Muíño da Pena

Muíño da Pena

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Santiso
Situación detallada: 
A Pena
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 50´ 39,54´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 54,23´´ W
X: 
576.397,54
Y: 
4.743.950,43
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O Muíño da Pena, tamén coñecido como Muíño do Sexo no Catastro do Marqués de Ensenada, por situarse a medio camiño das parroquias de Santa María de Santiso e a de Santiago de o Sexo (Agolada).

Trátase dun destacado muíño de maquía que forma parte da propiedade da Casa da Pena, que foi propiedade do abade (párroco) das fregresías de Santaia de Rairíz, San Xoán de Ponte Arcediago e de San Xurxo de Mourazos, quen no ano 1711 fixo vínculo e maiorazgo de moitos bens, entre eles da Casa da Pena, segundo refire Don Antonio Taboada Roca no "Tera de Melide".

Este erudito melidao tamén documenta que o fundador deste vínculo dí no seu testamento, entre outros moitos aspectos "la casa y lugar da pena con su palomar y heredades labradías y montesías chousas prados molino aguas de rriego árboles y plantados y mas a él anejo y perteneciente sito todo ello en dcha fra. de ssn. Tirso Cuia casa de la manera q se halla la izo y fabricó el otorgte. despues de aver echo la donación refrida en q tubo de coste mas de tres mil rls de vellón...". Vemos por tanto claramente especificado no inventario de bens propiedade da Casa da Pena, que se recolle neste transcrito testamento de Don Xan Varela de Barrio, que este muíño xa a principios do século XVIII formaba parte da propiedade.

Hoxe este destacado muíño atópase en avanzado estado de ruína, ó igual que a vella ponte da Pena, situada o seu carón, da que so se manteñen en pe os estribos e un dos piares centrais.

O muíño en si, presenta planta rectangular de grandes dimensións e artéllase en dous andares, o primeiro correspondente ó tremiñado e a estancias complementarias para uso do muiñeiro, e dun "inferno" destinado a albergar os tres rodicios que servían para producir a enerxía necesaria para accionar as tres moas.Como refire o lingüista melidao Ramón Fraga García, este tipo de muíños de maquía provisto de tres moas, contan con distintas clases de pedra "axeitadas pola súa maior ou menor dureza, aos tipos de grans que se van ter que esmagar. Na bisbara melidense chámaselle albeira áque se usa para o trigo. As pedras bazas (as máis duras) empréganse para o centeo e o millo".

Toda a edificación está realizada en aparello de cachotaría do país moi ben disposta e aplomada, reservándose pezas de canteiría para xambas, linteis e antepeitos das ventás. É unha mágoa o estado de ruína que presenta a edificación na actualidade, co tellado derubado e o interior invadido pola vexetación, resultando mesmo un perigo adentrarse nel, mais con todo a mesta vexetación arbustiba e arbórea non impide ver a monumentalidade deste vello muíño de maquía. Tamén son de destacar, por un lado a impresinante cal ou calella escavada na rocha natural do talude do monte, situada na parte traseira do muíño e que servía para abastecer de auga ó muíño, e por outro son moi chamativas igualmente, as gravuras da porta en forma de cruces apotropaicas (protectoras da moenda) que estaban na porta de entrada, hoxe arruinada, e que foron documentadas fotográficamente por Xosé Manuel Broz na publicación "Santiso na Terra de Abeancos".

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

- Caamaño Suárez, Manuel: "As construcións adxectivas". Cadernos do museo do Pobo Galego, nº 9, ano 1999

- Fraga García, Ramón: "Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VIII)". Publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas", no "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo