Hórreo da Casa de Sierra
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na rúa das Ichoas atópase un interesante conxunto de arquitectura popular, que constitúe unha das máis fermosas estampas do Melide vello, a pesar de ter sufrido numerosas alteracións. Nese escenario aínda se conserva a esencia dos tempos antigos, no que se mesturan as arquitecturas urbanas e as edificacións adxetivas propias do ámbito rural. Trátase dun marco de incuestionable valor patrimonial, escasamente dignificado e ó mesmo tempo pouco recoñecido, no que se contabilizan cinco hórreos (aínda que houbo máis), dous portalóns cubertos por tellado, e varias casas con balcóns de ferro con ménsulas e soleiras de canteiría.
Nesta zona das Ichoas vemos a maior concentración de hórreos do núcleo urbano, sobre todo nas fincas de Mera, o que indica a importancia que tivo a actividade agraria na vila. Un dos exemplos máis singulares, e tamén máis curiosos é o caso do hórreo de Sierra, erguido sobre a portada do curro ubicado na parte traseira dunha casa sita na rúa Principal.
Este portalón de entrada, situado nunha esquina da rúa, serve de acceso a un curro pechado por un muro alto feito en aparello de cachotaría do país e amparado por un telladiño, a unha soa auga cuberto por tella tradicional. Rematando o conxunto sitúase o hórreo, dunha soa estrema, pero de boas dimensións, realizado en canteiría e madeira (mantendo a tipoloxía típica do hórreo de Melide: con pes de canteiría de perfil moldurado, e con tornarratos e piares realizados igualmente en granito. O resto da estrutura está realizada en carpintería de madeira, pintada neste caso en cor verde).
Ó carón do peche do curro vemos a parte traseira da casa que conta cunha ventá na planta baixa, e no piso superior cun balcón con soleira moldurada de canteiría e varanda de ferro atirantado ó armazón da cuberta da casa.
O curro ou patio interior servía de lugar de servizo onde se gardaban animais, se almacenaba a produción agraria e se gardaban os carros e cabaleirías. Vemos por tanto, un exemplo de arquitectura de raigame rural, plenamente adaptada ás necesidades urbanas dunha casa de certa relevancia.