Conxunto de arquitectura tradicional nas Figueiras

Conxunto de arquitectura tradicional nas Figueiras

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
As Figueiras
Cronoloxía: 
Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 28,87´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 54,20´´ W
X: 
580.336,20
Y: 
4.756.623,53
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Reproducindo as verbas de Xosé Manuel Broz Rei: “ As Figueiras conserva un rincón dos máis fermosos e único do noso conxunto: unha casa con corredor de columnas e antepeito de madeira; outra en ángulo con balcón sobre ménsulas. Na eira hai un bo hórreo á beira dunha vella oliveira. Noutro tempo tivo portada, da que aínda se ven os sillares, foi desmontado o dintel”.

Efectivamente nas Figueiras nos atopamos cun destacado conxunto arquitectónico tradicional, con certas evocacións coas arquitecturas pacegas rurais. Certamente se trata dun fermoso conxunto que reflicte a singularidade das arquitecturas de certa entidade nas que se conxuga o modelo rural tradicional e o modelo solariego, dando lugar a un modelo de edificación de simbiose.

O conxunto artéllase, estruturalmente falando, en dúas vivendas, dispostas en ángulo aberto, en “L”, que se adosan no ángulo noroeste.

Ambas vivendas constan de dous andares e cubertas a tres augas.

A situada máis ó leste é a que presenta o corredor columnado e sostido por piares de granito, que nos lembra o modelo das solainas dos pazos. O corredor en troques dunha balconada ou balaustrada conta cunha varanda corrida de madeira, a modo de antepeito, que na zona de contacto coa segunda vivenda, no ángulo noroccidental, se troca nun taboado cego . Na outra vivenda, e a unha mesma altura, optouse pola execución dun balcón de estrutura de madeira, apoiada sobre unha ménsula moldurada, que en tempos recentes foi reforzado por un piar a imitación dos existentes na primeira das casas.

A unha distancia duns 10 metros ó sur da segunda das casas vemos a figueira e o hórreo referido por Broz, un hórreo de tres estremas, de 9 metros de lonxitude, que se encadra na tipoloxía máis recorrente na Terra de Melide, no que se conxuga a pedra de canteiría coa madeira, cubrición a dúas augas coin tella curvas, do país e coroado nun dos extremos por un pináculo (aínda que orixinalmente debeu contar con dous, como pode verse polos restos dun segundo, pousado sobre o banco corrido sobre o que se ergue o hórreo, coroado por unha veleta de ferro en forma de galo).

 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado o ano 2001.

Outros elementos do catálogo