Cruceiro de San Cosme de Abeancos

Cruceiro de San Cosme de Abeancos

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Cosme de Abeancos
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´43,75´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 1,37´´ W
X: 
578.893,94
Y: 
4.749,661,55
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro da parroquia de San Cosme de Abeancos atópase na actualidade na beira dunha pista e xusto ó pe da muralla do castro, pola súa banda norte, mais aínda na década dos 80 estaba situado nunha encrucillada de camiños situada detrás da igrexa parroquial.

Este cruceiro está emparentado, tipoloxicamente falando, cos de Santa María de Melide, Campos e co de San Salvador de Abeancos (todos eles no Concello de Melide), como sinala Xosé Manuel Broz Rei e que os clasifica na tipoloxía C no seu inventario de Cruceiros da Terra de Melide. Todos estes cruceiros contan con características moi semellantes, independentemente das súas particularidades específicas .  

O cruceiro de San Cosme consta de catro elementos: basa, fuste, capitel e cruz, carecendo de plataforma ou graderío de basamento.

O pedestal, ou basa, presenta feitura troncopiramidal, e nas súas caras reproduce algúns dos atributos da Paixón, e restos dunha inscripción, de difícil visualización na actualidade.

O fuste, ou vara, é de tipo renacentista, con estrías lonxitudinais, con boceis incorporados na metade inferior do varal.

O capitel é de estilo derivado do composto, con follas, cabezas de anxos e volutas nos extremos. 

A cruz é recta e lisa, contando coa representación de Cristo Crucificado labrado en baixorrelevo, coa cabeza ladeada cara á dereita, e cos dedos das mans en actitude de bendicir. Sobre a imaxe do crucificado aparece a cartela co arónimo INRI. O reverso da cruz carece de figuración e as súas arestas aparecen recrucetadas, para romper coa monotonía.

Pola parte traseira do cruceiro hai un pousadoiro (ou mesa de altar) adosado, con pes de pertil moldurado.

Refire Broz Rei que se fai procesión ata o cruceiro pola festividade do Corpus Christi, pola festa do San Cosme, e pola celebración da Virxe do Rosario.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Meldie", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel; "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

 

Outros elementos do catálogo