Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: muro de peche de propiedade
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas.
No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos máis importantes deles, precisamente os identificados no Cantón de San Roque, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte:
“Como xa indicamos anteriormente tamén durante a apertura das gabias para a instalación dos tubos do gas, foron localizadas outras estruturas, neste caso murarias, á altura do cruce coa rúa Rosaleda e dos nº 8 e 4 do Cantón de San Roque.
Neste caso trátase dunha estrutura lineal, de peche de propiedades e tamén de contención de terras, de moi probable periodización decimonónica, e que permanece en uso polo menos ata finais dos anos 20, principios da década dos 30 do século pasado, posto que aparece claramente reproducida no plano urbanístico realizado polo arquitecto Rafael González Villar do ano 1929. Nese importante documento gráfico distínguese con moita claridade, servindo de límite meridional do Campo de San Roque. Dito muro contaba cunha lonxitude duns 65 m, e os seu desenvolvemento non era rectilíneo, senón que debuxaba un ángulo obtuso.
Ese longo muro partía do extremo oriental da Casa de Patiño (nº 2 da rúa) en dirección nordeste, e á altura da actual rúa Rosaleda facía un quebro brusco da directriz, virando cara ó leste-surleste, ata rematar á altura do nº 18-20. Compre sinalar que nese ano, 1929, apréciase como entre o nº 2 e o 18-20 non existía vivenda algunha, xa que as edificacións de corte Racionalista que aínda se manteñen na actualidade foron realizadas na década de 1950. [...]
A pesar de diversas alteracións posteriores debidas á instalación de diversos servizos de saneamentos [...], puido identificarse un tramo de 15,50 m de lonxitude do muro de peche de periodización decimonónica, cunha interrupción intencionada de 1,80/1,90 m, á altura do cruce coa rúa Rosaleda, que se corresponde cunha abertura efectuada para o acceso á propiedade ou ó camiño existente previamente á apertura ulterior da mencionada rúa. [...]
Do muro compre sinalar que se conservan entre unha e tres fiadas, fundamentalmente en función do tamaño variable do aparello co que foi construído, e tamén polos diversos factores de amortización e desmontaxes intencionados que se foron producindo ó longo do tempo, por obras e actuacións varias. Tamén cabe sinalar que está enteiramente realizado en cachotaría de “pedra do país”, ligadas con terra marrón vexetal ou orgánica. En canto á súa execución hai que indicar que somentes presenta cara ou paramento exterior (cara ó norte), posto que cara ó sur están as pedras paredadas directamente contra o nivel de terra orgánica “de horta ou de labor”, do que actúa de muro de contención. Tamén se puido comprobar como a realización do paramento e a organización do aparello é bastante deficiente, posto que a cara exterior non presenta unha aliñación ben coidada, e porque a disposición das pedras nos macizados é bastante anárquica, habendo moitas pedras que nin están postas en plano, senón buzadas.
[...] Á marxe desa alteración referida, e doutras que teñen que ver con acometidas para o abastecemento da traída de augas, chama a atención unha estrutura superposta ó muro e disposta de xeito perpendicular ó mesmo (que aparece á altura do nº 6), que se corresponde cunha canle realizada xa no século XX, feita con muriños laterais de pedra e ladrillos ocos (de realización industrial), cuberta con pedras asentadas en plano e ligadas con cemento, e cunha base de pedras que se revisten de cemento no interior da canle ou taxea, facendo de fondo da mesma. Dita estrutura conta con nada menos que 80 cm de ancho e uns 60 cm de altura.
[...] En canto ós materiais asociados co longo muro documentado [...] o máis destacado foi a localización dunha moeda de 5 cnt de cobre de Alfonso XII datada no ano 1877, que apareceu a poucos metros do muro.”
BIBLIOGRAFÍA:
- Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017.
- Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018.