Cruceiro de Xubial
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro da parroquia de Santiago de Xubial localízase nunha explanada sita ó carón da igrexa. Trátase dun cruceiro constituído por cinco elementos diferenciados: plataforma, basa ou pedestal, fuste ou vara, capitel e cruz. Correspóndese cun cruceiro de estilo Barroco con elementos de raigame renacentista (como é o caso do fuste estriado) que presenta un estado de conservación bastante deficiente, debido principalmente á incidencia de factores erosivos producidos polos axentes meteorolóxicos.
Está asentado sobre unha plataforma conformada por dúas gradas, e ata non fai moitos anos, sobre a grada superior existía un pousadoiro a modo de altar que na actualidade carece del, non sabendo cal foi o motivo da súa retirada.
O pedestal presenta forma troncopiramidal en cuxos lados se reproducen diversos elementos da Paixón de Cristo, nunha delas presenta un martelo, un corazón e tres cravos; noutra unha escada e un hisopo; e noutra unhas tenaces ademais doutro elemento de difícil interpretación ó atoparse moi erosionado.
O fuste ou vara presenta sección circular con estrías entre as que se sitúan boceles na metade inferior.
O capitel é derivado do composto con colariño, follas, anxos e volutas nas esquinas.
A cruz é lisa xa que carece de decoración, presentando as aristas en chafrán e os remates engrosados derivando en extremos circulares.
Este cruceiro está emparentado tipolóxicamente cos cruceiros do Leboreiro, Gondollín e Folladela (no Concello de Melide), e co de Pezobrés no Concello de Santiso.
Segundo refire Xosé Manuel Broz, faise procesión ata o cruceiro o 25 de xullo coincidindo coa festividade de Santiago, tamén na festividade do Corpus Christi ademais do 5 de outubro polo San Froilán.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.