Emprazamento da antiga igrexa de San Ramón de Grobas
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No lugar de Grobas de Abaixo gárdase a memoria da existencia da antiga igrexa de San Ramón, a escasos metros da localización da Fonte do mesmo nome, unha fonte de augas con propiedades, onde segundo a tradición os homes lles lavaban os pes ás mulleres embarazadas para que o santo Nonato lles concedera un bo parto.
Onde hoxe nos atopamos cunha masa arborada de bosque autóctono se atopaba a antiga igrexa, nunha parcela que segundo as referencias catastrais (parcela 385 do polígono 015) aparece denominada como “Casas da iglesia”, manténdose a referencia á igrexa noutras propiedades lindeiras, así atopamos fórmulas como “Prado da Iglesia”, “Navio Grota Iglesia”.
Como recolle Broz Rei no seu traballo sobre as igrexas de Melide “na aldea de Grobas había unha pequena capela e en Baltar outra, polo que se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”. A vella igrexa de Baltar atopábase no lugar de Eixe de Lamas situándose dende o ano 1926 na aldea de Baltar. Tamén o mesmo autor refire un dato extraído do Libro de Fábrica dunha referencia do ano 1885 da existencia dun retablo procedente da antiga igrexa de San Andrés da Coruña, que foi montado parcialmente na pequena igrexa de Grobas, adaptándoo ó sitio, posto que o retablo contaba cun porte maior. Este retablo foi trasladado posteriormente á igrexa nova de Baltar, en cuxo camarín central atopamos unha imaxe de San Ramón Nonato, o que nos está a lembrar a advocación da vella igrexa de Grobas.
Bibliografía:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.