Pazo de Corbelle

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María dos Ánxeles
Situación detallada: 
Corbelle, Santa María dos Ánxeles (Melide)
Cronoloxía: 
Idade Moderna/Idade Contemporánea

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 59,62´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 33,37´´ W
X: 
580.840,44
Y: 
4.753.876,13

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este pazo foi refeito  a finais do século XIX polo Marqués de Pardiñas, no solar onde houbo un pazo anterior, e reaproveitando materiais e escudos da antiga construción.

O edificio actual, de planta rectangular e disposto en dúas alturas, vai precedido por un pequeno adro no que se dispón unha escalinata de acceso á porta principal, da que tamén parte unha segunda escaleira exterior que da  acceso a unha solaina actualmente modificada como galería acristalada.

Na fachada, no piso superior entre as ventás, locen os tres escudos de armas da antiga casa.

Un deles rodeado por un cadea con candado dos Varela distribuído en catro cuarteis, representa as varas do apelido Varela, torre con rodas nos flancos do apelido Torres, dúas medias rodas con radios do apelido Camba e  tres flores de lis do apelido Varela.

O segundo escudo sustentado por unha serea flanqueada por dous medallóns con rosetas, igualmente distribuído en catro cuarteis representa dous leóns rampantes enfrontados da familia Mariño e Arias, tres flores de lis dos Varela e e un cuarto cuartel losanxeado  (con tres filas de rombos) do Conde de Monterroso.

O terceiro escudo tamén distribuído en catro cuarteis representa os quince xaqueles con faixas da familia Ulloa, os seis roeles dos Castro, un año cun bolo do apelido Bolaño e cinco pombas do apelido Seixas.

No ano 1708, houbo un pleito entre o propietario da antiga casa  de Corbelle, Don Antón Varela de Ulloa e Soutomaior contra os frades do Convento de Sancti Spíritus pola propiedade da Capela Maior da igrexa conventual e tamén polo dereito de soterrarse nela. No chan da Capela Maior aínda poden verse dúas laudas sepulcrais da Casa de Corbelle.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas Históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo