Hórreo do Centro Social de Melide

Hórreo do Centro Social de Melide

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Travesa entre a rúa Principal e a rúa San Antón
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 51,42´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 5,35´´ W
X: 
580.140,09
Y: 
4.751.763,74
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este hórreo situado sobre o muro de peche do curro ou patio do inmoble que na actualidade alberga as instalacións do Centro Social de Melide, correspóndese cun dos máis destacados da vila, onde aínda se conservan un total de 18 hórreos, distribuídos fundamentalmente en tres zonas: Casco Vello, zona do Campo Grande/ os Tagarros e a Vista Alegre, ademais doutro sito na propia Ronda da Coruña ó carón do patio traseiro da Casa Reitoral. 

Este hórreo de Centro Social destácase polas súas dimensións, posto que é un dos dous que contan con tres estremas ou tramos (sendo o outro un dos dous situados dentro da finca murada de Mera, na rúa que vai dende as Ichoas ata a rúa do Castelo). 

Aínda que o coñecemos actualmente como "do Centro Social", o correcto sería denominalo hórreo da Casa do Licenciado Álvarez de Bretelo ou tamén hórreo da Casa de Sierra. Sobre dito inmoble existe abondosa  documentación, non en van se trata dunha edificación pacega das máis relevantes do Burgo Vello de Melide, en cuxo baixo aínda se poden ver as xanelas ou bufardas das vellas cabaleirizas, e tamén un patio traseiro pavimentado a xeito de eira, ó que se abre a fachada traseira do inmoble, ademais dunha edificación ou módulo para usos de servidume. Sábese desta casa que no século XVII foi propiedade do crego da parroquia de San Pedro de Melide, o presbítero licenciado Francisco Álvarez de Bretelo, casa que cedeu en propiedade ó Convento de Sancti Spíritus no ano 1662.

No tocante ó hórreo compre enfatizar diversos aspectos que lle confiren unha singularidade ou relevancia destacada, o primeiro deles é a súa ubicación, posto que se ergue sobre unha cerca ou tapia elevada que pecha a propiedade, pola súa parte traseira ou norte, ese feito favorece tanto a ventilación e o secado do produto almacenado, ó tempo que que lle serve de protección de cara á entrada de animais ou de persoas,  evitando á mantenza. O segundo aspecto a destacar son as súas notables dimensións (ó redor de 9 metros de longo), o que denota que se trata dun hórreo "de casa rica" ou fidalga. 

A edificación resposta ós patróns típicos dos hórreos desta bisbarra, podendo ser definido coma modelo melidao, que conta cunha estrutura con cabeceiras e ucheiras de pedra nos seus estremos distais, remates moldurados e estrutura de carpintería de madeira no tocante a mesas, trabes e balagustos ou ladeiros. Este tipo de cámara aséntase sobre tornarratos de pedra sostidos por pes de canteiría con cantos de perfil moldurado.

Este hórreo presenta a súa porta de apertura cara ó leste e cabeceira ou testeiro cara o oeste, mirando cara ó Castelo. Sobre a cuberta disposta a dúas augas e tellada sitúanse nos estremos dos cumios senllos pináculos piramidais e moldurados, xemelgos na súa feitura. Ambos carecen de remates de ferro a xeito de cruces ou veletas, o cal non significa que puidera contar con eles antano.

A carpintería exterior de madeira correspondente á porta e elementos de peche aparece pintada en ton vermello cuns pigmentos que se foron esvaecendo como consecuencia das inclemencias meteorolóxicas.

Finalmente resulta importante indicar a fundamental relevancia deste tipo de edificacións adxectivas existentes dentro do propio núcleo urbano, que evidencian claramente a tradición agraria imperante no Melide de antano.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel. "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 1995.

-Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001.

-Broz Rei, Xosé Manuel. "O Melide vello", publicado no Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da terra de Melide. Ano 2003.

-Broz Rei, Xosé Manuel. " Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 2018.

Fraga García, Ramón. "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI): Aspectos da vida material", publicado no Boletín 29 do Centro de Estudios Melidenses. Museo da Terra de Melide. Ano 2016.

Outros elementos do catálogo