Conxunto de arquitectura popular en Castiñeiroa

Conxunto de arquitectura popular en Castiñeiroa

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Maceda
Situación detallada: 
Castiñeiroa
Cronoloxía: 
Século XVII-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 0,47´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 23,69´´ W
X: 
575.578,89
Y: 
4.757.544,43
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Castiñeiroa consérvase un dos mellores exemplos de conxunto arquitectónico de tradición popular existente no termo municipal de Melide, onde xa poucos núcleos se conservan en relativamente bo estado. Resulta moi recomendable visitalo para coñecer os patróns de edificación tradicional propios destas áreas da Galicia do interior.

A pesar de que no medio das antigas vivendas de labranza existen algunhas edificacións de recente construción, o certo é que a vella aldea de Castiñeiroa recolle e exemplifica a esencia do poboamento rural tradicional que apenas mudou en séculos ata a chegada dos novos materiais construtivos a partir da segunda metade do século XX.

Así pois, Castiñeiroa caracterízase por ser un dos lugares nos que a tradición popular se mantivo viva ata datas relativamente recentes.

No tocante á arquitectura da aldea, indicar que se conxuga harmónicamente a casa tradicional labrega coas edificacións adxectivas, traducidas en cortes, alpendres e algún que outro hórreo que mantén a esencia do modelo propio da Terra de Melide. As edificacións foron erguidas en aparello de cachotaría de gneis, en conxunción con pezas de cantería de granito empregadas en portas, xanelas, posto que os esquinais das estruturas tamén empregan o aparello de cachote de grandes dimensións, poderíase dicir que pseudociclópeas.

Estas vivendas caracterízanse pola minimalización e escaseza de ventás, feito que se traduce en evitar a perda de calor, sinalándose que a aldea de Castiñeiroa, localizada no extremo setentrional do Concello e exposta ós aires fríos do Norte, tamén se ubica ó pe dunha das principais elevacións existentes na zona, coñecida como o Couto do Vieiro que acada unha altitude de 620 m sobre o nivel do mar.

O conxunto arquitectónico tamén se complementa de xeito moi estético coa presenza de varios carballos illados e de bo porte.

Nesta aldea naceu Anxo de Carmela, un dos artistas e artesáns de máis sona na Terra de Melide. Este polifacético home, que de mozo emigrou a Cuba, desenvolvíase especialmente ben en todas as artes populares, posto que traballaba como ferreiro, canteiro, albanel, zoqueiro, imaxineiro e construtor de numerosos hórreos, muíños e tamén dos cruceiros de Maceda e Orois. Cando volveu de Cuba el máis un irmán seu, dise que “trouxeron tanta ferramenta que cargaban dous carros”. Ademais de ferramenta tamén trouxo moldes para decoración con cemento que empregaba para decoración de testeiros e penais de hórreos e mesmo para a execución das cruces dos cruceiros. A este prolífico autor tamén se debe a autoría do retablo da Inmaculada da igrexa de Maceda, realizado en estilo Neogótico. Así mesmo das súas mans saíron algunhas fermosas imaxes relixiosas.

Este conxunto, xunto co de Fontexoán sito na parroquia de Folladela (Melide), posiblemente se traten dos dous conxuntos máis representativos da arquitectura popular, que se manteñen sen demasiadas alteracións no termo municipal, o que denota que tanto este concello como os limítrofes, se viron fondamente alterados por fenómenos urbanísticos de modernidade mal entendida.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Meldie", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

 

Outros elementos do catálogo