Emprazamento da antiga igrexa de Baltar
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No lugar de Eixe de Lamas ou Eirexe, ademais da antiga Escola de Baltar construída pola familia Calderón, tamén se ubicaba nunha parcela situada a uns 20 metros ó suroeste da mesma, a antiga igrexa parroquial de Santiago de Baltar.
Broz Rei no seu traballo sobre as igrexas de Melide, refire como “na aldea de Grobas de Arriba había unha pequena capela e en Baltar outra, polo que se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”. Así pois foi no ano 1926 cando se constrúe a actual igrexa parroquial na aldea de Baltar, sendo esta un templo de grandes dimensións moi por riba da media das igrexas rurais existentes no termo municipal.
A parcela onde se testemuña que estivo situada a igrexa antiga, no lugar de Eixe de Lamas disponse nunha terraza, estando ocupado o seu extremo norte por coníferas e a meirande parte da propiedade a prado. Chama a atención a existencia na parte central da propiedade, dunha pedra de feitura troncopiramidal que parece corresponderse á basa dun cruceiro, a xulgar pola feitura da mesma e por contar cun rebaixe no seu centro flanqueado por senllas grampas de ferro, posiblemente concibidas para a fixación do varal.
Enténdese pola data de construción da igrexa actual en Baltar, que o antigo templo situado en Eixe de Lamas, debeu esmorecer ó quedar en desuso, previamente á data de erección da nova. Certamente non se dispón de datos que falen de como sería a igrexa antiga.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: “ A Terra de Melide”, publicado no ano 2001.