Iso é Abeancos.gal. Que agora, convertido xa nunha realidade, se nos presenta como un proxecto pioneiro e revolucionario. Pioneiro por cubrir o oco do que nunca existiu nin sequera en formato físico; unha clasificación ordenada e detallada da vasta riqueza patrimonial do que foi a antiga xurisdición de Abeancos. Revolucionario, por empregar tecnoloxía e contidos con licenza libre, no que é unha aposta por divulgar e compartir coñecementos sen as tradicionais limitacións de uso e copia.
Pero ademais diso Abeancos.gal é unha fiestra que a Terra de Melide abre ao mundo; un anaco de nós recollido en cada un dos elementos que se describen e se xeolocalizan nesta páxina web creada con fins documentais, pedagóxicos e tamén turísticos. Non hai nada que nos defina mellor cás nosas propias creacións, erguidas aquí e acolá no transcorrer do tempo, nin tampouco mellor maneira de entender quen somos ca volver a elas e interesarnos polo seu porqué.
Abeancos.gal é unha fiestra dende a que esculcar o horizonte na busca de novas descubertas, e tamén unha caixa chea de pílulas contra a desmemoria que deixa no esquecemento boa parte no noso patrimonio. Elementos naturais, arqueoloxía, arquitectura relixiosa, civil e popular, cruceiros, pazos e pontes da Terra de Melide están agora a salvo. E coma as pingueiras do orballo que van caendo paseniño, novos elementos patrimoniais irán tamén completando aos poucos esta páxina web, proxecto vivo que aspira a seguir medrando empuxada polo mesmo motor que a puxo en marcha: o traballo voluntario e desinteresado de xente que lle quere ben á súa terra.
Iván Gómez Blanco