Casa de Souto

Casa de Souto

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa Principal nº 24, Melide
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 51,09´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 0,40´´ W
X: 
580.252,60
Y: 
4.751.755,02

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na rúa Principal de Melide atopamos este vello inmoble, disposto en dúas plantas e cuberto a tres augas, na actualidade, pero que en orixe formaba parte dunha edificación maior, na que se integraba o inmoble anexo e tamén os traseiros que dan á Praza do Pozo Pequeno.

O muro lateral da Casa de Souto, que na actualidade delimita unha corrupia ou androna (espazos entre casas constituídos para evitar incendios e botar augas residuais en tempos pasados), tratábase dunha fachada con porta e ventás abertas á Praza das Coles, o que indica que esta praza en orixe era máis ampla e máis cadrada.

Este inmoble foi propiedade do convento de Sancti Spíritus e tamén, estando aforada ó cura de Melide, funcionou como casa Reitoral, cando a parroquia estaba na desaparecida igrexa de San Pedro (antes do ano 1842). 

Na fachada poden verse dous escudos ou blasóns, un na planta baixa, colocado nunha parede medianeira e outro no piso superior baixo o aleiro do tellado. O primeiro deles trátase dunha peza reaproveitada que puido proceder do Convento de Sancti Spíritus e datado no século XV, que representa a cabeza dun lobo de perfil coa lingua fora entre os dentes, símbolo da linaxe Moscoso.  Foi descuberto no ano 2010, posto que antes estaba tapado polo recebo da fachada.

O segundo escudo correspóndese co emblema do convento de Sancti Spíritus de Melide, no que aparece unha pomba coas ás abertas (representación do Espíritu Santo) e os símbolos da Terceira Orde Franciscana: as cinco chagas sangrantes de Cristo, un báculo e tres flores de lis. Todo elo rodeado polo cíngulo ou cordón franciscano.

Trátase pois, dun inmoble que pasa desapercibido, pero que agocha moita historia, e que aínda poderá dar máis sorpresas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O escudo dos Moscoso". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.

 

 

Outros elementos do catálogo