Capela da Santa Cruz de Grobas

Capela da Santa Cruz de Grobas

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Grobas
Situación detallada: 
Carballeira da Santa Cruz de Grobas
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 30,88´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 43,59´´ W
X: 
572.400
Y: 
4.758.448,22
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na parroquia de Grobas sitúase un fermoso conxunto que lembra os vellos tempos de romerías e cultos, que se celebraban con motivo de solemnidades relixiosas. Nun escenario moi próximo ó asentamento do antigo Castelo de Grobas, consérvase unha espectacular e extensa carballeira de plantación ordeada, de forma rectangular alongada, que abarca unha superficie de algo máis de 1 hectárea. Esta carballeira está constituída por once ringleiras de carballos dispostas en paralelo, entre as que discorre un camiño de terra que a atravesa lonxitudinalmente, e na actualidade está atravesada tamén, en oblicuo, pola pista asfaltada que vai dende Baltar ata Orois.

Na parte máis elevada da carballeira, situada no extremo norte, érguese a Capela da Santa Cruz, construída no ano 1907. Correspóndese cunha sinxela edificación de planta cadrada cuberta a catro augas. O exterior é moi austero, caracterizado por lenzos lisos, recebados e encalados agás na parte inferior nos que se ve o aparello de cachotaría, ademais dos esquinais feitos en canteiría. Conta cunha pequena porta de acceso, aínda que orixinalmente abríase ó exterior por medio dun gran arco (actualmente tapiado). Sobre a fachada principal disponse unha pequena espadana dunha soa troneira para acoller á campá. 

No interior pode verse un pequeno retablo barroco anterior á capela (polo tanto vese que foi reaproveitado doutra igrexa, posiblemente da desaparecida de Grobas ou da vella de Baltar). Dito retablo fai de escenario de fondo dunha cruz de madeira que fai lembranza dunha misión pastoral dos P.P. Pasionistas. Na cruz aparecen representados os elementos máis característicos da paixón de Cristo: tres cravos, unha cartela en forma de pergameo coa inscrición INRI, unha coroa de espiñas rodeando o escudo da congregación dos Pasionistas, unha pértiga con esponxa, unha lanza, un martelo, unhas tenaces, un cáliz coa forma sagrada, un flaxelo, unha escada e unha calivera sobre dúas tibias cruzadas. Na base da cruz aparece a inscrición "RR. PP. PASIONISTAS/2 DE MAYO DE 1907". 

Esta é polo tanto unha das capelas que lembran as misións pastorais predicadas polos Padres Pasionistas, e nas que se venera a Santa Cruz, cuxa festividade é o 3 de maio.

Na Terra de Melide existen outras seis capelas deste tipo, que nos dan testemuña da importancia deste tipo de misións e prédicas, que se desenvolveron ata ben avanzado o século XX.

Ó carón da igrexa ubícase un cruceiro de recente realización, asentado sobre un penedo no que tamén houbo outra cruz de madeira froito doutra misión.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Cristo de Grobas". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.

Outros elementos do catálogo