Casa de Sierra (dereita)

Casa de Sierra (dereita)

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa Principal, 42
Cronoloxía: 
Séculos XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 50,47´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 4,31´´ W
X: 
580.164,18
Y: 
4.751.734,78
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na rúa Principal de Melide, á altura dos número 42 e 44 existen dous inmobles diferenciados que en tempos se trataban dunha única propiedade, adquirida pola familia de Sierra. O número 44, correspondente ó inmoble da banda esquerda ou oeste, se trata dunha edificación noble, tipo pacega, que acolle as instalacións do Centro Social de Melide. A do nº 42 ou da banda dereita, que acusa un severo estado de ruína, aínda tratándose dunha edificación bastante posterior no tempo, correspóndese cun inmoble que poderiamos definir de corte colonial ou mesmo de tendencia indiana, que reproduce un gusto por fórmulas arquitectónicas que reflicten un certo grao de acomodamento económico.

Aínda que a casa da esquerda nos pode resultar máis notable pola súa faciana de casa fidalga urbana o certo é que compre fixarse na da banda dereita antes de que esmoreza de todo.

A casa consta de planta rectangular disposta nun eixo sur-norte, e conta cun patio contiguo con portada aberta á rúa Principal, ademais dunha edificación ou módulo concibido a xeito de torre na súa parte posterior, con comunicación coa estrutura principal, posto que se adosa a ela e conxuntamente constitúen unha planta en L.

A vivenda presenta exteriores recebados e pintados a dúas cores e conta con decoración realizada en morteiro que reproduce elementos de cantería de granito, así pois, conta cun zócalo inferior a rentes de rúa bastante elevado que reproduce tres ringleiras de perpiaño de granito, e tamén no esquinal da edificación se concibe un motivo decorativo simulando sillares dispostos a soga-tizón, o que lle confire un certo aspecto dentado.

Os vanos correspondentes a portas e ventás que se abren cara a rúa e cara ó patio contan cunha decoración de cenefa lisa, que unicamente procura enfatizar estes elementos de apertura.

A decoración exterior do inmoble completábase na súa parte superior cun sistema, hoxe perdido, de voladizo do tellado realizado en madeira con soportes de apoio en estribo.

No interior da casa existía unha estancia a xeito de capela ou oratorio privado, que contaba cun retablo en estilo Neogótico, que foi desmontado e doadas as súas pezas ó Museo da Terra de Melide.

O módulo traseiro, contiguo á vivenda, chama moito a atención pola súa estrutura a xeito de torre que tamén amosa unha tendencia e guiño á arquitectura colonial. Este torreón presenta cuberta a tres augas e conta con tres alturas (incluíndo a planta baixa), e destaca por amosarse como un xeito de “pavillón de recreo” que nos lembra á Casa do Foro de Folladela, non en tanto ás pautas da súa edificación, senón pola vocación e inclinación a este tipo de tendencias de corte indiano.

O máis chamativo deste módulo é a súa luminosidade, posto que conta con amplas galerías abertas cara ó exterior e o patio da casa, de feito ata conta con galerías abertas á banda do norte, aínda obviando a practicidade e a conseguinte perda de calor e por estar exposto ás inclemencias do tempo.

Xosé Manuel Broz Rei refire que sobre esta propiedade, ou mellor dito da existente no solar antes desta, existe abondosa documentación, recollida en documentos do Arquivo Histórico Universitario de Santiago, referidas ós séculos XVII e XVIII. A casa contigua, onde hoxe está o Centro Social, foi propiedade do cura Álvarez de Bretelo e foi doado ó Convento de Sancti Spiritus de Melide, posteriormente foi adquirida e reconstruída pola familia de Sierra.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello", publicado no Boletín nº 16 do CEM-MTM, ano 2003.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018.

Outros elementos do catálogo