Igrexa parroquial de San Xoán de Golán

San Xoán de Golán

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Golán
Situación detallada: 
Campo da Capela, San Xoán de Golán, Melide
Cronoloxía: 
Século XIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 26,03´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 27,22´´ W
X: 
572.791,86
Y: 
4.756.451,59
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No Campo da Capela, ademais da Casa Grande de Golán, da familia Calderón, atópase a vella igrexa parroquial de San Xoán. Trátase dunha igrexa de pequenas dimensións que conta con interesantes elementos da súa fábrica orixinal románica (de finais do século XII ou principios do XIII), a pesar de que foi practicamente reedificada no século XIX.

A igrexa conta cunha nave de planta rectangular e dunha cabeceira igualmente de planta rectangular, á que se lle adosa a sancristía no lateral norte. 

A igrexa está realizada en aparello de cachotaría con elementos de canteiría nos esquinais, portas e ventás (todas elas alinteladas). Na fachada principal ademais dunha porta e unha ventá á altura da tribuna, tamén se ergue a espadana de realización recente e deseño bastante desafortunado, que conta cunha troneira para unha soa campá. O aparello dos muros está recebado e pintado de cor branca. 

O máis destacado desta igrexa son os elementos da súa fábrica orixinal románica, que consisten:

- Nun arco triunfal de medio punto lixeiramente peraltado e dobrado, constituído por doelas carentes de decoración. Dita dobre arcada está sustentada por senllas impostas, moldurada a exterior e con decoración de billetes a interior. Baixo a imposta exterior dispóñense unhas pilastras provistas de capiteis con decoración vexetal (follas lobuladas e con sucesión de bolas en cadea no nervio central), sobre fustes monolíticos de sección circular (exentos e adosados ós machóns das xambas laterais). Os fustes descansan en basas de perfil ático con garras no ángulo exterior e con decoración dentada (a do lado esquerdo), e apoiadas ambas sobre plintos lisos.

- Unha porta de acceso á nave no lenzo sur, que aínda que foi reformada polo exterior convertíndose nunha porta alintelada, polo interior conserva a súa estrutura orixinal de deseño en arco de medio punto formado por cinco doelas.

- Tamén é de destacar un conxunto de seis canzorros situados no lenzo sur da ábsida, con decoración de nacelas e follas nervadas que envolven bolas.

No interior da igrexa existen dous retablos de estilo Neoclásico de mediados do século XIX. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide: San Xoán de Golán". Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

 

 

Outros elementos do catálogo