Igrexa de San Xoán de Visantoña

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Xoán de Visantoña
Situación detallada: 
Visantoña
Cronoloxía: 
Séculos XVIII-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 51,24´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 49,38´´ W
X: 
572.398,62
Y: 
4.746.119,18
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A de Visantoña é unha das igrexas parroquias máis amplas existentes na Terra de Melide, xa que ten unhas dimensións en sentido Leste-Oeste de 23 mt, por 16 mt en sentido Norte-Sur. Presenta unha planta complexa conformada por unha nave rectangular, cun transepto ou cruceiro perpendicular á mesma, para acoller dúas capelas laterais, ademais dunha sancristía adosada á cabeceira polo seu lateral norte.

A fachada principal e os muros laterais aparecen enlucidos. No caso do frontis aparece sen pintar e imitando sillares de canteiría de granito, mentras que nas fachadas perimetrais estando igualmente recebadas, foron pintadas en cor branca cun zócalo na base dos muros de cor gris.

No frontis ou fachada principal destaca unha porta feita en canteiría e rematada por un arco rebaixado, do mesmo tipo co da ventá que a ela se superpón. No remate do hastial e baixo a espadana pode verse unha esfera circular dun reloxo.

A espadana é o máis significativo, e como refire Broz Rei trátase dunha "obra do ano 1923, con deseño moi semellante á de Furelos, Zas de Rei (ano 1916), San Cosme (1926) e Boente". Recolle tamén informacións de Manuel Martínez Pardo, veciño de Visantoña, que apuntan a que a fixeron os Mariños de Carballido, que eran moi bos canteiros. Tamén aporta o curioso dato de que inicialmente mercárase unha campá, que tiña mal son e, como os campaneiros fabricantes non a quixeron cambiar, os veciños botárona e tiveron que vir a cambiala, pero a que trouxeron era demasiado grande e non collía na fornela para a que estaba concibida, polo que tiveron que labrarlle algo á pedra.

Respecto á troneira, indicar que descansa sobre unha cornixa sobresaínte moldurada e que conta con troneiras para as dúas campás. Sobre estas disponse unha segunda cornixa que serve de base do ático, coroado por un frontón triangular de alas curvilíneas e cunha fornela baleira no seu centro. Este frontón aparece coroado por un pináculo e flanqueado por outros dous.

No interior destaca polas súas paredes encaladas e pola arquitectura sustentante das cubertas, traducida no cruzamento de dous pares de arcos de medio punto que parten de piares embebidos nos muros do transepto e con impostas molduradas que serven de arranque das arcadas. A nave, tellada a un plano máis baixo co cruceiro e a cabeceira, aparece cuberta por un armazón de madeira de vigas, tercios e puntóns á vista. 

No inicio da nave disponse unha tribuna ou coro feita en madeira, tanto no seu entramado coma na súa varanda, de balaustres torneados.

No interior existen tres retablos de estilo Neoclásico, o de Santo Agostiño (doutor ga igrexa venerado nesta parroquia), o da Virxe do Carme e o principal que conta cun camarín central que acolle ó Crucificado, e con dúas rúas laterais con peanas, para o Sagrado Corazón de Xesús, e para o Sagrado Corazón de María. No lateral esquerdo do retablo sitúase a imaxe da San Xoán Bautista, o patrono da parroquia, colocado nunha peana integrada nun aletón lateral.

Broz Rei refire que os retablos son da autoría do escultor Manuel Agra Fuciños, natural de Brocos (Agolada), que tiña o seu obradoiro na veciña aldea de Vilar de Ferreiros.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel. "Santiso na Terra de Abeancos". 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo