Hórreo en Romeao

Hórreo en Romeao

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Cosme de Abeancos
Situación detallada: 
Romeao
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 25,86´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 21,61´´ W
X: 
578.441,29
Y: 
4.749.104,59
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Romeao podemos ver este fermoso modelo de hórreo que se encadra na tipoloxía “PPM”, establecida por Xosé Manuel Broz Rei, no seu traballo titulado “Etnografía de Melide”. Nesa tipoloxía encadra ós hórreos “que teñen o testeiro de pedra e madeiras nos laterais e porta, que correspoden ós máis antigos (...). Polo que son do século XIX”.

O exemplar de Romeao conta con catro estremas (tramos), oriéntase nun eixo SO – NL e coona cunha lonxitude estimada duns 8 metros.

A estrutura érguese sobre un banco de cachotaría, que sirve de basamento ós seus cinco pes, realizados en cantería e con perfís moldurados. En troques de contar con tornarratos individualizados, o basamento da cámara consiste nunha mesa corrida realizada en cantería de granito e con cantos biselados.

O armazón da cámara (ucheiras e piares) ó igual que os testeiros e os penais, están realizados en cantería de granito de esmerada feitura, mentres que os peches laterais (ladeiros) da cámara e a porta están realizados en madeira.

A estrutura cóbrese a dúas augas con tella curva do país e sobre os penais dispóñense unhas sobrepenas voadas que serven de soporte a unha cruz en pedra (a do extremo sur) e a un pináculo (no remate norte).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

Outros elementos do catálogo