Conxunto de hórreos en Castelo

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Mamede do Barreiro
Situación detallada: 
Castelo
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 15,87´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 48,48´´ W
X: 
577.793,35
Y: 
4.752.491,04
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Castelo atopámonos cun dos poucos conxuntos de máis de dous hórreos existentes na Terra de Melide. Neste caso consérvanse tres hórreos enteiros e os pes dun cuarto. Son raros oes exemplos nos que se ven máis de dous hórreos xuntos, nesta área xeográfica. No Concello de Melide hai poucos casos nos que se conservan agrupacións, habendo algún grupiño de tres en Folladela, na Graña (O Meire) ou en Piñor. Mais en Castelo podemos ver como había catro xuntos. O conxunto de hórreos de Castelo compleméntase con outras edificacións adxectivas como palleiras e pendellos.

O modelo de hórreo existente nesta aldea resposta á tipoloxía máis común desta zona, no que se conxuga armónicamente o emprego da pedra e a madeira. No primeiro dos casos empregada para os basamentos, pes, tornarratos, columnas e testeiros, en asociación con madeira en mesas, xugos, ladeiros, portas e armazón do tellado. 

En Castelo destácanse dous hórreos de bo porte e con dúas estremas cada un. Un situado enriba da portada dunha eira e outro sobre unha cepa corrida elevada. Son por tanto, hórreos destacados que denotan unha certa capacidade económica dos seus posuidores, toda vez que son bastante amplos e están erguidos en planos elevados para garantir unha correcta ventilación do interior, nun espazo físico bastante constreñido polas edificacións de vivenda da aldea. 

O terceiro dos hórreos sitúase nun prado, algo retirado da pista de acceso ás casas e correspóndese cun modelo máis humilde, dunha soa estrema e asentado sobre bases exentas de cachote. Presenta un estado de conservación deficiente, no que atinxe á armazón de madeira da cuberta e do tellado. Noutra propiedade moi próxima tamén se poden ver os restos do basamento de outro hórreo dunha soa estrema, que se ergue sobre unha cepa corrida de cachote, e que conserva os dous pes ou perpiaños de soporte e un dos dous tornarratos.

Todos estes hórreos carecen de elementos de remate no cumio dos tellados, que nesta zona acostuman a ser cruces, pináculos e tamén veletas de ferro. 

Os acabados dos hórreos son dispares, o que está situado enriba da portada da eira conta con carpintería pintada en cor marrón, coas barretas dos ladeiros nun ton máis escuro. O outro hórreo de bo tamaño ten as portas e ladeiros pintadas en cor verde coas barretas en vermello; e o terceiro e máis cativo, non conta con pintura externa, polo que se pode ver a madeira ó natural. Respecto a este aspecto, dicir que resulta curioso porque asistimos a un cambio de tendencia respecto ós patróns orixinais, xa que tradicionalmente soían pintarse de cor marrón, que como apunta Broz Rei, se preparaba con pigmentos, secante e aceite, sendo por tanto un tipo de preparación en base a produtos naturais, pero coa chegada dos esmaltes as cores vanse diversificando a gusto dos propietarios dos mesmos. Polo que o que aparece sobre a portada é o que reproduce as cores máis características do hórreo tradiconal da Terra de Melide.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publocado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Construción dun hórreo tradicional", publicado no Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.

- Fraga García, Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide VI", publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

- Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide", Cap. V do Terra de Melide, publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

 

 

Outros elementos do catálogo