Casa Grande de Golán ou Casa de Calderón

Casa Grande de Golán ou Casa de Calderón

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Golán
Situación detallada: 
Campo da Capela
Cronoloxía: 
Século XVII-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 21,07´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 31,95´´ W
X: 
572.686,23
Y: 
4.756.297,42
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa Grande de Golán ou Casa de Calderón é o único exemplo de casa-torre fidalga conservada na Terra de Melide. O inmoble atópase restaurado na actualidade e amosa moi bo estado de conservación, a pesar de que foron diversas as actuacións que supuxeron modificacións na arquitectura orixinal.

Esta casa tivo unha capela que foi derrubada no último cuarto do século XX, e hoxe unicamente conserva ademais da casa unha palleira a modo de edificación adxectiva. 

Don Antón Taboada Roca, farmacéutico melidao e notable xenealoxista, fai un exhaustivo repaso da linaxe posuídora da casa, aportando datos moi interesantes. As primeiras informacións que aporta retrotráense a tempos dun tal Xan Varela Raposo quen herda o lugar e a casa de Golán de Abaixo, das mans dos seus pais Gonzalo Raposo e Aldara Varela, propietarios da Casa do Ribeiro de Baltar. Xan Varela casa con Catalina García coa que tivo oito fillos, un deles, Lourenzo Varela, quedou na casa e contrae matrimonio con Dona Andrea de Costoya, filla de Gonzalo de Labandeira e Andrea Costoya Bugueiro, veciños de Andabao (Boimorto). E froito dese matrimonio nace Don Estebo, que foi capelán "de sanguininadade" da Obra Pía de San Antonio de Melide e tamén Don Mateo quen tamén foi capelán da mesma fundación benéfica. Facendo un repaso da continuación da saga familiar, Don Antonio conclúe que "esta residencia, pasou, fai pouco, a outra rama d´esta familia, habendo refeito, habendo refeito case toda, o aitual dono, Don Saturnino Calderón Ceruelo". Estamos xa pois falando do primeiro cuarto do século XX e en torno a eses momentos a casa debeu ser practicamente reedificada.

A esta familia Calderón débese a edificación da fermosa escola de Baltar, que desempeñou unha importante función docente ata a década dos 80 do século XX (aproximadamente). Esta escola de Baltar sitúase na aldea de Eirexe de Lamas, onde se emprazaba a antiga igrexa parroquial de Baltar e o seu camposanto.

Da casa cabe destacar en primeiro lugar que se trata dun caserón rexo e austero en canto a ornamentación. Presenta unha pranta cadrangular que mide uns 15,50 mts. no eixo Norte-Sur por 16,50 mts no Leste-Oeste. A cuberta é a catro augas, adaptada no extremo suroccidental á existencia dun segundo corpo, a modo de torre, cuberta igualmente a catro vertentes. Tanto no extremo leste do conxunto da edificación coma no norte do corpo da torre, dispóñense senllas chemineas de feitura moderna.

A estrutura foi edificada mediante aparello de cachotaría, actualmente encintada con cemento na fachada principal, e con morteiro nas laterais e traseira, reservándose o emprego de elementos de canteiría de granito para esquinais, xambas e linteis de portas e ventás e algúns antepeitos de xanelas.

En canto ó alzado hai que indicar que conta con planta baixa, primeiro andar ou planta principal, e un segundo andar no corpo da torre. Na fachada principal da mesma, a que mira ó Sur, semella que houbo un balcón entre as dúas ventás, posto que se conserva a súa soleira sobresaínte e o oco ou van paredado con aparello de cachote.

Todas as portas e ventás son de deseño alintelado e na planta baixa, fundamentalmente nas fachadas laterais e traseira, tradúcense en pequenas bufardas, mentras que no primeiro andar xa son moito máis amplas e incluso varias delas con balcón, un deles suspendido na fachada oriental.

Esta casa grande sitúase a unha distancia de 150 mts ó sur-suroeste da igrexa parroquial de San Xoán de Golán, que conserva elementos orixinais da fábrica románica.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra  de Melide", publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas Históricas", Capítulo III do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo