Cruceiro de Santalla de Agrón
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro parroquial de Santalla de Agrón sitúase nas inmediacións dunha encrucillada de camiños, e a unha distancia de 35 metros ó noroeste da igrexa parroquial de Santaia.
Trátase dun cruceiro sinxelo en canto ó seu deseño. Consta de catro partes diferenciadas, sen contar a plataforma de formigón, sobre o que está erguido (proba de que o cruceiro foi movido).
Broz Rei en “Os cruceiros da Terra de Melide” da conta de que nos anos 80 do pasado século contou cun pousadoiro ó carón da súa basa ou pedestal, ademais refire que o cruceiro estaba situado no campo da festa.
O pedestal, bastante tosco, presenta feitura cuadrangular coas arestas redondeadas.
O fuste ou varal presenta sección cadrada nos seu extremos, mentres que todo o desenvolvemento lonxitudinal amosa unha sección octogonal, ó estar achafranadas as súas esquinas.
O capitel é moldurado e carente de figuración e ornamentación.
A cruz , carente de figuración, é oitavada e conta con remates florenzados nos seu extremos.
Broz Rei recolle que se fai, ou facía, procesión ata o cruceiro na festividade do Carme.
BIBLIOGRAFÍA:
-Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”, publicado no Boletín nº2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da terra de Melide, 1983.
-Broz Rei, Xosé Manuel: “ A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei, ano 2001.
-Utrera Baza, Ángel: “Aproximación ós cruceiros de Melide na obra de Xosé M. Broz Rei do ano 1983”.