Igrexa de Furelos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na aldea de Furelos moi preto da ponte medieval, atopamos a igrexa de San Xoán de Furelos sobreelevada respecto ó terreo circundante.
Trátase dunha igrexa de orixe románica de finais do século XII ou inicios do século XIII, aínda que a maior parte da fábrica actual foi realizada a finais do século XIX, cambiando case por completo a súa fisionomía orixinal.
Os restos da fábrica románica atopámolos no lateral sur (o que mira ó río). Nese lenzo ábrese unha porta estreita con remate en arco de medio punto conformada por catro doelas carentes de decoración, ó igual que as xambas que as sustentan. Para acceder a esa porta trazouse unha escalinata de sete chanzos, realizada para salvar o desnivel. No mesmo lateral ábrese unha xanela saeteira con derrame interno, tamén de orixe románica. Baixo o aleiro dese mesmo lenzo sur consérvanse doce canzorros con motivos xeométricos (proas e nacelas).
Á reedificación do século XIX correspóndense á fachada oeste ou frontis, lateral norte e a cabeceira poligonal (que reemplazou á ábsida románica), Na fachada destácase a espadana estruturada en dous corpos: o inferior conta con dúas troneiras para as campás; e un segundo corpo cunha terceira troneira para unha capá máis pequena e franqueada por dous pináculos. Remata o conxunto un frontón semicircular con óculo sobre o que se dispón un pináculo que sustenta a cruz . No interior tamén froito desa reforma decimonónica é o arco triunfal de medio punto rebaixado, realizado en cemento apoiado por pilares de canteiría.
O retablo principal é de estilo neoclásico con decoración rococó, realizado a finais do século XVIII. No camarín central aparece a imaxe de San Xoán Bautista patrono da parroquia. Nunha das peanas laterais que flanquean o retablo, realizadas en estilo neogótico, vese a imaxe de Santa Lucía do século XVIII, moi venerada na parroquia.
Na nave, adosados ós lenzos laterais, aparecen dous retablos de estilo neogótico, realizados a comezos do século XX. Nun deles vemos a imaxe procesional de Santa Lucía, e no outro un Cristo crucificado cun brazo descravado, realizado a mediados do século XX polo prestixioso escultor Manuel Cagide, natural da mesma parroquia de Furelos, que tiña un obradoiro de imaxinería en Santiago. O Cristo de Furelos, de moi elaborada talla, foi doado polo propio Cagide á súa parroquia.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.