Casas do Curro / Eira do Curro

Casas do Curro / Eira do Curro

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de San Román
Situación detallada: 
Trasirexe
Cronoloxía: 
Idade Moderna-Contemporánea

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 59,20´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 6,91´´ W
X: 
574.680,83
Y: 
4.750.091,16
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Trasirexe existe unha propiedade en estado de abandono con diversas estruturas en proceso de ruína e esmorecemento que se dispoñen a xeito de propiedade pechada, envolta en si mesma, que se artella en torno a un espazo a xeito de eira ou curro á que se abren as diferentes edificacións de morada.

Todo o conxunto, a pesar do seu grave estado de alteración, reflicte o modelo propio dun casal, no que a propiedade se artella en función das necesidades propias da facenda. Ó tratarse dun quinteiro, casal ou vilar, tal e como se entende como “conxunto de casas que forman, xeralmente, un grupo separado dentro da aldea”, todo se estrutura de maneira “autónoma” e nunha constante da procura  delimitadora do réxime de propiedade.

O acceso, independentemente de que algunha das edificacións poida ter comunicación propia cara ó exterior, o certo é que a entrada principal se corresponde cunha portada que serve tanto para acceso de persoas como de animais e carros, unha portada de por si elevada que acostuma a estar resgardada por un telladiño a dúas augas.

Este casal de Trasirexe é segundo a tradición oral (coas debidas reservas), o lugar onde se asocia co lugar de nacemento do bispo Mateo Segade Bugueiro (1605-1672). Recálcase que o dato hai que tomalo con prudencia e cautela, xa que non está testemuñado documentalmente o lugar preciso do nacemento de tan reputado persoeiro. Segundo comentan moitos veciños de San Román, esta mesma hipotese lla teñen escoitado ó que foi o seu cura-párroco a mediados do século XX, Don Francisco Ares.

En base á biografía que do prelado fai Armando Cotarelo Valledor no Terra de Melide (1933), extráense os seguintes datos: “Finando o século XVI vivía no pintoresco lugar de Trasigrexas, fegresía de San Pedro de San Romao, termos de Melide, o capitán Mateo Segade xa retirado das armas... Certo que pertenescía ós Segades, honrados maruláns, que no lugar deste nome (fegresía de Abeancos) labraban xenerosas leiras e tiñan casa boa con infras de pazo. Mais el non as pusía, por aquela nin a moraba, por sere segundón, contentándose coa máis inxel de Trasigrexas e algúns labramios doados en arrendo”.

Unha vez que dito capitán retirado é escribán na xurisdición de Boente, contrae nupcias con Ana Bugueiro e segundo refire Cotarelo Valledor: “pol-o marchou o novo matimoño a residir na casa de Trasigrexas i en ela lle naceron os primeiros xermolos”. Dos catro fillos que tiveron Don Mateo Segade Bugueiro foi o terceiro deles. E coñécese polas investigacións deste biógrafo que “Don Mateo Segade Bugueiro nasceu no lugar de Trasigrexas e foi bautizado na parroquial de Sanromao (Melide) o 20 de outubro de 1605 (datos extraídos da partida de bautismo)”. O biógrafo aclara que “a primeira neneza de Don Mateo pasouse en Trasigrexas, pequena aldea de oito ou dez fogares labregos, e logo no semi-pazo de Segade, onde se trasladou cos seus maores hacia 1610. Cativo aínda quedouse orfo de pai, na idade de seis anos, (en verbas de Álvarez Carballido), pero en realidade sete, pois a morte do capitán-escribano acaescéu en 1613, según vai dito. Entón mudouse a viúva a Melide, a boa casa con orta, pastos, rendas i herdades que posuía na vila, sin deixar de volver tempadas ó campo”.

Así pois, non cabe dúbida do lugar de nacemento e primeira nenez do insigne prelado, mais resulta difícil precisar o lugar exacto do caserío onde se trasladaron os seus pais unha vez que contraen matrimonio. Aínda que as referencias documentais nos están a falar de comezos do século XVII, se deduce que a meirande parte das construcións deste casal semellan ter sido erguidas en tempos posteriores.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Rúa, Miguel: “Mateo Segade Bugueiro, fillo de San Román”. Artigo publicado no blog: asociacionalverde.blogspot.com, ano 2012.

- Cotarelo Valledor, Armando: “Lembranza biográfica de D. Mateo Segade Bugueiro”. Publicado no Terra de Melide do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI). Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

Outros elementos do catálogo