Pazo da Pena
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O Pazo da Pena ó igual que acontece co Pazo de Vilar de Ferreiros, na parroquia de Visantoña, son dous bos exemplos de optimización do patrimonio construído, adaptado a necesidades socioeconómicas na actualidade. Esa circunstacia favorece que ditas edificacións foran obxecto de actuacións de rehabilitación en profundidade, o que favoreceu que esas casas nobiliarias chegaran a nós en perfecto estado de revista, a diferencia doutras edificacións semellantes que se ven abocadas á súa desaparición progresiva ó atoparse nun estado acentuado de ruína, tal é o caso da Casa do Ribeiro tamén na parroquia de Visantoña. Nos dous primeiros casos a circunstancia de ser reaproveitados como negocios de hostalería e restauración supuxo que se recuperaran en boa medida e fosen enfatizados os seus principais elementos constructivos e as súas edificacións adxectivas (capelas, pombais, hórreos, fornos, palleiras ou fontes).
Desta Casa da Pena da conta Don Antonio Taboada Roca no libro "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, e nesa publicación refire que foi fundada no ano 1711 por Don Juan Varela de Barrio, quen foi párroco da Ponte Arcediago, de Rairiz e de Mourazos, e que no seu testamento aparece unha relación dos bens da súa propiedade entre os que cita: " ...casa y lugar da Pena con su palomar y heredades labradías y montesías, chousas, prados, molino, aguas de riego, árboles y plantados..." e que "tubo un coste de tres mil reales de vellón". A propiedade pasa a mans por vía testamentaria a súa sobriña Magdalena Varela Segade Bugueiro da Casa de Outeiro de Pezobrés.
O conxunto do Pazo resposta ós típicos patróns de edificación fidalga labrega, artellada en torno a unha edificación principal para uso de vivenda. Consiste nunha rexa edificación de planta rectangular dividida en dúas alturas, e que consta de elementos estruturais que lle confiren un destacado aspecto nobiliar. Nese eido destácase a espectacular solaina en L que se desenvolve na fachada sur, á que se accede tanto dende a planta superior como dende a eira mediante unha escaleira dun único tramo cuxos chanzos inferiores presentan feitura curvilínea. A solaina conta con sólidos piares de canteiría de granito que serven de sustento dunha cuberta que consiste na prolongación do tellado do inmoble que está desenvolto a catro augas. E consta tamén dunha balaustrada de madeira que se vai intercalando entre os piares.
Tamén é destacable a presenza de dúas chemineas sendo máis monumental a situada no ángulo suroriental, nun extremo da fachada principal. As chemineas son de planta rectangular e destacan pola súa esbeltez e estar coroadas por pináculos de feitura piramidal.
A fachada principal consta de dúas portas orixinais, estando a principal situada en posición central e rematada por un lintel en forma de arco rebaixado. Na planta superior dispóñense tres portas abertas ós balcóns exteriores que descansan en soleiras de canteiría e varandas de forxa.
Adosado ó corpo principal, polo lado norte existe unha edificación anexa de planta baixa que alberga tres fornos, ós que se accede mediante un portalón que da acceso á parte traseira e que se sitúa no mesmo eixo da prolongación lateral da solaina.
Na eira atópanse diversos elementos que complementan os usos do Pazo, como son un destacado hórreo de cinco estremas con testeiros de canteiría e sostido por pes igualmente de canteiría apoiados en cepas de cachote. Tamén sobresae un amplo emparrado sostido mediante piares cadrangulares feitos en cachote, sobre os que descansan as trabes que serven de apoio das parras. Baixo este existe unha fonte lavadoiro de planta rectangular e cun sistema de abastecemento consistente nunha canle que se desenvolve dende a parte traseira da palleira e capela ata o pilón.
Outras dependencias interesantes son a palleira citada que conta cun destacado desenvolvemento lonxitudinal e que se dispón en sentido perpendicular ó eixo da casa. Esta palleira está cuberta a tres augas e no seu extremo oeste múdase nunha capela sen diferenciarse en volume da propia edificación adxectiva da que forma parte.
Na entrada do conxunto atópase un destacado afloramento ou pena, que posiblemente lle dese o nome á casa, en cuxa base existe unha fonte ou manancial. E no cume do penedo aséntase o pombal de planta circular.
Este Pazo ou Casa Grande ten en común co Pazo de Vilar de Ferreiros, de contar cunha moi extensa propiedade de labor, antano bordeada por unha cerca.
A unha distancia de 700 mt. en dirección sur atópase o muíño da casa, hoxe en estado de abandono e ruína, que se sitúa na marxe norte do río Ulla, ó carón dunha ponte practicamente esmorecida de piares elevados.
BIBLIOGRAFÍA:
- "Arquitecturas da Provincia da Coruña". Vol XVII, Comarca da Terra de Melide. Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A ACoruña. Editado pola Deputación Provincial, ano 2007.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.
- Taboada roca, Antonio: "Notas Históricas", no "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.