Igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos

Igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Salvador de Abeancos
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 13,82´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 41,72´´ W
X: 
582.006,03
Y: 
4.754.327,97
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O primeiro aspecto a considerar, e para poñer a parroquia en contexto histórico, imos parafrasear as doutas verbas do lingüista Nicandro Ares, que así nolo conta:

“ABEANCOS: Son dúas parroquias non inmediatas (estanos a falar das parroquias de san Salvador e da de san Cosme de Abeancos), pero situadas no antigo territorio de “Aviancos”, así denominado xa no ano 747 e posteriores, que se configurou eclesiásticamente como arciprestado alomenos dende 1645. Posiblemente a primeira destas dúas foi a de San Salvador, como parece indicar o seu titular, dado que as antigas comunidades cristiás elexían como patrón ó Salvador antes que a calquera outro santo. Por outra parte non se debe olvidar que por esta parroquia entraba en Melide o camiño primitivo de San Salvador de Ovedo cara a Santiago e que un lugar desta parroquia chámase Compostela”.

En termos parecidos se expresa o lingüista melidao, Joaquim Vázquez Rodríguez, quen apunta tamén que: “O haxiotopónimo San Salvador procede do latín SALVATOR -ORIS `salvador, livertador´, derivado do verbo SALVARE `salvar. Surdiu nos ambientes cristiáns dos primeiros séculos e, ademais de funcionar como atributo de Cristo, pretendía ser unha interpretación do nome de Xesús...

Así pois tanto o patrón da parroquia (SAN SALVADOR), como a fórmula ABEANCOS, de base indoeuropea/ prerromana nos levan a pensar nunha parroquia de raigame antiga, aínda que o estilo do templo parroquial actual nos sitúe nos tempos modernos, concretamente no século XVIII, así pois é lóxico pensar nunha edificación pretérita, previa á actual. Nesa liña o investigador Broz Rei, en base ás consultas do libro de fábrica da parroquia extrae dous datos clarificadores:

(f. 17) ano 1764: “...se haga la igesia de nuebo por amenazar ruína...” ,e , (f.29) ano 1772: “...esta iglesia se ha reedificado ensanchado, y hizo toda de nuevo...”.

Con esas datas xa vemos como a igrexa se reedifica na segunda metade do século XVIII, ademais de foi no ano 1777 cando se edifica a actual sancristía (adosada ó presbiterio polo lateral norte). Co anexo da sancristía o conxunto presenta unha planta en “L”, e consta de tres partes fundamentais: Nave en planta rectangular; Presbiterio situado a continuación da nave, nun desenvolvemento único, de planta cadrangular e máis elevado que a nave e cuberto a catro augas; e a Sancristía, de planta rectangular e cuberta a tres augas.

Da arquitectura exterior do conxunto destacar os materiais construtivos: aparello de cachotaría recebada e pintada, e emprego de cantería de granito nos esquinais e nos vanos (portas e ventás). No frontis, ou fachada principal, simúlase no recebo unha disposición de fiadas de perpiaños de cantería.

O mesmo frontis, como é habitual coróase cunha espadana, realizada en cantería, e que conta cunha troneira para acoller unha campá e un ático provisto dun frontón de feitura triangular con aletóns de perfil curvilíneo. O frontón presenta un pequeno óculo central e uns adornos en voluta sobre os aletóns. O mesmo aparece flanqueado por sendos pináculos moldurados e coroado por unha cruz de ferro moi ornamentada.

Tamén sobre o presbiterio, no seu cumio, se ergue outra cruz de ferro que conta cunha veleta para marcar as direccións do vento.

No interior da igrexa destácase, ademais dos retablos realizados en estilos Barroco e Neoclásico, o arco triunfal de medio punto con perfil moldurado apoiado sobre impostas igualmente molduradas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Vázquez Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia do Concello de Melide”.

Outros elementos do catálogo