Mina de Grobas ou Mina dos Mouros
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Entre a Casa Grande de Salgado e o antigo emprazamento do Castelo de Grobas, atópase unha ampla extensión de bosque autóctono, un dos mellores conservados da Terra de Melide, no que proliferan abundantes árbores autóctonas caducifolias (carballos, castiñeiros, especies ripícolas) e mesmo un bo número de acivros. Esa fraga agocha no seu corazón, unha enorme depresión orográfica que foi interpretada de diferentes maneiras, tanto como unha grande cárcava ou cavorco natural producida pola erosión das augas, coma unha defensa artificial do castelo de Grobas, a modo de grande e extenso foxo, ou coma unha explotación mineira.
Analizadas todas as informacións dispoñibles, o máis probable é que se trate dunha explotación mineira antiga, a xulgar por distintos aspectos:
- En primeiro lugar hai que considerar ese topónimo tan determinante, o de Mina dos Mouros, que foi recollido polos arqueólogos que elaboraron o catálogo para o PXOM de Melide (pendente de aprobación), e que trasladaron ó Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Dese xeito considerouse que dita depresión se trata dun accidente producido de xeito artificial, e interpretada como unha corta de minado para extracción de mineral.
- Nos mapas de pendentes da Xunta de Galicia (LIDAR) e no do IGN (IBERPIX), pode verse claramente o relevo accidentado desta corta ou trincheira, ademais de distinguirse outras máis nas cercanías, na propia parroquia de Grobas, e nas veciñas de Baltar e Golán, nesta última aprécianse trincheiras en forma de lúnula. Que parecen asociarse a unha destacada proliferación de Castros na zona.
- O erudito melidao Don Eduardo Álvarez Carballido, nun traballo publicado no Boletín da Real Academia Galega no mes de decembro de 1910, refírese nos seguintes termos: "...la parroquia de Grobas de terreno muy accidentado, se halla sembrada en toda su extensión de barrancos y profundidades, (...) producen el convencimiento de que muchas de estas evidencias son debidas a la mano del hombre (...) se confirma esta opinión al encontrar una serie de antiguos subterráneos en forma de largas y estrechas galerías, que tanto pudieron ser caminos abiertos del Castillo de Grobas, (...) o explotación de filones metálicos. (...). Las numerosas depresiones en forma de canal están cubiertas de vegetación que desfigura su trazado. El paso de los años transformó en colinas, al parecer naturales, los montículos de tierra extraídos artificialmente. (...). Fala tamén Don Eduardo dunha grande cova natural na que se aprecian nas paredes e o teito venas de seixo ¿Será esto en unión con algunos grandes filones de cuarzo que se observan en la inmediaciones (mineral que como es sabido forma parte de las gangas metalíferas, especialmente los criaderos de oro y estaño), indicio de que en tiempos desconocidos se explotó alguno de dichos metales?(...).". Nese senso, compre indicar que no veciño Concello de Arzúa están inventariadas, un bo número de explotacións mineiras de época romana, ó parecer de explotación de estaño, sen descartarse que puideran ser auríferas.
A "mina" da Carballeira de Grobas disponse lonxitudinalmente en sentido oeste-norleste (tendo como remate o emprazamento do Castelo de Grobas). Ten uns 460 metros de longo, por 30 metros de ancho medio, e cunha profundidade moi destacada, superior ós 20 metros nalgúns puntos.
Cara ó oeste presenta unha interrupción duns 300 metros, treito no que posiblemente esté colmatada, nos que se ubica a Casa Grande de Grobas e terras de labor, continuando de novo dita corta noutro longo treito duns 400 metros, que remata na marxe oriental do río Iso, na que drenaría dita trincheira.