Casa de Goiás

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santiago de Vilouriz
Situación detallada: 
Goiás
Cronoloxía: 
Século XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 50,6´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 0,14´´ W
X: 
587.037
Y: 
4.753.673,60

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Asistimos a un fermoso exemplo de arquitectura civil localizado nun escenario rural. Trátase dunha casa singular disposta en dúas plantas, realizada en aparello mixto (sillares de cantería en xambas,  linteis, soleiras, antepeitos,  esquinais e cornixa) e cachotaría nos paramentos.

Conta cunha porta alintelada con mochetas, moi común nas casas antigas das aldeas da comarca, pero sobre todo destaca por outros dous elementos: unha aleiro con moldura de caveto con decoración perlada (ou de bolas), sobre a que descansa o tellado, e tamén por un escudo situado ó carón da ventá do piso superior, que representa unha árbore con froitas e un paxaro comendo nelas, do lado esquerdo do tronco da árbore un cuadrúpedo en posición rampante que pode tratarse tanto dun can como dun équido e do lado dereito vese unha cabeza humana mirando de fronte, que se asemella moito ós rostros representados nas mochetas da porta dunha casa dos Curros (A Capela, Toques) ou ás da porta do Hospital do Leboreiro (Melide). Descoñecese a linaxe propietaria desta casa, polo que non se pode, a día de hoxe, descifrar o significado desta pedra armeira.

Xosé Manuel Broz, autor do libro “Santantoíño de Toques”, aporta datos sobre esta casa e recolle que “se di que foi cárcere, logo hospital e tamén casa do Concello, e tamén fala do antigo “Couto de Goiás”, que tiña varios posuídores: A Casa de Ulloa, Casa de Corbelle, Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide, sendo da xurisdicción de Peibás, en terras de Antas de Ulla”.

 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.

Outros elementos do catálogo