Casa de Sierra (esquerda)

Casa de Sierra (esquerda)

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa Principal, 44
Cronoloxía: 
Século XVII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 50,36´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 4,72´´ W
X: 
580.154.39
Y: 
4.751.731,15
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na rúa Principal de Melide, á altura dos números 42 e 44. Existen dous inmobles diferenciados que en tempos se trataban dunha única propiedade. O número 44 (o que nos ocupa), correspondente ó inmoble da banda esquerda ou oeste, trátase dunha edificación nobre tipo pacega, que acolle ás instalacións do Centro Social de Melide. A do número 42 (ou da banda dereita, ficha de abeancos 239), que acusa un severo estado de ruína, aínda tratándose dunha edificación bastante posterior no tempo, correspóndese cun inmoble que poderiamos definir de corte Colonial ou mesmo de tendencia indiana que reproduce un gusto por fórmulas arquitectónicas que reflicten un certo grao de acomodamento económico.

Xosé Manuel Broz Rei ten recollido en varias publicacións que o inmoble onde hoxe está o Centro social, foi propiedade do cura Álvarez de Bretelo e que foi doado ó Convento de Sancti Spiritus de Melide, e como posteriormente foi adquirida pola familia de Sierra. As referencias que dela aporta son numerosas debido a que hai moita documentación sobre ela, así pois hai diferentes referencias do século XVII nas que se documenta como a casa foi propiedade do citado presbítero, crego que foi párroco de San Pedro de Melide.

Do inmoble é de destacar a súa rexa arquitectura pacega, que nos tempos actuais aínda se mantén practicamente inalterada, sen entrar nas modificacións que se realizaron no seu interior para ser aproveitada como edificio de uso público, o que supón sempre unha alteración das súas vertebracións e modulacións internas.

A casa caracterízase polas súas grandes dimensións en planta (medindo 22,50 metros no eixo N-S por 12,50 no eixo L-O). En canto a alturas presenta dous andares: baixo e andar superior que estaba destinada á zona residencial.

Na fachada principal, sitúase a entrada á vivenda e ademais de dous balcóns e dúas xanelas con xambas e antepeitos de cantería de granito. Entre os balcóns de pedra moldurada e varanda de forxa, sitúase dúas pedras sen labrar concibidas como pedras armeiras para reproducir un escudo ou brasón.

Na fachada lateral ábrense outras dúas ventás tamén remarcadas por aparello de cantería, en xambas. Lintel e antepeitos para destacarse entre o aparello de cachote dos lenzos, nos que se mesturan pezas de gneis con pedras de rochas ultrabásicas do monte de Melide (anfibolitas).

Na planta baixa tamén se abren ó exterior unhas pequenas xanelas ou bufardas, que se relacionan coas antigas estancias ou zonas de servidume.

Na parte traseira do inmoble atopamos un espazo murado con tapia e portalón lateral, que está a pechar o curro ou eira da casa, e en cuxo extremo norte se ergue un destacado exemplar de hórreo (elemento nº 183 ) artellado en tres estremas ó que se accede mediante unha escaleira en pedra que permite salvar o desnivel existente entre o pavimento da eira e o hórreo.

Na actualidade a edificación está cuberta por un tellado a tres augas, mais se reparamos na fotografía aérea podemos ver como a casa compartía tellado co inmoble lindeiro, o do número 42, por tratarse dunha mesma propiedade, aínda que nos últimos tempos a cuberta do segundo deles, se desplomou por completo, o que supón un irreversible proceso de ruína de tan senlleria edificación.

En resumo, pódese concluír que ambos inmobles propiedade da familia de Sierra son exemplo de edificacións nobres que denotan un certo nivel e categoría social, sendo reflexo de poder adquisitivo.

Resulta chamativo que a edificación da esquerda (a do nº 44) aínda mantén a estética fidalga propia dos tempos da Idade Moderna, mentres que a da dereita (nº 42), reformada posteriormente e reconstruída en estética colonial, resulta ser a que na actualidade se atope nun serio problema de deterioro tanto no estético como no estrutural. Así pois, podemos entender que ambas edificacións correron distinta sorte.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “ O Melide vello”. Publicado no Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Casas antigas de Melide”. Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018.

Outros elementos do catálogo