Muíño de Pampín en Catasol

Muíño de Pampín en Catasol

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Catasol de Arriba
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 27,29´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 6,90´´ W
X: 
578.753,31
Y: 
4.751.003,30
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No curso medio do río Catasol (tributario do río Furelos) atópase a aldea de Catasol que se artella en dous núcleos diferenciados, un ó norte da estrada CP-4603 que se identifica como “Catasol de Arriba” e outro ó sur coñecido como “Catasol de Abaixo”. Defínense os dous por tratarse de dous interesantes conxuntos etnográficos de arquitectura popular tradicional asociados inherentemente ó propio curso do río. Así pois en ambos conxuntos atopámonos con muíños hidráulicos para a obtención da fariña da moenda do trigo e do centeo.

 En Catasol de Arriba existen dous muíños, tal é o caso do que nos ocupa, ehabendo outros catro no núcleo de abaixo.

Broz Rei no artigo “O Río Catasol” recolle as verbas de Javiera Vázquez, descendente de Martín e do Veciño, familias muiñeiras de Catasol que sosteñen que: “en Catasol había seis muíños, o de Celestino ou muíño de Casmartín, e o muíño de Pampín en Catasol de Arriba; o muíño de Manuel de Pedro, á beira da estrada, que é de Suso da Perla... muíño do Veciño.... muíño de Martín e o muíño da Folicheira.... e todos hoxe parados... eran todos de maquía”.

O muíño de Pampín é o máis meridional dos dous existentes no núcleo de Catasol de Arriba, distantes uns 25 m. un do outro. Este muíño mantén boa parte da súa arquitectura aínda amosándose nun importante estado de abandono. Consiste nunha edificación construída en aparello de cachotaría artellada en dúas alturas, unha correspondente ó tremiñado e outra ó “inferno” (parte inferior na que se sitúan os rodicios).

O muíño sitúase entre dúas edificacións de morada, unha delas de pedra que mantén o mesmo patrón construtivo que o muíño, e outra de ladrillo en estado de ruína.

Este muíño trátase dun conxunto típico de maquía provisto de tres moas, o que denota que no seu día debeu desenvolver unha importante actividade. Pola banda norte podemos ver o seu sistema de abastecemento de auga de proporcións considerables pero difícilmente visible na súa totalidade por atoparse colmatado por pedras, terra e abondosa vexetación arbustiva (silvas, ortigas, e demais). Na parte traseira a estrutura do tremiñado atópase recebada e nela ábrense dúas xanelas rectangulares con disposición en vertical. Na fachada oposta (a meridional) poden verse outra dúas ventás, asimétricas neste caso, e dispostas a diferentes alturas, ademais das aperturas ó “inferno” e a saída de augas dos rodicios. No interior do tremiñado aínda se conserva toda a maquinaria do muíño (moas, moegas e demais) a pesar de que a estancia se atopa en estado de abandono con acumulación de enseres diversos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do CEM-MTM, ano 2011.

Outros elementos do catálogo