podería corresponderse con algún tipo de actividade extractiva. Con todo, algunhas informacións falan da presenza de restos de aparello e de alicerces de estruturas da antiga torre, pero que non resulta posible confirmar debido á abundante vexetación que oculta dito oco. Existen diversas fontes que falan deste castelo, tanto do "Interrogatorio do Pleito Tavera-Fonseca", como de distintos estudios posteriores coma o do Licenciado Molina "Descrición do Reino de Galicia" (1550), ou de Álvarez Carballido no boletín da Real Academia Galega (1910), entre outros moitos  (o que nun principio pode resultar unha vantaxe, aínda que na práctica da lugar a informacións en moitos casos contradictorias). As fontes documentais fan mención a que o castelo foi erguido polo Conde de Monterroso Don Munio Peláez durante o reinado de Alfonso VII, no século XII. Posteriormente é destruído polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez para evitar que a nobreza laica erguera fortalezas nos límites das terras do señorío compostelán (cuxos límites xurisdiccionais foran establecidos a modo de privilexio, pola Raíña Urraca, ó mencionado prelado). Segundo o investigador Álvarez Carballido sería a propia Igrexa de Santiago quen se encarga de reconstruílo, coa finalidade de utilizalo como elemento de protección xurisdiccional ó situarse no confín oriental do seu extenso territorio. Ese dato non resulta de todo claro, aínda que independentemente de quen o reconstruíse despois, legalmente o castelo pertencería á Mitra Compostelá, posto que o feito de derrocar un castelo vincúlase co dereito á súa posesión e á súa posterior reconstrucción, sempre que acontecese a partir do ano 1180, posto que ata esa data os arcebispos da Sé Compostelá carecen do dereito de edificar e dar licenza sobre fortalezas. Dos séculos baixomedievais tamén existe documentación moi interesante referida a este castelo, que xa se define con maior grao de precisión. É sabido que o arcebispo Don Juan García Manrique retira a Gonzalo Ozores de Ulloa a propiedade do Castelo de Grobas e o seu territorio, debido a deslealdades cometidas por este (posto que Gonzalo Ozores era leal a Pedro Enríquez de Castro, Conde de Trastámara), e que no ano 1402 o sucesor do primeiro, o arcebispo Lope de Mendoza rehabilita a propiedade da fortaleza ó citado cabaleiro, ademais de favorecer o matrimonio da súa sobriña Dona Leonor de Mendoza con Lope Sánchez de Ulloa, fillo de Gonzalo Ozores. Dedúcese por tanto que a Mitra Compostelá nalgún momento lle cede temporalmente o castelo e o seu territorio dependente á Casa de Ulloa para que o administre. Tamén ó longo dese convulso século XV dita propiedade pasa a mans de Martín Sánchez das Mariñas, segundo se deduce do Interrogatorio do Pleito Tavera-Fonseca, quen dende facía tempo e anos era o tenente de dita fortaleza e vasalaxe, posto que en dito pleito interrógase sobre se o arcebispo Alonso de Fonseca gaña e adquire para a Mitra a fortaleza cos seus máis de cen vasalos e vinte maravedíes de renda, mediante pago a Martín Sánchez das Mariñas. Existe disparidade de opinións respecto a se resultou derrocada na 2ª Revolta Irmandiña (entre os anos 1467-1469), pero en dúas visitas realizadas para auditar o estado da fortaleza ou Casa de Grobas, nos anos 1535 e 1544 aparece un tal Fernando de Aguiar como xuíz e merino da mesma, quen realiza a reparación de desperfectos producidos nela, xa que en ditas auditorías refírense  diversos danos (información obtida da publicación “El ocaso de las fortalezas compostelanas, visitas y tasaciones (1535-1547)” de César Oliveira Serrano). Ademais no 1524, dous anos antes do Pleito Tavera-Fonseca, aparece un listado das fortificacións da Mitra Compostelá no que consta que había armamento no seu interior, o que confirma que nese ano o castelo estaba habitado, e que o seu alcaide debía ser Juan de Espanaderos (como menciona César Oliveira Serrano, argumentando que desempeñou ese cargo antes do ano 1530). Para a elaboración desta ficha contouse co asesoramento de Carlos Galbán Malagón, doutor en Historia Medieval e especialista en castelos, ademais de publicacións de Don Eduardo Álvarez Carballido, de Don Ángel Rodríguez González, de César Oliveira Serrano, de Carlos Galbán Malagón e de Xosé Manuel Broz. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Castelo de Grobas". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.       [Cronoloxía] Época Medieval [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de San Xoán de Golán [Parroquia] San Xoán de Golán [Descrición] No Campo da Capela, ademais da Casa Grande de Golán, da familia Calderón, atópase a vella igrexa parroquial de San Xoán. Trátase dunha igrexa de pequenas dimensións que conta con interesantes elementos da súa fábrica orixinal románica (de finais do século XII ou principios do XIII), a pesar de que foi practicamente reedificada no século XIX. A igrexa conta cunha nave de planta rectangular e dunha cabeceira igualmente de planta rectangular, á que se lle adosa a sancristía no lateral norte.  A igrexa está realizada en aparello de cachotaría con elementos de canteiría nos esquinais, portas e ventás (todas elas alinteladas). Na fachada principal ademais dunha porta e unha ventá á altura da tribuna, tamén se ergue a espadana de realización recente e deseño bastante desafortunado, que conta cunha troneira para unha soa campá. O aparello dos muros está recebado e pintado de cor branca.  O máis destacado desta igrexa son os elementos da súa fábrica orixinal románica, que consisten: - Nun arco triunfal de medio punto lixeiramente peraltado e dobrado, constituído por doelas carentes de decoración. Dita dobre arcada está sustentada por senllas impostas, moldurada a exterior e con decoración de billetes a interior. Baixo a imposta exterior dispóñense unhas pilastras provistas de capiteis con decoración vexetal (follas lobuladas e con sucesión de bolas en cadea no nervio central), sobre fustes monolíticos de sección circular (exentos e adosados ós machóns das xambas laterais). Os fustes descansan en basas de perfil ático con garras no ángulo exterior e con decoración dentada (a do lado esquerdo), e apoiadas ambas sobre plintos lisos. - Unha porta de acceso á nave no lenzo sur, que aínda que foi reformada polo exterior convertíndose nunha porta alintelada, polo interior conserva a súa estrutura orixinal de deseño en arco de medio punto formado por cinco doelas. - Tamén é de destacar un conxunto de seis canzorros situados no lenzo sur da ábsida, con decoración de nacelas e follas nervadas que envolven bolas. No interior da igrexa existen dous retablos de estilo Neoclásico de mediados do século XIX.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide: San Xoán de Golán". Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.       [Cronoloxía] Século XIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Petróglifo de Vilares [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Este petróglifo xunto co da Pena Ferrada, igualmente situado no Concello de Toques, son os dous únicos exemplos deste tipo identificados, ata o momento  na Terra de Melide, aínda que a  morfoloxía, soporte e temática de ambos é moi dispar. Este petróglifo  de Vilares é bastante chamativo, posto que se corresponde cun chanto ou bloque de granito reutilizado no aparello dun valado de contención de terras dun prado, estando colocado en vertical, e servindo de reforzo da estrutura.  Polo tanto vese que se corresponde cun elemento mobilizado, cuxa procedencia orixinal é descoñecida, que podería tratarse dun fragmento dun panel realizado nun soporte granítico aflorante. Na actualidade resulta difícil de visualizar por mor da abundante vexetación que oculta dito muro de contención do noiro. En todo caso cando estaba algo máis despexado de maleza, puídose comprobar o seu ancho de 1,27 mt., unha altura de 1,18 mt. visibles, posto que se descoñece canta superficie da pedra está fincada no terreno. Igualmente se descoñece o grosor do bloque. A súa cara externa presenta unha superficie de tendencia alombada, aínda que conta cun frente máis ou menos aplanado no que se desenvolven os motivos, consistentes nun total de alomenos 28 coviñas e cazoletas de distribución máis ou menos coidada, sen poder determinarse a súa intencionalidade. En todo caso descoñécese se pode haber máis destes motivos na parte soterrada da pedra, que probablemente conte con mái, posto que algunha das visibles está case a rentes de chan. A dimensión dos motivos circulares vai comprendida entre os 3 e os 8 cm de diámetro. En todo caso cunha fondura escasa, entre 1 e 2,5 cm. Non se trata dun petróglifo especialmente destacado, pero conta con moita importancia debido a escasez deste tipo de representacións insculturadas rupestres na comarca Terra de Melide. BIBLIOGRAFÍA: - Vázquez Neira, Cristina: "Estudos sobre a arqueoloxía de Melide: O petróglifo de Vilares". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Petróglifos na Terra de Melide", artigo publicado no blog do Museo http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo 2018.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Pontellas dos Muíños de Trasmundi [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] O río Catasol (afluente do Furelos) amosa un excepcional valor paisaxístico e patrimonial, posto que conta nos seus dez kilómetros de percorrido cunha ampla densidade de muíños, pontellas e pasais, supoñendo un conxunto etnográfico que amosa á perfección a singularidade da arquitectura tradicional da Terra de Melide. Este río de escaso caudal nos meses estivais, pero que o incrementa de maneira exponencial coas enchentes, debido á estreitura do seu cauce, determinou que se "domesticase" o seu curso mediante presas e canles para o establecemento de muíños, ó tempo que provocou a realización de pasos para poder vadealo. Exemplos deste tipo de arquitectura de paso son as cinco pontellas relacionadas cos dous muíños de Trasmundi, dúas delas construídas para atravesar o río e as tres restantes, para cruzar as canles de saída de augas dos dous rouchos. A primeira delas sitúase augas abaixo do Muíño de millo (tamén coñecido como Muíño de Abaixo ou roucho de Abaixo), sobre a canle de saída de augas do rodicio. Consiste nunha arquitectura sinxela, pero o suficientemente ancha para poder atravesala cun carro. Consta de catro lousas colocadas "de par" e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento da canle, estando apoiadas en senllos estribos corridos que serven de delimitación das marxes da gabia. A segunda ponte xa conta con maior porte, e sitúase máis próxima ó Muíño de Abaixo, aínda que neste caso realizouse para salvar o cauce do río. Esta estrutura consta de dous tramos diferenciados, posto que se adapta á singularidade deste treito do río, en cuxo centro se atopa unha pequena insua. O primeiro tramo, o da marxe leste, está constituído por dúas grandes laxes dispostas en liña, estando apoiadas en senllos estribos e nun piar central de cachotería rústica. O seguinte tramo, do lado oeste, só conta cunha gran laxe para facilitar o paso, que se desenvolve na mesma liña ou eixo que as dúas do tramo anterior. O tramo intercalado entre ambas partes da pontella, na zona da insua, está pavimentado moi rústicamente con pedras imbricadas e actualmente bastante descolocadas. A terceira das pontellas xa se atopa nas inmediacións do Roucho de Arriba (ou de trigo), sobre a canle de saída de augas do mesmo. O estado de colmatación con terra e herba impide distinguir con claridade a súa estrutura, pero pode verse con todo que conta cunha gran laxe que cruza a gabia perpendicularmente, e que ademais a superficie presenta pedras pequenas dispostas en plano a modo de calzada. A continuación da pontiga, na súa marxe oeste, aparece unha pequena represa para darlle saída ás augas en caso de enchente. A cuarta pontella sitúase igualmente nas inmediacións do Muíño de Arriba, entre este e a quinta pontella (que cruza novamente o río Catasol). Serve para cruzar un rego artificial. Está constituída por grandes laxes colocadas "de par" e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento do rego.  A terra e a herba que a cubre dificulta poder ver de cantas pedras está composta, pero pode verse que son de boas dimensións e que van apoiadas nuns estribos de cachotaría de desenvolvemento curvilíneo. A última das pontes, como xa se dixo, serve para salvar o río Catasol. Trátase dunha estrutura sólida á par de sinxela, cuxo taboleiro está conformado por grandes laxes, moi alongadas e colocadas "de par" con disposición perpendicular ó curso do río. Ditas lousas de paso tamén se apoian en estribos de cachotaría embebidos nas marxes do río. Neste caso aparece bastante descoidada, posto que sobre a zona de paso verteuse entullos de construción, principalmente tellas dalgunha edificación. Vemos por tanto que ademais dos dous muíños, existen outras estruturas concibidas para "domesticar" ó río Catasol, e que constitúen un conxunto de arquitectura popular moi interesante e singular. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa parroquial de San Pedro de Folladela [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Esta igrexa parroquial é un dos mellores expoñentes do barroco rural da Terra de Melide.  Trátase dunha edificación de planta de cruz grega, cunha nave con desenvolvemento lonxitudinal en sentido oeste-leste, cunha sancristía conformada como unha capela lateral no brazo norte e cunha segunda capela lateral no brazo sur fundada no ano 1704 polo Sarxento Maior Don Alonso de Ponte y Andrade.  O presbiterio está máis elevado que o conxunto da edificación. A arquitectura está edificada con aparello de cachotaría aínda que os esquinais, aleiros, xambas, linteis, espadana e pináculos son de canteiría de granito moi ben labrada e escadrada. Na fachada ou frontis ábrese a porta de entrada de deseño alintelado. A espadana é moi ancha e bastante achatada. Conta con dúas troneiras para campás con arcadas de medio punto, unha cornixa moldurada que serve de asento dun frontón de perfís curvilíneos, sobre o que se erixe unha cruz de ferro de forxa e que vai flanqueado por senllos pináculos. Destácanse igualmente na fachada dous pináculos situados sobre os aletóns da cuberta, que conta con formas xeométricas que manteñen analoxías co barroco de placas compostelán. Na fachada principal, no ángulo suroreste pode verse disposto en chafrán, un fermoso reloxo de sol con estilo de ferro para marcar as horas solares. No marqueado dispóñense a numeración das horas e a data de elaboración ou colocación do reloxo na igrexa ("Año de 1778"). No interior destaca o arco triunfal de medio punto sustentado por impostas molduradas. O arco que da acceso á capela lateral do lado sur tamén se abre á nave mediante un arco de características  semellantes ó triunfal. O retablo principal é de deseño neoclásico aínda que presenta elementos decorativos de estilo rococó. Pode estar datado na segunda metade do século XVIII. No camarín central amósase a imaxe da Virxe do Pilar do século XIX, flanqueada por unha imaxe de San Pedro (patrono da parroquia) e de San Francisco de Asís, ubicados nas rúas laterais. Tamén e de destacar o retablo de San Xosé de estilo barroco de estípites (columnas en forma de pirámide invertida). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Principios do século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Folladela [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Este cruceiro emprázase nunha encrucillada de camiños nas inmediacións da Igrexa parroquial de San Pedro de Folladela. Entre ambos camiños prodúcese un desnivel significativo o que condiciona o asentamento do cruceiro, que se solventa mediante unha plataforma de tres chanzos adaptada á pendente. Sobre dita plataforma descansa o pedestal ou basa do mesmo de feitura troncopiramidal, en cuxas caras presenta restos dos atributos da paixón de Cristo en mal estado de conservación produto da erosión. Neste pedestal insírese o fuste ou vara de sección circular, que segue patróns renacentistas posto que presenta estriados lonxitudinais con boceis remarcados na metade inferior.  O capitel é derivado do composto con follas de acanto na parte inferior, e con volutas na superior entre as que se intercalan cabezas de anxos. A cruz é de deseño lineal, recrucetada polas dúas caras e carente de figuración, aínda que na cara sur presenta unha cartela na parte superior coa inscrición INRI, o que induce a pensar que dita cara foi concibida para a incorporación dun Cristo crucificado. O cruceiro conta con diversos elementos de ferro para a reparación de fracturas e fixación dos elementos. Conta cunha argola na parte superior do fuste na transición co capitel, dunhas grampas na coroación do capitel e tamén nun dos brazos da cruz. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XVII-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Mina de Grobas ou Mina dos Mouros [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] Entre a Casa Grande de Salgado e o antigo emprazamento do Castelo de Grobas, atópase unha ampla extensión de bosque autóctono, un dos mellores conservados da Terra de Melide, no que proliferan abundantes árbores autóctonas caducifolias (carballos, castiñeiros, especies ripícolas) e mesmo un bo número de acivros. Esa fraga agocha no seu corazón, unha enorme depresión orográfica que foi interpretada de diferentes maneiras, tanto como unha grande cárcava ou cavorco natural producida pola erosión das augas, coma unha defensa artificial do castelo de Grobas, a modo de grande e extenso foxo, ou coma unha explotación mineira. Analizadas todas as informacións dispoñibles, o máis probable é que se trate dunha explotación mineira antiga, a xulgar por distintos aspectos:  - En primeiro lugar hai que considerar ese topónimo tan determinante, o de Mina dos Mouros, que foi recollido polos arqueólogos que elaboraron o catálogo para o PXOM de Melide (pendente de aprobación), e que trasladaron ó Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Dese xeito considerouse que dita depresión se trata dun accidente producido de xeito artificial, e interpretada como unha corta de minado para extracción de mineral. - Nos mapas de pendentes da Xunta de Galicia (LIDAR) e no do IGN (IBERPIX), pode verse claramente o relevo accidentado desta corta ou trincheira, ademais de distinguirse outras máis nas cercanías, na propia parroquia de Grobas, e nas veciñas de Baltar e Golán, nesta última aprécianse trincheiras en forma de lúnula. Que parecen asociarse a unha destacada proliferación de Castros na zona.  - O erudito melidao Don Eduardo Álvarez Carballido, nun traballo publicado no Boletín da Real Academia Galega no mes de decembro de 1910, refírese nos seguintes termos: "...la  parroquia de Grobas de terreno muy accidentado, se halla sembrada en toda su extensión de barrancos y profundidades, (...) producen el convencimiento de que muchas de estas evidencias son debidas a la mano del hombre (...) se confirma esta opinión al encontrar una serie de antiguos subterráneos en forma de largas y estrechas galerías, que tanto pudieron ser caminos abiertos del Castillo de Grobas, (...) o explotación de filones metálicos. (...). Las numerosas depresiones en forma de canal están cubiertas de vegetación que desfigura su trazado. El paso de los años transformó en colinas, al parecer naturales, los montículos de tierra extraídos artificialmente. (...). Fala tamén Don Eduardo dunha grande cova natural na que se aprecian nas paredes e o teito  venas de seixo ¿Será esto en unión con algunos grandes filones de cuarzo que se observan en la inmediaciones (mineral que como es sabido forma parte de las gangas metalíferas, especialmente los criaderos de oro y estaño), indicio de que en tiempos desconocidos se explotó alguno de dichos metales?(...).". Nese senso, compre indicar que no veciño Concello de Arzúa están inventariadas, un bo número de explotacións mineiras de época romana, ó parecer de explotación de estaño, sen descartarse que puideran ser auríferas. A "mina" da Carballeira de Grobas disponse lonxitudinalmente en sentido oeste-norleste (tendo como remate o emprazamento do Castelo de Grobas). Ten uns 460 metros de longo, por  30 metros de ancho medio, e cunha profundidade moi destacada, superior ós 20 metros nalgúns puntos. Cara ó oeste presenta unha interrupción duns 300 metros, treito no que posiblemente esté colmatada, nos que se ubica a Casa Grande de Grobas e terras de labor, continuando de novo dita corta noutro longo treito duns 400 metros, que remata na marxe oriental do río Iso, na que drenaría dita trincheira. [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Muíño de Abaixo de Trasmundi [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] Os dous muíños de Trasmundi, xunto ás súas pontellas e canles, constitúen un conxunto de arquitectura popular de alto interese etnográfico, á par de natural, situado no curso medio do río Catasol. Existen dous pequenos muíños ou "rouchos", un para a moenda de trigo (Muíño de Arriba) e o outro para a moenda de millo (Muíño de Abaixo). O Muíño de Abaixo é o máis pequeno dos dous, aínda que a súa arquitectura é bastante semellante ó de Arriba. Consta igualmente dunha edificación dunha soa planta realizada en aparello de cachotaría rústica moi ben disposta, aínda que un esquinal está refeito con bloques de formigón, o que afea algo á edificación ó igual que un engadido polo oeste, realizado neste caso en ladrillo e nun precario estado de conservación. O tellado do roucho disponse a dúas augas e vai cuberto con tella curva do país. A porta de acceso ó tremiñado sitúase na fachada norte, e nunha das súas xambas (a da dereita) poden verse gravadas cruces de protección para esconxurar meigallos que puidesen estragar a moenda. Tamén no extremo norte disponse a canle de abastecemento de auga, de desenvolvemento moi alongado e disposta en ladeira, que remata nun pequeno pozo, que neste caso se corresponde cun ensanchamento da gabia, compartimentado e paredado, e do que parte unha canle en pendente para abastecemento de auga ó rodicio. No interior do muíño (ou tremiñado) consérvase toda a maquinaria da moenda do millo, que aínda está en funcionamento, ó igual que no Muíño de Arriba (ou de trigo) o que lle outorga un interese engadido manifesto, posto que é dos poucos muíños existentes na comarca que segue en uso. Na marxe sur da edificación pode verse o inferno que ven a ser o espazo que acolle ó rodicio, que está en perfecto estado de conservación posto que aínda está en funcionamento, e tamén a canle de saída das augas que vai desaugar no río Catasol. Estes dous muíños foron construídos por Antonio Varela Espiño, e hoxe segue a moer Jesús Montero, un descendente en terceira xeración, que aínda continúa coa actividade para non deixar que se perda o oficio e a tradición familiar.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Casa do Foro [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] Esta arquitectura é un claro expoñente de edificación solariega concibida como vila de recreo ou «artefacto de recreo» (como se menciona no libro "Arquitecturas da provincia da Coruña", realizado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña).  Neste caso asistimos a un modelo de arquitectura de estilo Ecléctico no que se procura un deseño equilibrado e harmónico, á par de estético.  Consiste nunha pequena edificación de planta cadrangular, de 15x15 mt. e artellada nunha soa planta, e con cuberta a tres augas con vertentes escasamente pronunciadas. Destácanse varios elementos suntuosos que lle confiren certa maxestuosidade a pesar das escasas dimensións da edificación.  Na fachada principal, cara ao oeste, ábrese unha porta situada nun plano elevado respecto ao nivel do chan, e para salvar dito desnivel dispúxose unha escaleira ornamental de seis chanzos e con derrames cara aos lados, «en abano», e cunha varanda noble de canteiría e con balaustres moldurados. Esta fermosa escaleira aparece flanqueada por dous pares de cipreses, para enmarcala e outorgarlle maior dignidade. Tamén é de destacar a galería que percorre toda a fachada sur, continuando en parte pola fachada principal. Na fachada posterior existe un segundo acceso á vivenda situado igualmente nun plano máis alto, polo que tamén se impuxo a necesidade de realizar unha segunda escaleira de acceso, neste caso máis funcional que suntuosa. As fachadas que pechan a edificación, excepto a sur que é a da galería, están recebadas e encaladas, deixando á vista os elementos de canteiría que enmarcan portas, fiestras e esquinais. A edificación está inmersa nun xardín ornamental, no que destaca unha palmeira moi elevada, que parece indicar a posición social da propiedade. A finca está enteiramente cercada por unha tapia e nela tamén se integran diversas edificacións adxectivas para usos complementarios de servidume, ademais dun hórreo de grande desenvolvemento lonxitudinal. Asistimos por tanto, a un característico modelo de arquitectura concibida como vivenda de uso residencial secundario, para aproveitamento en tempos de lecer, no que se conxugan estética, funcionalidade e a procura da abstracción da realidade cotiá. BIBLIOGRAFÍA: - "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007.   [Cronoloxía] Finais do século XIX - principios do século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Muíño de Arriba de Trasmundi [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] Os dous muíños de Trasmundi, xunto ás súas pontellas e canles, constitúen un conxunto de arquitectura popular de alto interese etnográfico, á par de medioambiental, situado no curso medio do río Catasol. Existen dous pequenos muíños ou "rouchos", un para a moenda de trigo (Muíño de Arriba) e o outro para a moenda de millo (Muíño de Abaixo). O muíño de arriba é o máis grande dos dous, presentando unhas medidas de 6 mt. de longo por 4,50 mt. de ancho. Consta dunha edificación dunha soa planta realizada en aparello de cachotaría rústica moi ben disposta, aínda que unha parte está refeita con bloques de formigón, o que afea á edificación. O tellado disponse a dúas augas e vai cuberto con tella curva do país. No extremo norte disponse a canle de abastecemento de auga, de desenvolvemento moi alongado que remata nun pozo ou cubo de entrada de auga, no que asemade se atopa unha pedra ou mesa de lavar, polo que dito pozo serve tanto de acumulador de caudal coma de lavadoiro. No interior do muíño (ou tremiñado) poden verse toda a maquinaria da moenda en bo estado de conservación, tanto que aínda está en funcionamento, o que lle outorga un interese engadido manifesto, posto que é dos poucos muíños existentes na comarca que segue en uso. Na marxe sur pode verse n interior do "inferno", o rodicio do roucho en perfecto estado de conservación, posto que aínda desenvolve o seu cometido orixinal, ademais da canle de saída das augas.  Outro aspecto característico deste tipo de edificacións é a presenza de cruces de protección gravadas nas portas de entrada ó muíño, para arredar ó meigallo que podería estragar a moenda. Neste caso podémolas ver representadas nas xambas da porta lateral (situada no lenzo norte). Estes dous muíños foron construídos por Antonio Varela Espiño, e hoxe segue a moer Jesús Montero, un descendente en terceira xeración, que aínda continúa coa actividade para non deixar que se perda o oficio e a tradición familiar. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Capela de San Antonio de Trasmundi [Parroquia] San Tomé de Castro [Descrición] Esta pequena capela situada na aldea de Trasmundi atópase en estado de abandono e precariedade. Correspóndese cunha sinxela edificación fundada no ano 1782 por Andrés Rodríguez Villanueva, veciño da aldea que tamén foi propietario da casa con patín situada ó carón da capela. Trátase dunha construción de planta rectangular cunha porta principal de acceso no oeste e cunha segunda entrada no lenzo sur, no que tamén se abre unha ventá de dobre derrame. Está realizada en aparello de cachotaría recebada nos lenzos dos extremos e enfoscada nos lenzos laterais. Nos esquinais os aparellos son de canteiría.  A portada principal de deseño sinxelo, conta ademais dunha porta de entrada alintelada, á que se accede mediante unha escalinata de seis chanzos, dunha ventá sobre ela e dunha espadana cunha soa troneira para unha campá.  O muro leste, ou do testeiro, é cego e está rematado por unha sobrepena de canteiría e coroada por unha cruz de pedra de deseño florenzado e carente de figuración. No interior existe un retablo de estilo Neoclásico (de finais do século XVIII),  repintado e en mal estado de conservación, que acolle ás imaxes de San Antonio de Padua e un Neno Xesús (ambas do século XIX). Tamén no interior se dispón unha tribuna de madeira a modo de balconada con balaustres lisos de sección cadrada. O armazón do teito está realizado con tercios e puntóns de madeira, que serven de entramado dos tablóns de asento das tellas. Este armazón está encalado, pero presentando un alto índice de deterioro. O estado de conservación desta capela é bastante precario, posto que os lenzos murarios están invadidos por hedra, os recebos exteriores presentan desconchóns, as fiestras carecen de cristais e o tellado ten moitas tellas movidas e fracturadas, o que fai que entre a auga no interior da capela e que ademais se esté deteriorando de xeito acelerado o armazón de madeira da cuberta. O retablo tamén presenta  igualmente un acusado estado de desperfecto. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Marco de termo do Corisco [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Este marco de termo emprázase no límite da parroquia de Santa María de A Capela, nas proximidades do Alto do Corisco e nas inmediacións do Camiño Real do Bocelo (que une Melide e Boimorto con Sobrado dos Monxes a través de Toques). Correspóndese cun emprazamento "fronteirizo", posto que nesa zona ubícase a divisoria entre os concellos de Toques e Sobrado dos Monxes, e tamén das parroquias de Santa María da Capela e San Paio de Paradela (ambas en Toques). Vemos por tanto como esta parte da serra serviu de zona de tránsito histórica e tamén de límite territorial. Este enclave conta cunha especial relevancia coma confín de termos territoriais, xa que non só existe este marco, senón que tamén hai unha cruz de termo gravada nun afloramento situado a uns 80 mt. ó nor-norleste deste marco. Tamén no Catastro de Ensenada (ano 1752), no Interrogatorio de Santa María da Capela, refírense os fitos delimitadores da mesma, nos que se inclúen o Alto do Corisco e o Camiño Real do Bocelo, xunto a outros referentes cercanos. Este marco atópase na marxe sur do camiño que dende a estrada de Melide a Sobrado leva ata as aldeas de Castro de Lobos  e a Moruxosa (Toques), en pleno parque eólico do Bocelo. Trátase dun monolito de granito moi tosco, cunha feitura amendoada con coroamento redondeado. A súa cara frontal é de tendencia aplanada, pero o seu reverso é máis irregular e imperfecto. Na súa superficie non se observan cruces de termo gravadas, nin tampouco caracteres gráficos. As medidas visibles son de 98 cm. de alto, por 1 mt de ancho e uns 50 cm. de grosor. Na actualidade carecemos de documentación e de información oral respecto a este marco, polo que non podemos precisar de que sería delimitador, pero a súa proximidade á Cruz do Corisco induce a pensar que poden ser límites entre as parroquias de Santa María da Capela e San Paio de Paradela, ou dos termos municipais de Toques e Sobrado dos Monxes.   [Cronoloxía] Idade Moderna? [Estado de conservación] Bo [Tipo] Marco e cruz de termo ---------------------------------------- [Elemento] Cruz do Corisco [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Esta cruz de termo emprazada entre as parroquias de Santa María de A Capela e San Paio de Paradela, correspóndese cun delimitador territorial, con función de marco, situado nas proximidades do Alto do Corisco, e nas inmediacións do Camiño Real do Bocelo. Coñécese a súa ubicación exacta gracias ás información do arqueólogo Enrique Álvarez Veira, aínda que a súa localización era coñecida polos veciños de maior idade das aldeas cercanas (Castro de Lobos e A Moruxosa). Trátase dunha cruz gravada nun afloramento de granito de forma redondeada e escasamente sobresaínte do terreo, cuxas medidas son de 2,30 m. en sentido norte-sur e de 1,50 m. visibles en sentido leste-oeste, aínda que a rocha continúa baixo a capa de musgo e manto arbustivo. O motivo cruciforme atópase insculturado no extremo leste da peneda, aínda que resulta difícil de ver se as condicións de luz non son adecuadas, polo desgaste producido pola erosión e pola presencia de líquens nos seus trazos (factores que denotan a súa antigüidade). A cruz é tipo latina cos extremos engrosados, e os seus paus miden 11 e 14 cms respectivamente, sendo o ancho dos sucos duns 3 cms, e o fondo apenas sobrepasa o centímetro. No Catastro do Marqués da Ensenada do ano 1752, no Interrogatorio da freguesía de Santa María da Capela, aparecen mencionados os límites do termo parroquial e cítanse entre outros ó Camiño Real do Bocelo e o Alto do Corisco, polo que esta Cruz de Termo podería estar en relación cos límites entre dita parroquia e a limítrofe (San Paio de Paradela). A uns 80 mt. ó sur-suroeste tamén existe un marco de termo, carente de cruces, pero que igualmente actuaría como delimitador territorial. [Cronoloxía] Idade Moderna? [Estado de conservación] Regular [Tipo] Marco e cruz de termo ---------------------------------------- [Elemento] Mámoa 1 da necrópole de Monte Grande ou do Grupo Richinol. [Parroquia] San Martiño de Moldes [Descrición] Esta mámoa ou túmulo prehistórico é un dos exemplos deste tipo máis cercanos á vila de Melide, xa que tan só dista 1,81 km dende o Cruce de Melide e somentes a 200 metros ó surleste do campo de fútbol municipal. No Terra de Melide elaborado polo Seminario de Estudos Galegos o prehistoriador Florentino V. Cuevillas xa fai mención á necrópole do Rechinol, referindo que estaba conformada por tres mámoas (das que na actualidade somentes se conservan dúas). Este túmulo resulta fácilmente identificable, a pesar de estar totalmente cuberto por mesta vexetación de monte baixo, principalmente de toxos. Conta cunhas dimensións duns 20 metros de diámetro e cunha altura de 1,80 metros. No centro presenta un cono ou cráter de violación, que non resulta visible na actualidade debido á abundancia da vexetación. Pola súa marxe oeste discorre o trazado da vella estrada de Agolada, cuxa calzada se atopa nun plano bastante máis baixo (semella que cando axustaron o noiro lateral da estrada se rebanou parte da base do túmulo). A segunda das mámoas conservadas da necrópole pode verse por detrás dun aserradoiro de madeira, aínda que o seu perfil resulta bastante raro pola súa forma “picuda” motivada por aportes de terra e entullos. BIBLIOGRAFÍA: - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] 3500-2200 a.C. [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Capela da Santa Cruz de Grobas [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] Na parroquia de Grobas sitúase un fermoso conxunto que lembra os vellos tempos de romerías e cultos, que se celebraban con motivo de solemnidades relixiosas. Nun escenario moi próximo ó asentamento do antigo Castelo de Grobas, consérvase unha espectacular e extensa carballeira de plantación ordeada, de forma rectangular alongada, que abarca unha superficie de algo máis de 1 hectárea. Esta carballeira está constituída por once ringleiras de carballos dispostas en paralelo, entre as que discorre un camiño de terra que a atravesa lonxitudinalmente, e na actualidade está atravesada tamén, en oblicuo, pola pista asfaltada que vai dende Baltar ata Orois. Na parte máis elevada da carballeira, situada no extremo norte, érguese a Capela da Santa Cruz, construída no ano 1907. Correspóndese cunha sinxela edificación de planta cadrada cuberta a catro augas. O exterior é moi austero, caracterizado por lenzos lisos, recebados e encalados agás na parte inferior nos que se ve o aparello de cachotaría, ademais dos esquinais feitos en canteiría. Conta cunha pequena porta de acceso, aínda que orixinalmente abríase ó exterior por medio dun gran arco (actualmente tapiado). Sobre a fachada principal disponse unha pequena espadana dunha soa troneira para acoller á campá.  No interior pode verse un pequeno retablo barroco anterior á capela (polo tanto vese que foi reaproveitado doutra igrexa, posiblemente da desaparecida de Grobas ou da vella de Baltar). Dito retablo fai de escenario de fondo dunha cruz de madeira que fai lembranza dunha misión pastoral dos P.P. Pasionistas. Na cruz aparecen representados os elementos máis característicos da paixón de Cristo: tres cravos, unha cartela en forma de pergameo coa inscrición INRI, unha coroa de espiñas rodeando o escudo da congregación dos Pasionistas, unha pértiga con esponxa, unha lanza, un martelo, unhas tenaces, un cáliz coa forma sagrada, un flaxelo, unha escada e unha calivera sobre dúas tibias cruzadas. Na base da cruz aparece a inscrición "RR. PP. PASIONISTAS/2 DE MAYO DE 1907".  Esta é polo tanto unha das capelas que lembran as misións pastorais predicadas polos Padres Pasionistas, e nas que se venera a Santa Cruz, cuxa festividade é o 3 de maio. Na Terra de Melide existen outras seis capelas deste tipo, que nos dan testemuña da importancia deste tipo de misións e prédicas, que se desenvolveron ata ben avanzado o século XX. Ó carón da igrexa ubícase un cruceiro de recente realización, asentado sobre un penedo no que tamén houbo outra cruz de madeira froito doutra misión. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Cristo de Grobas". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Casa Grande de Grobas [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] Este pazo ou casa grande só se pode contemplar dende o exterior, posto que se atopa no interior dunha propiedade pechada por unha cerca elevada. Correspóndese cun inmoble de estilo pacego complementado por diversas edificacións adxectivas, para proveito da casa (hórreo, pombal, palleiras,...). A edificación principal correspóndese cun rexo edificio con planta en U, sendo o corpo sur o máis volumétrico, disposto en dúas alturas e cuberto a varias augas. Destácase a fachada sur realizada principalmente con aparello de cachotaría, aínda que o lateral correspondente á zona da cociña foi feita con aparello de perpiaño, destacándose a monumental cheminea que coroa ese tramo, polo interior traducida nunha monumental lareira alintelada. No andar inferior dispóñense pequenas fiestras situadas a gran altura para ilumincación de cortes e zonas de servizo, mentras que no superior as ventás son máis amplas para darlle maior luminosidade a zona residencial, posto que se corresponde coa zona de habitacións e salóns. Tamén na fachada exterior oeste se abre un balcón suspendido. Na parte traseira é moi destacado o hórreo de sete estremas (tramos), aínda que tres delas correspóndense cun engadido posterior, sendo por tanto un dos meirandes da Terra de Melide. A estrutura do hórreo descansa sobre pes en forma de prisma rectangular realizado con perpiaños de canteiría (tipoloxía máis propia da zona do Ulla que desta comarca). Na eira tamén, atópase un pombal de planta circular. Na muralla de peche da propiedade existe un escudo dos Varela procedente en orixe da casa do Ribeiro de Baltar. Dita pedra armeira constitúese por un óvalo, compartimentado en catro cuarteis que descansa sobre unha cabeza dunha figura alegórica e é coroado por un elmo que mira cara á dereita. Todo elo superposto a un fondo de pergameo. No primeiro dos cuarteis aparecen tres flores de lis dispostas en triángulo que representan a linaxe dos Varela; no segundo aparece unha torre ameada; no terceiro vense cinco varas, tamén da linaxe dos Varela; e no cuarto unha roda dentada e seccionada pola metade que se corresponde co atributo de Santa Catalina de Alexandría. Pegado ó portalón de entrada á propiedade pode verse unha estrutura en forma de torre ameada, de edificación relativamente recente, que non se corresponde coa fábrica orixinal, polo que non é preciso incidir moito na descrición da súa fábrica. Esta casa foi propiedade de Don Manuel Codesido Veis, casado con Dona Nicolasa Prego de Montaos, era licenciado en xurisprudencia, deputado provincial e cabaleiro da Real Orde de Carlos III, finou nesta casa no ano 1879. Actualmente o inmoble pertence á familia Salgado, descendentes en cuarta xeración do matrimonio citado.  Da mesma casa é propiedade a carballeira de Grobas, unha grande extensión de bosque autóctono con carballos, castiñeiros, bidueiros e acivros, sita entre o pazo e o antigo emprazamento do Castelo de Grobas, propiedade da Mitra Compostelá (derrocado polos Irmandiños). No interior da fraga existe unha enorme carcova que todo apunta a que se trate dunha antiga mina romana. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Idade Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte do muíño de Traspedra [Parroquia] San Cosme de Abeancos [Descrición] O río Catasol (afluente do Furelos) amosa un excepcional valor paisaxístico e patrimonial, posto que conta nos seus dez kilómetros de percorrido cunha ampla densidade de muíños, pontellas e pasais, supoñendo un conxunto etnográfico que amosa á perfección a singularidade da arquitectura tradicional da Terra de Melide. Este río de escaso caudal nos meses estivais, pero que o incrementa de maneira exponencial coas enchentes, debido á estreitez do seu cauce, determinou que se "domesticase" o seu curso mediante presas e canles para o establecemento de muíños, ó tempo que provocou a realización de pasos para poder vadealo. Un exemplo deste tipo de arquitecturas "de paso" é a ponte do muíño de Traspedra, situada ó carón de dito muíño. Responde á mesma tipoloxía estrutural que ás pontes dos muíños de Trasmundi, de Penas (ó carón do muíño de Frade) e das de Catasol, todas elas situadas augas arriba, aínda que a de Traspedra conta con maiores dimensións, posto que xa nos atopamos no curso final do río Catasol e polo tanto o cauce é máis amplo. Esta ponte presenta unha arquitectura moi sinxela á par de sólida. Consta dun taboleiro ou zona de paso constituído por seis grandes laxes de gneis, dispostas en plano, e van apoiadas sobre dous estribos e un piar central, elaborados en aparello de mampostería rústica "á oso" (sen argamasa ou aglutinante de barro). Os estribos están encastrados na marxe do río e presentan unha planta trapezoidal cos lados exteriores moi derramados. O piar central tradúcese nunha cepa corrida de planta rectangular cun extremo verticalizado (augas arriba) e o outro en talude (augas abaixo). a estrutura da ponte carece de peitorís ou de barandas laterais. É de moito interese o conxunto etnográfico do muíño de Traspedra, que consta ademais de hórreo, palleira con forno e corte. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.     [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Muíño de Traspedra [Parroquia] San Cosme de Abeancos [Descrición] Este antigo muíño de maquía é un dos moitos muíños situados no curso do río Catasol, situado concretamente na marxe leste do río nas proximidades da aldea de Traspedra, onde existe unha Casa Grande. O muíño de Traspedra conta cunha arquitectura moi elaborada e completa, o que o convirte nun dos máis destacados da Terra de Melide, aínda que o seu estado de conservación non sexa óptimo. En canto ós seus elementos podemos diferenciar os seguintes, expostos de xeito esquemático:    - Vivenda de planta rectangular de boas dimensións artellada en dúas plantas (baixo e vivenda) elaborada en aparello de cachotaría á vista, e con portas e ventás alinteladas, realizadas en canteiría. A cuberta realizada con tella do país disponse a tres augas.    - Edificacións adxectivas adosadas á vivenda nos seus extremos sur e leste, en estado de ruína, que se correspondían coas cortes e cun forno.    - Hórreo, separado da vivenda, situado ó norleste, de dúas estremas, erguido sobre piares asentados sobre un basamento elevado de cachotaría. O estado do mesmo é ruinoso.    - Ponte arquitrabada ou alintelada, feita con grandes chantas rectangulares apoiadas sobre uns estribos de elaboración tosca encastrados nas marxes do río, e tamén sobre un piar central situado no medio do cauce. Esta sítuase ó noroeste da vivenda.    - Sistema de abastecemento de auga de entrada ó muíño, consistente nunha canle cuberta no seu tramo final por lousas ou laxes (para permitir o paso de persoas e animais sobre a mesma), e que deriva nun pozo de planta semicircular polo que entra a auga ós rodicios. O máis destacable do conxunto é a estrutura do muíño en sí mesmo, xa que a súa arquitectura é moi elaborada. Na fachada oeste (a que da ó río), poden verse as tres saídas das augas, correspondentes ós tres rodicios cos que conta o muíño. É moi coidada a súa arquitectura, caracterizada por un esquema arquitrabado, elaborado con aparello de canteiría no que destacan os linteis, piares de apoio central e os capiteis de coroamento dos mesmos de deseño troncocónico invertido (en consonancia cos remates das xambas laterais). Nas saídas das augas dos rodicios conta cun muro de amparo en paralelo ó río, construído coa finalidade de evitar que as augas das enchentes cheguen ata os mecanismos, impedindo a súa rotación. Augas arriba deste muíño atopámonos co grupo de muíños de Catasol, todos eles de maquía, que constitúen un dos conxuntos etnográficos máis interesantes da Terra de Melide. Destes aínda existen seis, en diferente estado de conservación: muíño da Folicheira, muíño de Martín, muíño do Veciño, muíño de Manuel de Pedro, muíño de Celestino e muíño de Pampín. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] O Castelo/ Os Penedos [Parroquia] San Xoán de San Cibrao [Descrición] Este xacemento arqueolóxico recibe diversas denominacións: O Castelo, Os Castelos ou Os Penedos. Incluso na ficha de inventario arqueolóxico da Xunta de Galicia, aparece recollido cos topónimos de "Castro de Vilela" e "Outeiro", vemos por tanto que existen alomenos cinco topónimos para referirse a un único xacemento. Correspóndese cun xacemento escasamente coñecido a pesar da súa proximidade ó casco urbano de Melide, xa que dista tan só 2 km. dende o cruce de San Roque, en dirección noroeste, unha vez rebasada a aldea de Cabanelas. Este xacemento trátase dun asentamento fortificado de cronoloxía indeterminada. A priori é identificado como un asentamento castrexo, aínda que en realidade non pode tratarse dun castro como tal, posto que carece de espazo habitacional (non conta cunha croa ou acrópole na que se poderían establecer estruturas de uso doméstico). No seu lugar atopámonos cun promontorio moi elevado de rocha (gneis), de forma irregular e carente de superficies aplanadas. Este promontorio ocupa a parte central do xacemento, e a partir del sucédese un complexo sistema defensivo, correspondéndose cunha doble liña de parapetos nos que se intercalan sendos foxos. A altura do primeiro parapeto, ou interior, é de 1,80/1,90m. respecto ó foxo que se dispón ó redor do promontorio, mentras que a altura conservada do segundo parapeto, ou exterior, é de 1,50m. respecto ó foxo que se intercala entre os dous parapetos. Estas liñas de defensa interrómpense no cuadrante norleste (comprendido entre o norte e o leste-norleste); podería indicar a localización da entrada ó xacemento, ou ben deberse a desmantelamentos producidos por antigas actividades agrícolas ou forestais. As medidas xerais do asentamento son de 75m. no eixo norte-sur e de 70m. no eixo leste-oeste, contadas a partir do segundo parapeto ou exterior, que ó mesmo tempo é o que peor se conserva, xa que en zonas está bastante difuso e desmoroado. A interpretación deste asentamento é moi complexa, porque non responde a patróns propios da cultura castrexa, a pesar do seu caracter fortificado (parapetos e foxos son propios desa cultura, pero chocan co feito de non atoparnos cun espazo de habitación interior). Poderíamos por tanto asistir a un asentamento tipo "mota" que asumiría funcións de índole defensiva e de control, nun marco cronolóxico case imposible de precisar. No Museo da Terra de Melide exponse unha fusaiola atopada polo Grupo Arqueolóxico Trisquele a finais da década dos 70, ou primeiros dos 80, o que nos levaría a falar dun contexto "doméstico" castrexo, pero que, como se sinalou anteriormente, é certamente pouco probable ó carecer dunha zona de habitación definida (non hai espazo para vivendas, e o promontorio é de relevo pouco proclive para o establecemento dun hábitat, pero si máis susceptible de acoller a unha torre), polo tanto a realidade deste xacemento está sen resolver. É un xacemento interesante á par de fermoso, xa que a súa morfoloxía é moi sorprendente e porque se ubica nunha paraxe de bosque autóctono, no que predominan árbores frondosas caducifolias, sendo o outono a mellor estación para visitalo.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Anta da Pena do Raposo [Parroquia] San Martiño de Oleiros [Descrición] Esta anta ou dolmen forma parte do grupo de túmulos do Monte da Madanela, identificado por Florentino L. Cuevillas a principios da década dos anos 30 do século XX, e publicado no "Terra de Melide" do ano 1933, no que aparece a descrición, un croquis e fotos do estado da anta naqueles anos. Atopámola no termo municipal de Toques, aínda que popularmente se pensa que pertence a Melide pola súa proximidade á aldea do Meire. Trátase dun dos mellores exemplos de arquitectura megalítica da Terra de Melide, nun deplorable estado de conservación (moito peor que o que se pode ver nas fotos de Cuevillas).  O monumento englóbase dentro dos restos dun túmulo totalmente rebaixado, que en partes practicamente é inexistente. No croquis do "Terra de Melide" amósase como un monumento conformado por unha cámara precedida por un pequeno tramo de corredor aberto cara o leste. Nesas datas tampouco se conservaba a cuberta. Na actualidade poden verse dez chantos, ou ortostatos, os mesmos que nos anos 30, pero totalmente vencidos e algúns fracturados. É dificil determinar como sería a configuración exacta do dolmen. Facendo unha abstracción espacial e intentando recolocar as chantas no seu sitio podemos conxeturar que na cámara, exceptuando un chanto que está caído cara ó interior o resto, aínda que movidas, poderían conservar a súa ubicación orixinal, polo tanto a súa estrutura sería casi poligonal, de nove lados (un por cada ortostato). Con respecto á entrada, as pedras tamén están movidas, e non deixan actualmente oco para pasar. No extremo leste aparece tumbada unha gran chanta, que se trata, segundo Cuevillas, do lintel do corredor da entrada. Os ortostatos están realizados en materia prima local, do Monte da Madanela (serpentinitas e anfibolitas). Este monumento megalítico tan esquecido atópase totalmente tomado polas silvas e polas hedras que impiden a súa observación. Tamén sufriu danos por mor de actividades de roturación e plantación forestal.  BIBLIOGRAFÍA: - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Vázquez Neira, Cristina: "Estudios sobre a arqueoloxía de Melide: Mámoa do Raposo". Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.   [Cronoloxía] 3500-2200 a.C Neolítico [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Fonte de San Ramón de Grobas [Parroquia] Santa María de Grobas [Descrición] A fonte de San Ramón (en honra a San Ramón Nonato), é unha fonte tradicional de arquitectura moi sinxela. Non presenta características artísticas que a fagan relevante, pero ten a súa importancia porque ten asociadas unhas propiedades avogosas para propiciar un bo parto. Esta fonte sitúase a escasos metros, cara o oeste, dunha carballeira pechada por un valado onde estivo situada a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas, substituída pola actual igrexa parroquial de Santiago de Baltar, edificada no ano 1926. De feito ó grupo de casas situadas en torno á fonte coñecense como "Casas da Igrexa", xa que se garda a memoria da existencia da antiga igrexa parroquial de Grobas coñecéndose perfectamente a parcela exacta na que se ubicaba dita igrexa (posiblemente o valado se corresponda co peche do adro). A de San Ramón correspóndese cunha fonte de arqueta, que consta dun frontal de pedra de canteiría de forma rectangular e posta de canto, na que está ubicado o cano da saída da auga que verte directamente no propio rebaixe do terreo. A arqueta vai cuberta por outra lousa de xisto de feitura máis ou menos cadrangular, que vai apoiada sobre a pedra do frontal. A fonte sitúase ó pe dun talude no que medran os loureiros, unha especie arbustiva moi ligada ás fontes tradicionais. A particularidade é que segundo a tradición popular, os homes tíñanlles que lavar os pes ás mulleres embarazadas para que o santo lles concedera un bo parto, posto que San Ramón Nonato é o santo patrono das embarazadas, matronas, partos e nenos. Comentan os veciños de Grobas que ata esta fonte, acodían moitas persoas tanto do Concello de Melide, coma do de Arzúa, para beneficiarse desta fonte milagreira. Por outra parte non se lle coñecen outro tipo de propiedades terapéuticas a estas augas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Malo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Escudo da Igrexa de San Paio de Paradela [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Trátase dun escudo que conta con moita importancia documental, posto que se corresponde co emblema da Abadía Bieita de San Martiño Pinario (de Santiago de Compostela), e que se gravaba nos inmobles da súa propiedade. Este en concreto atópase situado no lenzo exterior sur do presbiterio da igrexa parroquial. O feito de atoparse presente nesta igrexa, refeita no século XIX, indica que pertencía ó Priorado de San Antoíño de Toques, dependente da Abadía compostelá a partir de ano 1515. No escudo represéntanse os emblemas de San Martiño Pinario consistentes nas iniciais S M (San Martiño) situadas a ambos lados dun piñeiro manso, plantado nun cesto que simboliza o tributo de troitas que lle tiñan que pagar anualmente os franciscanos de Santiago ós monxes bieitos de San Martiño Pinario por cederlles os terreos para a edificación do convento compostelán (promovido polo propio San Francisco de Asís, despois de peregrinar a Santiago e grazas ás argucias do carboeiro Cotolai). A ambos lados do piñeiro, debaixo das iniciais S e M, aparecen dúas cunchas de vieira, ou veneras, que falan da peregrinaxe a Santiago. No concello de Toques atopámonos con outro escudo das mesmas características, situado na fachada principal da actual Casa do Concello, procedente da vella Casa Consistorial, que se farían con el unha vez que se abandona o mosteiro de San Antoíño por mor da Desamortización. Actualmente este emblema correspóndese co escudo municipal do Concello de Toques. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.   [Cronoloxía] Século XVI? [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro do Castelo [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] O Cruceiro do Castelo é un dos dous que se conservan actualmente en Melide. Ata principios do século XX había un terceiro situado no cruce de estradas entre a Ronda da Coruña e a Avenida de Toques, na zona chamada Cruceiro que recorda a este elemento situado nun antigo cruce de camiños e que ainda pode ser visto nalguhna foto datada en 1915. O Cruceiro do Castelo ou do Carme está situado ó leste da Capela do Carme, erguido sobre un afloramento da pena natural. Foi levantado no ano  1897 para as ofrendas e rogativas á Virxe do Carme.  Correspóndese cun cruceiro moi estilizado, carente de figuración pero cun deseño ben coidado, polo que en conxunto tradúcese nun cruceiro moi equilibrado e harmónico. Consta de cinco elementos: - Unha grada ou chanzo asentado sobre a pena feita con bloques de canteiría, rectangulares e esquinas aristadas. - Sobre o anterior aséntase un pedestal cúbico con remate moldurado conformando unha peana sobre a que se dispón o fuste. - O fuste presenta sección cadrangular en senllos extremos, aínda que todo o corpo central ten sección octogonal. - O capitel é moldurado carente de figuración. - Por último a cruz é moi estilizada, de sección ochavada e remates florenzados. Nas interseccións da cruz dispóñense catro paos dispostos en aspa (poden ser palmetas, raios,... como tamén presenta o cruceiro de Saamil na parroquia de Vilouriz no concello de Toques).  A pesar de atoparse no casco urbano de Melide, trátase dun elemento que pasa bastante desapercibido.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.     [Cronoloxía] Fins do Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Fonte da Praza do Convento [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Esta fonte pasa bastante desapercibida, posto que mudou de emprazamento na década dos 80 para a actual ubicación, ao carón da Capela do Carme, no alto do Castelo. Desta fonte, hoxe incompleta, consérvase o piar central e a pía de recollida de auga. En orixe contaba asemade cun altar de pedra adosado na parte traseira, como pode verse en fotos das décadas dos anos 20 e 30. Contaba tamén con catro pinos ou peóns de pedra nos extremos, para pousar as sellas e sobre o piar central erguíase unha cruz de gran tamaño de madeira, conmemorativa das misións pastorais. Hoxe unicamente contamos con esas dúas pezas citadas ao principio (piar e pía). O primeiro elemento (piar) consta de tres pezas: un basamento cadrangular rematado por unha moldura que serve de apoio dunha segunda peza, tamén de feitura cadrangular, con aristas angulosas e con catro caras lisas, aínda que nunha delas aparece un resalte ou abultamento circular en forma de medallón, no que se insire a billa. Rematando o conxunto disponse un coroamento moldurado sobresaínte, na que estaba insertada a cruz de madeira (hoxe aínda existe o oco cadrado no que estaba encaixada).  O segundo elemento consiste nunha pía monolítica de sección oitavada, moi erosionada, con forma de copa, concibida para a recollida das augas. Esta fonte foi instalada na Praza do Convento no ano 1889, durante o mandato do alcalde Don Antonio Ron Varela, quen promove a instalación de dúas fontes públicas: esta e a do Pilón, ou dos Catro Canos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo de San Román [Parroquia] San Pedro de San Román [Descrición] Este hórreo coñecido como Hórreo da Casa de Don Pedro é un dos máis antigos da Terra de Melide. Foi construído no ano 1808, como se pode ver na inscrición que figura no frontal do penal sobre a porta. Segundo Xosé Manuel Broz pode ser que o mandase construir o escribán José Sánchez y Rúa, propietario desa casa nese ano. A casa é coñecida na actualidade como Casa de Don Pedro, polo seu propietario Don Pedro Sánchez Rapela, pai do citado escribán. O hórreo foi restaurado recentemente, mantendo a súa estrutura e fisonomía orixinal, polo que o seu estado de conservación é moi destacado. Trátase dun hórreo de bo porte, duns 13 mt. de longo, artellado en dúas estremas con moito desenvolvemento lonxitudinal. A estrutura do hórreo descansa sobre tres pes rectangulares feitos en cachotaría de gneis; conta coa particularidade de completar o apoio das mesas, sobre uns piares monolíticos de lousa gris, no seu punto central. Sobre os tres pes e sobre os catro piares complementarios dispóñense os tornarratos que serven de asento das mesas, testeiro, e columnas (realizados estes dous últimos en aparello de canteiría de granito). O entramado do hórreo está realizado en carpintería de madeira (contracolumnas, barretas, ladeiros e armazón do tellado). O máis destacable deste hórreo é a inscrición que figura no testeiro, que dí: "Año de 1808". Entre o "de" e o "1808" aparece gravada unha cruz latina rematada en bolas e apoiada sobre unha basa trapezoidal. Este dato confirma a antigüidade do hórreo, sendo o segundo máis antigo, en base á inscrición, do Concello de Santiso (despois do de Barazón, costeado por Don Antonio Boquete no ano de 1793). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.   [Cronoloxía] 1808 [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa vella de Santa María de Vimianzo [Parroquia] Santa María de Vimianzo [Descrición] No lugar de Vimianzo, onde rematan as casas, atopámonos coa antiga igrexa parroquial, hoxe en estado de abandono e ruína. En datas recentes edificouse unha nova á entrada do pobo, para substituir á vella igrexa por considerala de pequenas dimensións. O vello edificio presenta pranta rectangular, dunha soa nave, á que lle sucede o presbiterio e a sancristía, conformando os tres elementos un único eixo direccional. A fachada está realizada en aparello de canteiría de granito. Nela ábrese unha porta alintelada e sobre ela disponse unha pequena xanela abocinada, aberta para darlle luz á tribuna. Sobre a xanela érguese unha espadana cunha soa troneira para acoller a campá, na actualidade carente dela, e coroada por tres pináculos rematados con bolas, propios da arquitectura Barroca. Os demais lenzos murarios presentan recebo encalado. O retablo principal, do século XVIII, trasladouse á nova igrexa.  A pesar de tratarse un templo en desuso, non se debería permitir a súa ruína. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Pazo de Santa María de Melide [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Este pazo sitúase detrás da Igrexa románica de Santa María de Melide, e ao carón da vella escola (hoxe en estado de abandono).  Trátase dun característico exemplo de edificación pacega erguida na Idade Moderna, que conta con elementos que amosan a grandeza de tempos pasados, aínda que na actualidade se atopa nun deplorable estado de abandono e ruína. De feito, a súa fachada está invadida polas hedras e estase desmoroando o tellado. Correspóndese cun edificio de planta rectangular disposto en dúas alturas. O máis destacado da fachada é un fermoso patín de acceso ao primeiro andar da vivenda, composto por varanda e peitoril cegos (en vez do emprego de balaustrada), realizado con aparello de canteiría de granito. Sobre o peitoril dispóñense tres estilizadas columniñas que sustentan a cuberta do patín, que se correspende cunha prolongación do tellado da vivenda. A porta de entrada situada neste andar superior amosa xambas molduradas, o que lle aporta monumentalidade. Os paramentos exteriores están encalados en branco e nalgunhas zonas conserva partes con pintura mural ornamental. En esquinais, xambas, linteis e antepeitos das fiestras emprégase o aparello de canteiría de granito, á vista. No lado esquerdo do patín, á altura do piso superior aparece un escudo de armas que foi feito e  colocado na fachada a principios do século XX. Coroando o escudo aparece unha cartela na que se le o apelido Somoza, linaxe propietaria da casa, aínda que o cuartelado non se corresponde con esta linaxe, posto que se trata dunha copia dun escudo que figura na "carta de amparo" que se cita na casa de Casal de Campos; polo tanto os dous cuarteis do escudo non concordan co apelido Somoza que realmente debería representar tres flores de lis, seis dados con seis puntos cada un, unhas ondas de auga ó pe dos dados e un brazo cunha maza.  Este pazo refíxose por completo a mediados do século XVIII, nun solar onde houbera un anterior do século XVI. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.     [Cronoloxía] Mediados do século XVII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro das Cazallas [Parroquia] San Tomé de Castro [Descrición] Este cruceiro atopámolo na marxe dereita da pista que vai desde a igrexa parroquial das Cazallas ata Cabanelas, nun pequeno entrante ou recanto, que o protexe e ampara do tráfico rodado. Este cruceiro é bastante orixinal posto que está erguido sobre unha plataforma a modo de altar, sobre a que descansa o pedestal do cruceiro, moldurado e carente de decoración. Sobre este pedestal desenlvólvese o fuste de sección octogonal moi esbelto, precedendo a un colariño, de sección igualmente octogonal que serve de base do capitel que é de estilo derivado do composto, con follas, anxos e volutas nas esquinas. Xa como remate sitúase a cruz de feitura sinxela, na que está labrado un Cristo en altoreleve, cravado na cruz, semellando estar vivo a xulgar pola expresión da boca. No reverso, a cruz aparece baleira.  Polo San Xosé (patrón da parroquia), pola Sagrada Familia (o primeiro domingo de setembro) e na festividade do Corpus, faise procesión ata el. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide . Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo da Casa de Sierra [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa das Ichoas atópase un interesante conxunto de arquitectura popular, que constitúe unha das máis fermosas estampas do Melide vello, a pesar de ter sufrido numerosas alteracións. Nese escenario aínda se conserva a esencia dos tempos antigos, no que  se mesturan as arquitecturas urbanas e as edificacións adxetivas propias do ámbito rural. Trátase dun marco de incuestionable valor patrimonial, escasamente dignificado e ó mesmo tempo pouco recoñecido, no que se contabilizan cinco hórreos (aínda que houbo máis), dous portalóns cubertos por tellado, e varias casas con balcóns de ferro con ménsulas e soleiras de canteiría. Nesta zona das Ichoas vemos a maior concentración de hórreos do núcleo urbano, sobre todo nas fincas de Mera, o que indica a importancia que tivo a actividade agraria na vila. Un dos exemplos máis singulares, e tamén máis curiosos é o caso do hórreo de Sierra, erguido sobre a portada do curro ubicado na parte traseira dunha casa sita na rúa Principal. Este portalón de entrada, situado nunha esquina da rúa, serve de acceso a un curro pechado por un muro alto feito en aparello de cachotaría do país e amparado por un telladiño, a unha soa auga cuberto por tella tradicional. Rematando o conxunto sitúase o hórreo, dunha soa estrema, pero de boas dimensións, realizado en canteiría e madeira (mantendo a tipoloxía típica do hórreo de Melide: con pes de canteiría de perfil moldurado, e con tornarratos e piares realizados igualmente en granito. O resto da estrutura está realizada en carpintería de madeira, pintada neste caso en cor verde). Ó carón do peche do curro vemos a parte traseira da casa que conta cunha ventá na planta baixa, e no piso superior cun balcón con soleira moldurada de canteiría e varanda de ferro atirantado ó armazón da cuberta da casa.  O curro ou patio interior servía de lugar de servizo onde se gardaban animais, se almacenaba a produción agraria e se gardaban os carros e cabaleirías. Vemos por tanto, un exemplo de arquitectura de raigame rural, plenamente adaptada ás necesidades urbanas dunha casa de certa relevancia. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Mera [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No mesmo Cruce de Melide, ubícase este maxestuoso edificio realizado en estilo Ecléctico ou Historicista, no que se evocan os ordes clásicos intrínsecos das culturas grecorromanas, traducidos nunha arquitectura neobarroca. Este inmoble edificouse no ano 1934, nun terreno coñecido como a Chousa de San Sebastián, xa que nesta zona houbo unha capela dedicada a este santo. En orixe este edificio contaba con planta baixa, dous pisos e un ático retirado precedido por unha ampla terraza amparada por unha balaustrada, que posteriormente (¿anos 60?) se convirte nun novo piso, gañando o espazo da terraza. Esta remodelación restoulle estética á fachada, posto que se pecharon os espazos entre balaustres e sobre a varanda superpúxose un novo corpo de ventás. A fachada, a pesar do desafortunado engadido da última planta, aínda amosa o seu esplendor e fastuosidade. Destácanse entre outros elementos, o balcón central da primeira planta, sostido por catro columnas rematadas por capiteis xónicos, e tamén polo remate das ventás mediante o emprego de frontóns triangulares. Na segunda planta o deseño é diferente, aínda que mantén o mesmo esquema compositivo que o piso inferior. Nesta planta o balcón central é aberto, aparecendo igualmente columnas de fuste circular rematados por capiteis xónicos, pero neste caso embebidos no muro da fachada, e non exentos como no balcón de abaixo. As ventás desta planta substitúen o frontón triangular por arcos de medio punto moldurados. Na planta baixa ábrense grandes vanos, correspondentes ás portas e ventás rematadas en arco de medio punto moldurado, e os panos entre eles reproducen  almohadillados.  Nesta planta baixa conviviron ó mesmo tempo a tenda e taller de motos Rúa e o Banco Pastor, e nos últimos anos só a entidade bancaria. Na actualidade todo o edificio o ocupa o albergue de peregrinos O Cruceiro. [Cronoloxía] Ano 1934 [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] Na aldea de Furelos moi preto da ponte medieval, atopamos a igrexa de San Xoán de Furelos sobreelevada respecto ó terreo circundante. Trátase dunha igrexa de orixe románica de finais do século XII ou inicios do século XIII, aínda que a maior parte da fábrica actual foi realizada a finais do século XIX, cambiando case por completo a súa fisionomía orixinal. Os restos da fábrica románica atopámolos no lateral sur (o que mira ó río). Nese lenzo ábrese unha porta estreita con remate en arco de medio punto conformada por catro doelas carentes de decoración, ó igual que as xambas que as sustentan. Para acceder a esa porta trazouse unha escalinata de sete chanzos, realizada para salvar o desnivel. No mesmo lateral ábrese unha xanela saeteira con derrame interno, tamén de orixe románica. Baixo o aleiro dese mesmo lenzo sur consérvanse doce canzorros con motivos xeométricos (proas e nacelas). Á reedificación do século XIX correspóndense á fachada oeste ou frontis, lateral norte e a cabeceira poligonal (que reemplazou á ábsida románica), Na fachada destácase a espadana estruturada en dous corpos: o inferior conta con dúas troneiras para as campás; e un segundo corpo cunha terceira troneira para unha capá máis pequena e franqueada por dous pináculos. Remata o conxunto un frontón semicircular con óculo sobre o que se dispón un pináculo que sustenta a cruz . No interior tamén froito desa reforma decimonónica é o arco triunfal de medio punto rebaixado, realizado en cemento apoiado por pilares de canteiría.  O retablo principal é de estilo neoclásico con decoración rococó, realizado a finais do século XVIII. No camarín central aparece a imaxe de San Xoán Bautista patrono da parroquia. Nunha das peanas laterais que flanquean o retablo, realizadas en estilo neogótico, vese a imaxe de Santa Lucía do século XVIII, moi venerada na parroquia. Na nave, adosados ós lenzos laterais, aparecen dous retablos de estilo neogótico, realizados a comezos do século XX. Nun deles vemos a imaxe procesional de Santa Lucía, e no outro un Cristo crucificado cun brazo descravado, realizado a mediados do século XX polo prestixioso escultor Manuel Cagide, natural da mesma parroquia de Furelos, que tiña un obradoiro de imaxinería en Santiago. O Cristo de Furelos, de moi elaborada talla, foi doado polo propio Cagide á súa parroquia. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992 - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XIII-XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Pardo [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa de San Pedro mantense en bo estado de conservación este inmoble decimonónico, realizado en aparello de sillaría de granito, de estética compostelá, e marcado carácter urbano.  É o único edificio desta tipoloxía existente na vila, o que lle outorga unha especial notoriedade.  Xosé Manuel Broz ten recollido parte da historia desta casa, e di que "foi propiedade da familia Feijoo, importante familia de letrados a quen lla mercou Don Manuel García (escribán e procurador da Real Audiencia de A Coruña), que a reedificou empregando pedra da antiga e primitiva Casa de Corbelle, onde seu pai era administrador".  A casa conta cunha monumental fachada aberta á rúa de San Pedro, e disposta en tres alturas (planta baixa e dous pisos) na que se destaca a obra dos canteiros, especialmente nas soleiras dos balcóns dos pisos superiores e na cornixa moldurada do aleiro. Tamén é reseñable o esquinal achafranado, rematado por unha peza ornamental de feitura lanceolada, e con decoración a modo de folla nervada (moi similar a de dous signos lapidarios existentes nas ménsulas que sosteñen os arcos faixóns da nave da igrexa parroquial de Melide). Como elemento distintivo da importancia do inmoble, ata se lle chegou a colocar no segundo piso, entre as ventás, unha pedra concibida para labrarlle un escudo nobiliario, que non se chegou a executar (na actualidade pode distinguirse claramente dito soporte heráldico). Os balcóns, realizados en ferro e atirantados  á parede, para favorecer  a súa suxeición e estabilidade, constitúen unha obra mestra realizada en forxa, da man dun dos máis prestixiosos ferreiros que houbo en Melide, coñecido como Juan Bugliot (de orixe italiana coñecido como Buglioti ou Bolioti, que veu co exército de Napoleón, xa co seu apelido convertido en Bugliot). Este ferreiro afincado na Coruña, foi contratado para realizar os balcóns desta casa de Don Manuel García, afincándose posteriormente na vila, e deixando feita unha prolífica obra (como aínda se pode contemplar noutros balcóns de Melide). A tipoloxía dos balcóns desta casa responde a modelos que se estaban a realizar na cidade da Coruña. O deseño consiste nunha sucesión de rectángulos verticais enlazados mediante "Ces" reviradas nos extremos, a modo de volutas, e fixadas mediante remaches.     BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello". Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.   [Cronoloxía] Inicios do século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa do Notario [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Este inmoble, situado na rúa do Progreso de Melide, é o único exemplo existente na vila provisto de decoración modernista. A súa arquitectura responde a pautas decimonónicas, que se enriqueceron con elementos decorativos cunha estética propia da arquitectura modernista. Trátase dun fermoso edificio artellado en dúas plantas. Na planta baixa ábrense tres portas xemelgas ademais dun portalón, que mantén a estética das tres anteriores. O piso superior destaca polo seu caracter suntuoso, moi representativo da estética burguesa, presente fundamentalmente en escenarios urbanos (vilas e cidades), no que se abren portas con balcóns, na parte central, e galerías nos extremos. Tanto os balcóns como as galerías están realizadas en ferro fundido e con profusa decoración de corte romanticista (guirnaldas, cráteras, torneados e calados...).  A decoración complétase mediante o emprego de molduras realizadas mediante vaciado (a molde), presente nos linteis das portas tanto na planta baixa, coma nos balcóns do piso superior, consistente en guirnaldas de flores que se prolongan no coroamento das xambas. Outro motivo da decoración de estética claramente modernista, é un medallón situado no centro da fachada, na planta superior, no que se representa unha cabeza de muller de caracteres propios do clasicismo grecorromano.   [Cronoloxía] Inicios do século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa Bastián [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] A Casa de Bastián trátase dun inmoble de estilo Racionalista ocupando un solar en esquina, no que existiu unha edificación anterior, que aínda se pode ver nunha fotografía de Ksado da serie "estampas de Galicia" editada no 1936. Este inmoble, que aínda mantén pura a súa arquitectura orixinal, correspóndese cun claro exemplo desa corrente de posguerra que fuxe de toda clase de ornamentación, en pro da funcionalidade e do equilibrio compositivo.  En Melide existen bastantes exemplos de arquitecturas racionalistas, empregando novos materiais que ata ese momento non se utilizaban de maneira xeneralizada: cemento, formigón, ferro..., pero este é un dos exemplos máis elaborados dentro desa corrente arquitectónica. Consta de baixo e  dúas plantas, dotadas de gran altura, e polo  tanto de manifesto desenvolvemento vertical, facéndose destacar respecto ás edificacións colindantes. Outro aspecto a destacar é o de que a pesar de carecer de ornamentación, procurouse no seu deseño manter un esquema compositivo equilibrado á par de rítmico, baseado na alternancia de balcóns e galerías, (destacándose a galería en esquina de deseño poligonal en abanico de sete lados).  Tamén son de interese as reixas das portas e dos trabateis da planta baixa, da mesma época que o inmoble, da autoría dos ferreiros Antonio Mosquera e Manuel Parrado, realizadas con barras de ferro de sección cadrada e torsionadas, con remates en bolas. Na súa planta baixa existía  un comercio de moita sona, tipo bazar, provisto de amplos mostradores de madeira, estanterías abertas e dun balconciño en forma de L.   [Cronoloxía] Inicios dos anos 40 do século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Santa María [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Na Praza de Santa María de Melide, no itinerario do Camiño Francés, atopamos este cruceiro a pouco metros da igrexa románica, aínda que en orixe estaba situado ó carón dela.  Trátase dun exemplar de cruceiro barroco, que evoca pautas renacentistas.  Consta de cinco partes diferenciadas: plataforma, basa ou pedestal, fuste, capitel e cruz. - A plataforma consta de tres gradas ou chanzos, a inferior escasamente sobresaínte.  - A basa ou pedestal presenta feitura troncopiramidal e carece de decoración, aínda que tivo inscrición coa lenda da fundación. - O fuste é de estilo renacentista, estriado e con boceles entre as estrías na metade inferior. - O capitel é derivado do composto con follas, cabezas de anxo e volutas nas esquinas. - A cruz é de trazos rectilíneos, e nunha das súas caras representa a Xesucristo crucificado, con tres cravos e cos dedos índice e corazón, das dúas mans, en actitude de bendicir. Sobre este disponse unha cartela coa inscrición INRI. Na actualidade ten colocadas unhas grampas de ferro, na intersección dos paus da cruz, por causa dunha fractura. O día cinco de agosto, festividade da Virxe das Neves, acódese ata o cruceiro en procesión. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Souto [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Na rúa Principal de Melide atopamos este vello inmoble, disposto en dúas plantas e cuberto a tres augas, na actualidade, pero que en orixe formaba parte dunha edificación maior, na que se integraba o inmoble anexo e tamén os traseiros que dan á Praza do Pozo Pequeno. O muro lateral da Casa de Souto, que na actualidade delimita unha corrupia ou androna (espazos entre casas constituídos para evitar incendios e botar augas residuais en tempos pasados), tratábase dunha fachada con porta e ventás abertas á Praza das Coles, o que indica que esta praza en orixe era máis ampla e máis cadrada. Este inmoble foi propiedade do convento de Sancti Spíritus e tamén, estando aforada ó cura de Melide, funcionou como casa Reitoral, cando a parroquia estaba na desaparecida igrexa de San Pedro (antes do ano 1842).  Na fachada poden verse dous escudos ou blasóns, un na planta baixa, colocado nunha parede medianeira e outro no piso superior baixo o aleiro do tellado. O primeiro deles trátase dunha peza reaproveitada que puido proceder do Convento de Sancti Spíritus e datado no século XV, que representa a cabeza dun lobo de perfil coa lingua fora entre os dentes, símbolo da linaxe Moscoso.  Foi descuberto no ano 2010, posto que antes estaba tapado polo recebo da fachada. O segundo escudo correspóndese co emblema do convento de Sancti Spíritus de Melide, no que aparece unha pomba coas ás abertas (representación do Espíritu Santo) e os símbolos da Terceira Orde Franciscana: as cinco chagas sangrantes de Cristo, un báculo e tres flores de lis. Todo elo rodeado polo cíngulo ou cordón franciscano. Trátase pois, dun inmoble que pasa desapercibido, pero que agocha moita historia, e que aínda poderá dar máis sorpresas. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O escudo dos Moscoso". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Capela do Carme [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] A Capela do Carme sitúase no punto máis alto da vila de Melide, onde na Idade do Ferro houbo un castro que se mantivo habitado incluso en época romana. Nese mesmo emprazamento ergueuse na Idade Media un castelo propiedade da Mitra Compostelá, derrubado polos Irmandiños no ano 1467. A Capela do Carme edificouse no ano 1741, polo presbítero Don Blas Núñez de Segade coa colaboración da veciñanza e coa xenerosa aportación do seu curmán, o tamén crego, Don José Núñez Salgado. O motivo que levou a edificar unha capela á Virxe do Carme (tratándose máis ben dunha advocación de veneración mariñeira), debeuse a que acudira a Melide a predicar o frade carmelita, Frei Colmenero, quen ensalza a advocación mariana do Monte Carmelo, prendendo fondamente na sensibilidade dos veciños de Melide.  O templo representa un característico exemplo de arquitectura Barroca de estilo Compostelán, da metade do século XVIII. Estruturalmente consta de nave, presbiterio e sancristía lateral adosada. Na arquitectura destácase a fachada occidental, ou frontis, na que se abre a portada de deseño alintelado con decoración moldurada remarcando a porta. Sobre esta disponse un frontón triangular partido, en cuxo centro se abre unha fornela que acolle a imaxe en pedra da Virxe do Carme co Neno en brazos, e ós seus pés aparece a imaxe de San Simón axeonllado. Tamén é de destacar a espadana, de deseño compostelán e tipoloxía carmelita, que presenta dúas troneiras para as campás, rematada por aletóns e pináculos. No interior destaca o retablo de estilo Barroco de estípites (columnas en forma de pirámides invertidas), artellado en tres rúas. Na central disponse un camarín adiantado cun camarín no centro que acolle a imaxe da Virxe do Carme, de estilo propio de obradoiro compostelán (posiblemente feita no obradoiro de Gambino-Ferreiro), o que se deduce tanto pola calidade como polas pautas estilísticas desta imaxe. Nas rúas laterais ábrense sendas fornelas que albergan as imaxes de San Xosé e do santo mercedario San Ramón Nonato. Aínda hoxe pervive na vila de Melide unha gran devoción pola Virxe do Carme, que conta cunha numerosa confraría que fora constituída polo propio Blas Núñez de Segade no século XVIII. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.       [Cronoloxía] Ano 1741 [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Fonte dos Catro Canos ou do Pilón [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] O ano 1889 supuxo un fito moi importante na vila de Melide, posto que foi nesa data cando o concello instala as primeiras fontes públicas, sendo o alcalde Don Antonio Ron Varela. Estas primeiras fontes públicas serían a da Praza do Convento e esta do Pilón, situada no cruce das estradas. Antes dese ano, os veciños de Melide tiñan que botar man de pozos públicos e privados, ou de fontes situadas fora do casco urbán propiamente dito (Fonte do Castro nos Tagarros ou a Fonte de Sabián). A Fonte do Pilón trátase dunha fonte monumental da que se dixo sempre que a súa ubicación orixinal sería un dos claustros do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, desamortizado no ano 1836. Esta fonte consta dun pilón de pranta circular, de aí o nome, no que verten os catro canos da fonte. Estes canos saen das bocas de catro leóns, cunhas cabezas que están mirando ao fronte. Entre as cabezas dos leóns dispóñense volutas a modo de decoración, que se completa asemade, polos gallóns situados baixo as mesmas. Sobre este corpo temos, na actualidade colocado un fuste, que orixinalmente estaba situado por debaixo do corpo dos leóns, pero foi modificada a colocación no ano 1964, posto que estando os canos máis altos, salpicaban moito por culpa do vento. Son moi abundantes as fotos antigas que amosan a súa disposición orixinal. Este fuste presenta un deseño moi estilizado con decoración vexetal, en cuxos extremos se dispoñen basamento e capitel moldurados, realizados os tres elementos nunha soa peza. Sobre o fuste na actualidade podemos ver un pináculo de coroamento con remate en bola. Antigamente, cando non había abastecemento público nas casas, había que facer longas colas para coller auga na fonte en sellas de zinc.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Muralla do Nabal do Hospital [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No Camiño das Cabadas, que parte da rúa de San Antón de Melide, case enfronte ó albergue de peregrinos, consérvase na marxe leste, ou dereita, parte  da cerca que pechaba o nabal do hospital de peregrinos de Sancti Spíritus. Enténdese como nabal as terras de labor situadas detrás do hospital, para auto sustento (a modo de colleitas) de dita fundación asistencial, fundada no ano 1375 e ampliada no ano 1502 baixo o mecenado do Conde Sancho de Ulloa Mantense un tramo, duns 400 m. de longo de muro, con disposición nornoroeste-sursurleste, a pesar de presentar algunhas interrupcións, por entradas de fincas, ou pola apertura da actual rúa México. Tamén se conserva un tramo en perpendicular, duns 50 m. de longo, que discorre en paralelo a rúa de San Antón (por detrás da Pousada Chiquitín), e que non é outra cousa que o quebro en ángulo recto do tramo anterior.  En xeral, exceptuando algúns tramos, presenta un estado de conservación aceptable, incluso en zonas bastante bo. Está realizado en aparello de cachotaría, moi ben disposta, constituíndo fiadas horizontalizadas, sen emprego de morteiros ou argamasas aglutinantes. O aparello empregado son bloques máis ou menos regularizados, con moi boas caras para configurar os paramentos, de pedra propia da área de Melide (rochas ultrabásicas e anfibolitas). A altura media do muro oscila por termo medio entre 1,50 m. e 2,00 m., aínda que nos tramos mellor conservados acádanse alturas de 2,65 m., e mesmo se ve a disposición das pedras no coroamento, colocadas a cabalete. O grosor medio do muro ou cerca oscila entre os 65 cm. e os 70 cm. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O muro-cerca do nabal do Convento de Melide". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O nabal do Hospital e a corredoira das Cabadas". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo:"Memoria do patrimonio desaparecido na Terra de Melide. 4ª parte: o Patrimonio en perigo". Artigo no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.   [Cronoloxía] Idade Media-Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Portada do Hospital de Sancti Spiritus [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No ano 2000, cando se adquire por subscrición popular o vello inmoble do hospital de peregrinos de Melide, para instalar nel a sede do Museo da Terra de Melide, procédese a recuperar a portada do antigo hospital, cuxas pedras estaban mutiladas, descolocadas e reaproveitadas como aparello de construción na fachada da vivenda.  Unha vez restituídas as partes das pezas mutiladas e recolocadas na súa posición orixinal, recuperouse unha portada monumental de tipoloxía medieval e alto valor patrimonial. O hospital de Sancti Spiritus de Melide, fundado en orixe no ano 1375, foi reedificado no ano 1502 polo conde Sancho de Ulloa, reaproveitando pedras do Castelo de Melide derruído polos Irmandiños no ano 1467, polo que esta porta podería ser unha das entradas da fortificación. Realizada en aparello de canteiría, consta dunha porta en arco de medio punto conformado por sete grandes doelas carentes de decoración, e flanqueada polos escudos da casas de Ulloa e de Castro, baixo os que se sitúan sendos sillares que recollen a lenda fundacional (escrita en castelán con caligrafía gótica): "ESTE OSPITAL MANDO COMENÇAR EL CONDE DE MONTERREI DON SANCHO DE ULLOA EN EL AÑO  DE MILL E QUINIENTOS E II AÑOS  RUEGUEN A DIOS POR SU ALMA".  Baixo a porta, no limiar do actual edificio, instalouse unha fiestra arqueolóxica na que poden verse os encaixes para os gonzos da porta, ademais das pedras de asento do desaparecido pavimento da soleira. O hospital desenvolveu a súa actividade asistencial, para beneficio de peregrinos e pobres, entre o ano 1502 e o ano 1835, cando por mor da Desamortización de Mendizábal se marchan os frades do Convento de Sancti Spíritus, que o administraban e rexían. Dende o 26 de Maio do 2001 acolle as instalacións do Museo de Melide. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Restauración da fachada do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Apuntes da historia de Melide: a fachada do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus". Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016. - Gómez Buxán, Cesar: "Debuxos do Melide de hai tres séculos. Descrición e notas heráldicas". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.     [Cronoloxía] Ano 1502 [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Fachada do Cine Capitol [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] No centro de Melide consérvase a fachada deste vello cine de estilo racionalista, deseñado polo afamado arquitecto da Xeración do 25 Alfredo Vila López.  O renome deste arquitecto confírelle, ó mesmo tempo, prestixio ó edificio. A data na que se fai o proxecto foi no ano 1944, sendo inaugurado ó ano seguinte. A fachada deste edificio estrutúrase en tres corpos, no inferior atopábase a entrada ó cine, hoxe perdida na súa totalidade. Constaba dun amplo van no que se artellaban portas de apertura independente, sobre as que se situaban uns trabateis acristalados.  Os corpos superiores destacan polo emprego de liñas netas, e neles ábrense xanelas de deseño xeométrico (rectángulos verticais e un óculo) e sobre elas aparece un lenzo cego no que figuraba o nome do cine. Finalmente coróase a fachada cun frontón partido de deseño pentagonal. No interior do cine, aínda se garda a máquina que facía posible a proxección, da marca "Supersond". Este cine  contou con diversos propietarios, sendo os dous primeiros pioneiros da industria do cine en Galicia, un deles foi Manuel Lens Ucar, natural de Vilalba e propietario dunha cadea de cines; residía en Ribadeo onde se estableceu para facerse cargo do Teatro Principal desa vila mariñá. Tamén o rexentou Maximino Rodríguez Mourenza, quen ademais era propietario do Cine Capitol de Chantada. A pesar de que non foi o primeiro cine que houbo en Melide, xa que existiron tres locais nos que anteriormente se proxectaban películas e nos que se celebraban veladas teatrais, este foi o primeiro cine "profesional" posto que foi deseñado e concibido unicamente para tal fin. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rodríguez, Xurxo e Vázquez Neira, Cristina: "O Cine e as veladas no Melide de onte": Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. - Cabo Villaverde, José Luís e Sánchez García, Jesús Ángel: "Cines de Galicia". Fundación Barrie, ano 2013.       [Cronoloxía] 1944-1945 [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Ordes [Parroquia] Santa María de Ordes [Descrición] O cruceiro sitúase ao carón da igrexa parroquial de Santa María de Ordes, no exterior do adro da mesma. Trátase dun dos máis fermosos cruceiros da Terra de Melide emparentado, tipoloxicamente falando, co de Baltar (Melide) e o de Novela (Santiso). Tamén é de destacar o moi bo estado de conservación que presenta.  Consta de cinco partes, como é recorrente nos cruceiros deste tipo: gradas, pedestal, fuste, capitel e cruz. O graderío ou plataforma con deseño trocopiramidal consta de cinco chanzos ou gradas molduradas con remate en bocel. O pedestal, tamén de deseño troncopiramidal, reproduce catro caveiras nos ángulos entre as que se representan os atributos da paixón de Cristo: tenaces, corazón con tres cravos, martelo, flaxelo, cruz con coroa de espiñas, escada, lanza, píntega e sapo, ademais da lenda "SE RETIFICO SIENDO CURA D. JOSÉ DÍAZ DE 1881" O fuste é estriado e presenta sección circular. A media altura, mirando cara a igrexa, aparece a imaxe sobre peana de San Lourenzo, sostendo na man a grella do seu martirio. O capitel de estilo composto representa follas, volutas e anxos. A cruz é recta e figurada. No anverso aparece representado Cristo crucificado con tres cravos e sobre el unha cartela que pon INRI. No reverso aparece a Virxe da Inmaculada en posición orante sobre peana con cara de anxo e flanqueada por tres querubíns.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa Mariña de Brañas [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] A igrexa de Santa Mariña de Brañas trátase dun exemplo de arquitectura románica, datada a fins do século XII, ou inicios do XIII, que se viu moi modificada no século XIX. De feito, no ano 1875 refórmase por completo o frontispicio (fachada oeste) e constrúese a sancristía ampliando e desfigurando a ábsida.  Nesta ficha quérense salientar os elementos da fábrica románica como son a ábsida, o arco triunfal e as saeteiras. Da ábsida destácanse o conxunto de canzorros presentes baixo o aleiro, tanto no lenzo norte (seis) como no sur (cinco), principalmente con motivos sinxelos (proas e nacelas). Nos muros laterais da nave, baixo o aleiro, tamén vemos un conxunto de canzorros, trece no lenzo norte e outros tantos no sur, igualmente de proas e nacelas. No aleiro do lateral norte reaproveitase unha xanela saeteira procedente do modificado, ou desaparecido, testeiro da ábsida, presenta dous círculos nos extremos unidos por unha ranura biconvexa. O arco triunfal situado entre a nave e a cabeceira, de medio punto dobrado, está sustentado por impostas, en lugar de capiteis. Estas impostas teñen decoración de guirnaldas e vexetais, e descansan sobre machóns carentes de todo tipo de decoración. No pavimento da igrexa atópase unha lauda sepulcral de temática gremial, do antigo oficio dos ferreiros. Nela aparecen representadas unhas tenaces de volta (das que utilizan os ferreiros para suxeitar os ferros candentes) ademais dunha zafra sobre a que se martela. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Finais s. XII - s. XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo en Barazón [Parroquia] Santa María de Barazón [Descrición] Na aldea de Barazón Grande atopámonos cunha moi alta densidade de hórreos, principalmente nas eiras das casas. Moitos deles responden a unha mesma tipoloxía, erguidos sobre un banco ou cepa corrida e maciza. No caso que nos ocupa centrámonos nun en concreto, posto que ó ser edificado no ano 1793 pódese considerar o máis antigo (en base ós datos dispoñibles) do Concello de Santiso, e probablemente dos máis antigos da Terra de Melide. Para poder ver este hórreo é preciso atravesar a eira dunha vivenda particular, polo que o seu acceso está restrinxido.  Actualmente está restaurado na súa totalidade, pero conserva unha inscrición no penal sobre a porta onde se le a data da súa edificación e o nome da persoa que o mandou facer: "ME COSTEO D ANTº BOT Aº D 1793", este texto confirma a data da súa construción a finais do século XVIII.  Estruturalmente consta de varias partes, dun banco ou cepa corrida de asento realizado en aparello de cachotaría vista, aínda que os lenzos laterais preséntanse recebados na metade superior. Sobre esta cepa disponse unha mesa ou tornarratos corrido, como é lóxico ó tratarse dunha estrutura que non é sustentada mediante pes. Por riba do tornarratos atópase a cámara conformada por elementos de canteiría (testeiro, columnas e penais) e peche dos laterais empregando ladeiros de madeira en cores branca e ocre. Sobre a porta e o testeiro dispóñense sendos penais de feitura triangular, para adaptarse á configuración da cuberta. Sobre ambos sitúanse as sobrepenas, coroadas por unha cruz (a que vai sobre a entrada), e dun pináculo na traseira sobre o testeiro. En Traseirexe, na parroquia de San Pedro de San Román, tamén no concello de Santiso, atopamos outro hórreo tamén moi antigo, datado no ano 1808.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.     [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Crismón da igrexa de San Martiño de Oleiros [Parroquia] San Martiño de Oleiros [Descrición] O lintel da porta sur da igrexa de San Martiño de Oleiros trátase dun elemento de primeira orde, non tanto polas súas propiedades sustentantes, que xa van implícitas, senón polos motivos representados na cara frontal que reproducen un crismón trinitario de feitura inequivocamente medieval (este feito indica que se trata dun elemento reaproveitado na actual arquitectura do século XIX).  O lintel presenta unha forma pentagonal e no centro aparece unha circunferencia en forma de anel. No interior aparece a letra grega P (a Ro ou R latino), sobre o P trázase un X (Ji ou Chi grega). Estas dúas letras son as iniciais do nome de Cristo en grego, ou sexa XP. Sobre a P superpónselle unha cruz e alóngase o pau da P para entrelazar sobre ela un S. Deste xeito temos ante nós ós caracteres que simbolizan ás tres figuras da Santísima Trinidade:: O P (letra "erre" maiúscula grega) identifica a P latina e significa Pai, é dicir, Deus. O X inicial do nome grego de Cristo representa ó fillo de Deus, é dicir a segunda persoa da Santísima Trinidade. O S inicial tanto de Spíritus, de Sanctus alude á terceira persoa da Santísima Trinidade, é dicir ó Espírito Santo. Esta conxunción de letras é a que lle outorga ao Crismón a significación de Crismón Trinitario.  Dentro da circunferencia, flanqueando ás letras vemos as palabras, moi ben definidas, LUX e REX. A Lux significa luz e Rex significa rei, verbas que aluden ás naturezas divinas de Cristo.  Fora da circunferencia aparecen, de maneira ornamental, motivos vexetais (tallos, follas e rosetas de cinco pétalos), de moi coidada e elaborada realización.  Na Terra de Melide atópase outro crismón trinitario nunha casa particular da aldea do Meire (Melide), que segundo Xosé Manuel Broz, podería tratarse do lintel da porta do hospital de peregrinos do Leboreiro.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Delgado Gómez, Javier: "Un segundo crismón trinitario en la comarca melidense". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.   [Cronoloxía] Finais do século XIII [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Os Castelos e Cheminea dos Mouros [Parroquia] Santa María de Vimianzo [Descrición] Trátase dun xacemento tan interesante como complexo, posto que non resulta doada a súa interpretación nin a súa clasificación tipolóxica. A xulgar polo tipo de vestixios, tanto estructurais como materiais, induce a asocialo a un contexto histórico e de probable periodización medieval.  Este xacemento foi descuberto polo médico e historiador Don Eduardo Álvarez Carballido a principios do século XX, por mor das obras de construcción da presa para a central eléctrica do Rechinol.  Consta  este xacemento de tres zonas diferenciadas : un afloramento de forma caprichosa, coñecido como "Cheminea dos Mouros", outro afloramento que conserva restos de estructuras realizadas en pedra e cubertas con tella, coñecido como "Os Castelos", e baixo ambos a uns 35m. de desnivel aparece unha cova ou cavidade pechada por un muro de pedra, situada ó carón da canle de derivación da presa da central. A Cheminea dos Mouros é dun bloque exento de rocha que mantén un equilibrio inestable, e que se proxecta directamente sobre a vertente, trátase dunha formación natural de forma moi suxerente (estilizada e esbelta), o que puido dar orixe na antigüidade a este topónimo, asociado ó pobo mítico dos Mouros. Os Castelos, situados a 55m. ó suroeste do anterior consiste nun afloramento rochoso, igualmente escarpado, coroado por unha pequena plataforma natural que vai rodeado por un foxo, posiblemente artificial, cheo de entullos de pedra de estructuras desaparecidas, así como de anacos de tella. Tamén entre os entullos apréciase parte dun paramento dun muro. O terceiro elemento correspóndese cunha cavidade ou abrigo natural, de 6,30m. de ancho e 3,50m. de fondo, e cunha altura comprendida entre 1,80m e 3m. Na entrada atópanse os restos dun muro de peche de trazado semicircular, realizado en cachotaría moi ben disposta. O interior da cavidade está chea de entullos de pedra sobre un piso de terra compactada de superficie aplanada. Todos estes datos parciais apuntan a un asentamento de presumible adscripción histórica (probablemente medieval ou moderna). A zona correspondente cos castelos, que conta cun amplo dominio visual (sobre o curso baixo do río Furelos) e óptimas condicións defensivas naturais, complementadas por ese foxo, poden estarnos a indicar a existencia dun castelo rocheiro. A cavidade pode tratarse dun abrigo asociado a actividade de pastoreo en época antiga. Na páxina web da oficina virtual do catastro chama a atención que na cartografía repítese o topónimo de "Hermida" vinculado a esta zona, o que tamén debe ser un dato a ter en conta. Hai uns anos foi incorporado ó catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, polo que conta coa pertinente protección legal. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Protohistoria. Restos de un collar de la época Neolítica". Publicado no Boletín de la Real Academia Gallega nº 75, ano 1913. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Castelos e a Chimenea dos Mouros do Richinol". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.   [Cronoloxía] Idade Media ? [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Ruínas da Capela de San Cidre [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] No alto do Monte de San Cidre atópase unha capela, de realización recente en honor a San Cidre, pero a 35m. ó leste da mesma quedan restos dos alicerces da vella capela edificada na Idade Moderna.  A pesar de ser un elemento practicamente desaparecido, non carece de interese por diversos motivos, o primeiro deles é que esta vella capela ergueuse sobre os restos dunha mámoa, que para tal fin tiverona que rebaixar en boa medida (aínda se pode intuir a forma tumular desa mámoa no extremo oeste das ruínas, onde estaba a entrada da ermida). Outro aspecto a destacar é o de que actualmente pode verse o cruceiro da capela, de inicios do século XX, recolocado sobre os restos do muro leste da vella construción, da que non se conservan máis que un par de fiadas (de grandes pedras toscas e irregulares).  No Museo da Terra de Melide exponse unha pía de auga bendita, elaborada en canteiría de granito, procedente desta ermida desaparecida, e datada nos séculos XVIII ou XIX. Aínda hoxe ten lugar a procesión do San Cidre o día 15 de maio, que parte dende a igrexa parroquial de San Paio de Paradela, pasando polas aldeas de Buxán, A Tillería e San Xulián; e o seu retorno pola aldea de San Cidre, pasando ao carón do castro de Paradela, e polo medio da aldea de Paradela ata a igrexa. Segundo conta a tradición, nese couto de San Cidre apareceu certo día unha imaxe do santo, e os veciños levárona ata a igrexa da parroquia, pero o santo parecía sentirse máis a gusto no alto do monte, polo que retornou ata alí enriba. Os fregueses volvérnoa a baixar, pero o santo retornou de novo ó monte. Por terceira vez repetíronse os feitos, polo que os veciños determinaron en levalo en procesión ata o couto no día da celebración da festividade de San Cidre. Este acontecemento milagreiro propiciaría a edificación da capela neste cume. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Martínez Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide", en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Século XVIII? [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Pardo de Roiriz [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] A Casa de Pardo de Roiriz foi refeita no século XIX aproveitando materiais da antiga edificación fidalga. Con todo trátase dun soberbio inmoble composto de vivenda, curro (pechado con tapia e portalón), dous hórreos (de dúas estremas cada un) e muíño (de maquía con tres moas e vivenda para o muiñeiro) ó carón do río Catasol, ademais dunha capela situada do outro lado da pista, hoxe nun avanzadísmo estado de ruína.  A actual edificación de planta rectangular disponse en dúas alturas e vai cuberta a catro augas. Está realizada en aparello de cachotaría, aínda que en portas, ventás e esquinais emprégase aparello de canteiría de granito. Desta rexa edificación destácanse dous elementos principais: a cheminea e o escudo de armas situado na fachada que mira ó curro. A cheminea situada sobre a fachada lateral que da á pista asfaltada, é de gran porte e altura. Na parte superior está coroada por catro pináculos situados nas esquinas, pero o máis chamativo é unha gárgola en forma de cabeza humana en relevo, moi ben realizada, que se sitúa na base da mesma. Ten este rostro a boca aberta para facer de tiro ou respiradeiro.  O escudo aparece coroado por un elmo que mira á esquerda, baixo este sitúase un blasón distribuído en catro cuarteis e rodeado por unha orla de remates revirados (como se dos bordes dun pergameo se tratase). No primeiro cuartel aparecen representadas cinco pombas en diferentes posicións dos Seixas, no segundo cuartel aparecen tres cabezas de animais de perfil (sen identificar aínda que semellan cabezas de bóvidos), no terceiro aparecen cinco varas horizontais e superpostas dos Varela, e no cuarto cuartel represéntase tres caldeiras baixo dúas esporas de cabaleiría dos Puga. Este escudo sitúase entre dúas ventás do piso superior que conserva o recebo remarcando o aparello de cachotería, a modo de encintado ou esgrafiado. Ó redor do escudo vemos restos de pintura mural, sobre o recebo representando motivos que complementan o repertorio simbólico do blasón: flores (azucena?), sables, puntas de lanzas e algún caracter (entre os que se recoñecen unha H e unha S). Desta casa foi dona Elisa Varela Lauga, nai de Don Ricardo Sánchez Varela, crego e propietario da fábrica de curtidos de Furelos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Vazquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 1º: o patrimonio relixioso". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, decembro de 2016. - Vazquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 4º: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de melide, xaneiro 2017.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Belmil [Parroquia] San Pedro de Belmil [Descrición]  A Casa de Belmil, a pesar das desafortunadas "reformas" das que foi obxecto, amósase como un soberbio inmoble con porte de casa grande ou solariega.  Correspóndese cunha sólida arquitectura de planta rectangular e con dúas alturas. Está realizada en aparello moi ben coidado de cachotareía, aínda que nas portas, ventás, esquinais e cornixa do tellado emprégase o aparello de boa pedra de canteiría, realizada mediante grandes sillares de granito.  Na planta baixa destácase unha porta arquitrabada, na que no seu lintel reprodúcese un arco conopial rematado por unha flor de lis. No piso superior é de destacar a pedra de armas ó carón dunha das fiestras. O blasón artéllase en dúas pezas, na superior aparece unha M coroada sobre cinco troitas dos Vaamonde e flanqueadas por sendas cruces de Malta, todo elo rodeado pola lenda "BAAMONDE AGVIARE". Na peza inferior represéntase sobre unha cartela enrolada nos terminais, a aguia coas ás despregadas dos Aguiar, pousando as súas garras sobre axedrezado (composto por oito escaques en disposición vertical) e flanqueados por dous animais fantásticos afrontados.   Esta casa fidalga, pertencente ós Aguiar e ós Vaamonde, foi residencia de xuíces e escribáns das xurisdiccións de San Antoíño de Toques, do Coto de Furelos e tamén da xurisdicción de Abeancos. De feito en Belmil estivo a sé da Casa da Audiencia da xurisdicción de Abeancos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVI [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte do muíño de Penas [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] A vella ponte de Penas sobre o río Catasol, atopámola ó carón do muíño de Frade, e paralela á actual ponte feita mediante tubos de formigón, pola que discorre a pista que leva ata Campos.  A ponte de Penas é unha pontella tradicional concibida para o uso e acceso ó muíño. Consiste nunha construcción arquitrabada sinxela que consta de estribos e piar central realizados en aparello de cachotaría, sobre os que se dispoñen unhas grandes laxes rectangulares, bastante ben regularizadas, para conformar a plataforma superior. Esta plataforma ou taboleiro consta de dous tramos conformados, en orixe, por tres laxes cada un; e dotados dun ancho suficiente para poder acceder ó muíño con animais, e mesmo cun pequeno carro.   Na actualidade foron movidas dúas das lousas da marxe leste, que deberían ser restituídas para recuperar o seu aspecto orixinal. Esta pontiga é moi semellante ás do muíño de Trasmundi (nas Cazallas) ou a do muíño de Traspedra (en San Cosme de Abeancos), todas elas sobre o río Catasol e realizadas igualmente para darlle servizo ós muíños. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Castro Pedro [Parroquia] San Pedro de Folladela [Descrición] O castro Pedro emprázase no cume dun esporón meridional da Serra do Bocelo, a unha altitude de 650m. Polo seu emprazamento tan ben escollido conta cunhas condicións defensivas naturais óptimas, ó mesmo tempo que goza dun amplísimo domino visual. Trátase dun castro moi destacado na paisaxe, ó igual que o castro de Vilamor (Toques).  Consta de dous recintos, a croa ou acrópole de forma ovalada e duns 60m en sentido norte-sur  e duns 50m. no sentido leste-oeste, ademais dun antecastro que lle sucede polo norleste, norte e oeste, o que lle outorga unha maior superficie ó asentamento, acadando dese xeito uns 95m., globais, en sentido norte-sur, e uns 90 m. en sentido leste-oeste. A croa está defendida por un parapeto duns 5 metros de altura, mentres que o antecastro deféndese mediante un terraplén dus 6 m. de altura, rematando nun foxo. Tanto no interior da croa como nos extremos sur  e leste da mesma afloran penerías de granito, feito que contribúe a reforzar as condicións de defensa, posto que a súa presenza determinou en boa medida a disposición das liñas de fortificación artificiais. O castro atópase colonizado por monte baixo e por eucaliptos de repoboación recente na vertente sur. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - VV.AA.: "Arqueología del paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales". Xunta de Galicia, ano 1991.   [Cronoloxía] Idade do Ferro- Romanización. Século VII a.C.- II d.C. [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Fonte de Roiriz [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] A fonte de Roiriz atopámola a uns oitenta metros ó surleste da Casa de Pardo de Roiriz, ó final dun camiño tradicional situado fronte ás ruínas da antiga capela da casa.  Trátase dun característico exemplo de fonte de pozo, das que apenas levantan do chan. Esta fonte presenta unha feitura de arqueta cadrada realizada con aparello murario e parcialmente cuberta con dúas grandes lousas.  As augas teñen saída cara ó leste ó final do camiño e non van canalizadas, senón que verten directamente nos prados.  Ó redor da fonte son frecuentes os loureiros, como ven sendo habitual nas fontes tradicionais, ademais de abundante vexetación autóctona. Comentan os veciños de Roiriz que se trata dunha auga moi boa e saudable, que ten a particularidade de sair moi fresca no verán e tirando a morna no inverno. A pesar de gabar a calidade da auga, non se lle coñecen propiedades terapéuticas, nin milagreiras.  [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Fonte ---------------------------------------- [Elemento] Pontella de Vilariño [Parroquia] San Xiao de Zas de Rei [Descrición] A pontiga, ou pontella de Vilariño, foi construída para salvar o cauce do río Catasol, nunha zona de moi escasa fondura. Trátase dunha ponte de arquitectura moi sinxela de constitución arquitrabada, composta por catro grandes lousas dispostas máis ou menos en horizontal, que van apoiadas sobre tres grandes pedras fincadas no leito do río. Pola súa estreitez este tipo de pontellas foron concibidas basicamente para o paso de persoas, dado que os animais e os carros cruzarían directamente polo rego, debido á escasa fondura que presentan os regatos nos lugares de paso. En caso de enchente, os animais poderían pasar sobre as pedras, facendo equilibrio e guiados polo arrieiro. No río Catasol hai máis exemplos de pontellas deste tipo, como poden ser as dúas existentes na aldea de Vilaverde (parroquia de Pedrouzos), sobre o curso do rego de Albariño, que desauga no Catasol a pouco máis de oitocentos metros augas arriba da pontella de Vilariño. Ou a ponte de Raído situada na parroquia de Santa María de Melide, no trazado do Camiño Francés.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Pontella da Pontepedriña [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] A Pontepedriña trátase dunha pequena pontella, ou pontiga, construída para salvar o rego Pedriña, tamén coñecido como rego da Toca ou rego Pequeno, nomeado tamén nunha doazón do Rei Don García  no século XI, como río Flamosino. Este rego de curso moi accidentado é o mesmo que augas abaixo desta pontella, discorre canalizado entre as ruínas do mosteiro bieito de San Antoíño de Toques (A Capela). Finalmente este rego desemboca no Furelos á altura de Souto. A pontella trátase dunha característica construción arquitrabada, constituída por sete grandes lousas irregulares asentadas sobre piares de cachotería, igualmente de feitura irregular.   Pola súa estreitez este tipo de pontellas foron concibidas basicamente para o paso de persoas, dado que os animais e os carros cruzarían directamente polo rego, debido á escasa fondura que presentan os regatos nos lugares de paso. En caso de enchente os animais poderían pasar sobre as pedras, facendo equilibrio e guiados polo arrieiro. Este tipo de pontiga ven a ser un sistema de paso individual para cruzar as persoas os regos, algo máis elaborado que unha sucesión de pasais discontinuos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.   [Cronoloxía] Indeterminada [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Castronela de Castelo [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Trátase dunha das tres castronelas identificadas no concello de Toques polos arqueólogos da USC.  Unha castronela é un xacemento de cronoloxía altomedieval (s. VI d.C.-IX d.C.) constituído a partir dunha elevación artificial de terra, definida por uns eixes regularmente establecidos e dotados de liñas defensivas. No seu interior albergan un asentamento estable tipo torre ou casa forte. Soen contar cun amplo dominio visual para favorecer o caracter defensivo deste tipo de estructuras. A miúdo poden confundirse cun castro da Idade do Ferro, aínda que as defensas deste tipo de recintos medievais son menos monumentais e elaboradas.  A castronela de Castelo trátase dunha estrutura artificial fortificada provista na parte posterior dun foxo circundante, e disposta en dous niveis, a modo de plataformas escalonadas, ambas en pendente, aínda que máis pronunciada a superior, que remata nos restos dun muro de terra ao pe do foxo. O recinto presenta unha planta subcadrangular cunhas esquinas orientadas en función dos puntos cardinais. No ano 1988 arqueólogos da USC realizaron sondaxes nela, nos que se documentou unha estrutura de pedra dentro do recinto, correspondéndose coa cimentación dalgún tipo de torre.  Na actualidade as plataformas da castronela están a prado en combinación con masas de arborado autóctono. No concello de Toques coñécense outras dúas castronelas na aldea de Baamonde, tamén na parroquia de Paradela, e outra preto da aldea de Brañas. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - VV.AA.: "Arqueología del paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales". Xunta de Galicia, ano 1991. [Cronoloxía] Altomedieval [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Visantoña [Parroquia] San Xoán de Visantoña [Descrición] O cruceiro de Visantoña atópase nun cruce de pistas, na bifurcación entre a estrada de Visantoña e a pista que leva ata a aldea de Amboaxe. Este cruceiro cambiou varias veces de emprazamento, e mesmo resultou abatido por maniobras de vehículos danando os seus elementos. Por estar nun lugar tan exposto corre perigo de resultar novamente perxudicado, polo que se debería estudar unha ubicación máis segura. Trátase dun fermoso cruceiro barroco, que consta de cinco partes: plataforma, basa, fuste, capitel e cruz.  A plataforma constitúese nunha escalinata de feitura troncopiramidal de tres gradas de perfil en bocel. Sobre a plataforma dispónse a basa monolítica, de forma tamén troncopiramidal na que se reproducen os atributos da paixón de Cristo (coroa, escada, tenace, martelo, tres cravos...),  un sapo, unha píntega, un lagarto e unha inscrición ilexible, e nos catro ángulos dispóñense sendas caveiras. O fuste presenta sección oitavada, que se torna en cadrada nos extremos. Na parte superior do mesmo  aparece unha cartela sobresaínte na que figuraba a data de realización, actualmente borrada. O capitel, de sección cadrada, é derivado do composto con volutas nos extremos e anxos nos lados frontais. A cruz é recta con aristas achafranadas. Tamén é figurada, posto que no anverso representa a Cristo crucificado con tres cravos e coa cabeza coroada de espiñas e mirando cara a esquerda. No reverso aparece unha imaxe frontal da Virxe coas mans en actitude orante. Ata o cruceiro diríxese a procesión na festividade de San Xoán (patrón da parroquia) e no San Agostiño (que se celebra o 28 de agosto). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.     [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Colaboradores e saídas de campo [Parroquia] [Descrición] Fotos que atopamos nas nosas saídas de campo, para documentar o catálogo e pasalo ben, ;) E xente que colabora en abeancos.gal, dun ou doutro xeito, cada un aportando o seu coñecemento e paixón. [Cronoloxía] Esperamos chegar a vellos [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Torre de San Xurxo de Mourazos [Parroquia] San Xurxo de Mourazos [Descrición] Na aldea de San Xurxo, onde na actualidade se ergue a igrexa de San Xurxo de Mourazos (do século XVIII, e agregada á parroquia de Santalla de Rairiz no ano 1890) e o cruceiro (do século XIX) considérase que estivo emprazada a desaparecida Torre de San Xurxo, pertencente ao conde Sancho de Ulloa e derrocada polos Irmandiños no ano 1467. Aparece nomeada nun documento do ano 1214 no que o rei Alfonso IX dona á igrexa de Santiago a Terra de Abeancos. Tamén aparece documentada no Preito Tavera-Fonseca datado no ano 1525. Na actualidade non se conservan restos desta torre, nen doutras estruturas anteriores, a pesar de que se considera que nese emprazamento con forma de outeiro, proxectado sobre o curso do río Ulla, houbo un castro. O que si se pode ver con claridade, son unhas penas situadas a poucos metros da igrexa (no extremo norleste), que presentan dúas pías artificiais mutiladas e escavadas na superficie das mesmas, de función e cronoloxía indeterminada, pero de feitura inequivocamente artificial ou antrópica, que contan con folclore asociado ao pobo mítico dos mouros, que as utilizaban para darlle de beber e comer ós cabalos, segundo a tradición popular. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. [Cronoloxía] Época Medieval [Estado de conservación] [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Ponte dos Freires ou de Moldes [Parroquia] San Cosme de Abeancos [Descrición] Ponte edificada durante o reinado da raíña Isabel II, no ano 1867, ó trazarse a estrada que ía de Betanzos a Lalín, sobre o curso baixo do río Catasol, afluente do Furelos.  Trátase dunha sólida ponte construída en aparello de sillería ou perpiaños de granito. Presenta un único arco de tipo rebaixado que se apoia en sendos estribos achafranados con esquinas redondeadas. Os peitorís tamén están constituídos por grandes sillares coroados por unhas albardillas alombadas. Esta ponte aseméllase moito ás pontes do Barreiro e de Trasmundi, as tres da mesma época e as tres sobre o río Catasol. Tamén da mesma data é a Ponte Nova de Arcediago, sobre o río Ulla, aínda que esta última consta de tres arcos ó serm moito maior o cauce deste río. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa María de Ordes [Parroquia] Santa María de Ordes [Descrición] Trátase dunha igrexa parroquial rural de arquitectura románica, aínda que foi moi reformada no ano 1912, perdendo boa parte da súa fábrica orixinal. A pesar diso conta con interesantes elementos orixinais, como poden ser a portada principal, na fachada oeste, de arco de medio punto, formado por cinco grandes doelas, remarcado por unha chambrana de moldura de caveto con decoración de bolas, que tamén se repiten nas impostas que sosteñen o arco. Tamén se pode ver a ábsida semicircular coroada por unha cornixa apoiada sobre nove canzorros, con decoración xeométrica (rolos, nacelas e proas). Pode comprobarse como faltan algúns na parte norte. No interior pode verse o arco triunfal, que se atopa na actualidade revocado e pintado. Trátase dun arco de medio punto, lixeiramente peraltado e dobrado que descansa sobre unhas impostas molduradas, (a do lado dereito con decoración de bolas, semellantes ás da portada exterior). Baixo as impostas sitúanse sendos capiteis con decoracións vexetais (follas nervadas), sobre columnas monolíticas lisas e de sección semicircular.  Detrás do retablo, do século XVII, consérvanse unhas pinturas murais datadas no século XVI, en moi mal estado de conservación.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide". Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Tera de Melide, ano 1982. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións o patrimonio da Terra de Melide: A igrexa de Santa María de Ordes". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.     [Cronoloxía] Séculos XII- XIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Portada do Pazo de Liñares [Parroquia] Santiago de Liñares [Descrición] Da Casa Grande de Liñares o máis destacado é esta monumental portada, que se atopa nun precario equilibrio, posto que a súa arquitectura ameaza ruína.  Consta dun primeiro corpo realizado en  aparello combinado de cachotería e canteiría de granito. Nel destácase a porta de arco de medio punto composto por nove doelas, incluíndo a crave na que se representa en relevo o escudo da linaxe dos Varela, con tres flores de lis e tres varas, sobre unha venera (cuncha de vieira). Sobre o arco disponse unha cornixa moldurada sobre a que se asenta un frontón triangular, coroado por pináculos rematados con bolas e flanqueado por dous merlóns trapezoidais. No centro do frontón aparece representado o escudo de armas do Pazo. Trátase dun escudo moi completo distribuído en catro cuarteis que reproducen no primeiro cuartel os emblemas dos Varela (cinco varas e tres flores de lis rodenado á roda dentada do martirio de Santa Catalina de Alexandría), tamén dos Varela a representación dunha torre no segundo cuartel, no terceiro cuartel o emblema dos Ulloa cos quince xaqueles e no cuarto cuartel o emblema dos Montenegro representado por unha M coroada. Estes blasóns superpóñense a un pergamiño e a unha cruz de Santiago acodada e coroados por un elmo e por unha man portadora dunha lanza no extremo superior esquerdo. Atravesando a  portada accédese a un curro ó redor do que se dispoñen as dependencias do Pazo, actualmente convertido nunha casa de labranza de titularidade privada, e polo tanto de acceso restrinxido. Dende a portada aínda se pode contemplar  un corredor porticado ou solaina, nunha edificación lateral,  e tamén unhas escaleiras monumentais e outro escudo de armas na fachada da edificación principal.   As orixes desta casa remóntanse ó século XVI; iniciándose con Don Vasco López Varela e a súa dona Sabela López Ulloa, bisavós de Goros López Varela (cuñado do arcebispo Don Mateo Segade Bugueiro e pai do cabaleiro de Santiago Don Antón Varela Segade). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro dos Ánxeles [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] O cruceiro sitúase a 150 m. ó oeste-suroeste da igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles, e ó carón dunha carballeira de plantación ordeada, constituída por dúas ringleiras de carballos. Este cruceiro consta de catro elementos ou partes (escalinata, basa, fuste e cruz). A escalinata de composición trocopiramidal, confórmase de catro gradas decrecentes rematadas en perfil abocelado. A basa, ou pedestal presenta feitura igualmente troncopiramidal, e nela represéntanse os atributos da paixón de Cristo (tenaces, tres cravos, martelo, lagarto, palma, serpe, hisopo, coroa de espiñas e escada). Na cara leste do pedestal adósaselle un pequeno pousadoiro ou altar. O fuste é de sección octogonal na vara, aínda que os extremos son de sección cadrada, presenta na súa base (no lado leste, mirando cara a igrexa) unha custodia ou viril, en relevo, que se asocia coa festividade do Corpus Christi. O capitel é moldurado e carente de figuración e decoración. A cruz tamén carece de figuración. Presenta  aristas achafranadas e extremos florenzados. Nas festividades da Pascua, do Corpus Christi e da patroa da parroquia (Santa María, celebrada o 15 de agosto) faise procesión dende a igrexa ata o cruceiro. No Corpus Christi ademais adórnase con arcos florais.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Pazo de Corbelle [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] Este pazo foi refeito  a finais do século XIX polo Marqués de Pardiñas, no solar onde houbo un pazo anterior, e reaproveitando materiais e escudos da antiga construción. O edificio actual, de planta rectangular e disposto en dúas alturas, vai precedido por un pequeno adro no que se dispón unha escalinata de acceso á porta principal, da que tamén parte unha segunda escaleira exterior que da  acceso a unha solaina actualmente modificada como galería acristalada. Na fachada, no piso superior entre as ventás, locen os tres escudos de armas da antiga casa. Un deles rodeado por un cadea con candado dos Varela distribuído en catro cuarteis, representa as varas do apelido Varela, torre con rodas nos flancos do apelido Torres, dúas medias rodas con radios do apelido Camba e  tres flores de lis do apelido Varela. O segundo escudo sustentado por unha serea flanqueada por dous medallóns con rosetas, igualmente distribuído en catro cuarteis representa dous leóns rampantes enfrontados da familia Mariño e Arias, tres flores de lis dos Varela e e un cuarto cuartel losanxeado  (con tres filas de rombos) do Conde de Monterroso. O terceiro escudo tamén distribuído en catro cuarteis representa os quince xaqueles con faixas da familia Ulloa, os seis roeles dos Castro, un año cun bolo do apelido Bolaño e cinco pombas do apelido Seixas. No ano 1708, houbo un pleito entre o propietario da antiga casa  de Corbelle, Don Antón Varela de Ulloa e Soutomaior contra os frades do Convento de Sancti Spíritus pola propiedade da Capela Maior da igrexa conventual e tamén polo dereito de soterrarse nela. No chan da Capela Maior aínda poden verse dúas laudas sepulcrais da Casa de Corbelle. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Taboada Roca, Antonio: "Notas Históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Idade Moderna/Idade Contemporánea [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro da Fonte Santa dos Ánxeles [Parroquia] Santa María dos Ánxeles [Descrición] Este Cruceiro da Fonte Santa situado detrás da igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles, é un dos dous que hai nesta aldea, ademais do cruceiro parroquial sito na carballeira fronte á igrexa. O Cruceiro da Fonte Santa sitúase nunha encrucillada de camiños, como é habitual. Consiste nun cruceiro moi sinxelo, composto por unha cruz lisa e capitel moldurado carente de decoración (refeitos no ano 1980). O capitel descansa sobre un fuste de sección cadrada e octogonal asentado sobre un pedestal moldurado, en consonancia co capitel. O máis senlleiro é que todo o conxunto do cruceiro érguese sobre a Fonte Santa constituída a modo de plataforma na que se lle practicaron tres buratos para que poida fluír a auga, que discorre libremente pola marxe dun dos camiños. Como é habitual nas fontes tradicionais, ó seu carón medran loureiros, ademais doutro tipo de especies autóctonas. Xosé Manuel Broz  recolleu a seguinte información referida ás propiedades da auga da Fonte: “Dende moi vello existe o costume de coller a auga desta fonte nunha botella e escoitar a misa do domingo na parroquial de Santa María dos Ánxeles (Virxe con moita devoción entre a xente da comarca). Despois utilízase esa auga para botala nas leiras para previr e paliar as pragas de vermes. Tamén dicían que era moi boa para os animais, para o campo e para as tronadas. O costume de ir pola auga aínda se practica actualmente os luns de Pascua (festa principal da parroquia)”.   Comentario achegado por Milo Mosteiro Mato, a través do facebook: "A miña nai Carme de Garceiras, chamáballe a Fonte de Augas Santas e o marido da súa irmá Susa, o meu tio Xesús Varela foi o que restaurou o cruceiro erguéndoo de novo, xa que estaba deitado" BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Casa de Goiás [Parroquia] Santiago de Vilouriz [Descrición] Asistimos a un fermoso exemplo de arquitectura civil localizado nun escenario rural. Trátase dunha casa singular disposta en dúas plantas, realizada en aparello mixto (sillares de cantería en xambas,  linteis, soleiras, antepeitos,  esquinais e cornixa) e cachotaría nos paramentos. Conta cunha porta alintelada con mochetas, moi común nas casas antigas das aldeas da comarca, pero sobre todo destaca por outros dous elementos: unha aleiro con moldura de caveto con decoración perlada (ou de bolas), sobre a que descansa o tellado, e tamén por un escudo situado ó carón da ventá do piso superior, que representa unha árbore con froitas e un paxaro comendo nelas, do lado esquerdo do tronco da árbore un cuadrúpedo en posición rampante que pode tratarse tanto dun can como dun équido e do lado dereito vese unha cabeza humana mirando de fronte, que se asemella moito ós rostros representados nas mochetas da porta dunha casa dos Curros (A Capela, Toques) ou ás da porta do Hospital do Leboreiro (Melide). Descoñecese a linaxe propietaria desta casa, polo que non se pode, a día de hoxe, descifrar o significado desta pedra armeira. Xosé Manuel Broz, autor do libro “Santantoíño de Toques”, aporta datos sobre esta casa e recolle que “se di que foi cárcere, logo hospital e tamén casa do Concello, e tamén fala do antigo “Couto de Goiás”, que tiña varios posuídores: A Casa de Ulloa, Casa de Corbelle, Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide, sendo da xurisdicción de Peibás, en terras de Antas de Ulla”.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017. [Cronoloxía] Século XVI [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Muíño do Redondo [Parroquia] Santo Estevo de Vilamor [Descrición] O Muíño do Redondo sitúase na marxe norte do rego de Irago. Trátase dun magnífico exemplo de muíño de pozo ou de cubo. O que máis chama a atención deste muíño realizado en aparello de cachotería non é tanto o propio muíño, que só conta cun rodicio, senón a espectacular canle de abastecemento de auga así como o seu elevado cubo ou pozo de precipitación de auga, que lle garante gran presión e caudal necesaria para accionar o rodicio. A canle, moi elevada, aseméllase ó sistema de abastecemento de auga sobreelevado característico dos  acuedutos de construción romana. As dimensións da canle falan por si solas, xa que acada os 60 m. de longo e 1,50 m. de ancho. Na base desta estrutura realizóuselle unha porta ou vano para facilitar a comunicación entre ambas partes do prado ser ter que rodear todo o conxunto. Na Terra de Melide existen outros exemplos de muíños con acueduto  como poden ser o “Muíño de San Xiao” en Toques ou o “Muíño do Alto” en Xubial (Melide), o que da mostra da singularidade do patrimonio popular destas terras de interior.     [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Marco do Hospital [Parroquia] San Salvador de Merlán [Descrición] Trátase dun marco xurisdicional de época medieval ou moderna asentado sobre a Mámoa nº 1 da Necrópole Megalítica do Marco. Mámoas e marco sitúanse no mesmo vado ou collado da serra do Careón polo que discorre o trazado do Camiño Primitivo. O Marco do Hospital elaborado en rocha metamórfica, presenta unha feituta triangular irregular e apuntada. Cunhas dimensións, visibles, de 1,60m. de altura por 80 cm. de ancho máximo e un grosor duns 25-30 cm. Na súa cara leste ten gravada unha cruz, mentres que na oeste presenta dúas. Está situado sobre referida “mámoa 1” na súa metade leste (ó carón do cono de violación), cabería a posibilidade, por tanto, de que se trate dun chanto da mámoa reaproveitado e modificado en época histórica, para asumir esa función de marco. Sobre o marco do Hospital, sábese por documentos que servía de fito xurisdiccional dos seguintes señoríos: Hospital das Seixas (pertencente á Encomenda de Portomarín), Coto de Moredo (pertencente ó Convento de Sanctispiritus de Melide), Coto de Goiás (pertencente á Casa de Corbelle e ó convento de Sanctispiritus de Melide), parroquia de Vilouriz  (que era do Señorío da Casa de Ulloa ou Monterrei) e finalmente parroquias de Paradela e Brañas (pertencentes ó Mosteiro de San Antoíño de Toques). Dende o marco divísanse os Penedos de San Nicolao, correspondentes cunhas penedías conformadas por afloramentos de seixo branco, onde fala a tradición que estivo asentado un Castelo rocheiro altomedieval, así como unha posterior capela baixo a advocación de San Nicolao.  BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Marco do Hospital no Camiño Primitivo de Ovedo". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "As Pedrafitas ou Menhires de Andabao". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. [Cronoloxía] Idade Media/Idade Moderna [Estado de conservación] Regular [Tipo] Marco e cruz de termo ---------------------------------------- [Elemento] Castro de Vilamor ou de Cardelle [Parroquia] Santo Estevo de Vilamor [Descrición] O Castro de Vilamor sitúase nun cume elevado (a 628m. de altitude), nunha dorsal de estribación da Serra do Careón. Conta por tanto cun amplo dominio visual e dunhas condicións de defensa natural moi favorables. Presenta forma ovalada, co eixo maior en sentido leste-oeste (73 m de diámetro), e cunhas dimensións de 52m. no eixo norte-sur. Consta dun único recinto, correspondente coa croa, que vai cercada por un parapeto, que oscila entre os 3 e os 6 m. de altura, que se abre cara o suroeste para definir o acceso. O parapeto que protexe á croa séguelle un segundo parapeto que reforza as defensas na zona da entrada. En todo o sector noroeste e norte desenvólvese unha superficie aterrazada contigua ó parapeto principal. No “Terra de Melide”, Florentino López Cuevillas dá conta doutras estruturas defensivas situadas no cuadrante nordeste, que deberon sufrir sucesivas explanacións para traballos agrícolas, modificando a súa morfoloxía. Nese cuadrante desenvolvíase un foxo dun ancho de 5m. entre os dous parapetos. No Museo da Terra de Melide expóñense restos de materiais procedentes do Castro, así como unha maqueta deste. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.     [Cronoloxía] Idade do Ferro –Romanización. S.VII a.C.-II d.C. [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Petroglifo da Pena Ferrada [Parroquia] Santo Estevo de Vilamor [Descrición] Trátase dun afloramento de gneis que se sitúa no propio trazado, hoxe en desuso, do antigo Camiño Primitivo a Santiago (ou Camiño de Ovedo). Correspóndese co tramo que discorre entre as aldeas de Vilouriz e Vilamor. Algúns autores consideran que pode tratarse do antigo trazado da Vía Romana XIX (que comunicaba  Lugo con Braga). A Pena Ferrada configúrase como un gran afloramento rochoso, disposto en sentido leste-oeste, cun alombamento central que lle outorga unha forma semiesférica. A rocha presenta diaclasas (fisuras ou fendas naturais), e tamén algunha extracción pero destaca por ter representados tres motivos gravados ou petróglifos. Na parte leste aparece representada unha cazoleta ou coviña, de 10,5 cm. de diámetro, á que se lle ven claramente as estrías do proceso de labrado. Os outros dous motivos (situados ó oeste da coviña) son dous podomorfos  (pegadas de pes ou pezuñas) de pequeno tamaño. Un deles presenta forma alongada consistente en dous tramos lineais converxentes unidos nun extremo, no que aparecen marcadas dúas posibles dedas. A segunda pegada amosa unha forma máis pechada, e nun dos seus extremos conta con dous buratiños dispostos en paralelo. Non responden ós motivos característicos dos demais podomorfos que representan pegadas de cérvidos, en forma de graos de café. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: A Pena Ferrada". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Gómez Vila, Javier: "Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo e da Vía Romana XIX nos Concellos de Toques e Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O petróglifo da Pena Ferrada". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Petróglifos na Terra de Melide", artigo publicado no blog do Museo http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo 2018.   [Cronoloxía] Indetermindada [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Ponte de Busel [Parroquia] San Vicenzo de Ribadulla [Descrición] A Ponte de Busel sitúase sobre o rego da Beseña, na súa desembocadura no Ulla, no que é hoxe o encoro de Portodemouros. Por esta circunstancia nos meses de inverno aparece mergullada polas augas debido á abundancia de caudal. A pesar da apariencia medieval da ponte, que chama a enganos pola súa fábrica, sábese que foi feita ó redor do ano 1933 por Mingos do Gaiteiro que era natural de Pezobre. Fíxose para facilitar o paso desde Busel ata A Maceiriña, e tamén para dar servizo a varios muíños existentes augas arriba. A ponte dun só arco, está realizada en aparello de cachotaría irregular, na actualidade conserva os dous estribos de apoio (un deles moi danado) e a arcada, de medio punto rebaixada, feita con laxas imbricadas en cuña, moi ben dispostas. Non conserva os peitorís laterais. É unha ponte moi senlleira, de moi coidada factura, situada nunha fermosa veiga que só é visible nos meses de seca. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A ponte de Busel". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo", xaneiro 2017. [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Pazo de Tarrío [Parroquia] Santiago de Xubial [Descrición] Completo conxunto pacego murado, integrado por casa grande, capela, hórreo de sete estremas e pombal situado no exterior. A casa, con planta en forma de L, disponse en dúas alturas. Na fachada principal locen dous escudos e a entrada da capela (que forma parte da edificación da casa). O escudo da esquerda coroado por un helmo distribúese en catro cuarteis cos emblemas dos Valladares, Montenegro?, Noguerol e Seixas. No da dereita, distribuído tamén en catro cuarteis, reproduce os emblemas dos Figueroa, Prado, Caamaño e Maldonado. Cara o surleste disponse un patio interno ó que se abre unha monumental solaina con peitoril macizo de pedra, sobre o que se erguen pequenas columnas de granito que sustentan a cuberta. No interior da capela destácase un excepcional retablo do século XVIII, de estilo Rococó, en mal estado de conservación, procedente da Capela do Santo Oficio do Tribunal da Inquisición de Santiago; foi mercado a finais do século XIX, por Don Juan Saavedra Codesido, propietario do pazo. A igrexa parroquial de Santiago de Xubial conta cunha capela lateral, do século XVIII, mandada edificar como capela funeraria para a familia Saavedra do Pazo de Tarrío. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Fábrica de curtidos de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] A fábrica de Furelos trátase dunha espectacular edificación preindustrial dedicada ó tratamento e curtiduría de peles, situada na marxe sur do Río Furelos. Foi fundada polo escribán Don Andrés Varela das Seixas no ano 1817, e mantense en funcionamento ata a década de 1960. O último propietario foi o crego Don Ricardo Sánchez Varela, tataraneto do citado escribán. A fábrica correspóndese cun moi amplo recinto pechado arredor do que se erguen os edificios. Consta dunha gran edificación en forma de L que se utiliza como vivenda, e de salas para os píos na planta baixa. No patio, adosados á vivenda dispóñense os lavadoiros das peles. No centro do patio ubícase unha fonte-lavadoiro e no extremo leste sitúase o depósito onde se almacenaba a casca de carballo, necesaria para obter o tanino para o curtido das peles. Fora deste conxunto pechado atopábase a horta que cultivaban os caseiros e un hórreo de tres estremas igualmente arruinado. Estamos ante o máis destacado conxunto de arqueoloxía industrial da comarca, que se atopa nun lamentable estado de conservación, a pesar da relevancia que tivo durante máis de cen anos. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: A fábrica de curtidos de Furelos". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo", xaneiro 2017.     [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura industrial ---------------------------------------- [Elemento] Inscrición na Ponte de Mourazos [Parroquia] Santa María de Berredo [Descrición] A actual ponte de Mourazos cruza o Río Ulla entre os concellos de Agolada e Santiso, trátase dunha ponte de construción recente feita en formigón, que foi levantada no mesmo lugar no que en épocas anteriores existiron alomenos outras tres, que  foron substituíndo unhas ás outras. No lugar non se conserva nada do que puido ser a primitiva ponte levantada no século IX, que se trataría dunha ponte de pedra con arcadas. O que si se conserva na beira sur, correspondente ó Concello de Agolada, é unha inscrición gravada nunha pedra, que na actualidade se atopa caída na beira do río e coas letras boca abaixo (polo que se ven do revés). Durante o inverno e primavera, debido o aumento do caudal do Río Ulla, a pedra permanece mergullada baixo as augas. Cando baixa o caudal é factible ver a inscrición, que fala da data da súa realización. Está escrita en latín, con caligrafía moi ben executada. A súa transcrición sería: “Construíron esta ponte na era 900 e foi rematada o día dez das calendas de maio” (actualizado ó actual calendario, correspóndese coa data do 23 de abril do ano 862). Literalmente pode lerse parte do texto incompleto: “+ LABORABERV ESTAPONTEIN ERA  d CCCC - ET FVIT PERFECTA. X KLS M” É unha das poucas inscricións deste tipo que se conservan en Galicia. Coñécense outras dúas similares no concello de Vila de Cruces e outra no de Silleda. A Súa presencia da fe da existencia dos vellos camiños de tránsito en época medieval.   BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A inscrición da Ponte Mourazos". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.   [Cronoloxía] Século IX [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Ponte do Leboreiro [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] Ponte de orixe medieval situada sobre o Río Seco (afluente do Ulla). Trátase dunha ponte dun so arco de medio punto, con doelas de cantería. Da obra orixinal so se conserva o arco, posto que boa parte dos estribos, os peitorís e a calzada son obra do ano 1984, cando se restaurou a ponte. Esta ponte atópase no propio itinerario do Camiño Francés, ó igual que a Ponte Vella de Furelos (datada no século XII). Estas dúas pontes son de edificación medieval, foron coñecidas popularmente como “pontes romanas”, a pesar de que a súa fábrica é de tipoloxía propiamente medieval e de que por ese trazado non discorría ningunha vía romana coñecida. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.   [Cronoloxía] Século XIV? [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Novela [Parroquia] Santa María de Novela [Descrición] Este cruceiro atópase na carballeira do campo da festa. Os carballos dispóñense aliñados conformando un paseo que parte da Capela da Santa Cruz e leva ata a igrexa parroquial, situándose no medio deste paseo o cruceiro. O cruceiro consta de seis elementos: cruz, capitel, fuste, pedestal, plataforma e pousadoiro ou mesa. A cruz é figurada representando a Cristo crucificado por un lado, e polo outro á Virxe en oración sobre un anxo. O capitel é derivado do composto (representa follas, volutas e anxos). O fuste é estriado. O pedestal é de forma troncopiramidal e representa os atributos da paixón ós lados (tenaces, tres cravos, martelo, escada, coroa, hisopo, palma, ademais dun sapo e dunha píntega), nos catro ángulos represéntanse catro caveiras. Esta basa ou pedestal érguese sobre unha plataforma conformada por catro gradas ou chanzos. Na cara sur sitúase unha mesa de altar ou pousadorio no remate da escalinata, que ten gravada a data de 1882 (posiblemente se corresponda coa data de colocación e fabricación do pousadoiro, xa que a tipoloxía e estilo deste cruceiro é manifestamente anterior). Este fermosos cruceiro está emparentado tipolóxicamente co de Ordes (Toques) e o de Baltar (Melide). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Martínez Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Mámoa Foxo do Cabrito [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] Trátase dunha anta que aínda conserva sete chantos da cámara pero non a tampa. Na parte sur-surleste hai un oco bastante grande entre os esteos que pode corresponderse coa entrada do monumento. Os ortostatos (chantos) da cámara asoman na parte central dun túmulo bastante rebaixado en altura, o que desdebuxa moito o perfil da mámoa. Estes chantos na actualidade están cubertos de musgo e tanto na cámara como no conxunto do túmulo, existe abundante vexetación arbórea e con moita silva, xa que se atopa nunhas parcelas a monte. Para poder acceder a esta anta é preciso pasar a través de prados particulares pechados con arame, o que restrinxe a súa visita. O topónimo Foxo do Cabrito está relacionado cun foxo para cazar lobos que hai nas inmedicacións e do que aínda quedan restos. Lenda asociada: Segundo  informacións de veciños desta aldea, do seu interior saía unha galiña con pitos.     [Cronoloxía] 3500-2200 a.C. [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Ponte nova de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] Esta ponte foi edificada no ano 1861 sobre o río Furelos, durante o reinado da raíña Isabel II, cando se realizou a estrada que une Lugo con Santiago de Compostela. Este dato confírmase nas inscricións existentes en dous sillares situados nos peitorís superiores da ponte, nun deles lese: «Reinado de Isabel II» e noutro: «Año de 1861». Trátase dunha ponte moi monumental, que mide 22 m. de longo por 6,5 m. de ancho. Consta de tres potentes arcos de medio punto que descansan sobre os correspondentes estribos laterais, e sobre dous piares con tallamares de sección semicircular. Toda a fábrica é de aparello de perpiaño (sillares) de cantería de granito. Na estrada Lugo-Santiago, ao seu paso polo Concello de Melide, vemos outra ponte, dun só arco erguida no mesmo ano 1861, trátase da ponte do Barreiro, sobre o río Catasol. A Ponte Nova de Furelos aseméllase á Ponte Nova de Arcediago (no concello de Santiso), sobre o río Ulla, e que foi construída no ano 1867.       [Cronoloxía] 1861 [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Pezobrés [Parroquia] Santo Estevo de Pezobrés [Descrición] Esta igrexa románica foi traslada no século XVIII desde a aldea de Pezobrés ó seu actual emprazamento en San Benito. Como consecuencia deste traslado sufriu importantes alteracións na súa arquitectura: posible elevación da nave, perda da ábsida orixinal e a inapropiada ubicación do Agnus Dei, situado actualmente sobre a espadana. Débense destacar os elementos propios da fábrica románica especialmente as portadas oeste e sur, os once canzorros do lenzo norte e os trece do lenzo sur, ademais da representación do Agnus Dei situado sobre o cume da espadana, que representa un año ou máis ben un carneiro pola súa gran cornamenta, e polo deseño ben definido dos cuartos traseiros, extremidades e tamén polo labrado da pedra que reproduce dun xeito veraz a lá; sobre o carneiro disponse unha cruz patada. A porta oeste destácase polos seus capiteis con deseños xeométricos e vexetais e polo tímpano que representa unha cruz tetrafoliada (de catro follas) inscrita nun cadrado, este apoiase sobre dúas mochetas con representacións animais (bóvido e lobo). Destaca tamén a chambrana decorada con puntas de diamante. A porta sur aseméllase á porta oeste no seu deseño, destaca polos seus capiteis con decoración vexetal e polo tímpano que representa unha cruz grega inscrita nun arco polilobulado que se apoia sobre mochetas con decoración xeométrica (rolo e aspa). Ó igual que a porta oeste, a chambrana aparece decorada con puntas de diamante. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Século XII-XIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Portada da Capela de San Roque [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Antiga portada norte da desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide, destruída no ano 1949. Nese ano edifícase a actual Capela de San Roque, con restos da vella parroquial e da tamén demolida Capela de San Roque (a antiga capela que se atopaba a 90m. ó oeste da actual). A portada é un magnífico exemplo da arquitectura e escultura do románico do Camiño de Santiago. Conta con tres pares de columnas rematados por capiteis vexetais. Sobre xambas e columnas dispóñense as arquivoltas cunha profusa decoración de estética gótica (arquiños ou lóbulos, puntas de diamante e motivos florais). Tamén se destacan os cimacios con decoración de carácter vexetal, e no da esquerda aparece representada a cabeza dun lobo amarrando pola cola a un basilisco, ou dragón, que está devorando a un home. Outro motivo a destacar é que nunha das arquivoltas da portada de deseño en zigzag, aparecen representadas sete veneras ou cunchas de vieira, o que indica a vinculación da vella igrexa co Camiño de Santiago. No interior da capela exhíbense os sartegos, do século XV, dos notarios de Melide; Diego García, e Roi Lopes e a súa dona Aldara González, procedentes tamén da vella igrexa de San Pedro. O retablo, de estilo neoclásico, que acolle a imaxe de San Roque, procede da antiga Capela de San Roque. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A antiga igrexa parroquial de San Pedro". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XIII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Convento de SantiSpíritus [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Esta monumental igrexa é o único vestixio conservado na actualidade do antigo Convento de Sancti Spíritus da Orde Terceira Franciscana. Fúndase no ano 1372 e abandónase no ano 1835, con motivo da Desamortización de Mendizábal. No ano 1842 pasa a ser o templo parroquial de Melide, en detrimento da vella parroquial de San Pedro (do século XIII). Do século XIV consérvase unicamente a capela do Santo Cristo, perpendicular á cabeceira. A Capela Maior reedifícase integramente no ano 1498, en estilo gótico isabelino  ou florido. Conta con bóveda nervada en estrela, arco triunfal apuntado, pinturas murais do século XVI no testeiro (ocultas polo retablo) e dous sartegos na memoria de Leonor de Mendoza e Inés de Castro. Ó redor de 1760-1770 desmantélase a antiga nave da igrexa gótica e faise a actual, de planta rectangular con dúas capelas laterais a modo de transepto ou cruceiro. A nave é moi elevada para poder acoller o coro e o órgano, e vai cuberta por unha monumental bóveda de canón. Neses momentos, do século XVIII, reedifícase tamén a torre, trocando unha torre gótica almenada, pola actual de gran altura (42m.), e de deseño barroco. Son de destacar o retablo da Capela Maior, do ano 1690 da autoría de Francisco de Castro Canseco, e os das capelas do transepto, da segunda metade do século XVIII, do taller de Gambino-Ferreiro. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Antiguas pinturas en la iglesia de Santi Espíritus de Mellid", publicado no Boletín de la Real Academia Gallega, nº 9 ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide: Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide: tres etapas de construción". Boletín nº 6 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1991.  - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "O claustro do Convento de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nª 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. -  Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Francisco de Castro Canseco- O retablo de Melide- As imaxes do retablo- Pinturas murais-Retablo do Nazareno". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A vila de Melide", ano 2016. - Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Monterroso Montero, Juan M.: "Apuntes sobre las pinturas murales de la iglesia de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nº 6 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1991. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide 2ª parte: o patrimonio arquitectónico". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, decembro de 2016. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "A Torre do Convento: de símbolo de poder franciscano a fito referencial da vila de Melide". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xullo de 2017. [Cronoloxía] Séculos XIV-XV-XVIII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Obra Pía de San Antón [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Edificación de carácter pacego, aínda que na realidade non se corresponde cun pazo propiamente dito, senón co edificio mandado construír polo arcebispo don Mateo Segade Bugueiro como Obra Pía ou institución benéfica (escola para o ensino de nenos pobres). As obras inícianse no ano 1671 e o deseño das mesmas atribúese ó arquitecto Domingo de Andrade, ó igual que a autoría do retablo. O edificio consta de dúas partes diferenciadas, capela e zona de residencia. A capela consta dunha soa nave de planta rectangular, cuberta por unha bóveda de canón. No interior son moi destacables dous cenotafios (enterramentos conmemorativos), do fundador Mateo Segade Bugueiro, e do seu sobriño Antón Varela Segade (cabaleiro da Orde de Santiago e primeiro patrono rexedor da Obra Pía), son do mellor da escultura funeraria galega barroca, obra de Mateo de Prado. Na fachada destácase a torre de estilo compostelán, semellante á do colexio de Fonseca, e a portada feita en orde clásica, na que se destacan os curiosos capiteis que sosteñen o entablamento e un frontón partido no que se sitúa o escudo do arcebispo. Na portada da zona de residencia (pazo), destácanse os escudos do cabaleiro Antón Varela Segade e da súa dona María Teresa de Velasco (marquesa de Salinas do Río Pisuerga). No ano 1860 adquire este edificio o Concello de Melide, para instalar nel a Casa Consistorial. Nos anos 70 sofre unha reforma interna moi agresiva que supón o desmantelamento do patio e da monumental escalinata. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Cotarelo Valledor, Armardo: "Lembranza biográfica de Don Mateo Segade Bugueiro" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Lence Santar, Eduardo: "La Obra Pía de San Antonio de Mellid". Publicado no ano 1928. Recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.   [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Santuario de Santa Columba das Pías [Parroquia] San Miguel de Codesoso [Descrición] Trátase dun interesante conxunto monumental, composto por ermida, dous cruceiros e unha fonte santa, ademáis dunha carballeira, na que se destaca un carballo centenario ó que se lle atribúen propiedades milagreiras. O elemento máis antigo do santuario correspóndese co cruceiro que está ó carón da ermida, que conta cunha inscrición na basa onde se le: “Mandó hacer a su costa Don Pedro de Barallobre, ano de 1614”. A ermida, de planta rectangular edifícase entre 1670-1672. Presenta unha sancristía construída no século XIX e adosada no extremo norleste, e un oratorio externo, e igualmente adosado á ermida situado no extremo surleste, conformado como un porche, que se edifica no ano 1704. A uns 50-60m. en dirección noroeste da ermida, sitúase a Fonte Santa de estilo barroco, onde se debe beber a  auga, ou lavarse nela, para poñerlle remedio ás máis diversas enfermidades. Ademais do cruceiro da ermida hai outro na entrada do camiño ó carón da estrada, tamén erixido en época moderna, ó que lle adosaron no fuste unha imaxe actual da Virxe en oración, á que se lle acostuman colocar cirios e flores. A fundación do santuario vai acompañada da constitución da confraría das Ánimas do Purgatorio, co beneficio da obtención das indulxencias plenarias (para a obtención do perdón dos pecados). BIBLIOGRAFÍA: - Cabanas López, Fernando: "Historia de Sobrado dos Monxes", ano 2001. [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Pazo de Vilar de Ferreiros [Parroquia] San Xoán de Visantoña [Descrición] Trátase do pazo máis espectacular, completo e mellor conservado da Terra de Melide. O seu bo estado de conservación débese a que foi restaurado integramente para convertelo nun moderno complexo hosteleiro, mantendo os elementos estruturais antigos. Trátase dun pazo “de manual”, que consta de casa grande con torre, capela, hórreo, pombal e fonte. Conserva na base da torre unha porta de arco apuntado de época baixo medieval, podendo corresponderse cunha edificación anterior ou ben da desaparecida Torre de Moreda. No conxunto arquitectónico destácase a monumental portada do século XVIII co escudo dos Soutomaior e dos Pimentel. Na casa destácase a torre almenada de dous corpos (reedificada en dúas ocasións entre os anos 1704-1706 e a comezos do século XIX) e a solaina porticada con columnas e varanda de balaustres e cunha monumental escaleira. Baixo a solaina desenvólvese un corredor de acceso ás adegas e aberto ó patio mediante  arcadas de medio punto. No interior destácase o salón con ampla cheminea e un escudo da familia Pimentel. A capela dedicada a San Roque, servía de panteón familiar. Destaca tamén, no interior do patio, unha fonte barroca mandada construír por Don Luís Tirso Pimentel, artífice da restauración integral do pazo no ano 1704. Lenda asociada: Do tellado que cubre a solaina parte unha cadea grosa e longa, que baixa ata o patio. Se alguén a colle obtén o dereito á asilo e refuxio que outorga a casa. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Pazo de Vilar de Ferreiros; Grafismos en Furelos e Vilar de Ferreiros". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013. - Taboada Roca, Antonio: "Cotos y jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros".  Publicado en 1927 e recollido integramente no Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.   [Cronoloxía] Século XVII- XVIII [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte nova de Arcediago [Parroquia] San Xoán da Ponte Arcediago [Descrición] Trátase dunha ponte monumental que se ergue sobre o río Ulla, duns 45m. de longo e unha anchura de 6 m. Edificouse no ano 1867, durante o reinado da raíña Isabel II, coincidindo coa construción da estrada Betanzos-Ourense. Conta con tres arcos rebaixados, asentados sobre piares de tallamares de sección semicircular. Está realizada en aparello de cantería de granito. Tipoloxicamente é semellante á Ponte Nova de Furelos (tamén de tres arcos), levantada no ano 1861. Na mesma estrada tamén se construíron, no mesmo momento, as pontes de Trasmundi e de a Moldes. A 70 m. de distancia augas arriba, vese como o río Furelos desemboca no río Ulla, dando lugar a un incremento considerable tanto do caudal de auga como da cunca fluvial. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos, ano 2013. [Cronoloxía] Século XIX [Estado de conservación] Bo [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Lintel da casa de Prieto de Paradela [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Trátase dunha porta antiga dunha edificación tradicional feita en aparello de cachotería, aínda que os elementos da porta son de cantería de granito (xambas, mochetas e lintel). Correspóndese cun modelo de porta antiga, moi frecuente nas aldeas da comarca, o máis destacado desta é que sobre as mochetas ou ménsulas aséntase un lintel figurado moi enigmático. Os motivos representados, nunha data incerta, son do máis estraño. Na parte central aparece representada unha cruz grega (de brazos iguais),  á dereita aparece a representación dun bóvido (vaca ou boi) e á esquerda aparece a representación dunha media lúa invertida, a esquematización de tres estrelas de oito puntas e unha estrela de cinco puntas (pentagrama ou pentáculo), cunha cruz gravada no interior. Nas xambas, e nunha das mochetas, existen máis representacións de cruces. Neste caso latinas. As posibilidades interpretativas son múltiples, pero todo indica unha función protectora, posto que estes símbolos asócianse a funcións de protección máxica, como acontece en muíños e fornos, nos que se gravan cruces en xambas e linteis, aínda que neste caso a simboloxía é máis rica e complexa. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido de Melide 4ª parte: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.   [Cronoloxía] Século XVI? [Estado de conservación] Malo [Tipo] Elemento singular ---------------------------------------- [Elemento] Hórreo de Quinzán [Parroquia] San Paio de Niñodaguia [Descrición] Trátase do hórreo máis longo do Concello de Santiso, ó contar cunha lonxitude de 21m. e cun ancho de 2m. O Hórreo de Quinzán artéllase en sete estremas (ou tramos). Pertence á propiedade da Casa de Quinzán e érguese na eira, ó carón do muro de peche que da á pista. A eira tamén se complementa cunha espectacular palleira tradicional de grandes dimensións. O hórreo conta con columnas, tornaratos e pes (moldurados) de cantería, que se asentan sobre cepas de cachotería. A estrutura deste hórreo consta de elementos de carpintería de madeira como poden ser as portas, mesas, contracolumnas, ladeiros ou balagustos e puntóns. O hórreo aparece nunha posición moi elevada, por mor do desnivel existente entre a eira e a pista que discorre ó carón dela. Este magnífico hórreo que conta con sete estremas ó igual que os hórreos da Casa de Lago en Zas de Rei  e o da Casa Grande de Grobas (ambos no Concello de Melide),  só se ven superados na comarca polo hórreo da Casa do Gado en Sobrado dos Monxes, de once estremas e cunha lonxitude que supera os 25m. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.   [Cronoloxía] Século XX [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Arquitectura popular ---------------------------------------- [Elemento] Escola de Baltar [Parroquia] Santiago de Baltar [Descrición] Edificio localizado nunha carballeira e a 30m. ó norleste dunha propiedade na que se localizaba a desaparecida igrexa vella de Baltar. O edificio presenta planta en forma de T, e conta cunha soa altura. Os esquinais foron feitos con perpiaños de cantería e os paramentos aparecen revocados e pintados en cor crema con zócalo gris. Accédese á porta de entrada mediante unha escalinata. A porta conta cun lintel en forma de arco (na clave lese a data de construción no ano 1907). Sobre o lintel disponse a cartela co nome da escola e sobre ela un pequeno óculo. No cume do tellado, a dúas augas, colocouse un pináculo decorativo. A escola conta cun patio traseiro pechado cun muro, no interior deste patio consérvase unha pequena edificación anexa que conta cun forno no seu interior. Trátase dunha vella escola unitaria tradicional, moi ben conservada, que foi un dos escenarios escollidos para a serie da TVG Libro de Familia, ademais da magnífica carballeira de Grobas.   [Cronoloxía] Ano 1907 [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Baltar [Parroquia] Santiago de Baltar [Descrición] Trátase dun dos máis fermosos cruceiros da Terra de Melide, da mesma tipoloxía que o de Ordes (Toques) e Novela (Santiso). Actualmente localízase no medio da carballeira da festa ó carón da casa reitoral e enfronte á actual igrexa de Baltar. Pero procedía da veciña parroquia de Grobas, onde houbo unha igrexa parroquial que hoxe non se conserva. Consta de cruz, capitel, fuste e basa. A cruz representa a Cristo crucificado no anverso e no reverso á Virxe orante (Inmaculada Concepción) e rodeada por tres querubíns. O capitel é de estilo composto con representación de anxos e volutas. O fuste é estriado, no que aparece representado San Andrés coa cruz en aspa e un santo con hábito franciscano portador dunha cruz. Na basa de forma troncopiramidal, aparecen representados os atributos da paixón e unha inscrición que recolle a data de construción no ano 1667. Esta basa aséntase nunha escalinata de cinco chanzos. Da carballeira na que se localiza, destácase a súa plantación ordeada ocupando unha parcela en forma de semicírculo, na que os carballos se dispoñen en cuadrículas. Nesta carballeira celébranse as festas de San Ramón (compre indicar que na veciña aldea de Grobas, de onde provén o cruceiro, aínda pode verse a Fonte de San Ramón Nonato, e tamén o lugar no que se localizaba a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.     [Cronoloxía] Século XVII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Cruceiro de Melide [Parroquia] San Pedro de Melide [Descrición] Considerado por Castelao o cruceiro máis antigo de Galicia, o que lle confire unha especial relevancia. O único orixinal é a cruz, que representa no anverso (na cara sur) a Cristo en maxestade, resucitado amosando as chagas da paixón. Trátase dunha imaxe sedente, de posición hierática (frontal e carente de movemento e expresión, neutra). Ten o rostro imberbe. As pautas de representación desta cara recorren ós canons de representación románica. No reverso (cara norte) representa un calvario no que se ve a Cristo na cruz flanqueado por San Xoán, a Virxe e unha figura axeonllada, que podería tratarse da Magdalena ou doutra figura presente na crucifixión. Nesta escena, máis dinámica, na que se intúe certo movemento, presenta pautas xa do mundo gótico. Non se coñece a súa procedencia orixinal, pero barállanse tres hipóteses: que se tratase dun cruceiro asociado á antiga e desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide, ou máis ben que se correspondese cunha cruz situada no claustro do Convento de Sancti Spíritus, fundado a finais do século XIV, xa que comparte pautas estilísticas cos capiteis que se conservan del no Museo da Terra de Melide e no Museo Provincial de Pontevedra. Tamén se considera unha terceira posibilidade que o vincularía coa tamén desaparecida Ermida de San Sebastián. Das tres opcións a segunda semella a máis plausible. O fuste ou vara presenta sección cadrangular coas esquinas achafranadas, correspóndese cun elemento reaproveitado doutra obra, en calquera caso posterior. A basa consistente nunha escalinata de tres chanzos de realización contemporánea, non lle resulta nada apropiada. No xardín do lateral dereito da Capela de San Roque pode verse, case oculta por un arbusto, unha pedra de canteiría de feitura troncocónica, cun oco na parte superior e cuns encaixes laterais semellantes ós da pedra dun lagar. Este elemento serviu de basa do Cruceiro antes do seu traslado ó lateral esquerdo da Capela, como aínda pode verse na foto do Terra de Melide do ano 1933. Atópase este cruceiro ó carón da actual Capela de San Roque, edificada en 1949 con elementos reaproveitados das desaparecidas Capela de San Roque e da Igrexa de San Pedro, da que se reaproveitou a portada principal do s. XIII. A pesar da especial importancia deste magnífico cruceiro, o seu estado de conservación e coidado non son os máis axeitados, como tampouco o é a conxunción dos seus elementos: unha transición forzada entre a cruz e o fuste, xa que carece de capitel e o grosor do segundo excede ó da base da cruz; e sobretodo pola desafortunada plataforma contemporánea que fai de base, restándolle dignidade. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "El crucero de San Roque de Mellid", publicado en "Galicia Diplomática" nº 11, ano 1893. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Cruceiro de Melide". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 2005. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Rodrígez Castelao, Alfonso Daniel: "As cruces de pedra na Galiza", ano 1949. [Cronoloxía] Século XIV [Estado de conservación] Malo [Tipo] Cruceiro ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Vitiriz [Parroquia] San Vicente de Vitiriz [Descrición] Trátase dunha igrexa singular na Terra de Melide, única no seu estilo, xa que conta con elementos únicos na comarca. Nela venérase á Virxe de Rocamador que é unha advocación francesa e conta cunha confraría moi antiga con estatutos datados no ano 1692. Consta dunha nave de planta rectangular moi elevada e cabeceira cuadrangular. No exterior conta con dúas portadas alinteladas, na principal (ó oeste), sobre mochetas figuradas disponse un tímpano de forma apuntada no que aparece Xesús crucificado flanqueado pola Virxe e San Xoán. Nos aleiros dos laterais norte e sur, dispóñense un total de corenta e catro canzorros con decoración xeométrica, floral, antropomorfa e zoomorfa. Pero o máis destacado do conxunto é un magnífico rosetón situado no testeiro da nave, profusamente decorado. No cume da ábsida aparece a representación dun Agnus Dei servindo de base dunha cruz, ó igual que nas igrexas do Leboreiro (Melide) e Pezobrés (Santiso). BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide no  Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario en pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Finais do século XIII-principios do século XIV [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Moldes [Parroquia] San Martiño de Moldes [Descrición] Trátase dunha moi interesante igrexa románica que foi obxecto de reformas moi desafortunadas no século XIX (ampliación do presbiterio, engadido da sancristía na parte leste e supresión da ábsida románica). Á marxe desas mutilacións, conserva na nave, de planta rectangular, interesantes elementos románicos atribuídos como obra do mestre Pelagio (datadas ó redor do ano 1190). Conserva dúas portas románicas, a principal cara ó oeste e outra cara ó sur. Na porta sur aparecen representados motivos vexetais nos capiteis e zoomorfos nas mochetas e tímpano. Na porta principal aparece un  interesante compendio  zoomorfo (bestiario con representación de animais reais e fantásticos). No tímpano da porta aparece representada dun xeito moi dinámico a escena de Sansón en loita co león. Tamén pode interpretarse como unha alegoría da loita do ben contra o mal. No interior consérvase un arco triunfal de medio de punto que substituiu ó orixinal románico a finais do XVIII ou principios do XIX. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Románico de Moldes". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terrade Melide, ano 2011. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Finais do século XII- reformas no século XIX. [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa de Santa María [Parroquia] Santa María de Melide [Descrición] Soberbio exemplo de arquitectura relixiosa do século XII, onde se conxugan os principais elementos dunha obra románica. Esta igrexa foi declarada Monumento Nacional, pola súa importancia artística. No adro, ó carón do Camiño de Santiago, localizáronse uns enterramentos antropomorfos, escavados na rocha, de tipoloxía altomedieval, que poden corresponderse cunha edificación anterior. Consta dunha nave rectangular e a ábsida parte dun tramo recto e longo e a continuación desenvólvese o hemiciclo semicircular. No exterior destácase a decoración da ábsida e as dúas portas de entrada, especialmente a oeste (principal), na que se destacan os capiteis florais e zoomorfos e unha arquivolta con casetóns que representan uns símbolos enigmáticos, moi orixinais. No interior destácase o arco triunfal de medio punto dobrado, sostido por un capitel floral e outro historiado con animais fantásticos. Tamén son moi destacadas as pinturas murais da Capela Maior, do século XVI, nas que se representa a Trinidade rodeada do Tetramorfos, anxos e apóstolos. Destaca así mesmo a mesa de altar románica de pedra policromada tamén no século XVI, e unha reixa románica do século XIII, exposta na sancristía e que en orixe separaba a cabeceira da nave. Na praza de Santa María tamén é interesante o cruceiro de s. XVII. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Pinturas murales de Santa María de Mellid", publicado en Galicia Histórica ano1903. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.   [Cronoloxía] Século XII [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] San Antoíño de Toques (A Capela) [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Destacado conxunto patrimonial constituído pola igrexa prerrománica, ruínas do antigo cenobio beneditino, campanario exento e cruceiro, emprazado nunha fraga natural pola que discorre o río Toca. Edifícase, por doazón do rei Don García,  no ano 1067, sendo o seu fundador o abade Tanoi e eríxese en abadía bieita independente. Aínda que no ano 1515 pasa a convertirse nun priorado dependente do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares e posteriormente de San Martiño Pinario, rexido por un prior baixo a obediencia do abade deste último. Na igrexa aparecen elementos arquitectónicos de estilo visigótico (posiblemente dunha edificación anterior), e tamén mozárabe. Destácase a ábsida rectangular con decoración de arquiños lombardos, un friso de ladrillos dispostos en dentes de serra e unha imposta (cenefa) con decoración de follas. No interior destácase o arco triunfal sostido por columnas monolíticas rematadas en capiteis decorados con estrelas e esvásticas de raigame visigótica. Tamén son de gran relevancia o Calvario, de madeira policromada, do século XII, así como o amplo repertorio de pintura mural das paredes, datadas no século XV, do mesmo taller que as de Vilar de Donas. Adosado á igrexa polo lado norte atópanse as ruínas das dependencias monásticas, entre as que discorre canalizado o río. O mosteiro abandónase a principios do século XIX, como consecuencia dos procesos desamortizadores. No ano 1872 realízase a ampliación da nave, segundo figura nunha cartela situada no lenzo exterior, cando xa a igrexa estaba funcionando como templo parroquial. No espazo ocupado polas dependencias monásticas instálase en torno ó ano 1882, unha fábrica de puntas e arame, coñecida como "Unión Gallega", da que aínda se conservan restos dos fornos de fundición entre as ruínas. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela", publicado en Boeltín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela II (conclusión)", publicado en Boletín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009). - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: As pinturas da Capela". Boletín nº 23 do Centr ode Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Pinturas murais da Capela". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Visita a Santantoíño de Toques". Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico: la definición de un programa para el ayuntamiento de Toques". Xunta de Galicia, ano 2000. - Platero Fernández, Carlos: "Arte Románico galego. San Antolín de Toques". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983. [Cronoloxía] S. XI-XIX [Estado de conservación] Regular [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Igrexa do Leboreiro [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] Igrexa composta por unha nave rectangular e ábsida semicircular. A portada principal, situada ó oeste presenta un arco apuntado (oxival) que acolle un tímpano  feito dunha soa peza. Representa á  Virxe sedente, co Neno no colo, e flanqueada por dous anxos portadores de filacterias e incensarios. Esta figuración correspóndese co século XIV. No lateral norte ábrese outra porta provista dun lintel no que aparece gravada unha cruz potenzada. No exterior destácase tamén un Agnus Dei situado sobre o testeiro así como os canzorros figurados da ábsida. No interior destácase o arco triunfal de medio punto dobrado con representacións de cruces e signos nas doelas. E tamén consérvase un panel no lenzo sur da nave, con pintura mural do século XVI que representan a flaxelación de Cristo, o martirio de San Sebastián e dúas mulleres sen rostro que pode corresponderse cunha escena da visitación. Tamén é de destacar unha imaxe do século XIV da Virxe, sedente có Neno no regazo, feita en madeira policromada (e repintada), que se atopa no interior da igrexa parroquial. BIBLIOGRAFÍA: - Álvarez Carballido, Eduardo: "Santa María de Liboreiro". Publicado en Galicia Diplomática nº 37, ano 1889. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006. - Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. [Cronoloxía] Finais do s. XIII-principios do s. XIV [Estado de conservación] Bo [Tipo] Arquitectura relixiosa ---------------------------------------- [Elemento] Hospital de peregrinos do Leboreiro [Parroquia] Santa María do Leboreiro [Descrición] Situado na praciña da igrexa do Leboreiro, onde tamén se sitúa un cabaceiro tradicional. Trátase dun inmoble dunha soa planta con forma de T na actualidade xa que lle engadiron unha corte que dificulta a visión da fachada sur, a principal. Edificado con aparello de perpiaño de cantería agás a corte que está feita con cachotería. Noméase xa nun documento do ano 1164 “in burgo que vocitant hospitale de monte Leporario” o que confirma que neses momentos os peregrinos xa utilizan o Camiño Francés en detrimento do Primitivo. Na parede dun forno da aldea do Meire colocouse, fora de contexto, un lintel coa representación dun crismón trinitario que se considera procedente da porta do hospital (datado entre eo séculos XI-XIII). A finais do século XV pasa ó padroado dos Ulloa que colocan dous escudos da súa linaxe nas fachadas sur e oeste, que aínda poden verse. No lenzo sur ábrese unha porta reformada, na que ó seu carón, hai duas mochetas con representacións de cabezas humanas. O conxunto monumental do Leboreiro complétase coa igrexa, ponte medieval e un cruceiro do século XVII. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da  Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990. - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Delgado Gómez, Jaime: "El crismón trinitario de Leboreiro (Melide)". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.   [Cronoloxía] S. XII reedificado no s. XV [Estado de conservación] Malo [Tipo] Arquitectura civil ---------------------------------------- [Elemento] Ponte vella de Furelos [Parroquia] San Xoán de Furelos [Descrición] Ponte sobre o río Furelos, mal chamada «ponte romana», xa que non é romana, senón medieval. Non se corresponde con obra de periodización romana, porque non presenta características construtivas desa época, nin por estar asociada ao itinerario dalgunha vía romana. É unha ponte medieval, citada no Códice Calixtino do século XII, pode por tanto, ser desa época. Mide 50 m. de longo e 3,70 m. de ancho. Está formada por catro arcos desiguais de medio punto, feitos con aparello de perpiaño de granito, ao igual que os piares, tallamares e esporóns. O resto dos paramentos e peitorís están feitos con cachotería de rochas metamórficas. Nunha inapropiada restauración colocáronselle unhas albardillas modernas de cantería que non se corresponden coa estética medieval da ponte. Está ao lado da igrexa parroquial de San Xoán de Furelos, que aínda que foi reedificada no século XIX, conserva elementos románicos de finais do S. XII ou inicios do XIII. BIBLIOGRAFÍA: - Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992. - Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001. - Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A Ponte de Furelos". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.   [Cronoloxía] Idade Media. Século XII [Estado de conservación] Regular [Tipo] Ponte ---------------------------------------- [Elemento] Castro da Graña [Parroquia] Santa María da Capela [Descrición] Castro de forma ovalada que consta dun único recinto rodeado por unha muralla. Mide 90m. no eixo noreste-suroeste e 60m. no eixo noroeste-surleste. Trátase dun asentamento moi elevado e con amplo dominio visual emprazado nun outeiro a unha altitude de 557 m. Foi escavado por arqueólogos da USC entre os anos 1987-1993. Nas escavacións documentáronse tres fases de ocupación: Unha primeira fase entre os séculos VIII- VII a.C. na que se documentaron as improntas de fondos de cabana realizadas en madeira e de planta circular. Unha segunda fase  na que os fondos de cabana van delimitados por zócalos de pedras fincadas. E unha terceira fase, xa de época romana en torno ós séculos Id.C.-IId.C. definida pola presenza de edificacións rectangulares de pedra, así como polo recubrimento pétreo da muralla do Castro e da realización do camiño de entrada ó mesmo escavado parcialmente na rocha e delimitado por lenzos murarios, conferíndolle unha notable monumentalidade ó poboado. Nas campañas de escavación recuperáronse moitos materiais da vida cotiá do Castro como cerámica, útiles líticos, fíbulas, doas de colar, muíños de man, obxectos e ferramentas de ferro, etc, depositados  e expostos na actualidade no Museo da Terra de Melide. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Meijide Cameselle, Gonzalo e Acuña Castroviejo, Fernando: "Escavacións arqueolóxicas no Castro da Graña". Boletín nº 4 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1988. - Meijide Cameselle, Gonzalo: "Trinta anos de escavacións arqueolóxicas galego-polacas no Castro da Graña e Val do Río Furelos, Toques, A Coruña (1987-1994). Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.     [Cronoloxía] Bronce Final-Idade do Ferro –Romanización. S.VIII a.C.-III d.C. [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Os Castros [Parroquia] Santa Mariña de Brañas [Descrición] É o maior castro da Terra de Melide e probablemente o que está a maior altitude (695m.). Mide 370m. de longo en sentido oeste-suroeste/leste-norleste. Consta de cinco recintos ou espazos habitacionais delimitados por estruturas defensivas. Foi obxecto de campañas de escavación arqueolóxica nos anos 1988-1990 pola USC, nas que se documentaron alomenos dúas fases de ocupación. Unha propia da Idade do Ferro, caracterizada por fondos de cabanas de planta circular, de madeira, delimitadas por pedras fincadas. E outra fase de cronoloxía romana (século Id.C.-IId.C.), na que as edificacións son rectangulares, con esquinas redondeadas e divididas en estancias. Estas vivendas contan  con muros de aparello de cachotería e pavimentos de xabre no interior. Na actualidade aínda poden verse as estruturas habitacionais que foron descubertas nas campañas de escavación, no interior da croa. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - VV.AA.: "Arqueología del paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales". Xunta de Galicia, ano 1991. [Cronoloxía] Idade do Ferro –Romanización. S.VII a.C.-II d.C. [Estado de conservación] Bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Pedrafita do Casal [Parroquia] Santa María de Campos [Descrición] Localizado casualmente no ano 2012, desmontando un valado de pedra para anchear unha pista. A pedrafita atopábase deitada facendo de base do valo. Trátase probablemente do meirande menhir de Galicia, de feitura inequivocamente antrópica, realizada en “ollo de sapo” (gneis ocelar). Foi recolocada, erguida, no extremo surleste da finca na que foi atopada, arrimada a unha pista asfaltada. Ten forma de améndoa alongada, de caras simétricas e vértice apuntado. Acada unha altura estimada nuns 5 m., dos que son visibles 3,30 m., a parte inferior está soterrada, e segundo testemuñas dos propietarios presenta forma redondeada na base e sección en cuña. Na superficie non presenta gravuras ou debuxos. A Pedrafita sitúase a 132m. ó sur-surleste do Castro de Campos e a 359m. ó oeste da Mámoa do Real. BIBLIOGRAFÍA: - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "¿Novos chantos megalíticos na Terra de Melide?". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafita do Casal (parroquia de Campos, Melide): O menhir máis grande de Galicia". Artigo no blog do Museo da Terra de Melide, xullo 2015. - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafitas ou menhires en Melide e contorna". Artigo publicado no blog do Museo  http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo de 2018. [Cronoloxía] 3500-1800 a.C. [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Pena Moura [Parroquia] San Mamede de Pousada [Descrición] Enorme bolo granítico de forma ovoide de 11,20 m. de altura, asentado sobre un encame de gneis en forma de niño ou berce. Ó sur da pena principal áchanse outros bolos monumentais, aínda que de menor entidade, encabalgados conformando un abrigo natural, moi susceptible de poder corresponderse cun abrigo ou hábitat do Paleolítico Superior Final ou do Epipaleolítico, xa que neses estadios culturais aproveitábanse estes acubillos como lugar de habitación. Este elemento conta cunha grande dimensión cultural, posto que aínda que a súa formación é de orixe natural, producida por axentes erosivos, a el asóciase un rico folclore vinculado ó imaxinario popular dos mouros e a lendas de tesouros, recollidas en boa parte por Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez no capítulo "Folclore de Melide" do Terra de Melide (Seminario de Estudios Galegos, ano 1933). Destas repróducense algunhas no audio desta ficha. A dimensión máxica e cultual desta formación tan destacada, vai posiblemente asociada ó feito de atoparse no alto dunha dorsal, na que se dispoñen aliñadas un total de 16 mámoas, e pola que discorre o trazado do Camiño Real do Bocelo (que comunica Melide e Boimorto con Sobrado dos Monxes, atravesando o Concello de Toques). A asociación entre mámoas e grandes afloramentos de rocha, probablemente servise para destacar a presenza dos monumentos megalíticos dende grandes distancias, como se ten apuntado en hipóteses de arqueoloxía da paisaxe. BIBLIOGRAFÍA: - Martínez Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - Río López, Antonio: "La Cultura Castreña en Sobrado de los Monjes", ano 1986. [Cronoloxía] Sen definir [Estado de conservación] Bo [Tipo] Patrimonio natural ---------------------------------------- [Elemento] Mámoa 1 de Serantes [Parroquia] Santaia de Serantes [Descrición] Gran mámoa situada a 144 m. ó oeste-noroeste do Castro de Serantes, e a 52 m. ó noroeste dunha mámoa practicamente arrasada por unha pista da parcelaria, da que só se conserva o arco tumular leste. Trátase posiblemente dunha das mámoas  máis grandes do territorio galego, e en concreto é a meirande da Terra de Melide. Mide 40 m. de diámetro e ten unha altura que sobrepasa os 4 m. e incluso os 5m. Presenta un amplo cono de violación central e recentemente foi roturada e plantada de eucaliptos, incluído no interior do cono. Non se observan estruturas pétreas en superficie (da coiraza ou da cámara funeraria).     [Cronoloxía] 3500-2200 A.C. [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Mámoa de Losoiro [Parroquia] San Pedro do Meire [Descrición] Esta é unha mámoa moi destacada na paisaxe, situada no alto do monte do Castro no extremo sur da Serra do Careón, a unha altitude de  708 m.  A mámoa conta cun excelente dominio visual. Dende o alto poden verse as localidades de Melide, Arzúa, Palas de Rei e Monterroso.  Ó mesmo tempo a mámoa  é visible dende o propio centro de Melide, a pesar de situarse a unha distancia en liña recta de 6,65 km. Esta mámoa está na actualidade no medio dos aeroxeradores do Parque eólico do Careón. Trátase dun túmulo duns 22 m. de diámetro e unha altura de 1,70 m. No centro presenta un cono de violación (resultado de antigos espolios “na procura de tesouros”). O máis importante, se cabe, é que ó ser unha mámoa tan prominente na paisaxe, levou a que en 1834, o eminente xeógrafo e matemático Domingo Fontán, a utilizase como estación topográfica para mediante triangulacións, elaborar a Carta xeométrica de Galicia, e incluso aparece representada nese preciso e detallado mapa. BIBLIOGRAFÍA: - Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "A mámoa de Losoiro no Mapa de Fontán". Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015. [Cronoloxía] 3500-2200 a.C. [Estado de conservación] Regular [Tipo] Elemento arqueolóxico ---------------------------------------- [Elemento] Dolmen de Forno dos Mouros [Parroquia] San Paio de Paradela [Descrición] Correspóndese cun monumento funerario colectivo do tipo coñecido como anta (dolmen). O monumento englóbase nun túmulo de terra de 20 m. de diámetro, cuberto por unha coiraza de pedras. No interior do túmulo ou mámoa, atópase unha cámara megalítica conformada por sete grandes chantos, en disposición poligonal cubertos por unha gran laxe a modo de tapa. A entrada sitúase no extremo sur-leste, estando precedida por un corredor de acceso sen cubrir, feito en  dous tramos. Nun dos chantos da cámara  apareceron durante a escavación arqueolóxica do ano 1989, unhas representacións pictóricas en cores vermella e negra de motivos en zigzag, sobre unha base de cor branca. Na actualidade estas pinturas non son visibles, xa que foron cubertas para a súa mellor conservación. Esta anta forma parte dunha necrópole de 29 mámoas aliñadas co Camiño Real que discorre ó longo da divisoria principal da Serra do Bocelo. BIBLIOGRAFÍA: - González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques, A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000. - López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933. - VV.AA.: "Arqueología del paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales". Xunta de Galicia, ano 1991.   [Cronoloxía] III milenio a.C. (Período Neolítico) [Estado de conservación] Moi bo [Tipo] Elemento arqueolóxico ----------------------------------------